DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2011 Páx. 313

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2010 pola que se convoca e se regula a concesión de subvencións para o ano 2011 ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de gastos correntes das súas oficinas de atención ao consumidor.

O artigo 51º da Constitución española establece que os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, saúde e os seus lexítimos intereses económicos.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 30º, punto 1 parágrafo cuarto, outórgalle á Comunidade Galega competencias exclusivas en materia de consumo.

O artigo 24º do título III do Estatuto galego do consumidor e usuario (Lei 12/1984, do 28 de decembro), establece que a comunidade autónoma promoverá, fomentará e, se é o caso, habilitará ou apoiará a creación de oficinas e servizos de información ao consumidor e usuario, xa sexan de titularidade pública, xa dependan dunha organización ou asociación de consumidores. Tamén establece no artigo 26º, que os poderes públicos promoverán a educación e a formación permanente dos consumidores ou usuarios, coa finalidade de que poidan acadar e desenvolver un comportamento en liberdade e responsabilidade, no mercado de bens e servizos, e cheguen a coñecer os seus dereitos e deberes e a maneira axeitada de exercelos.

Por iso, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento das asociacións de consumidores, destínase unha porcentaxe do orzamento destinado a subvencións ao financiamento dos seus gastos correntes, gastos que se consideran estritamente necesarios para o funcionamento das súas oficinas de atención e asesoramento dos consumidores, contribuíndo a que estas conten cuns medios económicos suficientes que favorezan a súa profesionalización e continuidade das súas actuacións.

Os consumidores demandan das asociacións de consumidores a prestación duns servizos de calidade e o fomento das asociacións por parte dos poderes públicos contribúe a reforzar a posición activa dos consumidores no mercado.

Esta resolución, polo tanto, ten por obxecto convocar axudas dirixidas ás asociacións de consumidores para o mantemento e funcionamento das súas oficinas de información ao consumidor para o ano 2011, así como establecer as bases aplicables a esta liña de subvención de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no resto da normativa que nesta materia lle sexa de aplicación.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións do Instituto Galego de Consumo ás asociacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento da súa actividade de defensa e protección dos dereitos dos consumidores e usuarios durante o ano 2011 e proceder á súa convocatoria. A subvención recollerá os gastos orixinados desde o 1 de xaneiro do ano 2011.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5º das bases reguladoras.

Artigo 3º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes para as subvencións previstas nesta resolución dirixiranse á Presidencia do Instituto Galego de Consumo, e poderán presentarse nos servizos provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, será en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción. Inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para a presentación das solicitudes, segundo o modelo que se insire como anexo II, será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo entenderase que vence o día cuxo ordinal coincida co día que serviu de partida, que é o de publicación no DOG.

Artigo 4º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras que non poderá ter unha duración superior a seis meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 5º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN107A, poderase obter información adicional no Instituto Galego de Consumo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do Instituto Galego de Consumo.

b) Os teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego de Consumo.

c) O enderezo electrónico cooperacion.igc@xunta.es

d) Presencialmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a Presidencia do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta resolución.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2010.

María Nava Castro Domínguez

Presidenta do Instituto Galego de Consumo

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime

de concorrencia competitiva, de subvencións para o ano 2011

ás asociacións de consumidores da Comunidade Autónoma

de Galicia para o financiamento de gastos correntes das súas oficinas de atención ao consumidor

Artigo 1º.-Obxecto.

1. As subvencións reguladas nestas bases teñen por obxecto o fomento das asociacións de consumidores e usuarios da Comunidade Autónoma de Galicia financiando os gastos correntes das súas oficinas de atención ao consumidor coas especificidades que se establecen no artigo 2º destas bases. Todos estes gastos teñen que ser realizados e efectivamente pagados desde o 1 de xaneiro de 2011 e ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17º.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no resto da normativa que lle sexa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 2º.-Gastos susceptibles de subvención.

1. As subvencións concederanse para atender os seguintes gastos xerados polo funcionamento das oficinas de atención ao consumidor das organizacións de consumidores.

a) Alugamento, comunidade, seguros e reparación e conservación do local e mobiliario da oficina.

Eses gastos só se subvencionarán cando no local se desenvolvan exclusivamente as actividades propias da organización de consumidores e usuarios, extremo que certificará o/a secretario/a da organización co visto e prace do/a presidente/a.

Incluídos neste punto serán tamén obxecto de subvención os gastos de adaptación da oficina aos requisitos de accesibilidade para discapacitados.

b) Gastos de subministración inherentes á actividade desenvolvida, como servizo de telecomunicación (teléfono, fax e internet), servizo de correos, material de oficina, electricidade, acondicionamento térmico, auga e limpeza.

c) Gastos de persoal cualificado da oficina, que deberá ter contrato laboral e estar dado de alta na Seguridade Social.

d) Gastos de transporte, manutención e aloxamento do persoal da asociación.

2. No caso de gastos relativos ao transporte, aloxamento e manutención do seu persoal, só serán actuacións subvencionables as realizadas polo persoal da asociación para a asistencia a reunións e cursos ou xornadas de formación relacionadas coa actividade da oficina dentro da nosa comunidade. Cando se trate de gastos deste tipo fóra da nosa comunidade autónoma será preciso comunicalo previamente ao Instituto Galego de Consumo, quen determinará en cada caso sobre se é ou non subvencionable a dita actividade.

3. Soamente serán subvencionables o uso de medios de transporte colectivo (excepcionalmente poderá autorizarse o uso de vehículo particular logo de solicitude da asociación). Respecto do uso de taxis soamente será permitido desde ou ata as estacións de ferrocarril, autobuses, portos e aeroportos, sempre que se presente como xustificante a correspondente factura ou tícket.

4. En caso de autorizar expresamente o Instituto Galego de Consumo o uso de vehículo particular, subvencionarase o número de quilómetros a razón de 0,19 euros/km e admitiranse como gastos extraordinarios as peaxes de autopista e estancia de vehículos en aparcadoiros (soamente para estancias inferiores a 24 horas).

Respecto dos gastos de manutención, subvencionarase como máximo a razón de 20 euros por día e referente os gastos de aloxamento, ata un máximo de 75 euros por día.

5. En total os gastos subvencionables, relativos a viaxes, non poderán ser superiores ao 5% do total da subvención concedida e en ningún caso superiores a 500 euros.

Artigo 3º.-Financiamento e concorrencia.

1. O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ás asociacións de consumidores de Galicia por un importe total de 60.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración. Tal incremento de crédito, que poderá provir de xeracións, ampliacións ou incorporacións de crédito, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia sen que supoña a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Para os gastos subvencionables do artigo 2º destas bases destinarase unha contía total de 60.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.481.0 do proxecto de orzamento do Instituto Galego de Consumo para o a no 2011, e quedará sometida esta resolución á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta para o ano 2011 consonte co que se indica no artigo 1º.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

2. A contía das axudas concedidas, consonte os criterios obxectivos establecidos nestas bases e as dispoñibilidades orzamentarias existentes, poderá financiar ata un 100% dos gastos obxecto de financiamento non podendo superar, en calquera caso, cada axuda individualizada a cantidade de 10.000 euros.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as asociacións de consumidores que estean legalmente constituídas e inscritas, no momento de publicarse esta resolución no Diario Oficial de Galicia, na Sección Xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio, cunha antigüidade mínima dun ano cumprido na data de publicación desta resolución.

2. As asociacións de consumidores beneficiarias deberán ter un ámbito de actuación inferior ao autonómico e non encontrarse integradas nin en federacións nin en confederacións de asociacións de consumidores galegas

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas asociacións que, incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego de Consumo.

4. Para que as asociacións poidan beneficiarse destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer, polo menos, dunha oficina cuxa finalidade primordial sexa a defensa dos consumidores e usuarios e que estea aberta ao público un mínimo de 25 horas semanais.

b) Facilitar nas súas oficinas información a todos os consumidores que así o soliciten para o axeitado exercicio dos seus dereitos, e atender e tramitar as reclamacións dos seus asociados.

c) Atoparse adheridas ao Sistema Arbitral de Consumo a través da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, tendo o deber de participar nos colexios arbitrais a través dos árbitros designados por elas.

d) Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 5º.-Solicitude e documentación.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican nos artigos 2º e 3º da convocatoria.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do CIF.

b) Certificado do/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a comprensivo do acordo polo cal se acolle á axuda xunto co orzamento de gastos da entidade solicitante para o ano 2011 onde figurarán os gastos susceptibles de financiamento desagregados (anexo III). Se unha asociación tivese varias oficinas, presentará os gastos de funcionamento, susceptibles de financiamento, de todas as oficinas de que dispón segundo o que se indica no anexo III a esta resolución.

c) Certificado do/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a relativo ao número de sedes, localización e enderezo, así como ao horario de atención ao consumidor (anexo IV).

d) Certificado do número de socios, entendidos como tales os que se atopen ao día de pago das súas cotas, e importe das cotas percibidas (anexo V).

e) Certificación do concello onde se faga constar a poboación do municipio segundo os datos existentes no último censo dispoñible.

f) Compromiso de mediación, no caso da súa sinatura, en relación coas reclamacións presentadas na oficina segundo anexo VI. En relación con este compromiso, no caso de confirmarse, a oficina deberá levar un rexistro das reclamacións en que se levou a cabo a mediación. O dito rexistro, así como toda a documentación acreditativa da reclamación, deberá gardarse e custodiarse polo menos durante un período de tres anos.

g) Copia da carta de servizos publicada, se é o caso.

h) Certificado do/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a da asociación referente ao conxunto de todas as solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais (anexo VIII).

i) Declaración responsable de non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, seguindo o modelo que se insire como anexo IX.

j) Acreditar, segundo o establecido no artigo 6º.1 destas bases, que está ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, de conformidade co que se dispón no artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 10º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente na solicitude este consentimento. Neste caso, a asociación deberá presentar as ditas certificacións acreditativas nos termos establecidos no artigo 10º.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Igualmente, os interesados non terán que achegar documentos que xa estivesen en poder da Administración actuante sempre que fagan constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados os ditos documentos consonte o que se dispón no artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Instituto Galego de Consumo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 7º.-Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas a que fan referencia esta bases será o Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo, e corresponderalle á Presidencia do Instituto Galego de Consumo ditar a resolución da concesión.

Artigo 8º.-Instrución dos procedementos.

1. Conforme o establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta lei e nesta resolución, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, rectifique a falta ou acompañe os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, procederase conforme o que determina o artigo 42º.1 de la citada lei.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6º.1 resulta que o solicitante non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución, así como de propoñer a concesión ou denegación da subvención aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) A xerente do Instituto Galego de Consumo, que a preside;

b) O/a xefe/a do Servizo de Información, Cooperación e Fomento, que actuará como secretario/a;

c) O/a xefe/a do Servizo de Asuntos Xerais, o xefe/a do Servizo de Protección ao Consumidor, o/a xefe/a de Servizo de Seguridade de Produtos e os/as xefes/as dos servizos provinciais do Instituto Galego de Consumo, que actuarán como vogais.

A citada comisión quedará validamente constituída en primeira convocatoria sempre que asistan a ela o seu presidente/a, ou persoa en que delegue, tres vogais e o secretario/a; e en segunda convocatoria sempre que asistan a ela o seu presidente/a ou persoa na que delegue, o secretario/a e un vogal. Os acordos serán adoptados por unanimidade.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nesta resolución. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

1. As actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán os seguintes, por orde decrecente de importancia:

a) Ámbito de actuación da asociación: ata un máximo de 50 puntos.

b) Compromiso de mediación en relación coas reclamacións presentadas na súa oficina: ata un máximo de 40 puntos.

c) Número de oficinas abertas ao público: ata un máximo de 30 puntos.

d) Horario de atención ao público: ata un máximo de 30 puntos.

e) Número de habitantes do concello ou concellos onde exerza a súa actividade: ata un máximo de 30 puntos.

f) Dispor de carta de servizos: ata un máximo de 20 puntos.

Artigo 11º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao presidente/a do Instituto Galego de Consumo.

2. O presidente/a do Instituto Galego de Consumo á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, os conceptos que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder dos seis meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no DOG desta resolución.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59º.6 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Galego de Consumo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta resolución esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que deberán cumprirse son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo de instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se xunta como anexo X, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 91º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42º.1 da mesma lei.

Artigo 16º.-Obrigas do beneficiario.

Son obrigas do beneficiario as establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, en concreto, as que se relacionan a seguir:

a) Realizar a actividade nas condicións que fundamentaron a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación a efectuar polo órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles fose requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Esta subvención é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, sempre e cando o importe total das subvencións ou axudas concedidas non supere o custo total da actividade.

d) Poñer á disposición do IGC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuación de comprobación e control.

f) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Para as subvencións indicadas no artigo 2º das bases, as asociacións deberán exhibir no lugar de atención aos consumidores e de maneira visible, un cartel informativo en que figure o patrocinio do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 17º.-Xustificación.

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación nos lugares sinalados no artigo 3º da convocatoria, tendo de prazo límite para presentala ata o 30 de outubro de 2011:

a) Certificación do secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, que indique o total dos gastos efectuados de acordo co anexo XI a esta resolución.

b) Relación numerada e circunstanciada das facturas, nóminas, recibos de aluguer, boletíns de cotización ou xustificantes dos gastos realizados, obxecto de subvención.

c) Os gastos xustificaranse mediante facturas orixinais, fotocopias compulsadas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil o con eficacia administrativa, sempre que se trate de gastos realizados durante o período subvencionable fixado na correspondente convocatoria. Excepcionalmente, e tendo en conta a natureza e contía dos gastos, estes poderanse xustificar con recibos que se xuntarán dunha certificación da entidade, facendo constar que os ditos gastos se levaron a cabo con cargo á subvención concedida, detallando a procedencia e os conceptos a que corresponden.

d) As facturas (orixinais ou copias compulsadas) correspondentes ao ano 2011 estarán expedidas a nome da asociación beneficiaria da subvención e deberá figurar nelas o CIF ou NIF da empresa provedora, desagregación de impostos suxeitos a gravame e con especificación clara do seu contido, debe quedar reflectido que o seu pagamento foi efectuado ou xuntarse o recibo acreditativo do pagamento.

e) Nos recibos deberá constar o nome e apelidos do perceptor, NIF, concepto e posibles retencións de impostos que correspondan segundo as normas vixentes en cada momento. Non se admitirán recibos, como xustificante de pagamento, por cantidades superiores a 99 euros por cada recibo, e globalmente por tipo de concepto superiores a 3.000 euros.

f) No caso de solicitar axuda para gastos de persoal deberá presentar copia compulsada do contrato de traballo e boletíns de cotización do persoal contratado.

g) Respecto dos gastos de transporte, excepto que se autorizase previamente o uso de vehículo particular, a xustificación consistirá na presentación do billete orixinal ou factura da axencia de viaxes emisora del. A presentación da factura non exclúe a obriga de presentar billetes orixinais. No caso de uso de taxi, admitirase o tícket como medio de xustificación do pagamento. No caso de uso de vehículo propio, poderase admitir o recibo como modo de xustificación do pagamento. O dito recibo deberá estar asinado polo perceptor, deberá figurar o nome, apelidos, NIF, distancia percorrida en quilómetros, importe por quilómetro, importe total, data da viaxe, motivo do viaxe así como o correspondente recibín.

h) Polo que respecta aos gastos de manutención, admitirase o tícket correspondente, sempre dentro dos límites diarios establecidos nesta resolución.

i) Nun mesmo recibo poderanse xustificar os gastos de locomoción e manutención, cumprindo coas condicións indicadas nas letras anteriores.

j) Cando unha mesma actividade supoña varios gastos, os xustificantes destes presentaranse agrupados e ordenados por cada concepto e acompañados por cada agrupación dunha relación asinada polo representante legal do beneficiario.

k) Conxunto mínimo básico de datos relativos ao ano 2011 que a organización debe presentarlle ao Instituto Galego de Consumo, segundo o modelo que consta no anexo VII. Estes datos relativos ao 2011 son ata a data de xustificación.

l) Certificación da conta bancaria en que conste o código do banco, código da sucursal, díxito de control e código da conta corrente, onde deba realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

m) Certificación do secretario/a da organización, co visto e prace do/a presidente/a do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, desde o momento da convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais desde a data da concesión da axuda, de acordo co modelo que se establece como anexo VIII a esta resolución.

n) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente o pagamento de ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma galega nos termos establecidos no artigo 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para a dita acreditación seguirase o criterio establecido no artigo 6º.1 destas bases.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, o/a presidente/a do Instituto Galego de Consumo ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Se na xustificación dos gastos se produce unha desviación superior ao 15% e inferior ou igual ao 25% respecto ao orzamento presentado e tido en conta para a concesión da subvención, procederase mediante a correspondente resolución de modificación a unha minoración da contía da subvención concedida; de tal xeito que se aplicará á cantidade realmente gastada a mesma porcentaxe que se aplicou á cantidade orzada para o cálculo da subvención.

4. Unha desviación superior ao 25% dará lugar á perda do dereito á subvención nos termos establecidos na base 20 desta resolución, excepto no caso que se xustifique que se teñen cumprido os obxectivos para os que se concedeu a axuda económica. Neste suposto, procederase á minoración da contía da subvención na forma prevista no parágrafo anterior.

Artigo 18º.-Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes do Instituto Galego de Consumo, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Unha vez resolto o expediente, para acadar unha maior operatividade deste tipo de axudas e por se tratar de entidades sen ánimo de lucro, poderá autorizarse un anticipo de pagamento de ata o 80% da dita subvención e sen que supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario de acordo co establecido no artigo 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e artigo 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

O resto do importe librarase no momento de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a axuda e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 65º.4 e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non están obrigadas a constituír garantía.

Artigo 19º.-Incumprimentos, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33º e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria do Instituto Galego de Consumo. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/Ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20º.-Fiscalización e control.

1. O Instituto Galego de Consumo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, a concesión das axudas e subvencións reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 21º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Consumo.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "00300D012P089.PDF"