DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2011 Páx. 280

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de indemnizacións, axudas de compensacións complementarias e axudas para a compra de gando bovino e ovino-cabrún que teña por obxecto a reposición das reses, como consecuencia do sacrificio obrigatorio de gando en execución dos programas de control e erradicación de enfermidades dos animais, e se convocan para o ano 2011.

A detección das enfermidades animais incluídas nos programas de loita, control e erradicación autorizados pode derivar no sacrificio obrigatorio e na destrución dos animais, seguido dunha hixienización das instalacións da explotación, de acordo coa normativa en vigor.

O Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais (BOE nº 307, do 21 de decembro), establece no seu artigo 2º as enfermidades que estarán sometidas a control oficial en programas nacionais de erradicación.

Conforme o establecido no artigo 21º da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e demais lexislación concordante, os titulares dos animais sacrificados de forma obrigatoria na execución de programas de erradicación de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún e ovino-cabrún, terán dereito a recibir a correspondente indemnización en función dos baremos aprobados oficialmente.

Así mesmo, os titulares de gando afectado pola lingua azul ou febre catarral ovina terán dereito á correspondente indemnización segundo o suposto que lles corresponda en función da normativa que establece os baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio dos animais afectados desta enfermidade.

O Real decreto 3454/2000, do 22 de decembro, polo que se establece e regula o Programa integral coordinado de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles dos animais, no seu artigo 9º establece que o sacrificio dos animais por sospeita e/ou confirmación destas enfermidades, dará dereito a unha indemnización por sacrificio obrigatorio de acordo cos baremos oficialmente establecidos.

As decisións da Comisión 2006/759/CE e 2007/848/CE que aproban os programas nacionais de España para o control da salmonela en mandas de reprodutoras e de poñedoras da especie Gallus gallus, e así mesmo, a Decisión 2009/771/CE que aproba o programa nacional español para o control da salmonela en mandas de pavos da especie Meleagris gallopavo, recollen nunha das súas medidas o sacrificio obrigatorio das aves das mandas consideradas infectadas.

O Real decreto 445/2007, do 3 de abril (BOE nº 95, do 20 de abril), polo que se establecen as medidas de loita contra a influenza aviaria, incorpora ao dereito español a Directiva 2005/94/CE do Consello, relativa a medidas comunitarias de loita contra a influenza aviaria; este real decreto establece que o sacrificio obrigatorio das aves dará dereito ao seu titular á correspondente indemnización.

Ademais o Real decreto 864/2010, do 2 de xullo (BOE nº 178, do 23 de xullo) polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións para a repoboación da explotación no caso de baleiro sanitario, no marco dos programas nacionais de loita, control ou erradicación da tuberculose bovina, brucelose bovina, brucelose ovina e cabrúa, lingua azul e encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Os baremos oficiais de indemnizacións que serán aplicados son os que están vixentes e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante ordes do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño ou ben mediante real decreto. Así, a Orde do 15 decembro de 2000 (BOE nº 303, do 19 de decembro) establece os baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio de animais sospeitosos ou afectados de encefalopatías esponxiformes transmisibles, o Real decreto 1473/2005, do 9 de decembro (BOE nº 311, do 29 de decembro), modifica os anexos do Real decreto 1328/2000, do 7 de xullo, polo que se establecen os baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio dos animais obxecto de programas nacionais de erradicación de enfermidades, a Orde APA/1438/2005, do 17 de maio (BOE nº 122, do 23 de maio), modifica a Orde do 15 de decembro de 2000, pola que se establecen os baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio de animais afectados de lingua azul, e o Real decreto 823/2010, do 25 de xuño

(BOE nº 171, do 15 de xullo), polo que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas nacionais de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus, e de mandas de pavos reprodutores.

Con todo, as indemnizacións establecidas non cobren suficientemente as importantes perdas económicas dos produtores naquelas explotacións en que se fai un baleiro sanitario por sacrificio preventivo e destrución de todos os seus animais, que se ven obrigadas, ademais, a asumir un período de inactividade produtiva ata que os servizos veterinarios oficiais autorizan a reintrodución de animais na explotación. Consecuentemente, resulta pertinente establecer mecanismos de compensación complementaria.

Por outra parte, cómpre ter en conta a dificultade con que se atopa o produtor para poder repoñer os animais de similares características a aqueles que se lle obrigou a sacrificar e que, na maior parte dos casos, non hai posibilidade de acadar a reposición total ao mesmo tempo.

Polo tanto, para aqueles casos en que coas indemnizacións por sacrificio obrigatorio non se acada o valor de adquisición de novos animais similares aos sacrificados e consecuentemente non resultaría factible repoñer eses animais, considérase necesario establecer axudas para favorecer a reposición do gando sacrificado obrigatoriamente.

O artigo 10º do Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 358, do 16 de decembro), sobre aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, e polo que se modifica o Regulamento (CE) 70/2001, establece que estas axudas destinadas a compensar os agricultores polas perdas por enfermidades dos animais serán compatibles co mercado común e quedarán exentas da obriga de notificación (conforme o número 3 dos artigos 87º e 88º).

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire o artigo 14º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é o establecemento das bases reguladoras e convocar para o ano 2011:

-As indemnizacións a que teñen dereito os titulares, rexistrados en Galicia, de animais e /ou produtos sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivo do control e erradicación de enfermidades animais.

-As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante nos casos de inactividade nunha explotación gandeira, rexistrada en Galicia, por motivos dunha enfermidade sometida a un programa de erradicación.

-As axudas para a compra de animais das especies bovina, ovina e cabrúa que teña por obxecto a reposición de efectivos naquelas explotacións rexistradas en Galicia en que se ordenou o sacrificio de animais destas especies, tras a realización do diagnóstico dunha das enfermidades sometidas a un programa oficial de control ou erradicación. Tamén se incluirán os casos de morte dos animais das citadas especies por mor dunha enfermidade sometida a un programa oficial de control ou erradicación e os casos de morte/sacrificio deses animais consecuencia dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

2.1. Poderán ser beneficiarios das indemnizacións os seguintes titulares con explotacións rexistradas en Galicia:

1. Os titulares dos animais que se sacrifiquen ou morran por reaccionaren ás probas diagnósticas de tuberculose bovina, brucelose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

2. Os titulares dos animais e os seus produtos de calquera especie sacrificados/mortos e /ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

3. Os titulares dos animais e produtos das especies Gallus gallus e Meleagris gallopavo sacrificados/destruídos por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

4. Os titulares das aves e produtos sacrificados/destruídos pola aparición dun foco de influenza aviaria.

5. Os demais supostos recollidos na Lei de sanidade animal e na normativa estatal básica de desenvolvemento dos programas sanitarios de control e/ou erradicación de cada enfermidade.

2.2. Poderán ser beneficiarios das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante os titulares das explotacións rexistradas en Galicia nas cales se sacrificase ou destruíse de forma preventiva a totalidade do seu censo, por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha enfermidade sometida a un programa oficial de erradicación.

2.3. Poderán ser beneficiarios das axudas para a compra de animais os titulares de explotacións rexistradas en Galicia nas cales se ordenara o sacrificio obrigatorio de bovinos, ovinos ou cabrúns existentes nelas, e como consecuencia do diagnóstico dunha das enfermidades sometidas a un programa oficial de control ou erradicación, así como os titulares daquelas explotacións onde morresen ou se lles practicase a eutanasia ás ditas especies animais, por mor dunha enfermidade sometida a un programa oficial de control ou erradicación ou por mor dun programa oficial obrigatorio de vacinación.

Artigo 3º.-Requisitos.

3.1. Para poder ter dereito ás indemnizacións/axudas reguladas nesta orde é imprescindible que os beneficiarios e as súas explotacións gandeiras cumpran de forma estrita a normativa en vigor sobre sanidade animal, identificación, rexistro e benestar animal, programas nacionais de control e erradicación de enfermidades animais e vixilancia epidemiolóxica das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

3.2. Para as axudas de compra de animais destinados á reposición, a Administración comprobará, ademais, os seguintes requisitos:

a) En todos os casos, ter sacrificado obrigatoriamente aqueles animais de especies susceptibles de padeceren a enfermidade e que foron diagnosticados positivos ou sospeitosos.

b) Ter efectuado previamente á reposición dos animais, a limpeza e desinfección da explotación de acordo coa lexislación vixente e as instrucións da autoridade competente.

c) Cumprir a normativa establecida na Orde do 4 de abril de 1997 pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa.

d) Requisitos dos animais adquiridos:

1. Os animais da especie bovina obxecto da axuda procederán de explotacións con cualificación sanitaria T3 e B4 e libres de encefalopatías esponxiformes transmisibles, e os das especies ovina e cabrúa de explotacións con cualificación sanitaria M4 e tamén libres de EETs.

2. Unicamente será subvencionable a reposición efectuada con animais correctamente identificados e rexistrados e para manter na explotación un nivel de produción similar ao existente con anterioridade ao sacrificio.

Artigo 4º.-Financiamento.

4.1. As indemnizacións, compensacións complementarias por lucro cesante e as axudas para compra de animais destinados á reposición establecidas nesta orde, así como as indemnizacións correspondentes aos animais sacrificados ou produtos destruídos que non puideron ser tidos en conta por presentar os certificados de sacrificio ou destrución con posterioridade ao pechamento do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011:

-13.02.713E.470.1 destínase inicialmente un importe de 400.000 euros.

-13.02.713E.770.0 destínase inicialmente un importe de 700.000 euros.

4.2. Os importes citados poderán ser incrementados dentro dos límites orzamentarios, conforme o previsto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4.3. A concesión das axudas estará condicionada á aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, de acordo co artigo 5º da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

4.4. As axudas complementarias para a compra de gando para a reposición nos casos de baleiro sanitario do capítulo II-sección cuarta cofinanciaranse con fondos do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño ata o 50%.

Artigo 5º.-Resolución e notificación.

5.1. Nas indemnizacións, unha vez comprobados os requisitos exixidos polos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural e pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria:

1. Emitirase resolución do conselleiro do Medio Rural de aprobación ou denegación da indemnización, en que se especificarán os recursos que proceden. Contra esta resolución poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da súa notificación, segundo a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. No caso de que transcorridos tres meses dende a presentación do xustificante do sacrificio ou destrución dos animais ou productos afectados, non se rexistrase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a indemnización. Transcorrido o dito prazo, o interesado disporá de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a indemnización para interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural.

3. Así mesmo, a tramitación da indemnización leva implícita a autorización para o tratamento dos datos, para os efectos do disposto en referencia ao Rexistro Público de Subvencións, no artigo 16º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5.2. Axudas de compensacións complementarias e axudas á reposición de animais:

1. Os servizos provinciais de Gandaría remitiranlle á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria o seu informe sobre as solicitudes presentadas. A tramitación das axudas correspóndelle ao director xeral de Produción Agropecuaria, que elevará a correspondente proposta de resolución ao conselleiro do Medio Rural, sendo a este a quen lle corresponde a resolución das axudas.

2. Emitirase resolución do conselleiro do Medio Rural de aprobación ou denegación da axuda, en que se especificarán os recursos que proceden. Contra esta resolución poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da súa notificación, segundo a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se é expresa, e de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Poderán resolverse as solicitudes de axuda a medida que se vaian presentando, conforme o previsto no artigo 19º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás no caso das axudas complementarias para a reposición nos caso de baleiro sanitario, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva.

4. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

5. No suposto de que transcorridos seis meses dende o rexistro da solicitude da axuda non se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude da axuda. Ao finalizar o devandito prazo, o interesado dispón de tres meses para interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural.

5.3. Modificación da resolución:

A resolución de concesión da axuda ou da indemnización poderá ser modificada por:

a) Alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente da mesma axuda ou da mesma indemnización, outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 6º.-Compatibilidade.

6.1. As indemnizacións reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra indemnización que se poida obter das distintas administracións para esta finalidade, sempre e cando non se supere o valor do animal sacrificado.

6.2. As axudas de compensacións complementarias por lucro cesante reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra que se poida obter das distintas administracións para esta finalidade. No suposto de que se engadan varias axudas, o importe acumulado da axuda concedida non poderá exceder nunca o 100% dos custos reais soportados.

6.3. As axudas para a compra de animais de reposición reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra que se poida obter das distintas administracións para a mesma finalidade. Sen prexuízo do previsto no artigo 19º do Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, o importe das axudas reguladas nesta orde en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, destinadas ao mesmo fin (con especial referencia ao Real decreto 864/2010, para os casos de baleiro sanitario), o custo da reposición.

Artigo 7º.-Reintegro.

7.1. O incumprimento polo beneficiario de calquera das condicións establecidas nesta orde dará lugar á perda do dereito á axuda ou indemnización e á devolución, se é o caso, das cantidades indebidamente percibidas.

7.2. Igualmente procederá o reintegro nos supostos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo doutras responsabilidades que procederen (artigo 37º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento.

8.1. Axudas para a compra de animais de reposición:

1. Para as axudas para a compra de animais de reposición, os servizos provinciais de Gandaría realizarán as comprobacións da documentación presentada polos solicitantes para xustificar a compra das reses e a reposición efectiva.

2. O pagamento da axuda realizarase dunha soa vez, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos.

De acordo co artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, agás para os beneficiarios das axudas que non superen un importe de 1.500, que non o precisan.

8.2. O pagamento das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante e das axudas para a compra de animais destinados á reposición estará suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias vixentes.

Artigo 9º.-Controis.

9.1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos, co fin de comprobar a veracidade dos datos reflectidos na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda ou indemnización. O beneficiario estará obrigado a colaborar nos controis e nas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

9.2. Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Capítulo II

Condicións específicas

Sección primeira

Indemnizacións

Artigo 10º.-Contía das indemnizacións.

10.1. As contías das indemnizacións serán as que correspondan en cada momento segundo os baremos ou prezos oficiais aprobados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

10.2. No caso dos produtos destruídos por motivo das encefalopatías esponxiformes transmisibles, cando a aplicación dos prezos citados non acade o valor medio normal nos mercados de referencia, farase unha taxación a prezo de mercado.

Artigo 11º.-Tramitación das indemnizacións.

11.1. Nas indemnizacións o procedemento iniciarase de oficio nos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural (sen solicitude).

Os beneficiarios das indemnizacións deberán presentar, segundo a enfermidade de que se trate e seguindo instrucións dos departamentos territoriais da consellería, a documentación seguinte:

a) Autorización para a consulta de datos de identidade (anexo II). No caso de que o beneficiario/a non prestase o consentimento para a comprobación dos seus datos, poderáselle exixir que entregue a fotocopia do documento de identidade correspondente.

b) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta achegada para a domiciliación dos pagamentos corresponde ao beneficiario.

c) Autorizacións de traslado (conduces) ao matadoiro dos animais.

d) Xustificantes do sacrificio/eutanasia dos animais conforme a normativa vixente.

e) Documentos comerciais de acompañamento de subprodutos animais.

f) Xustificantes de destrución de produtos.

11.2. O beneficiario que non achegue a documentación requirida ou non emende a errónea no prazo de dez días desde o momento que llo notificase o Servizo Provincial de Gandaría, poderá ser declarado desistido da súa indemnización, segundo o artigo 76º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11.3. De conformidade co establecido pola Consellería de Presidencia no artigo 2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, e coa Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, para a verificación dos datos de identidade a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente esta consulta e o consentimento deberá aparecer na solicitude da axuda; no caso de que o interesado/a non prestase o consentimento para a comprobación dos seus datos, poderáselle exixir que entregue a fotocopia do documento de identidade correspondente; así mesmo, de haber discordancia entre os datos facilitados polo interesado/a e os que consten no acceso informático que se estableza, o órgano competente poderá realizar as actuacións necesarias para a súa aclaración.

Sección segunda

Axudas de compensacións complementarias por lucro cesante

Artigo 12º.-Contía das compensacións complementarias.

12.1. O importe das compensacións complementarias por lucro cesante será determinado con base nos cálculos aplicados ás marxes brutas das principais actividades produtivas gandeiras das explotacións, que se xuntan como anexo I a esta orde, tendo en conta o período de inactividade a partir do día en que a autoridade competente sinale o baleiro sanitario da explotación. O período indemnizable será de tres meses contados dende o mesmo día en que se autorice oficialmente a reintrodución de animais e sumados ao tempo de baleiro da explotación, e sempre de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

12.2. Os cálculos para a determinación das compensacións faranse multiplicando o valor en euros da marxe bruta de cada unidade de produción polo número de unidades de produción que consten como datos oficiais referidos á explotación afectada na Consellería do Medio Rural. Resultará así un importe anual que, dividido entre 365 días, determinará o importe diario, que será multiplicado polo número de días de inactividade.

En caso de recuperación parcial da actividade serían descontados, para os días restantes, os importes das unidades de produción correspondentes.

12.3. Para os casos en que o período de inactividade supoña a perda de posibilidade de percepción do importe total da prima anual, aplicarase para o cálculo o valor da marxe bruta sen prima, e incrementarase o importe final co valor total anual da prima.

12.4. No cálculo das axudas de compensacións complementarias por lucro cesante, teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Para causar dereito á axuda, as enfermidades deben figurar na lista de epizootias da Oficina Internacional de Epizootias ou no anexo da Decisión 90/424/CEE.

b) A axuda limitarase a perdas ocasionadas polas enfermidades cuxos brotes foran oficialmente recoñecidos polas autoridades competentes dentro dun programa público de erradicación.

c) Restaranse do importe máximo da axuda os importes recibidos en virtude de réximes de seguros e os custos que non se efectuasen debido á enfermidade e que se terían efectuado en todo caso.

d) Non se poderán conceder axudas por enfermidades para as cales a normativa comunitaria impoña taxas específicas para medidas de loita contra elas.

e) Non se poderán conceder axudas por medidas cuxo custo, segundo o establecido pola normativa comunitaria, deba ser sufragado polos gandeiros, salvo que ese custo quede totalmente compensado por taxas obrigatorias pagadas polos produtores.

f) Non se poderán pagar axudas para compensar perdas ou gastos producidos nun momento anterior a un prazo de catro anos.

Artigo 13º.-Tramitación das compensacións complementarias.

13.1. Nas axudas de compensacións complementarias por lucro cesante, o procedemento iniciarase nos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural, despois de presentaren os titulares a correspondente solicitude da axuda.

13.2. Nas compensacións complementarias as solicitudes das axudas faranse empregando o modelo que figura como anexo III desta orde. Os solicitantes deberán presentar xunto coa solicitude (unha soa solicitude por NIF e por ano) os documentos seguintes:

a) Certificación da entidade bancaria acreditativa de que a conta sinalada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ao solicitante.

b) Certificacións do sacrificio/eutanasia dos animais, conforme a normativa vixente, e do baleiro sanitario da explotación.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

d) Declaración de titularidade de pólizas de seguros gandeiros e documento xustificativo dos importes percibidos polo seguro, de ser o caso.

e) No caso de persoas xurídicas, copia compulsada do documento de constitución da sociedade e os estatutos, e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade, en que conste o acordo de solicitar a axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala.

13.3. Se as solicitudes destas axudas non reúnen os requisitos sinalados no punto 2, os servizos provinciais de Gandaría requirirán o interesado na forma establecida no artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa solicitude, despois de ditada resolución para o efecto.

13.4. As solicitudes das axudas de compensacións complementarias poderán presentarse no rexistro xeral da Xunta de Galicia-Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en Santiago de Compostela, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte da data de publicación desta orde ata o 21 de novembro de 2011, incluíndo esta data no cómputo do prazo.

13.5. De conformidade co establecido pola Consellería de Presidencia no artigo 2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, e coa Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, para a verificación dos datos de identidade a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente esta consulta e o consentimento deberá aparecer na solicitude da axuda; no caso de que o interesado/a non prestase o consentimento para a comprobación dos seus datos, poderáselle exixir que entregue a fotocopia do documento de identidade correspondente; así mesmo, de haber discordancia entre os datos facilitados polo interesado/a e os que consten no acceso informático que se estableza, o órgano competente poderá realizar as actuacións necesarias para a súa aclaración.

13.6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Sección terceira

Axudas para a compra de gando bovino e ovino-cabrún

para reposición

Artigo 14º.-Contía das axudas para a reposición.

14.1. As axudas para a compra de animais destinados á reposición poderán concederse nas contías e cos límites seguintes:

a) 400 € por animal adquirido da especie bovina, e 40 € para o ovino-cabrún, importe que será incrementado nun 10% se a explotación pertence a unha ADSG, ata un máximo de 20.000 € por beneficiario nos casos de baleiro sanitario nunha explotación, ou ata un máximo de 12.000 € por beneficiario nos casos en que non se realiza o baleiro sanitario da explotación. As axudas para a compra de animais destinados á reposición nos casos de baleiro sanitario nunha explotación, serán compatibles coas axudas establecidas no Real decreto 864/2010.

b) Ademais do establecido nos puntos anteriores, poderá concederse unha contía adicional para o gando bovino nos casos seguintes:

1. Se os animais bovinos sacrificados pertencen a explotacións incluídas en núcleos de control leiteiro, nun importe por animal igual ao resultado de multiplicar:

-0,15 € polos quilos de leite resultantes de aplicar a diferenza entre o rendemento leiteiro medio das lactacións finalizadas, de polo menos o 60% das femias da explotación con maior rendemento, e a cantidade de 6.700 quilos.

2. Se os animais bovinos sacrificados pertencen a unha raza cárnica e están inscritos no libro xenealóxico da citada raza, poderase engadir unha contía adicional de:

-150 € en vacas menores de 10 anos, cualificación morfolóxica de 75 a 79 puntos.

-300 € en vacas menores de 10 anos, cualificación morfolóxica de 80 a 84 puntos.

-450 € en vacas menores de 10 anos, cualificación morfolóxica de máis de 85 puntos.

Aplicaríase a cualificación morfolóxica que figure na carta do animal.

Nestes últimos casos o límite máximo por beneficiario será de 36.000 €.

c) En todo caso a axuda concedida para compensar a diferenza entre o importe das indemnizacións xa concedidas polo animal sacrificado por motivos sanitarios e o prezo de adquisición dun animal de substitución, non poderá exceder a axuda máxima á renda que se pode conceder en virtude do artigo 10º do Regulamento (CE) 1857/2006.

14.2. O número de reses obxecto da axuda non poderá ser superior, en ningún caso, ao dos animais que figuren asignados a esa explotación na base de datos oficial da Consellería do Medio Rural e que fosen obxecto de sacrificio obrigatorio/eutanasia ou mortos por enfermidade sometida a un programa oficial de control ou erradicación, ou mortos/e mortos por eutanasia debido a un programa oficial obrigatorio de vacinación, e sempre de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

14.3. No cálculo das axudas para a compra de animais destinados á reposición, teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Para causar dereito á axuda, as enfermidades deben figurar na lista de epizootias da Oficina Internacional de Epizootias ou no anexo da Decisión 90/424/CEE.

b) A axuda limitarase a perdas ocasionadas polas enfermidades cuxos brotes foran oficialmente recoñecidos polas autoridades competentes dentro dun programa público de prevención, control ou erradicación.

c) Restaranse do importe máximo da axuda os importes recibidos en virtude de réximes de seguros e os custos que non se efectuasen debido á enfermidade e que se terían efectuado en todo caso.

d) Non se poderán conceder axudas por enfermidades para as cales a normativa comunitaria impoña taxas específicas para medidas de loita contra elas.

e) Non se poderán conceder axudas por medidas cuxo custo, segundo o establecido pola normativa comunitaria, deba ser sufragado polos gandeiros, salvo que ese custo quede totalmente compensado por taxas obrigatorias pagadas polos produtores.

f) Non se poderán pagar axudas para compensar perdas ou gastos producidos nun momento anterior a un prazo de catro anos.

Artigo 15º.-Tramitación das axudas para a reposición.

15.1. Nas axudas para a compra de animais destinados á reposición, o procedemento iniciarase nos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural, despois de presentaren os titulares a correspondente solicitude da axuda.

15.2. Nas axudas para a compra de animais destinados á reposición as solicitudes de axudas faranse empregando o modelo que figura como anexo IV desta orde.

Xunto coa solicitude (unha soa solicitude por NIF e por ano), os solicitantes destas axudas achegarán a seguinte documentación:

a) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ao solicitante.

b) Facturas pagadas, ou documento equivalente, que acrediten a compra das reses polas cales se solicita a axuda.

c) Xustificantes do valor económico obtido na comercialización dos animais.

d) Xustificantes do importe percibido polas canais no matadoiro.

e) Declaración de titularidade de pólizas de seguros gandeiros e documento xustificativo dos importes percibidos polo seguro, de ser o caso.

f) No caso de que os animais bovinos sacrificados fosen de raza cárnica e estivesen inscritos no libro xenealóxico da raza, copia cotexada da carta xenealóxica dos animais sacrificados en que figure a cualificación morfolóxica.

g) Declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) No caso de persoas xurídicas, copia compulsada do documento de constitución da sociedade e os estatutos, e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade en que conste o acordo de solicitar a axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala.

i) Documento da entidade financeira (banco/caixa) que acredite o movemento bancario entre dúas contas bancarias distintas (a do comprador e a do vendedor), que será o xustificante dos pagamentos das facturas de compra das reses de reposición.

15.3. Se as solicitudes destas axudas non reúnen os requisitos sinalados no punto 2, os servizos provinciais de Gandaría requirirán o interesado na forma establecida no artigo 71º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se considerará o que desiste da súa solicitude, despois de ditada resolución para o efecto.

15.4. As solicitudes das axudas de reposición poderán presentarse no rexistro xeral da Xunta de Galicia-Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en Santiago de Compostela, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no Decreto 164/2005, do 16 de xuño. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde ata o 21 de novembro de 2011, incluíndo esta data no cómputo do prazo.

15.5. De conformidade co establecido pola Consellería de Presidencia no artigo 2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos, e coa Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, para a verificación dos datos de identidade a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente esta consulta e o consentimento deberá aparecer na solicitude da axuda; no caso de que o interesado/a non prestase o consentimento para a comprobación dos seus datos, poderáselle esixir que entregue a fotocopia do documento de identidade correspondente; así mesmo, de haber discordancia entre os datos facilitados polo interesado/a e os que consten no acceso informático que se estableza, o órgano competente poderá realizar as actuacións necesarias para a súa aclaración.

15.6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Sección cuarta

Axudas complementarias para a compra de gando bovino

e ovino-cabrún para a reposición nos casos de baleiro sanitario nunha explotación durante o ano 2010

Artigo 16º.-Obxecto e contía das axudas complementarias para a reposición.

16.1. Créase esta axuda complementaria para a reposición, que se concederá en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do establecido no Real decreto 864/2010, para os casos de baleiro sanitario producidos durante o ano 2010.

16.2. A contía máxima da axuda será a resultante de restar ao custo total de adquisición dos animais as cantidades percibidas en concepto de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio dos animais, o importe percibido polas canais no matadoiro ou na comercialización dos animais, o do correspondente seguro en caso de cubrir a póliza o risco de saneamento gandeiro ou EETs ou a enfermidade da lingua azul, e as axudas percibidas para reposición conforme a Orde do 9 de decembro de 2009 e/ou conforme a sección terceira desta orde, de ser o caso.

Esta axuda limitarase ao valor do 75% dos animais sacrificados, e en todo caso, o importe máximo por explotación será de 60.000 euros.

16.3. Os animais maiores de 96 meses de idade en gando bovino de aptitude cárnica, maiores de 72 meses de idade en gando bovino de aptitude leiteira ou maiores de 5 anos en gando ovino ou cabrún, e os animais menores de 12 meses de idade en gando bovino ou menores de 6 meses de idade en gando ovino o cabrún, só poderán ser obxecto de subvención ata un 5% do total destes animais.

Artigo 17º.-Tramitación das axudas complementarias para a reposición.

17.1. Poderán acollerse ás axudas previstas na presente sección cuarta desta orde os titulares das explotacións gandeiras, nas cales se procedera ao baleiro sanitario durante o ano 2010, que efectuaran a reposición (algunha compra) antes da data de rexistro da solicitude e que cumpran, polo menos, os seguintes requisitos:

a) Comprometerse a manter tanto a explotación como os animais obxecto da axuda durante un período mínimo de tempo de dous anos, salvo causas de forza maior.

b) Que a reposición se realizase tras un período mínimo de corentena de tres meses e que os animais de reposición procederan de explotacións cualificadas sanitariamente.

c) Non ter a explotación gandeira a consideración de empresa en crise.

d) Estar ao día das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

e) Estaren as explotacións gandeiras inscritas en estado de alta no Rexistro de Explotacións Gandeiras previsto no artigo 3º.3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, así como dispoñer do correspondente libro de rexistro debidamente actualizado.

f) Cumprir a normativa sectorial mínima correspondente en materia de ordenación, benestar, identificación, sanidade animal, ambiente e hixiene.

g) Cumprir os requisitos para a consideración de peme de acordo co anexo I do Regulamento (CE) 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

17.2. As solicitudes de axudas complementarias para a compra de animais destinados á reposición presentaranse segundo o previsto no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nas oficinas veterinarias comarcais ou nos servizos provinciais de gandaría, como máis tarde o 28 de febreiro de 2011, empregando o modelo que figura como anexo V desta orde, e o procedemento iniciarase nos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural. Xunto coa solicitude (unha soa solicitude por NIF e por ano). Os solicitantes destas axudas achegarán a seguinte documentación:

a) Declaración responsable de manter tanto a explotación como os animais obxecto da axuda durante un período mínimo de tempo de dous anos.

b) Declaración responsable de non ter procedido á reposición ata transcorrido un período mínimo de corentena de tres meses e de que os animais de reposición procederon de explotacións cualificadas sanitariamente.

c) Declaración responsable expresa de que a explotación gandeira non ten a consideración de empresa en crise.

d) Declaración responsable do cumprimento da normativa sectorial mínima correspondente en materia de ordenación, benestar, identificación, sanidade animal, ambiente e hixiene.

e) Documentación xustificativa da condición de peme da explotación, consistente nunha declaración responsable do órgano de dirección da entidade solicitante.

f) Orixinal ou copia cotexada, compulsada ou autenticada, de factura de compra dos animais, ou copia cotexada do contrato de compra-venda deles.

g) De ser o caso, xustificantes de que os animais comprados de razas puras están inscritos nun libro xenealóxico.

h) De ser o caso, factura da venda do matadoiro ou industria cárnica dos animais sacrificados, ou factura da venda do operador comercial dos animais que se vaian sacrificar.

i) De ser o caso, copia da póliza do seguro agrario que cubra a garantía de saneamento gandeiro ou as EET ou a enfermidade da lingua azul das reses sacrificadas, e certificado da entidade aseguradora de se se percibira ou solicitara por tal concepto algunha cantidade.

j) De ser o caso, documento acreditativo da pertenza da explotación a algunha forma asociativa do ámbito agrario (ADSG, cooperativa...).

De acordo co artigo 20º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, agás para os beneficiarios das axudas que non superen un importe de 1.500 euros, que non o precisan.

Artigo 18º.-Procedemento e criterios obxectivos de concesión das axudas.

18.1. O procedemento de concesión das axudas previstas nesta acción IV desta orde é o de concorrencia competitiva. Por esa causa, ordenaranse as solicitudes en función da súa puntuación, de acordo cos seguintes criterios obxectivos:

a) Ter contratada a garantía de saneamento gandeiro ou de encefalopatías esponxiformes transmisibles ou, de ser o caso, de lingua azul, das liñas de seguros previstas para o gando vacún, ovino ou cabrún no Plan de seguros agrarios combinados do exercicio de que se trate: 10 puntos.

b) Explotacións gandeiras integradas en agrupacións de defensa sanitaria, cooperativas ou outra forma asociativa do ámbito agrario: 5 puntos para as integradas en ADS e 3 puntos para as integradas noutras formas asociativas do ámbito agrario.

c) Reposición con animais de razas puras inscritos nos libros xenealógicos: 5 puntos.

18.2. No caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, romperase o empate a favor do solicitante que obtivera maior puntuación na letra a) do punto 1 e, en caso de persistir o empate, actuarase de igual xeito coas letras b) e c).

18.3. En todos os casos, na concesión de axudas atenderase ao establecido na Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, de modo que se prestará unha atención preferente aos profesionais da agricultura, e deles prioritariamente aos que sexan titulares dunha explotación territorial, conforme o establecido na citada lei.

18.4. No caso de que algún dos beneficiarios renunciase á axuda, o órgano que concede a axuda acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da axuda ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel en puntuación, sempre e cando coa renuncia se liberase crédito suficiente para atender, polo menos, unha das solicitudes denegadas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Nos aspectos non recollidos nesta orde, haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Segunda.-Esta orde está suxeita á comunicación á Unión Europea e o pagamento das axudas quedará, en todo caso, condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten unha decisión de non formular obxeccións a elas, ou declarasen a axuda compatible co Mercado Común, e ás posibles observacións e modificacións derivadas de tal pronunciamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "00300D008P056.PDF"

ANEXO II

Indemnizacións

Autorización para a consulta de datos de identidade

Apelidos e nome: ...................... con NIF ............. Teléfono …… e enderezo .......................................

w SI

AUTORIZO

w NON

a Consellería do Medio Rural, de conformidade co artigo 2º do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e coa Orde do 7 de xullo de 2009 pola que se desenvolve o Decreto 255/2008, para levar a cabo a consulta dos meus datos de identidade no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Presidencia, co fin de tramitar as indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando en execución dos programas de control e erradicación de enfermidades dos animais.

…………., … de …………………..…de 2011.

Asdo.: ……………………………………

Ver referencia pdf "00300D008P056.PDF"