DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2011 Páx. 740

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 221/2010, do 23 de decembro, polo que se desafectan do dominio público uns inmobles situados no concello de Santiago de Compostela procedentes da extinta Cámara Agraria Local.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do establecido na disposición adicional 7ª.1 da Lei 11/1995, do 28 de decembro (DOG nº 249, do 30 de decembro), en relación coa disposición adicional 2ª da Lei 23/1986, do 24 de decembro (BOE nº 312, do 30 de decembro), segundo a redacción dada no artigo 1º da Lei 23/1991, do 15 de outubro (BOE nº 249, do 17 de outubro), de varios inmobles no concello de Santiago de Compostela de naturaleza demanial.

O artigo 10º.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Parcela nº 612 A Maragoteira situada en San Fiz de Fóra (Santiago de Compostela) cunha superficie aproximada de 1.123 m2 que, segundo o rexistro da propiedade estrema: norte, Andrés Villaseco Fandiño e Manuel Casal Martínez, desaugadoiro no medio; sur, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria e Manuel Mallou Fandiño; leste, Manuel Casal Martínez, desaugadoiro no medio e Manuel Mallou Fandiño; oeste, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria.

Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade número un de Santiago de Compostela como predio 25.603, tomo 1.237, libro 244 e folio 140.

2. Parcela nº 714 O Monte da Devesa situada en San Fiz de Fóra (Santiago de Compostela) cunha superficie aproximada de 5.358 m2, que segundo o rexistro da propiedade estrema: norte, José Bao Martínez; sur, Antonia Rozas Fernández e José Cobas Durán; leste, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria; oeste, camiño construído polo Servizo de Concentración Parcelaria e Antonia Rozas Fernández.

Atópase inscrita no Rexistro da Propiedade número un de Santiago de Compostela como predio 25.591, tomo 1.237, libro 244 e folio 128.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda