DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 07 de xaneiro de 2011 Páx. 383

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 217/2010, do 16 de decembro, polo que se modifica o Decreto 451/2003, do 26 de decembro, de creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

A nova estrutura da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, aprobada polos decretos 310 e 311/2009, respectivamente, así como os cambios introducidos na regulación das fundacións de interese galego, e a necesidade de adaptar a actividade contractual da fundación ás premisas da Lei de contratos do sector público, unido á conveniencia de incorporar como membros natos dela un representante da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e un representante da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, motivaron que na sesión ordinaria do Padroado da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica que tivo lugar o 25 de xuño de 2010, tras a deliberación correspondente, o Padroado aprobase por unanimidade dos seus membros como punto tres da orde do día a modificación dos estatutos para a súa adaptación ao marco normativo e ás necesidades organizativas antes indicadas.

Como consecuencia do anterior cómpre modificar os estatutos da fundación no artigo 3º, réxime normativo, así como no punto referente á composición do Padroado recollido no seu artigo 10º.

A razón da incorporación destes novos membros vén xustificada por razóns de conveniencia e operatividade da fundación, para poderen participar así dunha forma moi directa na actividade da fundación.

Por todo isto procede a modificación do artigo 3º relativo ao réxime normativo da fundación e do artigo 10º.2 a) do Decreto 451/2003, do 26 de decembro, de creación da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, para incorporar como membros natos do Padroado o titular da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e o titular da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

A Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, determinou na súa disposición adicional sétima que a creación, modificación e extinción de novas fundacións sanitarias se aprobará mediante decreto da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro/a competente en materia de sanidade.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 3º, que queda redactado como segue:

Artigo 3º.-Réxime normativo.

1. A fundación rexerase por estes estatutos, polos regulamentos que dispoñan a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables, e pola Lei do Parlamento de Galicia 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Rexistro de Fundacións de Interese Galego, polas demais normas que as desenvolvan, pola normativa estatal que resulte de aplicación, ou polas normas que substitúan as citadas anteriormente.

Artigo 2º

Modifícase o artigo 10º.2 a) que queda redactado como segue:

Vogais natos: designados en virtude do seu cargo, polo que perderán a súa condición ao cesaren naquel. Son os seguintes:

-Presidencia de honra: o/a presidente/a da Xunta de Galicia.

-Presidencia: o/a conselleiro/a de Sanidade.

-Vicepresidencia: o/a xerente do Servizo Galego de Saúde.

-Director/a de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

-Director/a de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

-Director/a de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

-Titular da Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

-Titular da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

-Titular da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

-Director/a xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria.

-Director/a executivo/a da fundación.

-Director/a técnico/a da fundación.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade