DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 12 de xaneiro de 2011 Páx. 718

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 220/2010, do 23 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de OU-0853 Nacional 536 Candeda, da Deputación Provincial de Ourense.

A Deputación Provincial de Ourense, en sesión do día vinte e tres de xullo de dous mil dez, aprobou o proxecto de OU-0853 Nacional 536 Candeda e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na comisión de secretarios xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3º da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, con esta actuación trátase de evitar os posibles sinistros neste tramo da estrada, como consecuencia, entre outros extremos, das importantes repercusións na calzada pola circulación de tráfico pesado procedente das obras dunha canteira próxima, así como pola existencia dunha fenda moi profunda nun carril, trasladando o eixe da estrada e afastando a vía da zona danada, para facela, unha zona segura e estable para a circulación do tráfico rodado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27º.2 e 28º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de OU-0853 Nacional 536 Candeda, da Deputación Provincial de Ourense, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza