DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2011 Páx. 813

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de decembro de 2010 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán nos períodos e nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma galego, e potenciar o seu emprego. Neste sentido, o artigo 1º do Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dispón que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de promoción e o ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 59º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as escolas oficiais de idiomas teñen por obxecto capacitar o alumnado para o emprego axeitado dos idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, cunha organización en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Nesta mesma lei, no punto 4 do artigo 60º, establécese que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización dos coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.

Por iso, no uso das funcións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), nos niveis 1, 2, 3 e 4, para o ano 2011, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos II e IV, respectivamente.

Os cursos impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro/marzo de 2011 e a segunda en outubro de 2011, en horario de mañá ou de tarde.

Artigo 2º.-Beneficiarios dos cursos.

a) Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia que se encontre en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar. Exceptúase o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario, sempre que non desempeñen postos na Administración xeral.

Toda persoa solicitante que, ao inicio do curso, se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos na letra a) do artigo 3º desta orde, pero as súas solicitudes só serán tidas en conta no caso de que non se cubran as prazas ofertadas para cada curso por empregados/as públicos/as.

b) Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, van dirixidos a todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aqueles que os cumpran no ano natural da convocatoria, que desexen certificar a súa competencia en lingua galega.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazos.

a) Para os cursos de linguaxe administrativa galega, as solicitudes (utilizando o modelo de instancia que figura como anexo I desta orde) presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38º.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso, remitirase unha copia da solicitude de matrícula e a documentación requirida por fax ou correo electrónico á escola oficial de idiomas correspondente, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección.

Os prazos para a presentación das solicitudes serán os seguintes:

-Para a quenda de febreiro/marzo: 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

-Para a quenda de outubro: do 1 ao 20 de setembro de 2011.

O alumnado que aspire a participar no curso medio de linguaxe administrativa engadiralle ao modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que ten superado ou validado o curso básico de linguaxe administrativa galega, de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de lingua galega 4 (Celga 4).

O alumnado que aspire a participar no curso superior de linguaxe administrativa engadiralle ao modelo de solicitude unha copia compulsada da certificación que acredite que ten superado ou validado o curso medio de linguaxe administrativa galega.

Só se poderá facer unha solicitude, dun único curso nunha soa escola oficial de idiomas. De existir máis dunha solicitude do mesmo aspirante, anularanse todas as súas peticións.

b) Para os cursos preparatorios de lingua galega, Celga, as solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo III desta orde, presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38º.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso remitirase unha copia da solicitude de matrícula e a documentación requirida por fax ou correo electrónico á escola oficial de idiomas correspondente, sempre coa maior celeridade posible para que poida ser tida en conta na selección.

Artigo 4º.-Asignación das prazas.

Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25.

Se un curso ten máis solicitantes que cumpran os requisitos que prazas dispoñibles, a asignación farase por sorteo. Finalizado o prazo de solicitude, cada escola fará un sorteo en acto público no que se extraerá unha letra de prioridade para o primeiro apelido.

As escolas oficiais de idiomas ordenarán alfabeticamente as listaxes de aspirantes que cumpran os requisitos para cada curso polo primeiro apelido, o segundo apelido, o primeiro nome e, de ser o caso, o segundo nome. As prazas para cada curso que se celebre nesa escola adxudicaranse, seguindo a orde da listaxe de aspirantes, e comezando pola primeira persoa cuxo primeiro apelido coincida coa letra obtida no sorteo. De non haber aspirantes co primeiro apelido da letra obtida no sorteo, pasarase á letra inmediatamente seguinte por orde alfabética.

As listas de seleccionados para participar tanto nos cursos de linguaxe administrativa galega como nos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, así como as datas de comezo destes, faranse públicas nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso e na súa páxina web.

No caso de que un curso non acade o número mínimo de participantes, decaerá a súa realización, agás autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. No caso de suspensión do curso, a escola oficial de idiomas comunicará esta circunstancia aos solicitantes.

Artigo 5º.-Características dos cursos de linguaxe administrativa galega: contidos, profesorado e avaliación.

1. Os cursos axustaranse aos contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril), pola que se regulan os cursos de formación en lingua galega e as validacións correspondentes, e na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

2. Cada curso terá unha duración de 75 horas (60 horas lectivas, coa obrigada presenza de todo o alumnado, e 15 horas de tratamento individualizado, nas que o alumnado poderá realizar actividades específicas de reforzo e/ou actividades prácticas complementarias).

3. Con carácter xeral, corresponderalle ao profesorado dos departamentos didácticos de galego con destino definitivo nas escolas oficiais de idiomas programar e impartir os contidos sinalados na Orde do 1 de abril de 2005 (DOG nº 71, do 14 de abril), de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso, así como avaliar ao alumnado e levar os correspondentes rexistros de asistencia. Igualmente, o profesorado de cada curso será o responsable de elaborar a acta final na que figurará a relación de aptos e non aptos, que deberá ser remitida aos correspondentes gabinetes provinciais de Normalización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nun prazo non superior a 15 días ao remate do curso, para proceder á expedición do certificado ao que se refire o punto 7 deste artigo.

4. A cualificación do alumnado dos cursos de linguaxe administrativa galega deberá responder aos principios de avaliación continua, e terá en conta o dominio oral e escrito no idioma galego, e tamén, entre outros elementos, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos, así como a asistencia. En calquera caso, a cualificación final do alumnado expresarase nos termos de apto ou non apto.

5. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse no referente á normativa e ao uso correcto do idioma, tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003. Do mesmo xeito acordarase especialmente o respecto rigoroso da toponimia oficial nos temas previstos no artigo 10º da citada lei.

6. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia, xustificada ou non, de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.

7. Ao remate de cada curso, aos asistentes que superaran as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto. Este certificado será emitido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dos gabinetes provinciais de Normalización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 6º.-Características dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga: contidos, profesorado e avaliación.

1. Os cursos axustaranse aos contidos sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

2. Cada curso terá unha duración de 60 horas lectivas.

3. Corresponderalle ao profesorado dos departamentos didácticos de galego das escolas oficiais de idiomas programar e impartir os contidos sinalados na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), de acordo coas necesidades e o desenvolvemento do curso.

4. Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse no referente á normativa e ao uso correcto do idioma establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003, de conformidade coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística. Do mesmo xeito acordarase especialmente o respecto rigoroso da toponimia oficial nos temas previstos no artigo 10º da citada lei.

5. A realización do curso non dará dereito a ningún tipo de certificación, por tratarse dun curso preparatorio para as probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega, Celga, cuxa expedición compete á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 7º.-Cursos que se ofertan.

1. Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo II desta orde.

2. A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, aparece no anexo IV.

3. A oferta de cursos recollida nesta orde poderá ser ampliada en función da organización académica de cada escola, en cuxo caso as escolas oficiais de idiomas farán pública a nova oferta con anterioridade suficiente ao inicio dos cursos.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2010.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "00900D001P005.PDF"