DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 07 de xaneiro de 2011 Páx. 374

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se regula a Rede de Comercio Rural Galego.

O artigo 30º.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma galega, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, a competencia exclusiva en materia de comercio interior, nos termos do disposto nos artigos 38º, 131º e 149º.1, 11 e 13, da Constitución.

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (en diante, a consellería), atribúelle á Dirección Xeral de Comercio a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas para estes fins (artigo 25º.1.A.c).

Así mesmo, atribúelle a planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a comunidade autónoma, así como o fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades (artigo 25º.1.A.h e i).

A falta de remuda xeracional, a súa escasa modernización e o reducido volume de negocio que manexan está levando ao peche a moitos pequenos comercios rurais, sobre todo nos municipios máis pequenos, onde a venda ambulante empeza a ser en moitos casos a única forma de abastecemento. Para evitalo e de paso impulsar unha forma de comercio tan tradicional como son os pequenos comercios rurais, a consellería está a desenvolver o plan Ágora, agora Re-comercia 2010-2013, que inclúe un programa específico de fomento do comercio rural.

A consellería, consciente da necesidade de recuperar e dinamizar a economía en xeral e o comercio do medio rural en particular, está definindo un modelo comercial adecuado á realidade do territorio, dirixido a promover e potenciar os establecementos multiservizo. O proxecto responde á necesidade de revitalizar o comercio de proximidade no ámbito rural, polos beneficios que del derivan para este espazo.

O obxectivo central é relacionar e apoiar os establecementos comerciais dispersos en zonas rurais e frear a tendencia de peche dos establecementos comerciais no rural, adaptando a oferta ás novas demandas e necesidades do rural e adecuándoos á lexislación vixente.

A Rede de Comercio Rural Galego (no sucesivo, a rede) está dirixida ao mantemento dos establecementos comerciais e proporciona:

-Un abastecemento de produtos e servizos básicos nas zonas rurais.

-Unha dinamización da economía do rural, dotándoa de servizos de calidade.

-Unha canle de distribución dos produtos locais que contribúa ao desenvolvemento da economía das zonas rurais.

-A inserción das mulleres ao mercado de traballo no rural. O comercio rural supón unha importante fonte de emprego para as mulleres (o 64% dos comerciantes son mulleres).

-Unha mellor atención dos/das visitantes e turistas no rural.

-Unha modernización na xestión dos establecementos.

-Unha dotación de servizos tecnolóxicos no rural, con punto de acceso á internet nos establecementos.

Vaise diversificar a oferta de produtos e servizos e facer unha aposta por unha oferta de calidade, como medida para atraer novos clientes aos comercios rurais, conseguindo así unha maior demanda que permitirá a viabilidade económica dos establecementos. Por isto, preténdese que os comercios adheridos á rede ofrezan unha ampla variedade de produtos e diferentes servizos: restaurante, cafetaría e atención aos/ás turistas (información turística, venda de artesanía da zona…) co obxectivo de abastecer ás áreas rurais e ofrecer servizos fundamentais para a mellora da calidade de vida dos/das habitantes do rural. En última instancia trátase de fidelizar os/as habitantes da zona, facéndolles saber que poden cubrir as súas necesidades nun establecemento próximo á súa vivenda.

Puxéronse en marcha actividades en común para acadar a viabilidade económica e mellorar as expectativas de futuro dos comerciantes do rural galego. Creouse unha oficina de xestión da rede que ofrece servizos de asesoramento personalizado aos membros da rede, publicidade e promoción conxuntas, mellora na negociación conxunta con distribuidores, entre outros.

Os requisitos mínimos para a participación na rede son os seguintes:

-Viabilidade comprobada coa memoria de actividade.

-Situación do establecemento en concellos de menos de 5.000 habitantes ou núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes, situados en concellos de máis de 5.000 habitantes, con ou sen planeamento municipal vixente.

-Participación na formación para a adhesión dos establecementos.

-Aceptación das condicións da rede.

-Cumprimento dos manuais da rede.

-Oferta dos produtos e servizos mínimos establecidos pola rede.

-Instalación do TPV e asistencia á xornada formativa no propio establecemento.

-Cumprimento coa imaxe corporativa da rede e co manual de adecuación do local.

-Superación da auditoría inicial e das auditorías de seguimento da rede.

Os establecementos adheridos á rede teñen elementos en común e seguen unhas normas de calidade e xestión comúns recollidas nos manuais da rede:

-Oferta mínima de produtos e servizos.

-Servizos complementarios á compra.

-Equipamento.

-Atención á persoa cliente.

A calidade é un factor clave para a prestación dun servizo eficiente e é de crucial necesidade para a supervivencia de calquera empresa. Por esta razón, a través de exhaustivas auditorías aos establecementos adheridos, garántense uns estándares mínimos de calidade.

A imaxe corporativa da rede mantén unha unidade de deseño que permite identificar os establecementos adheridos como multiservizos da rede. Os establecementos adheridos empregan unha imaxe corporativa común. As persoas que entren nun establecemento da rede teñen que saber o que van atopar. E isto virá dado polo cumprimento dunhas normas de calidade na rehabilitación do local e por referencias comúns na oferta, no servizo, no equipamento e na atención á persoa cliente que se establecen nos manuais da rede.

Polo tanto, en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34º.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto regular a Rede de Comercio Rural Galego (no sucesivo, a rede).

2. Para os efectos desta orde considéranse comercios rurais os situados en:

a) Concellos de menos de 5.000 habitantes.

b) Núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes, situados en concellos de máis de 5.000 habitantes, con ou sen planeamento municipal vixente.

Artigo 2º.-Xestión da rede.

1. A rede xestionaraa a dirección xeral competente en materia de comercio (en diante, a dirección xeral) ou a entidade a que o dito centro directivo lle encomende a súa xestión.

2. En calquera caso, a encomenda de xestión que se poida efectuar referirase sempre a actuacións concretas e requirirá para tales efectos da preceptiva e previa resolución do órgano que efectúe a encomenda, na cal se identificarán os termos e condicións en que deberá realizarse a dita encomenda. No caso de retribución dos traballos que leve a cabo a entidade encomendada, o importe destes determinarase na encomenda e calcularase de xeito que permita a recuperación dos investimentos feitos e os custos de xestión, de ser o caso.

Na resolución de encomenda determinaranse unhas tarifas en relación aos custos da realización das prestacións encargadas. Para estes efectos teranse en conta os límites legais establecidos no artigo 44º. Catro da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, ou na norma que o substitúa.

Artigo 3º.-Persoas beneficiarias.

1. Poden adherirse á rede as persoas físicas ou xurídicas e as comunidades de bens titulares dos establecementos comerciais retallistas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde e nos manuais da rede.

2. A persoa física ou xurídica ou a comunidade de bens titular do establecemento deberá cumprir os seguintes requisitos:

1) Dedicarse ás seguintes agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas:

-647. Comercio retallista de produtos alimenticios e de bebidas en xeral.

-672. Servizos en cafetarías.

-673. Servizos en bares e cafetarías con e sen comida.

En calquera caso as actividades poderán complementarse coas mencionadas no anexo I desta orde.

2) Estar adherida ao sistema arbitral de consumo.

3) Non superar as dez persoas traballadoras.

Artigo 4º.-Requisitos para a adhesión á rede.

1. Os requisitos para a adhesión dun comercio rural á rede son os seguintes:

a) Viabilidade comprobada coa memoria de actividade realizada pola entidade xestora da rede e as persoas comerciantes interesadas na adhesión a ela.

b) Participar na formación.

c) Aceptar as condicións da rede.

d) Cumprir os manuais da rede.

e) Ofertar os produtos e servizos mínimos previstos nos manuais da rede.

f) Instalar o TPV e asistir á xornada formativa inicial no propio establecemento.

g) Cumprir coa imaxe corporativa da rede e co manual de adecuación do local.

h) Pasar a auditoría inicial da rede.

2. A edificación deberá responder ás características propias da arquitectura tradicional galega e estar en óptimas condicións de conservación. Así mesmo, poderase autorizar a adhesión á rede dos establecementos que se sitúen en edificios que, aínda que non respondan á arquitectura tradicional galega, presenten singularidades arquitectónicas que o xustifiquen.

3. A sala de vendas do comercio deberá estar en réxime de autoservizo e ter como mínimo 30 metros cadrados. Así mesmo, deberá ocupar, como mínimo, un 30% do espazo destinado ao público, sempre que a superficie resultante non supere os 150 metros cadrados.

Artigo 5º.-Solicitude de información sobre a adhesión á rede.

1. As persoas comerciantes que desexen solicitar información acerca da súa posible adhesión á rede poderán solicitala á dirección xeral ou á súa entidade xestora.

A información será enviada mediante o soporte solicitado, cuxa canle consistirá no formato electrónico, vía correo electrónico; ou no formato tradicional, vía correo postal.

2. Para proceder ao envío dos documentos informativos pertinentes da rede é necesario que a persoa estea interesada en adherirse a ela e que llo comunique á entidade xestora.

3. Unha vez aceptada a solicitude de información sobre a adhesión á rede, a persoa comerciante gozará do dereito a obter os seguintes manuais:

-Manual de procedemento de adhesión á rede.

-Manual de rede.

-Manual de xestión.

-Manual de seguimento.

-Manual de mercadotecnia.

-Manual de atención ao/á cliente.

-Manual de adecuación do local.

-Manual de imaxe corporativa.

4. A persoa comerciante poderá optar a un servizo de asesoramento por parte de persoal específico e cualificado que lle outorgará a información necesaria co obxectivo de guiala no seu labor como integrante da rede. Así mesmo, poderá beneficiarse de información acerca de axudas co obxectivo de acadar o funcionamento adecuado do seu negocio.

Os referidos servizos levaranse a cabo baixo o procedemento da entrevista persoal, coa finalidade de establecer unha comunicación adecuada á situación.

5. Así mesmo, toda persoa comerciante poderá beneficiarse dun asesoramento personalizado para proceder á redacción da súa memoria de actividade da forma máis eficaz e axeitada posible.

Artigo 6º.-Solicitude de adhesión á rede.

1. As persoas interesadas na adhesión dos seus establecementos á rede deberán presentar unha solicitude ante a dirección xeral segundo o modelo normalizado establecido no anexo II.

2. As solicitudes presentaranse durante o prazo que se estableza na correspondente convocatoria anual e con elas achegaranse os seguintes documentos:

1) A documentación acreditativa e identificativa do/a titular do establecemento comercial:

a) No caso de ser persoa física, unha copia do DNI.

Alternativamente, de acordo co disposto no artigo 2º.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, o/a solicitante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os seus datos de carácter persoal, por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

Para estes efectos, a persoa solicitante poderá efectuar a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude. No caso de non prestar o seu consentimento, a persoa solicitante deberá presentar fotocopia compulsada do DNI.

b) No caso de persoas xurídicas ou comunidades de bens, unha copia da tarxeta de identificación fiscal, do DNI do seu/da súa representante e do documento que acredite a representación en que actúa.

c) Unha copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha persoa xurídica.

2) Unha certificación expedida pola Axencia Tributaria en que consten as epígrafes do IAE nas cales está de alta.

3) Os documentos gráficos do local para o que se solicita a adhesión. Fotos interiores e exteriores das instalacións, equipamento e detalle do local.

4) Os documentos que acrediten que a persoa solicitante é propietaria do local comercial ou, se é o caso, copia do contrato de aluguer, traspaso, cesión ou calquera outro título ou contrato que acredite a dispoñibilidade do establecemento por parte do/a solicitante.

5) Un certificado municipal dos usos ou licenza municipal de apertura do local obxecto da solicitude en que conste que se permiten as actividades de comercio e hostalaría. Tamén deberá constar a situación do inmoble e o número de habitantes do núcleo de poboación en que se encontra.

6) A declaración de ter coñecemento do sistema de adhesión á rede e de someterse ás actividades de auditoría e xestión segundo o modelo do anexo III.

7) Unha ficha de recollida de información referente ao negocio ou futuro negocio, segundo o modelo do anexo IV: idea (produtos e servizos ofrecidos no establecemento), experiencia do/a promotor/a, gastos e previsión de ingresos, que demostre a viabilidade do proxecto.

8) Unha copia do certificado de adhesión ao Sistema Arbitral de Consumo expedido polo Instituto Galego de Consumo.

3. Así mesmo, a dirección xeral poderá solicitar da persoa solicitante a presentación adicional doutros documentos ou datos aclaratorios que considere necesarios para resolver sobre a súa solicitude.

4. Se a solicitude non reúne os requisitos que sinala este artigo, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A dirección xeral resolverá favorablemente a solicitude de adhesión á rede dos establecementos que cumpran cos requisitos establecidos nesta orde.

2. Para os efectos establecidos no artigo 42º.2 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver a solicitude será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria anual. Se no dito prazo non se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.

3. A dirección xeral emitirá un certificado a cada un dos establecementos comerciais adheridos á rede.

Artigo 8º.-Vixencia da adhesión á rede.

1. A adhesión á rede terá un período de validez de cinco anos, contados a partir da data da resolución favorable á adhesión e, para proceder á súa renovación, o/a titular do establecemento comercial adherido deberá presentar un escrito ante a dirección xeral en que manifeste a súa vontade de renovar a adhesión á rede, segundo o modelo normalizado do anexo V, e mais a documentación mencionada no artigo 6º.2 que sufrise algún tipo de modificación en relación coa presentada inicialmente.

2. Non obstante, a vixencia será de dez anos para as persoas titulares dos establecementos comerciais adheridos á rede como consecuencia da concesión dunha subvención para a adhesión á rede.

Artigo 9º.-Obrigas das persoas titulares dos establecementos comerciais adheridos á rede.

1. As persoas titulares dos establecementos comerciais adheridos á rede teñen as seguintes obrigas:

1) Subscribir un compromiso de adhesión á rede e aceptar as condicións que se estipulan nel.

2) Cumprir cos requisitos establecidos nesta orde.

3) Incorporar os equipos necesarios para a prestación de servizos.

4) Adecuar o local á imaxe corporativa da rede.

5) Adecuar a oferta de produtos e servizos.

6) Comunicar por escrito á dirección xeral os cambios que se realicen en calquera dato do establecemento facilitado.

7) Usar a imaxe corporativa da rede no establecemento comercial retallista autorizado pola dirección xeral para a súa adhesión á rede. O uso da imaxe corporativa limitarase ao establecemento para o que expresamente se autorizase a adhesión á rede, sen que sexa posible a súa utilización por parte doutros establecementos, actividades ou servizos do/a mesmo/a titular, agás autorización expresa da dirección xeral.

O distintivo da imaxe corporativa aplicarase no rótulo do establecemento e en elementos de promoción tales como bolsas, carteis, caixas, roupa, papel, así como noutros modelos que implante a dirección xeral.

A imaxe corporativa irá asociada ao servizo e ao punto de venda que o proporciona, non aos bens e produtos empregados para a súa prestación.

8) Colocar, nun sitio visible do establecemento, agás motivo xustificado, a placa e/ou os adhesivos postos á súa disposición por parte da dirección xeral.

9) Utilizar o material da rede creado para o conxunto dos establecementos: bolsas, carteis, indicadores, etc.

10) Permitir cantas inspeccións e controis se consideren precisos para o mantemento dos obxectivos da rede e asumir os resultados deles.

11) Realizar a formación prevista.

12) Facilitar información sobre a xestión do comercio e os seus resultados.

13) Realizar unha inauguración pública.

14) Atender as reunións de seguimento.

2. No caso de revogación da adhesión á rede, o/a titular do establecemento está obrigado/a a:

1) Retirar pola súa conta a placa e/ou os adhesivos postos á súa disposición por parte da dirección xeral.

2) Non utilizar reproducións da imaxe corporativa.

3) Retirar da documentación que teña á disposición do público calquera referencia á imaxe corporativa.

Artigo 10º.-Dereitos das persoas titulares dos establecementos comerciais adheridos á rede.

As persoas titulares dos establecementos comerciais adheridos á rede teñen os seguintes dereitos:

1) Contar cos elementos de promoción facilitados pola dirección xeral.

2) Asesoramento comercial. Orientarase a persoa comerciante en temas relacionados con promocións, merchandising, etc.

3) Asesoramento acerca de axudas e subvencións públicas.

4) Formación.

5º) Publicidade e promoción da rede e do comercio adscrito.

6º) Obter información sobre a evolución do establecemento e do sector.

Artigo 11º.-Control.

1. A dirección xeral velará polo correcto uso da imaxe corporativa e establecerá un sistema de xestión e control a que deberán estar sometidos os establecementos adheridos á rede.

2. As actividades de control levaranse a cabo mediante inspeccións referidas a cada un dos requisitos determinantes das condicións de adhesión á rede.

Artigo 12º.-Revogación da adhesión á rede.

1. Todos os establecementos adheridos á rede teñen que cumprir os requisitos que veñen recollidos nesta orde e nos manuais da rede para manter a adhesión á rede.

2. Cada establecemento partirá con vinte puntos no momento da adhesión á rede. Cada vez que se faga unha auditoría ou unha compra cega emitirase un parte de auditoría, que será comunicado por escrito á persoa titular do establecemento adscrito, no cal constará o prazo temporal outorgado para corrixir os incumprimentos detectados. No suposto de facer caso omiso e non corrixir os incumprimentos comunicados no prazo indicado, procederase á retirada dos correspondentes puntos, os cales dependerán da gravidade da falta.

No caso de que en dous anos non haxa incidencias ou sexan de carácter leve e emendadas en tempo e forma, sumaranse tres puntos que se engadirán aos que xa teñan os establecementos.

3. A relación concreta de puntos obxecto de retirada segundo a gravidade do incumprimento detectado determinarase no manual da rede.

No momento en que un establecemento adherido á rede quede sen puntos, a dirección xeral revogará o recoñecemento desta condición logo de tramitar o correspondente procedemento administrativo con audiencia da persoa interesada.

4. A persoa titular do establecemento comercial non poderá facer uso da imaxe corporativa da rede desde o momento en que se produza un dos seguintes feitos:

1) Cando a dirección xeral lle comunique a revogación da adhesión á rede.

2) Cando, despois de superar o período de vixencia da adhesión á rede, non se realice ningunha acción para a súa renovación.

Artigo 13º.-Rexistro.

1. A dirección xeral manterá un rexistro actualizado dos establecementos comerciais adheridos á rede en que constarán as persoas titulares deles, as datas da resolución de adhesión e os períodos de vixencia da adhesión.

Así mesmo, os datos dos establecementos comerciais adheridos á rede poderanse consultar na páxina web da dirección xeral. As persoas titulares dos establecementos poden exercer o seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición mediante comunicación escrita dirixida á dirección xeral.

2. As persoas titulares dos establecementos adheridos á rede admiten a inscrición destes no referido rexistro, así como a inclusión dos seus datos en calquera publicación que se edite referente á rede.

3. A dirección xeral comprométese a utilizar a información recibida de conformidade co establecido na normativa vixente sobre protección de datos.

Artigo 14º.-Recursos.

As resolucións da dirección xeral ditadas en aplicación desta orde poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de comercio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de comercio para ditar as normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Relación de epígrafes do IAE compatibles

641. Comercio retallista de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio retallista de carnes e miúdos; de produtos e derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643. Comercio retallista de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio retallista de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio retallista de viños e bebidas de todas as clases.

647.1. Comercio retallista de produtos alimenticios e de bebidas en establecementos con vendedor.

647.2. Comercio retallista de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en establecementos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3. Comercio retallista de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas estea comprendida entre 120 y 399 metros cadrados.

651. Comercio retallista de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652.2. Comercio retallista de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3. Comercio retallista de produtos de perfumaría e cosmética, e de artigos para hixiene e aseo persoal.

652.4. Comercio retallista de plantas e herbas en herbolarios.

653. Comercio retallista de artigos para o equipamento do fogar e a construción.

654.2. Comercio retallista de accesorios e pezas de recambio para vehículos terrestres.

654.5. Comercio retallista de toda clase de maquinaria (agás aparellos do fogar, de oficina, médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos).

657. Comercio retallista de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.2. Comercio retallista de mobles de oficina e máquinas e equipamentos de oficina.

659.3. Comercio retallista de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4. Comercio retallista de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio e artigos de debuxo e belas artes.

659.5. Comercio retallista de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutería.

659.6. Comercio retallista de xoguetes, artigos de deporte, roupa deportiva, de vestido, calzado e toucado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7. Comercio retallista de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

661.3. Comercio retallista en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

662.2. Comercio retallista de toda clase de artigos, incluíndo alimentación e bebidas, en establecementos distintos dos especificados no grupo 661 e na epígrafe 662.1.

Ver referencia pdf "00400D001P006.PDF"