DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2011 Páx. 741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 222/2010, do 23 de decembro, polo que se aproba o Plan de conservación do espazo privado de interese natural Sobreiras do Faro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27º.30, faculta a Xunta de Galicia para levar a cabo aquelas accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais. A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, define no seu título I, con carácter xeral, os espazos naturais que deben ser considerados merecentes dunha protección especial, dispoñendo un réxime xeral de protección e prevendo a posibilidade de establecer réximes de protección preventiva. Entre as oito categorías de espazos naturais protexidos que establece a Lei 9/2001, prevese a figura de espazo privado de interese natural (EPIN en diante).

A regulación do procedemento de declaración dos EPIN foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, recollendo a posibilidade de declaralos provisoriamente por un prazo de dous anos. Así mesmo, a Lei 9/2001 establece no seu artigo 31º que, como instrumento para a planificación dos EPIN se configuran os plans de conservación e que, de acordo co artigo 37º, serán os instrumentos que establezan o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Mediante a Orde do 18 de febreiro de 2008 (DOG nº 48, do 7 de marzo), declarouse de forma provisoria o EPIN Sobreiras do Faro, localizado no concello de Oia. Durante a declaración provisoria, e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso debía presentar ante a consellería competente o plan de conservación do espazo, o que fixo ante a Consellería do Medio Rural o pasado 2 de marzo de 2010.

O plan de conservación presentado é conforme cos contidos mínimos referidos no artigos 38º da lei, e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, establecendo o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

O EPIN Sobreiras do Faro comprende, de acordo coa delimitación establecida na Orde do 18 de febreiro de 2008 de declaración provisional, unha superficie de 9,72 ha, incluíndo no seu interior ata un total de sete enclaves pertencentes a outros propietarios distintos do propoñente. A superficie encravada (2,94 ha) exclúese do ámbito da planificación e, por tanto, non queda afectada polas directrices xerais de xestión e conservación do plan de conservación.

Na tramitación do plan de conservación das Sobreiras do Faro, foi sometido ao ditame favorable da asemblea de comuneiros, aprobándose o documento na asemblea extraordinaria do 12 de xuño de 2010 co voto favorable de todos os asistentes, e solicitáronse os informes do Servizo de Conservación da Natureza en Pontevedra e da Dirección Xeral de Montes. Así mesmo, e conforme dispón o artigo 40º da Lei 9/2001, someteuse a información pública e audiencia dos interesados mediante Resolución do 19 de outubro de 2010 (DOG nº 209, do 29 de outubro) despois do cal resulta procedente elevalo ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto.

Polo exposto, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 23 de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación.

Apróbase o Plan de conservación do EPIN Sobreiras do Faro, que aparece recollido no anexo I deste decreto.

Disposición derradeira

Primeira.-Modificación da Orde do 18 de febreiro de 2008 pola que se declara de forma provisoria, como espazo privado de interese natural o espazo natural Sobreiras do Faro, no concello de Oia.

Modificase o artigo 3º da Orde do 18 de marzo de 2008, que terá a seguinte redacción:

Artigo 3º.-Límites.

1. A extensión e límites do espazo privado de interese natural de Sobreiras do Faro son os sinalados no anexo desta orde.

2. Abrangue unha superficie total de 6,78 hectáreas, localizadas no monte veciñal en man común Pousiño e Faro (cód.: 3603605006), pertencente aos veciños da parroquia de Viladesuso, no concello de Oia (Pontevedra). Inclúe no seu interior ata un total de sete enclaves pertencentes a outros propietarios, o que supón unha superficie encravada de 2,94 ha, sendo o total do conxunto de 9,72 ha.

3. Quedan fóra do ámbito do EPIN as 2,94 ha de superficie encravada.

Segunda.-Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro do dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Plan de conservación do espazo privado de interese natural Sobreiras do Faro

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza do plan.

Este plan é o instrumento específico para a delimitación do seu ámbito, tipificación dos valores naturais que o integran, e determinación da relación do espazo natural co resto do territorio, e conforme o previsto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Artigo 2º.-Finalidade.

Este plan de conservación ten como finalidade establecer un modelo de xestión que contribúa a alcanzar os obxectivos de conservación do espazo privado de interese natural Sobreiras do Faro, de acordo cos criterios establecidos nas normativas que rexen a xestión dos espazos naturais e da biodiversidade, a nivel nacional e autonómico.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

1. O ámbito do plan, localizado na comarca do Baixo Miño, encóntrase no extremo suroccidental da provincia de Pontevedra. Abrangue unha superficie total de 6,78 hectáreas, localizadas no monte veciñal en man común Pousiño e Faro (cod.: 3603605006), pertencente aos veciños da parroquia de Viladesuso, no concello de Oia (Pontevedra). Inclúe no seu interior ata un total de sete enclaves pertencentes a outros propietarios, o que supón unha superficie encravada de 2,94 ha, sendo o total do conxunto de 9,72 ha.

2. Exclúese do ámbito da planificación e, por tanto, non queda afectada polas directrices xerais de xestión e conservación do plan de conservación a superficie encravada.

Artigo 4º.-Efectos do plan.

1. Conforme o artigo 39º da Lei 9/2001, as previsións deste plan de conservación serán vinculantes tanto para as administracións públicas como para os particulares, prevalecerán sobre o planeamento urbanístico e a súa aprobación levará implícita a revisión dos plans territoriais.

Artigo 5º.-Vixencia e revisión.

O EPIN Sobreiras do Faro atópase incluído nun monte que conta cun proxecto de ordenación aprobado mediante Resolución do 20 de abril de 2010 e cuxas previsións de ordenación pretenden alcanzar o monte normal en 70 anos. As determinacións deste plan entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e continuarán en vigor ata facelo coincidir coa revisión do proxecto de ordenación do monte de que forma parte o EPIN, sen prexuízo da posibilidade de revisalo se cambiasen suficientemente as circunstancias ou criterios que determinaron a súa aprobación.

Artigo 6º.-Contido do plan.

O contido do plan de conservación do EPIN Sobreiras do Faro está integrado por 3 epígrafes:

a) Xustificación, categoría de protección e obxectivos.

b) Medidas de xestión.

c) Desenvolvemento do plan de conservación.

Título II

Xustificación, categoría de protección e obxectivos

Artigo 7º.-Xustificación.

1. O Espazo Privado de Interese Natural Sobreiras do Faro (EPIN) localízase no monte veciñal en man común (MVMC) Pousiño e Faro, pertencente aos veciños da parroquia de Viladesuso, no concello de Oia (Pontevedra). Forma parte da cordilleira prelitoral que vai de norte a sur ao longo de toda a costa, desde Baiona á Guarda. Tratase dun macizo granítico que sobe cunha forte pendente, desde practicamente a liña de costa ata os cumios, onde a pendente se suaviza. Estas zonas altas de pendentes, situadas ao leste do monte, constitúen as primeiras estribacións da Serra da Groba, na que queda encadrado entre o monte. A altitude máxima é de 320 m, mentres que a cota mínima de 190 m, cun desnivel máximo é de 130 m e a altitude media podémola situar sobre os 250 m. En xeral, as pendentes son de fortes a moi fortes. A pendente máxima pode superar puntualmente o 100% e a media sitúase no intervalo 30-50%, sobre o 42%.

O desenvolvemento hidrolóxico está formado por un pequeno tramo de valgada do río de Viladesuso comprendido entre o límite oeste cos predios particulares e a pista forestal que cruza o devandito río polo seu extremo leste. O curso de auga máis importante que discorre polo EPIN Sobreiras do Faro é o río de Vilardesuso, o cal discorre de noreste a suroeste ao longo duns 660 m de percorrido. É o único curso de auga permanente, o resto son pequenos regatos intermitentes de escaso percorrido. Este río verte as súas augas directamente no Océano Atlántico.

O conxunto montañoso. Por unha parte, o carácter litolóxico do monte en estudo está composto case na súa totalidade por rochas plutónicas. Dentro destas atopamos granitos de afinidade alcalina e, máis concretamente, granitos de dúas micas cataclásticos.

En canto á paisaxe, a relativa reducida extensión do EPIN Sobreiras do Faro condiciona notablemente a delimitación das unidades da paisaxe. En realidade, o conxunto EPIN pódese considerar como unha unidade en que ter en conta tres factores que resaltan o seu atractivo:

-Actualmente é unha das escasas mouteiras con superficie arborada adulta existentes no MVMC de Viladesuso, xa que a maior parte do monte está actualmente en fase de rexeneración como consecuencia do incendio forestal ocorrido en agosto de 2006.

-A complicada orografía da zona, de fortes pendentes e desniveis con abruptas abas que conforman a bacía do río de Vilardesuso a través dun longo val, así como a existencia doutros pequenos regatos que o nutren constitúe unha paisaxe moi rica visualmente.

-A orientación tanto deste espazo natural como do resto do MVMC de Viladesuso cara á costa constitúe unha bacía visual que presenta unhas amplas vistas do mar.

Na vexetación do EPIN pódense diferenciar dous estratos arbóreos principais, un constituído por unha masa practicamente pura de sobreira (Quercus suber) e outro estrato de carballo (Quercus robur) con presenza de Quercus suber e outras frondosas ripícolas debido á súa proximidade co río Vilardesuso. Ademais, ocasionalmente aparecen mesturados pés illados ou pequenos bosquetes de rexenerado/monte bravo de Pinus pinaster e Eucalyptus globulus.

-Estrato de sobreira (Quercus suber): é unha masa practicamente pura de varias idades en que predominan os exemplares con máis de 70 anos. En agosto de 2006 a zona sufriu un grave incendio que afectou a maior parte da superficie do monte. Como consecuencia deste incendio, un gran número de sobreiras resultaron lixeramente afectados polas lapas, especialmente na cortiza e nas pólas inferiores, danos que se incrementaron cos temporais posteriores e provocaron a caída destas pólas afectadas polo lume.

-Estrato de carballo (Quercus robur) mesturado con outras frondosas: está composto por unha masa de transición entre o sobreiral puro e a vexetación máis ripícola propia das marxes do curso fluvial. A especie principal é o carballo (Quercus robur) aínda que se atopa mesturado con sobreiras (Quercus suber), castiñeiro (Castanea sativa), salgueiro (Salix atrocinerea). En xeral presenta un bo vigor e apenas se viu afectada polo incendio de 2006.

-Estrato de Eucalyptus globulus cortado: trátase dunha pequena mateira de eucalipto parcialmente afectado polo incendio de agosto de 2006 situado en dous enclaves dentro do EPIN. No momento de facer o inventario atopábase cortado, polo que actualmente empezaría a rebrotar o rexenerado.

As formacións arbustivas e de mato máis características que aparecen na área ocupada polo EPIN son:

Uceiras: formadas por Erica arborea, E. umbellata e E. cinerea. Aparecen xeralmente mesturados con toxo (Ulex sp.) e en menor proporción con Cistus psilosepalus, Halimium sp. e Daboecia cantabrica. Supoñen o último nivel leñoso de degradación das carballeiras.

Silveiras: formacións compostas por especies do xénero Rubus. Acostuman aparecer vinculadas a Pteridium aquilinum nas zonas máis húmidas do terreo como na proximidade do río de Vilardesuso. Tamén aparece o fento de auga (Blechnum spicant).

Xesteiras: non son moi abundantes e pódense atopar illadas ou formando pequenas croas de Cytisus sp. e Adenocarpus complicatus nas zonas de mellor terreo.

Outras formacións de mato salpicando as anteriores son: Hedera helix, Lonicera perclymenum e Ruscus aculeatus. Acompañando o estrato arbóreo pódense ver Frangula alnus, Pyrus cordata e Laurus nobilis.

No estrato herbáceo as principais especies herbáceas que se atopan son Dryopteris filix-mas, Athylium filix-foema, Polipodium vulgare, Mentha sp, Rumex sp., Asphodelus albus, Ranunculus bullatus, Taraxacum officinalis, Crocus vernus, Agrostis curtisii, Stellaria holostea, Teucrium scorodonia.

O EPIN Sobreiras do Faro alberga 3 tipos de hábitats naturais do anexo I da Directiva 92/43/CEE, considerados hábitats de interese comunitario. A listaxe de hábitats naturais presentes no EPIN preséntanse a seguir:

-4030: uceiras secas europeas (Ulicetum latebracteato-minoris).

-9230: carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur (Rusco aculeati-Quercetum roboris).

-9330: sobreiras de Quercus suber (Quercetosum suberis).

Dentro dos hábitats existentes salientamos a presenza do sobreiral 9330, no cal Quercus suber constitúe a especie dominante. Este sobreiral podería enclavarse dentro da facies termófila da asociación Quercetosum suberis. No entanto, a medida que nos achegamos ao río, diminúe a presenza de sobreira e aumenta o carballo, Quercus robur, ademais de especies como Salix atrocinerea, Laurus nobilis e Castanea sativa. A presenza do Quercus suber supón un factor decisivo na declaración deste espazo natural como EPIN, xa que se trata dunha das escasas masas de sobreiral oceánico que atopamos en Galicia, o que lle confire un gran valor botánico que é necesario conservar e mellorar. O sobreiral existente está formado por unha masa practicamente pura de varias idades en que predominan os exemplares con máis de 70 anos. En agosto de 2006 a zona sufriu un grave incendio que afectou a maior parte da superficie do monte. Como consecuencia deste incendio, un gran número de sobreiras resultaron

lixeiramente afectados polas lapas, especialmente na cortiza e nas pólas inferiores, danos que se incrementaron cos temporais posteriores, e provocaron a caída destas pólas afectadas polo lume. O cortexo florístico do sotobosque do sobreiral é escaso e de carácter aberto e está formado por especies mato-arbustivas como Frangula alnus, Lonicera periclymenum, Adenocarpus complicatus, etc., e herbáceas como Pteridium aquilinum, Asphodelus albus, Rumex acetosella ou Agrostis curtisii entre outras.

Entre os animais, os grupos con maior contribución de especies de interese corresponde aos anfibios, réptiles, mamíferos e aves:

Quince especies de herpetos (anfibios e réptiles) atópanse tipificadas na categoría de interese especial do CNEA (RD 439/90). Delas, Chioglossa lusitanica está incluída no anexo II da DC 92/43/CEE e catalogada como vulnerable no CGEA (D 88/2007) xunto con a Rana ibérica, S. salamandra, P. cultripes e Chalcides bredriagai. Entre as aves, destacan Lullula arbórea, Pyrrocorax pyrrocorax e Circus cyaneus, catalogada esta última como vulnerable no CGEA. Tres especies de mamíferos (Rhinolophus ferrumequinum, R. hipposideros e M. myotis) están incluídas no anexo II da DC 92/43/CEE e consideradas como vulnerables no CGEA.

Artigo 8º.-Categoría de protección e obxectivos de conservación.

1. O EPIN Sobreiras do Faro foi declarado provisoriamente Espazo Privado de Interese Natural mediante a Orde do 18 de febreiro de 2008 (DOG nº 48, do 7 de marzo), cunha superficie de 9,72 ha de acordo coa delimitación establecida na Orde do 18 de febreiro de 2008 de declaración provisoria. No seu interior inclúense ata un total de sete enclaves pertencentes a outros propietarios distintos do propoñente.

2. A superficie encravada (2,94 ha) exclúese do ámbito da planificación e non queda afectada polas directrices xerais de xestión e conservación do plan de conservación. Por conseguinte, no proceso de declaración definitiva tan só 6,78 ha manterán esta categoría de protección. En consecuencia, proponse a declaración definitiva como Espazo Privado de Interese Natural, baixo a denominación de Espazo Privado de Interese Natural Sobreiras do Faro, das 6,78 ha propiedade do MVMC de Viladesuso.

3. O EPIN Sobreiras do Faro é espazo natural protexido cuxa declaración non leva implícita a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos. Tampouco implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

4. A declaración do EPIN Sobreiras do Faro establécese coa finalidade de crear un réxime de protección deste espazo natural mediante directrices de xestión axeitadas, harmonizándoo co exercicio das competencias da Administración propias do monte en convenio; co exercicio dos dereitos privados; co goce e visita do espazo natural, o estudo e contemplación dos seus valores, o aproveitamento ordenado das súas producións e demais actividades que se executen dentro del. Neste contexto o plan de conservación ten como obxectivos xerais:

a) Como obxectivo prioritario, manter e mellorar a integridade dos valores xeomorfolóxicos, hidrolóxicos, biolóxicos e histórico-culturais do EPIN e os servizos ecosistémicos que estes prestan á sociedade.

b) Garantir a persistencia dos recursos xenéticos máis significativos, especialmente aqueles que están considerados como endemismos, comunidades singulares ou especies sometidas a algún grao de ameaza.

c) Potenciar a investigación para un mellor coñecemento dos valores do EPIN, de maneira que isto contribúa a mellorar a xestión.

d) Proporcionar formas de uso e goce do EPIN para o público en xeral, de xeito compatible coa conservación dos recursos e as actividades tradicionais.

e) Facilitar o desenvolvemento de actividades de educación ambiental, con obxecto de informar o público dos valores ecolóxicos EPIN, para promover o seu entendemento e interpretación, así como o seu coidado e respecto.

Título III

Zonificación

Artículo 9º.-Xustificación.

Para o sistema de zonificación o plan de conservación optou por prescindir do sistema xerarquizado de zonas, quedando a totalidade do EPIN englobado nunha mesma zona. De feito, a súa homoxeneidade e reducidas dimensións (6,78 ha) fan que na ordenación do monte, o EPIN Sobreiras do Faro se atope incluído no cuartel 02, formado por un único cantón, no cal o uso principal é a protección tanto do solo como do hábitat, sendo uso secundario o uso social.

Título IV

Medidas de xestión

Artigo 10º.-O instrumento de planificación.

1. De acordo cos obxectivos de conservación, e unha vez identificados os principais compoñentes e valores do espazo natural, os posibles usos e aproveitamentos dos recursos naturais foron valorados baixo a consideración de incompatible, compatible con limitacións, compatible e propiciado ou vocacional do seguinte xeito: consideráronse usos compatibles aqueles en que non existían, a priori, limitacións ou condicionantes para a realización da actividade, sempre sen perder o punto de referencia á xestión e aproveitamentos sustentables do EPIN; consideráronse usos compatibles con limitacións aqueles que se poden realizar atentos a posibles condicionantes, como a existencia dalgún instrumento superior de xestión que marque baixo que condicións se debe realizar a actividade, como pode ser a obtención de licenzas, someterse a un procedemento de avaliación de impacto ambiental (EIA), etc.; propiciadas ou vocacionais consideráronse as actividades que poderían mesmo chegar a favorecer a

xestión ou conservación do espazo onde se desenvolva actividade promovida.

2. De acordo coas conclusións do diagnóstico:

a) Os aproveitamentos produtivos limitados serán o madeireiro, resultante das cortas sanitarias e de mellora, que se desenvolverán coa periodicidade e na forma prevista nas prescricións técnicas do plan especial (2009-2018) e seguintes que se elaboren en aplicación do Plan de ordenación do monte; a recolla selectiva de aromáticas e a gandaría extensiva, que quedará supeditada aos obxectivos de rexeneración das sobreiras e á elaboración dunha programación específica que poderá limitala en tempo e zonas. No caso dos equinos, será preceptiva ademais, a identificación previa e o rexistro dos cabalos.

b) Considéranse compatibles o aproveitamento da cortiza sempre que se ordene a súa extracción e se inclúa na programación do plan especial do monte 2009-2018 e seguintes; o cinexético, sempre que se cumpra o disposto no Plan de aproveitamento cinexético do TECOR; a práctica da pesca, sempre suxeita ao disposto nas ordes anuais de vedas. Recoméndase que a recolla de cogomelos sexa obxecto de programación específica, que permita a súa valorización a medio prazo, ordenando a súa recolla polos veciños da comunidade ou propietarios, podendo destinar zonas ou épocas apropiadas para a recolla polos visitantes. As actividades tradicionais como recolla de mel, froitos, e leña, poderán ser efectuadas sempre que non causen danos ao resto da vexetación e fauna.

c) Fomentarase o uso sociorecreativo tanto do EPIN como do resto do monte veciñal coa adecuación nos lugares apropiados de áreas recreativas, fontes, miradoiros, sinalización de camiños, instalación de paneis informativos, etc., que permita o coñecemento e goce ordenado do EPIN e a súa contorna ao maior número de veciños e visitantes, coidando as condicións de seguranza e regulando a necesidade de xestión dos residuos sólidos.

3. Para a súa consecución, o plan regula os usos e actividades, e define as directrices que se adoptarán na ordenación destes. A orientación principal do plan será o mantemento nun estado de conservación favorable da biodiversidade e, en especial, dos tipos de hábitats e das especies de maior significación existentes nel. As necesidades de conservación e restauración deberán compatibilizarse cos aproveitamentos tradicionais, cuxo mantemento é fundamental para garantir o desenvolvemento das comunidades que viven neste territorio.

4. Este plan de conservación articula unha serie de directrices de xestión e conservación, e incorpora, a maiores, a programación das actuacións, traballos e investimentos a curto prazo, estruturados no que denomina plan de melloras e o plan de uso público e actividades deportivas.

Capítulo I

Directrices xerais de xestión e conservación

Artigo 11º

A normativa do espazo natural desenvólvese a partir de directrices xerais de xestión e conservación dos recursos naturais do EPIN, para o desenvolvemento das actuacións e das políticas sectoriais que incidan sobre os valores protexibles; de directrices para a protección, conservación e restauración do medio natural para cada un dos compoñentes do medio físico, elaboradas a partir da lexislación sectorial vixente, e de directrices de uso público que será o marco no cal se van desenvolver as actividades de uso público. Así mesmo, establécense unhas directrices para o aproveitamento dos recursos, con referencias aos aproveitamentos forestais, cinexético e outros de natureza tradicional; as directrices para a ordenación territorial e os recursos culturais e directrices para a mellora da calidade de vida e a dinamización socioeconómica.

Sección primeira

Directrices xerais de xestión e conservación dos recursos naturais do EPIN

Artigo 12º

Mediante as seguintes directrices preténdese establecer un marco de acción flexible que oriente a xestión do EPIN, recollendo a súa realidade social e natural:

a) Conforme os obxectivos establecidos, centraranse os esforzos no mantemento dos recursos naturais actuais e na súa mellora, procurando restaurar as áreas e os recursos degradados pola acción humana.

b) Debe tomarse como directriz prioritaria a conservación do recurso, entendida esta como a xestión da utilización do medio natural polo ser humano de forma sustentable no tempo.

c) Fomentarase o uso público ordenado do EPIN tanto polos veciños da comunidade veciñal como polo resto dos visitantes, promovendo actitudes de respecto que permitan o seu goce, sen menoscabo dos recursos que se pretenden protexer.

d) Procurarase a máxima coordinación cos técnicos e axentes da Consellería do Medio Rural e os servizos de protección da natureza da Garda Civil, para un mellor control e protección dos recursos.

e) Preservarase a integridade do EPIN manténdoo sen alteracións que modifiquen de maneira significativa as características e constitución dos seus compoñentes bióticos, abióticos e culturais.

f) Procurarase lograr un maior coñecemento dos recursos do EPIN como base para a súa xestión, potenciando o seu estudo e investigación.

g) Estableceranse os sistemas precisos de seguimento e control do estado dos ecosistemas e recursos naturais do EPIN, así como dos efectos producidos polas distintas actuacións realizadas nel.

h) Promoverase a cooperación entre e cos organismos da Administración con competencias no ámbito do EPIN a fin de optimizar a súa xestión e lograr a consecución dos obxectivos marcados para el.

i) Dotarase o EPIN proposto dos medios técnicos e humanos necesarios para asegurar o correcto desenvolvemento das tarefas de protección e conservación.

Sección segunda

Directrices para a protección, conservación e restauración do medio natural

Artigo 13º.-Atmosfera.

Intentarase manter intacta a calidade do aire do EPIN. En particular, prestarase especial atención aos seguintes aspectos:

a) Procederase ao control das fontes emisoras de ruídos, en especial daquelas que puideren afectar a fauna silvestre que se pretende protexer.

b) Controlaranse e eliminarase as fontes de emisión de cheiros desagradables que puideren alterar significativamente a calidade perceptiva do EPIN.

c) Limitación da emisión de substancias contaminantes en concentracións tales que modifiquen a calidade do aire por riba dos niveis autorizados.

Artigo 14º.-Auga.

a) Preservarase a calidade da auga tanto superficial como subterránea e aseguraranse os caudais mínimos ecolóxicos. Adoptaranse medidas preventivas que impidan a progresiva contaminación dos recursos hídricos.

b) Estableceranse mecanismos de coordinación entre os organismos de bacía, as administracións competentes e outros axentes locais, para asegurar a eficacia das medidas de conservación, protección e actuación sobre as marxes, canles e ribeiras dos cursos de auga así definidos na lexislación vixente.

c) Procurarase o adecuado tratamento de depuración de todos as verteduras, e tenderase ao cumprimento dos obxectivos definidos para a calidade das augas, tanto para o seu uso como para o mantemento da vida silvestre, segundo os estándares que aparezan nas normativas e lexislación vixentes.

d) Limitaranse as actuacións, de infraestruturas e instalacións, que poidan implicar a xeración de impactos que supoñan a alteración ou modificación do medio acuático, da dinámica ou circulación de augas ou dalgúns dos elementos que o conformen (p. ex.: vexetación de ribeira), exceptuando unicamente as mínimas intervencións necesarias para satisfacer a demanda de abastecemento de auga de consumo para as poboacións locais ou para outros usos tradicionais da zona.

e)Promoverase a restauración daquelas zonas que sufran algunha degradación importante por actuacións ou usos inadecuados. Así mesmo, promoverase o acondicionamento de posibles obstáculos artificiais existentes que puideren limitar a libre circulación de ictiofauna.

f) Velarase pola realización dun seguimento continuado da calidade das augas superficiais e subterráneas. Do mesmo xeito, velarase pola correcta xestión e aproveitamento dos recursos hidráulicos existentes, para que estes se realicen e planifiquen do xeito o máis acorde posible coas necesidades de conservación do medio natural e dos caudais ecolóxicos.

Artigo 15º.-Xeoloxía, xeomorfoloxía e solo.

a) Preservarase a integridade das formacións xeolóxicas e xeomorfolóxicas máis relevantes do espazo natural, impedíndose aquelas actividades extractivas ou construtivas que puideren alterar ou modificar o seu volume, perfil ou outras características estruturais.

b) Restauraranse as zonas afectadas por actividades extractivas ou outras actividades mineiras. Así mesmo, non se autorizarán actividades extractivas que pola súa dimensión ou localización poidan chegar a provocar facilmente a desestabilización do conxunto e a aparición de fenómenos erosivos.

c) Evitaranse, na medida do posible, os cambios de uso do solo que poidan supoñer unha perda ou deterioración da calidade estrutural ou de textura dos mesmos, limitándose especialmente os usos construtivos e/ou a ocupación urbanística sobre os solos de maior valor e sensibilidade ambientais, e tamén sobre aqueles solos máis fértiles, de maneira que non se comprometa o potencial biolóxico, nin a súa capacidade produtiva.

Artigo 16º.-Vexetación.

a) Procurarase a conservación das formacións vexetais actuais, facilitando a rexeneración do sobreiral e das outras frondosas autóctonas acompañantes, de especial interese por constituír hábitats de especies endémicas, singulares ou ameazadas, polo seu papel fundamental na protección e regulación hídrica, polo seu papel na protección dos solos fronte á erosión ou polo seu valor paisaxístico.

b) Estableceranse as medidas adecuadas para evitar alteracións da cubertoira vexetal que poidan repercutir negativamente na protección dos solos fronte á erosión superficial, a regulación hídrica, e os valores paisaxísticos ou ecolóxicos do EPIN.

c) Velarase pola non introdución de especies exóticas que poidan competir coa vexetación natural ou restar naturalidade e interese á vexetación actual.

d) Estableceranse accións encamiñadas ao control da propagación e á gradual eliminación de especies invasoras ou foráneas como a Acacia sp. e o Eucalyptus sp.

e) Priorizarase a protección e conservación do ecosistema do sobreiral, hábitat incluído no anexo I da Directiva 92/43/CEE, así como a súa rexeneración natural.

f) Realizarase unha análise da flora e vexetación actual e do seu dinamismo, con obxecto de determinar con rigor as exixencias de protección.

g) Realizarase un seguimento ambiental ininterrompido do estado do recurso, para efectos das actuacións que sobre el se realicen, controlando os posibles impactos ou calquera outro factor que poida afectalo.

Artigo 17º.-Fauna.

a) Neste EPIN atópanse interesantes especies de vertebrados, o que confire ao espazo un notable interese faunístico.

b) Protexerase o conxunto da fauna existente no EPIN, conservando a súa abundancia, diversidade e singularidade, a súa dinámica poboacional e os hábitats e lugares necesarios para a súa supervivencia.

c) Cantas actuacións se realicen sobre a fauna do EPIN deberán adecuarse ao conxunto de plans específicos que para as especies ameazadas (recuperación, conservación, manexo, etc.) existen na actualidade, xa sexan de carácter estatal ou autonómico, ou que poidan establecerse.

d) Velarase pola non introdución de especies exóticas que poidan competir ou restar naturalidade e interese á fauna actual.

e) Respectarase, no manexo das especies silvestres autóctonas, a conservación da diversidade intraespecífica.

f) Velarase pola integridade do hábitat natural como medida máis eficaz para a protección e preservación da fauna autóctona.

g) Valoraranse os impactos que exercen sobre a fauna os diferentes usos e aproveitamentos que se dan no EPIN, establecendo, de ser o caso, zonas sensibles a certos usos.

h) Regularanse e limitaranse aqueles aproveitamentos localizados nas zonas máis sensibles que puideren alterar as condicións do hábitat ou modificar o comportamento e a viabilidade na zona das súas especies máis características.

i) Regularase o uso de produtos fitosanitarios e outros similares no tratamento de pragas, etc. para evitar o envelenamento e a afectación da fauna máis sensible a este tipo de prácticas.

Artigo 18º.-Paisaxe.

-O EPIN Sobreiras do Faro conta cunha paisaxe rica e diversa, cuxos valores como conxunto paisaxístico e natural o fan merecente dunha xestión acorde coa súa conservación, polo menos do seu estado actual, para asegurar o mantemento deste recurso.

-Preservarase a integridade da paisaxe como un recurso natural máis, mantendo un equilibrio sustentado entre os seus aproveitamentos e usos e o medio que o constitúe.

-Procurarase evitar a introdución de calquera elemento artificial que altere a paisaxe natural ou desfigure as súas formas e perspectivas modificando o seu valor estético. Os elementos construtivos, sinalización (publicidade, información, interpretación, etc.) ou calquera outro que se xere como consecuencia da xestión do EPIN deberán integrarse no medio natural onde se sitúen, de maneira que causen o mínimo impacto visual.

-Procurarase a mellora da calidade visual do EPIN, adoptando, se for o caso, as medidas necesarias para eliminar ou minimizar os impactos paisaxísticos existentes.

-Limitaranse de forma efectiva todas aquelas actuacións que alteren dalgunha forma o valor paisaxístico do medio natural.

Sección terceira

Directrices para a xestión do uso público

Artigo 19º.-Para a xestión do uso público.

O obxecto das directrices do uso público será definir o marco dentro do cal se van desenvolver as distintas actividades de uso público, a vixilancia, a seguranza do EPIN e o programa de actuacións e normativa de aplicación.

Elaborarase un programa de uso público en desenvolvemento das seguintes directrices:

a) O desenvolvemento de actividades derivadas do uso público (turísticas, deportivas, recreativas ou educativas) e a utilización dos elementos do medio natural da paraxe como recurso en todo momento se supeditará ao mantemento e mellora do seu estado de conservación e á seguranza dos visitantes. En función diso, estableceranse as medidas adecuadas para evitar que o uso público supoña unha degradación dos recursos bióticos e abióticos do EPIN.

b) Velarase polo mantemento do EPIN libre de residuos e verteduras incontroladas, tanto sólidas como líquidas, procedéndose á limpeza e restauración daquelas áreas degradadas que o precisen, arbitrando as medidas normativas e de vixilancia necesarias para evitar no futuro as verteduras incontroladas e regulando a recolleita dos residuos nas áreas de uso público.

c) No programa de uso público regularase e programarase o desenvolvemento das actividades ambientais, culturais, turísticas, deportivas, recreativas e educativas no EPIN, as súas condicións de seguranza así como a regulación da xestión dos residuos sólidos.

d) Promoveranse as accións de formación necesarias, así como a reciclaxe do persoal implicado no desenvolvemento de actividades de uso público do EPIN, en función das novas necesidades. Estableceranse as accións específicas pertinentes para promover a implicación da poboación local nos labores de uso público.

e) Procurarase compatibilizar as diversas demandas dos visitantes. As actividades de uso público ofrecerán un aban de posibilidades tal que sexa capaz de satisfacer os visitantes que acceden ao EPIN xerando actitudes congruentes cos seus valores.

f) Promoverase o establecemento de convenios de colaboración e cooperación con institucións públicas e privadas que sexan de utilidade para un mellor coñecemento das potencialidades do EPIN ou, se for o caso, das limitacións ao uso público, ante a necesidade de preservar os recursos naturais.

Artigo 20º.-Para as actividades turístico-recreativas.

En particular, establécense as seguintes directrices de ordenación, control e fomento desta actividade:

a) Potenciarase o incremento e diversificación da oferta das actividades turísticas e/ou recreativas, a fin de constituír a infraestrutura máis adecuada para que o uso público no EPIN se desenvolva de forma ordenada e sustentable.

b) Darase prioridade e preferencia en caso de conflito ás actividades de baixo impacto (paseo, contemplación, etc.) como o medio máis favorable para gozar dos valores do EPIN.

c) Regularanse, ordenaranse e limitaranse aquelas actividades que puideren supoñer unha deterioración dos recursos e elementos do EPIN que se pretenden protexer, a fin de controlar as posibles alteracións que o uso desordenado puider traer consigo.

Neste senso:

a) A práctica de actividades deportivas estará restrinxida nos casos, zonas e épocas en que poidan producir interferencias no ciclo vital das especies de flora ou fauna ameazadas ou en precario estado de conservación.

b) Informaranse os turistas sobre os modos de conduta que deben respectar para que o uso turístico se verifique sen menoscabo da calidade ecolóxica e paisaxística do EPIN.

c) Os xestores poderán regular o acceso incontrolado do público en xeral mediante vehículos de motor en todo o ámbito de protección, eliminándoo fóra das vías de circulación salvo en casos necesarios derivados da xestión do EPIN.

Artigo 21º.-Para as actividades de información e interpretación.

1. A información é un elemento básico a través do cal se debe conseguir a toma de conciencia polo público dos valores do EPIN, así como conseguir a súa distribución adecuada e o cumprimento da normativa de protección.

a) A información será o instrumento básico que permita interesar, e chegar a facer participar, as persoas relacionadas co EPIN para alcanzar os obxectivos perseguidos.

b) As actividades e regulacións recollidas nos instrumentos de ordenación e planificación do EPIN proposto deberán divulgarse convenientemente de maneira que o seu coñecemento chegue a todas aquelas persoas interesadas nel.

c) Fomentarase o coñecemento do EPIN e das accións para a conservación da natureza realizadas en Galicia.

d) Proporcionarase información sobre as diferentes posibilidades de uso e goce do EPIN, a fin de promover un aproveitamento público completo e ordenado.

e) Sinalizaranse os límites do EPIN, empregando para iso materiais e deseños integrados na paisaxe e que resulten facilmente recoñecibles. De igual xeito sinalizaranse as distintas zonas segundo o grao de protección determinada.

2. O EPIN constitúe un ámbito idóneo para impartir programas de educación ambiental. Por iso, débese dotar o espazo natural dos medios necesarios para o desempeño desta actividade, así como coordinar os distintos organismos implicados na materia.

a) Promoverase, a través da información, a interpretación e a educación ambiental, un maior coñecemento da problemática ambiental en xeral e un maior respecto e aprecio polo EPIN, así como o coñecemento dos seus principais valores.

b) As publicacións e sinalización do EPIN deberán cubrir as necesidades das actividades de información, interpretación, educación ambiental, formación, sensibilización e todas aquelas que desenvolva o EPIN, identificándose, a través do seu deseño, imaxe e contido.

c) Crearase un sistema de sinalización, fóra e dentro do EPIN, con información de interese sobre o espazo natural. En particular, reflectiranse aqueles aspectos normativos de interese para a conservación dos valores do EPIN.

d) As actividades de interpretación terán como obxectivo esencial dar a coñecer as orixes e causas da paisaxe actual, a súa relación coas actividades humanas e a necesidade de conservala para as xeracións futuras.

3. As actividades de interpretación do EPIN comprenderán os seguintes aspectos:

a) Os contidos de interpretación recollerán os elementos do medio incluídos no EPIN que permitan unha mellor comprensión deste, tendo en conta, en calquera caso, os obxectivos para que se creou.

b) Estableceranse as infraestruturas necesarias (roteiros, itinerarios, etc.), instrumentos e mecanismos de divulgación que permitan o desenvolvemento das actividades de interpretación.

c) Desenvolveranse programas con actuacións conxuntas entre o EPIN e os centros educativos, de tal forma que se promova o uso dos valores educativos polos centros docentes. Promoveranse acordos con colexios, institutos, etc. para a organización de actividades de educación ambiental que teñan o EPIN como soporte.

Artigo 22º.-Para as actividades científicas e de investigación.

a) Promoverase a difusión dos coñecementos científicos adquiridos e recollidos de todos os estudos e traballos de investigación realizados no EPIN e a súa contorna.

b) Para a recolección de espécimes e mostras biolóxicas ou de rochas, minerais e fósiles observarase o disposto no artigo 53º da Lei 9/2001, de conservación da natureza, respecto das autorizacións pertinentes, condicións de captura ou recolla en que se indiquen as cantidades, lugares, épocas e modo de realizalas.

c) Todos os traballos científicos ou de investigación que se realizarán no ámbito do EPIN utilizarán as técnicas e métodos menos impactantes posibles para o medio natural.

d) Toda actividade científica ou de investigación con incidencia nos compoñentes naturais e ambientais do EPIN deberá ser autorizada previamente polos xestores, e adaptarase ás normas e condicionantes establecidos na devandita autorización.

e) Os xestores poderán propoñer que a realización das actividades se realicen nunha zona ou nunha área concreta do EPIN ou, se for o caso, denegar a autorización para a súa execución.

f) O responsable das investigacións realizadas no EPIN deberá proceder aos traballos necesarios para a restauración das condicións naturais que houbese con anterioridade.

g) As actividades de investigación ou monitoraxe non poderán deixar pegadas permanentes que vaian en detrimento dos valores naturais e culturais.

h) As actividades de investigación non poderán, en ningún caso, introducir especies ou subespecies, así como xenotipos diferentes aos existentes no espazo natural.

Sección cuarta

Directrices para o aproveitamento dos recursos do EPIN

Artigo 23º.-Directrices para a ordenación territorial e os recursos naturais.

A conservación e mellora do EPIN será un obxectivo prioritario para conseguir unha conservación dinámica da paisaxe. Para conseguir este obxectivo considéranse as seguintes directrices xenéricas:

a) Ordenarase a utilización dos recursos naturais a través da planificación para evitar a súa degradación, buscando unha maior rendibilidade compatible e en equilibrio coa conservación e mellora dos valores do EPIN.

b) Ordenaranse e regularanse os diferentes aproveitamentos, en especial os de carácter tradicional, que serán fomentados, con obxecto de que a súa actividade sexa compatible cos recursos que se pretenden protexer e cos obxectivos que animan a súa declaración como EPIN.

c) Estableceranse as medidas necesarias para evitar aqueles aproveitamentos incompatibles coa conservación dos valores do EPIN.

d) Emprenderanse as accións necesarias para potenciar e canalizar as axudas establecidas pola Administración pública e a U.E.

Artigo 24º.-Aproveitamentos e tratamentos forestais.

A complexidade e vulnerabilidade dos ecosistemas forestais asociados levan á necesidade de realizar un esforzo especial de adecuación da súa xestión aos obxectivos do EPIN.

a) Tomaranse as medidas necesarias para a conservación e rexeneración natural das carballeiras e sobreiras.

b) Regularanse os aproveitamentos forestais, evitando cortas intensivas como cortas a feito. Poderanse realizar cortas de policía e claras por motivos silvícolas fitosanitarios ou de prevención de incendios.

c) Permítense os tratamentos silvícolas encamiñados á mellora silvícola, fitosanitaria e á prevención de incendios como podas, podas de formación, entresacas, clareos e rozas selectivos.

d) Poderanse efectuar tratamentos ou aproveitamentos intensos nas masas ou bosquetes de especies invasoras ou foráneas con obxecto de proceder ao seu control e erradicación.

e) Permítese a repoboación forestal, con obxecto de mellorar a cuberta vexetal, frear a erosión hídrica, protexer a fauna e restaurar a paisaxe naquelas zonas degradadas e rasas. Procurarase que as especies empregadas sexan compatibles ecoloxicamente coas especies máis características do EPIN, como Quercus robur e Quercus suber.

Artigo 25º.-Aproveitamento cinexético.

En relación coa caza, a formulación xenérica a partir da creación do EPIN será permitir esta actividade sempre que se efectúe de forma racional e sustentable, e non interfira coas medidas de conservación da fauna silvestre.

a) A actividade cinexética virá regulada no correspondente proxecto de ordenación cinexética do TECOR en que se atopa o EPIN.

b) O exercicio da caza quedará subordinado á protección e conservación da fauna silvestre e ao cumprimento dos obxectivos do EPIN.

c) Non se permitirán os cerramentos con malla cinexética do perímetro do EPIN, así como ningún outro tipo de barreira que impida o libre tránsito da fauna silvestre.

Artigo 26º.-Actividades tradicionais.

a) Considéranse como actividades tradicionais a recolla de cogomelos, leñas, froitos, piñas, cortiza e mel.

b) Con caráter xeral permítense todos os usos e actuacións que tradicionalmente se viñeron efectuando no espazo natural e que deron lugar ao seu estado actual e/ouu motivou a súa declaración como EPIN.

c) No caso de que a práctica destas actividades sufra un incremento que poida poñer en perigo a integridade dos recursos naturais do EPIN, estudarase por parte da Administración ambiental e a comunidade veciñal a posibilidade de implantar un sistema de cotas e licenzas para a súa regulación, e ata limitar ou prohibir temporalmente estas actividades.

Sección quinta

Directrices para a ordenación territorial e os recursos culturais

Preténdese conseguir a adecuación dos servizos e infraestruturas de modo que se logren melloras na calidade de vida das poboacións locais, ao mesmo tempo que a conservación dos valores naturais e o mantemento da potencialidade dos recursos naturais locais.

Artigo 27º.-Sobre as infraestruturas.

Calquera actuación relativa a infraestruturas e comunicacións deberá someterse aos condicionantes impostos pola conservación dos valores naturais e da paisaxe.

a) Procurarase a mellora das infraestruturas e a súa adecuación aos obxectivos do EPIN proposto, garantindo que o posible impacto sobre o medio sexa mínimo.

b) Estableceranse as medidas de control necesarias para asegurar o correcto tratamento dos residuos xerados no EPIN. A xestión dos residuos do EPIN deberá recoller:

a. O establecemento das infraestruturas necesarias para a recolleita e tratamento dos residuos sólidos.

b. A procura da solución idónea á vertedura de residuos sólidos e a súa posta en vigor e funcionamento, dándose prioridade a aquelas técnicas que consideren a reutilización ou reciclaxe dos refugallos.

Artigo 28º.-Sobre o patrimonio histórico, artístico e cultural.

1. Teranse en conta as seguintes indicacións:

a) Estableceranse as medidas necesarias de vixilancia e protección do patrimonio cultural, os xacigos arqueolóxicos e elementos histórico-artísticos que se poidan atopar situados no monte.

b) Potenciaranse as medidas necesarias para erradicar aquelas actividades que supoñan deterioración do patrimonio arqueolóxico, histórico-artístico e cultural.

c) Identificaranse e sinalizaranse os elementos do patrimonio cultural, especialmente os situados en zonas onde se vaian efectuar aproveitamentos, tratamentos silvícolas, reforestacións, obras ou calquera outro tipo de traballo forestal que poida supor unha deterioración daqueles.

d) Toda actuación en bens de interese cultural, bens catalogados e bens inventariados require autorización previa da Consellería de Cultura.

e) Área de protección e solo rústico: os actos de edificación e uso do solo nas franxas sinaladas requiren un informe previo da Consellería de Cultura.

f) A zona de afección de servidume e límites de dominio será de 50 m a elementos etnográficos, 100 m a elementos de arquitectura relixiosa, civil e militar e 200 m a restos arqueolóxicos.

2. Nos aproveitamentos forestais, tratamentos silvícolas, repoboacións e obras de mantementos de infraestruturas próximos a elementos do patrimonio cultural que poidan atoparse nun futuro, tomaranse as seguintes medidas de prevención xerais:

a) Os bens culturais localizados dentro das áreas en cuestión deberán figurar na cartografía manexada nos traballos.

b) Previamente á corta de árbores, os elementos de patrimonio cultural deberán balizarse con estacas de madeira e fita de obra. Nesas zonas estará vedado o tránsito de maquinaria e a caída ou amoreamento de árbores.

c) En xeral, respetaranse os afloramentos rochosos, tanto no proceso de corta como no amoreamento dos restos da corta, que serán dispostos en cordóns para a súa trituración ou ben simplemente amoreados para a súa descomposición, evitando desta forma a súa alteración ou cubrición.

d) Respecto aos traballos de reforestación ou movementos de terras que poidan afectar ao patrimono cultural, será precisa a presentación dun proxecto ou memoria dos traballos para a súa autorización pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural onde se establecerán as condicións ou cautelas específicas que se deben adoptar para cada zona.

Sección sexta

Directrices para a mellora da calidade de vida

e a dinamización socioeconómica

Artigo 29º.-Directrices para a mellora da calidade de vida e a dinamización socioeconómica.

Neste sentido, toda actividade que supoña un afianzamento da poboación ligado á persistencia dos recursos naturais existentes facilita a conservación ao incrementar o interese local. Procurarase:

a) Integralas noutros plans existentes, así como en programas de financiamento de ámbito comunitario, nacional, autonómico ou provincial.

b) Establecer os programas necesarios que, como complemento aos plans anteriores sexa preciso elaborar, determinándose as prioridades de actuación.

c) Emprender accións para potenciar todas as axudas de posible aplicación no EPIN establecidas pola Administración pública española e a U.E.

Artigo 30º.-Directrices para a mellora e promoción de actividades socioeconómicas.

Dentro deste artigo recóllense aquelas accións e iniciativas que permitan compensar as limitacións establecidas para a conservación dos recursos naturais e posibilitar o desenvolvemento socioeconómico da poboación afectada.

a) Integración dos habitantes da parroquia de Viladesuso nas actividades xeradas pola protección e xestión do EPIN.

b) Mellora e fomento das actividades tradicionais compatibles co mantemento dos valores ambientais.

Capítulo II

Plan de melloras

Artigo 31º.-Plan de melloras.

As actuacións que a seguir se propoñen están previstas na 1ª revisión do proxecto de ordenación, elaborada en 2009.

1. Tratamentos silvícolas: no ano 2010 faranse tratamentos silvícolas en toda a superficie do EPIN consistentes na eliminación do Eucalyptus globulus existente.

2. Durante o período 2009-2018 tense previsto efectuar as seguintes faixas de control da biomasa:

Ver referencia pdf "00700D005P029.PDF"

Capítulo III

Plan de uso público e actividades deportivas

Artigo 32º.-Plan de uso público e actividades deportivas.

1. Obxectivos.

Os obxectivos que se pretenden alcanzar coa elaboración deste plan de uso público e de actividades deportivas son os seguintes:

a) Compatibilizar o uso público e as actividades recreativas e deportivas cos obxectivos de conservación do espazo natural e co desenvolvemento do medio rural.

b) Fomentar, ordenar e facilitar o uso público e o acceso ao espazo do visitante baseado nos valores do espazo natural, de modo compatible coa súa conservación.

c) Achegar a poboación a un ámbito natural, co fin de aumentar o seu coñecemento sobre este medio, así como lograr unha maior sensibilización, sobre todo no caso das poboacións urbanas, da necesidade da súa conservación.

d) Crear unha rede de sendas e áreas de esparexemento para a mellora da oferta de uso público, prestando especial atención e respecto ás áreas con importantes valores culturais, estéticos, educativos e científicos.

e) Fomentar a xestión sustentable dos recursos cinexéticos e piscícolas existentes no espazo natural en colaboración coas sociedades xestoras.

2. Normativa xeral.

a) Permítese o tránsito a pé polo espazo natural, sempre e cando se realice de forma racional e se respecten a propiedade privada e as actividades e aproveitamentos existentes.

b) As vías existentes no EPIN clasifícanse en relación co uso público do seguinte modo:

a. Libre tránsito: vías en que se permite o uso de vehículos, cabalarías ou o tránsito peonil, de acordo coa normativa e disposicións sectoriais en materia de circulación e seguranza viaria. Inclúense dentro desta categoría as autovías, autoestradas e estradas de titularidade estatal, autonómica ou provincial, así como as súas vías de servizo, xunto coas rúas e camiños existentes nos núcleos habitados incluídos no espazo natural. As pistas agrícolas ou forestais, así como as vinculadas co mantemento de infraestruturas, reemisores ou outro tipo de instalacións que non estean suxeitos a limitacións específicas ou particulares por parte dos seus titulares ou dos organismos competentes.

b. Tránsito restrinxido: as vías que a Consellería do Medio Rural estableza, temporal ou permanentemente, por necesidades de conservación dos recursos naturais, ou ben para garantir os aproveitamentos tradicionais existentes ou para racionalizar as propias actividades de uso público. Inclúense polo menos dentro desta categoría as vías de uso estritamente peonil (carreiros e sendas peonís), nos cales se evitará o uso de vehículos, incluídos quads e motocicletas; os carreiros e camiños de ferraduras, en que se evitará o uso de vehículos de motor, incluídos quads e motocicletas; aquelas vías destinadas exclusivamente ao tránsito dos vehículos vinculados coas actividades agrícolas, gandeiras ou forestais existentes no EPIN, nos cales se prohibe o tránsito de vehículos relacionados con actividades de uso público; aquelas vías ou áreas restrinxidas ao uso público e delimitados para garantir a conservación dos hábitats e das especies silvestres.

c) Das limitacións establecidas nesta parte quedan exceptuados os vehículos de vixilancia, emerxencias e todos aqueles que conten coa autorización da Consellería do Medio Rural.

d) A circulación e aparcamento de vehículos no desenvolvemento de actividades de uso público (turístico, recreativo, deportivo, lecer, etc.) realizarase exclusivamente nas vías e áreas habilitadas para tal efecto. Evitarase a circulación e aparcamento sobre hábitats de interese comunitario ou sobre os hábitats das especies de interese para a conservación, salvo naqueles casos en que exista autorización expresa do organismo autonómico competente en materia de ambiente e conservación da natureza.

e) O exercicio da caza e da pesca deportiva son actividades permitidas de acordo coa normativa sectorial e coas especificacións consideradas neste plan. A Consellería do Medio Rural poderá establecer as regulacións que considere oportunas para que o exercicio destas actividades se desenvolva en coherencia cos obxectivos e directrices deste plan.

f) O uso con fins comerciais da imaxe, marca ou sinais de identidade gráfica do espazo natural deberá contar coa autorización da Consellería do Medio Rural.

3. Normativa específica.

a) Co fin de compatibilizar o uso público cos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000 e co mantemento dos aproveitamentos tradicionais, o desenvolvemento de determinadas actividades de uso público quedarán limitadas a áreas ou itinerarios concretos situados dentro do EPIN. Estas áreas poderán ser destinadas de forma permanente (áreas de descanso, áreas recreativas, etc.), ou de forma temporal, en función do tipo de actividades que poidan albergar.

b) Nestas áreas, o desenvolvemento das actividades de uso público deberá realizarse respectando ao resto dos usuarios, e de acordo coas normativas sectoriais, con este plan, así como coas regulacións que puideren establecer, de xeito específico, en función das disposicións contempladas nos seus respectivos plans de ordenación, plans reitores de uso e xestión e plans de conservación e as que puider establecer a Consellería do Medio Rural.

c) Nas devanditas áreas permítense as seguintes actividades:

1. O estacionamento temporal de vehículos.

2. Os paseos turísticos a cabalo.

3. Cicloturismo.

4. Sendeirismo.

5. Descanso, comida, bebida, etc.

d) Considéranse actividades que requiren autorización expresa as seguintes:

1. O voo de aeronaves (avionetas, globos aerostáticos, ás-delta, parapente e calquera outro artefacto voador. Quedan excluídas da anterior especificación o voo comercial e as misións eventuais de auxilio, vixilancia, salvamento, extinción de incendios ou outras cuestións de interese xeral que se consideren necesarias.

2. O desenvolvemento de actividades profesionais de filmación ou gravación de especies de interese para a conservación das súas áreas prioritarias de conservación.

3. A instalación de calquera tipo de sinalización, a excepción das establecidas en áreas urbanas e núcleos rurais que se rexerán pola normativa municipal correspondente e as que poidan establecer os organismos competentes no mantemento das súas correspondentes infraestruturas.

4. Os rallys, cando discorran por vías de libre tránsito.

5. O barranquismo.

6. Calquera outra actividade de uso público que poida xerar unha perda do estado de conservación dos hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación.

e) Co fin de garantir un estado de conservación favorable dos hábitats de interese comunitario ou das áreas prioritarias das especies de interese para a conservación, deberanse evitar as seguintes actividades:

1. A realización de manobras militares.

2. As actividades ou prácticas de supervivencia.

3. A circulación de vehículos fóra das vías libre tránsito e, especialmente, de motocross, motocicletas, todoterreos e quads.

4. O emprego de radios e megáfonos, así como doutros aparellos de son que perturben a tranquilidade e a quietude da fauna e do propio espazo natural.

5. O abandono ou depósito de lixo en áreas e recipientes non autorizados.

6. A acampada, pernoita ou a colocación de tendas sobre hábitats prioritarios ou sobre as áreas prioritarias para a conservación de especies protexidas e catalogadas de flora e fauna silvestre.

7. A realización de calquera actividade ou proba de carácter deportivo ou recreativo, contraria ao especificado neste plan, sen autorización expresa da Consellería do Medio Rural.

4. Actuacións de posta en valor do uso público e deportivo do EPIN e a súa contorna.

1. Creación de rutas de sendeirismo: roza, acondicionamento, sinalización da ruta, publicidade.

2. Creación e acondicionamento de espazos recreativos. Preténdese construír unha área recreativa e para isto farase unha repoboación do terreo con diversas especies de coníferas e frondosas, a dotación de mobiliario: mesas, papeleiras, bancos e grellas de obra, así como do valado da zona delimitando con isto a zona de estacionamento dos vehículos.

3. Recuperación e limpeza da zona de sobreiras.

a) Limpeza manual e total da zona respectando a posible rexeneración.

b) Poda de saneamento nos exemplares que o precisen.

c) Plantación. Nas zonas puntuais en que a masa deixa paso ao terreno raso de sobreiras ou carballos.

4. Recuperación da ponte Broi e o seu entorno.

a) Limpeza do leito do río nas proximidades da ponte, eliminando o mato existente e contribuíndo a mellora do aspecto visual da zona.

b) Sustitución de varandas. Substitución das varandas metálicas que presenta na actualidade a ponte por outras de pedra do país, máis acorde coa súa estética xeral.

5. Valoración económica.

Ver referencia pdf "00700D005P029.PDF"