DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2011 Páx. 719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 27 de decembro 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen ánimo de lucro, para desenvolver accións de formación laboral, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral, na Comunidade Autónoma galega e se convocan para o ano 2011.

Segundo o Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria e de retorno en Galicia, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, esta secretaría xeral convoca unha resolución de subvencións destinadas ás entidades sen ánimo de lucro que realicen accións de formación laboral que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral, na Comunidade Autónoma galega para o ano 2011. Para que as ditas accións poidan alcanzar o obxectivo final que busca calquera itinerario integrado de inserción sociolaboral, nesta resolución dáse unha especial importancia ao compromiso de contratación adquirido. Para a determinación das accións formativas e das súas localidades de realización, a Secretaría Xeral da Emigración efectuou un proceso de consultas coas entidades -públicas e de iniciativa social-que traballan no eido da integración laboral de migrantes, co obxecto de promocionar aquelas que poidan alcanzar os resultados de inserción sociolaboral máis axeitados.

Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e están encadradas no eixe 2 (Fomentar a empregabilidade, a inclusión social e a igualdade entre homes e mulleres), tema prioritario 70 (Medidas concretas para incrementar a participación dos inmigrantes no mundo laboral, reforzando así a súa integración social), do dito programa, e están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo. Así mesmo, as bases desta resolución recollen o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006 (FSE), modificado polo Regulamento CE 396/2009.

O procedemento de concesión das axudas e subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, coa Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normativa de aplicación, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

Resolvo:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Apróbanse as bases, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, dirixida a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de accións de formación laboral que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral, a través de accións formativas na Comunidade Autónoma galega.

2. Así mesmo, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 3º.-Información aos interesados.

Poderase obter documentación normalizada ou información adicional deste procedemento administrativo, na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://www.galiciaaberta.com/), onde, ademais de obter os modelos normalizados da solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución, e as bases reguladoras da convocatoria.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía do cidadán situada na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es).

Artigo 4º.-Imputación orzamentaria.

Esta resolución tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no artigo 1º.1 da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.481.0, reservándose inicialmente un crédito total de 500.000 € que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011, co código de proxecto 2011 00052. Desta cantidade o 80% será achegado polo Fondo Social Europeo.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir nas devanditas aplicacións.

Artigo 5º.-Réxime de recursos.

Contra a presente resolución, que é definitiva na vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2010.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes a entidades sen ánimo de lucro para que desenvolvan accións de formación laboral que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral, na Comunidade Autónoma galega para o ano 2011

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto destas bases é a concesión de subvencións ás entidades sinaladas no artigo seguinte para o desenvolvemento de accións de formación laboral que contribúan a incrementar á participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral, na Comunidade Autónoma galega para o ano 2011.

2. Só poderán subvencionarse as accións formativas a que se fai referencia no artigo 3º.

3. Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no eixe 2 e no tema prioritario 70, e están cofinanciadas polo do Fondo Social Europeo nun 80%.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias e solicitar as subvencións reguladas nesta resolución as entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade instituída por norma estatutaria o desenvolvemento de actividades de integración laboral que abarque o colectivo de persoas retornadas ou inmigrantes, así como as organizacións empresariais e profesionais que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo.

b) Ter o seu enderezo social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Dispoñer de estrutura e capacidade para garantir a realización das accións obxecto de subvención.

d) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de dereito público, as universidades, os partidos políticos, as sociedades civís e calquera entidade non citada neste artigo que non acredite non ter ánimo de lucro e desenvolver actividades de integración laboral que abarquen o colectivo de persoas retornadas e inmigrantes.

3. No suposto de que se presenten federacións, confederacións ou asociacións de entidades sen ánimo de lucro, non poderán concorrer á convocatoria as entidades que formen parte destas e quedarían excluídas.

Artigo 3º.-Acciones formativas subvencionables.

1. De acordo co tema prioritario 70 do eixe 2 do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, a través desta resolución subvencionarase o desenvolvemento das accións formativas que figuran relacionadas no anexo II, sempre e cando o número de alumnos/as inscritos e presentes o primeiro día lectivo non sexa inferior ao 75% dos alumnos previstos en cada unha das accións formativas presentadas. As entidades aboarán unha bolsa dun mínimo de 6 euros/día lectivo a cada participante das accións formativas e ao remate destas realizaranlles unha proba, e serán cualificados como apto ou non apto.

2. O número mínimo de alumnos/as previstos/as para cada acción formativa non poderá ser inferior a quince, agás no caso da formación para o obtención do CAP modalidade viaxeiros e/ou mercadorías en que non poderá ser inferior a dez.

3. No desenvolvemento das accións formativas promoverase a igualdade entre homes e mulleres, fomentándose a eliminación de calquera forma de discriminación.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

1. As solicitudes presentadas para desenvolver as acciones formativas subvencionables serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

a) Calidade técnica dos contidos do programa e orzamento da acción formativa: ata 35 puntos.

Valoraranse a calidade técnica dos contidos do programa e o orzamento presentado para a acción formativa, tendo en conta o seguinte:

-Calidade técnica dos contidos do programa da acción que se vai desenvolver: ata 20 puntos.

Valorarase a calidade técnica do programa presentado en canto ao seu contido e que o seu orzamento sexa axeitado aos obxectivos previstos.

-Medidas de acompañamento ao alumnado: ata 5 puntos. Valoraranse as medidas de carácter individualizado (asesoramento socio profesional, titorías...) que faciliten aos alumnos/as un maior aproveitamento da acción formativa.

-Contía do orzamento da acción formativa: ata 10 puntos. Valoraranse os proxectos cuxo orzamento supoña un menor custo por alumno/a, sempre e cando sexa coherente coa acción formativa.

b) Experiencia no desenvolvemento de programas de inserción sociolaboral: ata 15 puntos.

Valorarase a experiencia da entidade beneficiaria na realización de programas de inserción sociolaboral nos últimos dous anos, tendo en conta a porcentaxe das insercións acadadas en relación co número total de participantes nas accións formativas desenvolvidas, de acordo co seguinte:

-Do 10%: 5 puntos.

-Do 11% ao 19%: ata 10 puntos.

-Máis do 20%: 15 puntos.

Valorarase só os contratos que se subscribiron cunha duración como mínimo de 6 meses e unha xornada laboral igual ou superior ao 50% da xornada completa establecida no sector.

c) Compromiso de contratación para a acción formativa: ata 45 puntos.

Se valorará a subscrición dun compromiso de contratación para cada acción formativa, tendo en conta o seguinte:

-Porcentaxe de contratación do 10% dos alumnos/as da acción formativa: 5 puntos.

-Porcentaxe de contratación do 11% ao 20% dos alumnos/as da acción formativa: 10 puntos.

-Porcentaxe de contratación do 21% ao 30% dos alumnos/as da acción formativa: 15 puntos.

-Porcentaxe de contratación do 31% ao 40% dos alumnos/as da acción formativa: 25 puntos.

-Porcentaxe de contratación do 41% ao 50% ou máis dos alumnos/as da acción formativa: 35 puntos.

-Porcentaxe de contratación superior ao 50% dos alumnos/as da acción formativa: 45 puntos.

As contratacións deberán ter unha duración como mínimo de 6 meses e unha xornada laboral igual ou superior ao 50% da xornada completa establecida no sector e deberán subscribirse no prazo de 3 meses desde a finalización da acción formativa.

d) Emprego da lingua galega na realización das actividades: ata 5 puntos.

2. Como consecuencia da aplicación dos criterios de valoración previstos neste artigo, a entidade que alcance unha maior puntuación para a realización dunha acción formativa nunha localidade determinada poderá recibir a contía de axuda do orzamento presentado para a realización desta, sen que en ningún caso se poida superar a contía máxima sinalada no anexo II para cada acción formativa. Concederase unha única subvención por acción formativa en cada localidade, e subvencionaranse as entidades cunha maior puntuación ata alcanzar o crédito establecido polo artigo 3º da resolución. En todo caso, para poder ser obxecto de subvención deberán alcanzar como mínimo 20 puntos como suma dos puntos obtidos na valoración dos criterios. En caso de empate, a subvención para a realización da acción formativa concederase á entidade con maior puntuación no criterio de valoración establecido no artigo 4º c) e, de persistir o empate, á entidade con maior puntuación no criterio de valoración establecido

no artigo 4º a).

Artigo 5º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

O prazo máximo para resolver será de tres meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderanse entender desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes.

Para poder ser beneficiario das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III da correspondente resolución da convocatoria, onde se sinalarán as accións formativas que se axusten ás accións subvencionables do anexo II, que se teñen previsto desenvolver. Este modelo de solicitude irá acompañado dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras, e obterase a través del portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo da internet (http://www.galiciaaberta.com/).

A través do formulario proporcionarase á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para tal efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e no Real decreto 994/1999, do 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguridade dos ficheiros automatizados que conteñan datos de carácter persoal.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderanse exercer os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, acreditando identificación suficiente ao seguinte enderezo, edificios administrativos rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na páxina web de galiciaaberta.com

Artigo 7º.-Lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente, Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Documentación xeral.

A documentación presentada polos beneficiarios, tanto na fase de solicitude coma na fase de xustificación, deberá ser asinada polos representantes legais das entidades solicitantes.

As solicitudes formularanse no modelo normalizado que figura como anexo III a esta resolución, cuberto en todos os seus puntos, indicando as accións formativas para as que se solicita a subvención, así como o orzamento de cada unha. Ademais, necesariamente, deberase acompañar a seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

a) Acreditar a identidade e a capacidade de representación do asinante da solicitude, mediante DNI en vigor do/a solicitante, no caso de que este/a denegue a autorización á Secretaría Xeral da Emigración para que obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no DNI.

b) Acreditar o requisito da inscrición no rexistro correspondente, de acordo co establecido no artigo 2º destas bases.

c) Estatutos da entidade debidamente legalizados.

d) Tarxeta de identificación fiscal.

e) Declaración das axudas solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou entes públicos ou privados nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, segundo o modelo recollido no anexo IV da correspondente resolución da convocatoria.

f) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV) da correspondente resolución da convocatoria.

g) Declaración de que a entidade se atopa ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, para o que poderá utilizarse o modelo do anexo V da correspondente resolución da convocatoria.

h) Memoria da entidade, con indicación dos programas de integración sociolaboral realizados nos anos 2009 e 2010 e -no caso de que non estean en poder da secretaría xeral-acreditación das insercións realizadas (anexo VI).

i) Certificación de conta bancaria (anexo VII) da correspondente resolución da convocatoria.

A Secretaría Xeral da Emigración comprobará que as solicitudes cumpren o establecido nesta resolución e, se é o caso, requirirán os interesados para que no prazo de dez días hábiles emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios das axudas e subvencións correspondentes ás accións formativas convocadas por esta resolución quedan obrigados a:

1. Acreditar a realización das accións formativas obxecto de subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, mantendo de forma separada na contabilidade os gastos financiados.

4. Se, por calquera motivo, a acción formativa non se puidese realizar, deberase comunicar a renuncia á Secretaría Xeral da Emigración, que poderá dispoñer do citado crédito para subvencionar outras inicialmente non atendidas.

5. Deberán introducir por medios telemáticos na Guía Actualizada de Programas e Actividades das Migracións (GAPAM), da páxina web www.galiciaaberta.com da Secretaría Xeral da Emigración, segundo as instrucións e prazos establecidos nesta guía, toda a información relativa ás accións formativas obxecto de subvención, reguladas nestas bases, co fin de que alcancen a maior difusión.

6. A difusión do cofinanciamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración e da Unión Europea (Fondo Social Europeo) no desenvolvemento das accións formativas, actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada; así como a utilización nestes dos logos da Secretaría Xeral e da Unión Europea (Fondo Social Europeo).

7. A informar os/as alumnos/as do cofinanciamento das accións formativas por parte da Secretaría Xeral da Emigración e da Unión Europea (Fondo Social Europeo), así como dos obxectivos destes fondos.

8. A editar no formato que se especifica no portal web galiciaaberta.com o programa formativo que vaian desenvolver.

9. A comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización das accións formativas, podendo a secretaría xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

10. Contratar un seguro de accidentes para os/as alumnos/as que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento da acción formativa, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen.

11. Contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar da súa realización para os bens e para as persoas, cando se realicen prácticas en empresas naqueles casos que o exixa a acción formativa.

12. A entidade beneficiaria aboará aos alumnos/as participantes nas accións formativas a bolsa a que se comprometeu no proxecto.

13. Facilitar a comprobación das axudas recibidas e os seus efectos, pola Secretaría Xeral da Emigración, regulados nos artigos 57º e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 10º.-Gastos subvencionables.

1. Serán gastos subvencionables os gastos correntes que se realicen no período comprendido entre a data de inicio das acción/s formativa/s e a finalización do prazo de xustificación recollido no punto 1 do artigo 11 e que estean de acordo coas accións formativas que figuran no anexo II, en relación co artigo 3º desta resolución e se axustaran á Orde TIN/2965/2008, do 14 do outubro, de gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo e á Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, que a modifica.

Para os ditos efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación, salvo que por causas xustificadas deba efectuarse o pagamento nun momento posterior.

2. Os gastos subvencionados por esta resolución deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que se adecuen aos obxectivos e contidos do programa da acción formativa subvencionada.

b) Que exista constancia documental da súa realización de forma que se poidan verificar.

3. As dúbidas ou controversias en relación coa elixibilidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Emigración por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades beneficiarias.

4. Por razón da natureza das accións formativas obxecto de subvención, poderase autorizar á entidade beneficiaria a subcontratación parcial por un máximo do 60% da importe dá actividade subvencionada, tal e como se recolle na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de que a adxudicación recaese en empresas que conten no seu cadro de persoal cun número de traballadores fixos discapacitados superior ao 2%, a dita subcontratación pode alcanzar o 70%, segundo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20% do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 27º.3 da Lei 9/2007, do 25 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Todo procedemento de contratación deberá respectar os principios de transparencia, publicidade e libre concorrencia, e os subcontratistas estarán obrigados a facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás actuacións subcontratadas. En especial, e segundo o artigo 29º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto que hai que subcontratar supere a contía de 12.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás no caso de que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades ou que os gastos se realizasen con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas achegarase xunto á xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención e realizarase de conformidade cos criterios de eficiencia e economía. Este extremo deberá xustificarse expresamente nunha memoria se a elección non recae na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 11º.-Xustificación.

1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 30 de setembro do 2011. A xustificación efectuarase de conformidade co establecido no título III, nos artigos 42º e 44º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na modalidade de conta xustificativa.

2. A xustificación final da subvención presentarase á Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela-A Coruña), e deberá ir acompañada da seguinte documentación debidamente asinada polos representantes das entidades beneficiarias:

a) Unha memoria de actuación xustificativa, global e por accións formativas realizadas, do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención, con indicación dos gastos realizados (anexo VIII).

b) Certificación emitida polos representantes legais da entidade beneficiaria, en que conste a denominación das accións formativas realizadas, contía do gasto corrente así como a súa imputación aos fins para os que foi concedida a subvención (anexo IX).

c) Relación numerada das facturas e documentos xustificativos do seu pagamento (anexo X) presentados xunto a esta xustificación, acompañada das facturas que soporten o gasto ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Todos estes documentos deberán presentarse en orixinal, fotocopia compulsada, ou formato electrónico admisible legalmente. As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte á na relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto, debendo cumprir os requisitos establecidos no artigo 42º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na normativa comunitaria, aceptando a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros sempre que os ditos gastos se efectúen

no ámbito do comercio retallista ou de empresas prestadoras de servizos a usuarios finais, ou sexan unha práctica común ou habitual no tráfico económico.

d) Unha certificación do número de alumnos inscritos o primeiro día de inicio da acción formativa. Así mesmo, deberá presentar unha relación de alumnos asistentes durante o desenvolvemento da acción formativa, indicando nome e apelidos, teléfono de contacto, DNI, pasaporte ou tarxeta de identidade de estranxeiro e a súa condición de inmigrante ou emigrante retornado.

e) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas -tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución-para as mesmas accións, procedentes de calquera outra administración ou entes públicos ou privados nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais (anexo XI).

f) Declaración responsable de que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, para o que poderá utilizarse o modelo do anexo XI.

g) Declaración asinada polos representantes legais da entidade beneficiaria, segundo a desagregación que aparece no anexo XI desta resolución, que acredite o financiamento das accións subvencionadas que foron realizadas.

h) Ademais, copia dos contratos de traballo rexistrados cunha duración como mínimo de 6 meses e unha xornada laboral igual ou superior ao 50% da xornada completa establecida no sector, con acreditación da alta na Seguridade Social durante o dito período, no prazo de 3 meses desde a finalización da acción formativa.

3. De acordo co establecido no artigo 46º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 76º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

4. O incumprimento do compromiso de contratación dará lugar á obriga do reintegro total ou parcial da subvención percibida. No caso de non realizarse ningunha contratación a revogación será total; de realizarse un número de contratacións inferior ao compromiso adquirido a revogación será proporcional á porcentaxe do incumprimento.

Artigo 12º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. De conformidade co artigo 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderanse realizar pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, de ata o 80% da subvención concedida cando o importe desta non supere os 18.000 € e cando supere este importe de ata un 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 €. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario unha vez que se lle notifique a subvención concedida como financiamento necesario para poder levar a cabo os proxectos subvencionados.

Artigo 13º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, e no Rexistro Público de Sancións, creados nos artigos 44º e 45º, da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9º.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co disposto no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito a Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro, no enderezo que figura ao pé da solicitude.

Artigo 14º.-Órgano competente.

1. A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes aos programas de axudas establecidos nesta resolución corresponderá ao subdirector xeral de Retorno e da Inmigración.

2. O órgano competente para resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao amparo desta resolución será o secretario xeral da Emigración.

Corresponde á Secretaría Xeral da Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 15º.-Instrución dos procedementos.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. De acordo co establecido no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta resolución, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fai, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De acordo co artigo 59º.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na web www.galiciaaberta.com

3. A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico, sempre que se indique na solicitude, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Así mesmo, débese significar que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web, dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado polos seguintes membros:

-O/a xefe/a do Servizo de Programas e Atención Integral.

-O/a xefe/a do Servizo de Planificación e Formación.

-Un/unha funcionario/a da subdirección, que actuará como secretario/a.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados, segundo os criterios sinalados no artigo 5º, polo órgano colexiado establecido no número anterior, que deberá emitir informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

6. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, que é o órgano competente para resolver, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de puntuación.

7. A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá comunicar os requirimentos ao enderezo de correo electrónico, sempre que se indique na solicitude, e entenderase cumprido este trámite coa realización da comunicación nun só intento. Así mesmo, débese significar que os prazos de dez días computaranse desde a publicación dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Para estes efectos, de acordo co artigo 59º.6 b) da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios na web galiciaaberta.com

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos.

Artigo 16º.-Resolución e notificación.

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados. A Secretaria Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario ao que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a axuda.

Ademais, e de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.

Na resolución de concesión informaráselle á entidade beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das entidades beneficiarias, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que se publicará conforme o previsto no artigo 7º.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 17º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos quince días naturais desde a notificación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de renuncia, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992.

Artigo 18º.-Réxime de recursos.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolucións expresas, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19º.-Incumprimento, reintegro e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. De acordo co artigo 14º.1 n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

-O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables, da obriga de xustificación ou do incumprimento total do compromiso de contratación adquirido, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

-Calquera outro incumprimento, incluído o incumprimento porcentual do compromiso de contratación adquirido, considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, no seu caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo); a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

Ver referencia pdf "00700D003P007.PDF"

Ver referencia pdf "00700D004P028.PDF"