DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2011 Páx. 276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de decembro de 2010 pola que se modifica a Orde do 31 de maio de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2011.

A Consellería do Medio Rural publicou o 4 de xuño de 2010 a Orde do 31 de maio pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e se convocan para o ano 2010. Estas axudas convocáronse amparadas no disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural para Galicia 2007-2013. Ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2011, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano e facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación das bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, aprobadas mediante a Orde do 31 de maio de 2010 (DOG nº 105, do 4 de xuño), e proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2011.

Sección primeira

Modificación das bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios.

Artigo 2º.-Modificación das bases reguladoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nas bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, aprobadas mediante a Orde do 31 de maio de 2010 (DOG nº 105, do 4 de xuño):

Primeira.-Modificación da letra c) do artigo 3º.1.

A letra c) do artigo 3º.1 (Requisitos das persoas beneficiarias) queda redactada como segue:

«c) Presentar un compromiso asinado de exercer a actividade agraria na explotación obxecto da axuda durante, polo menos, cinco anos contados desde a data da certificación dos investimentos realizados».

Segunda.-Modificación das letras ii) e iii) do artigo 3º.2.b.3.

Nas letras ii) e iii) do artigo 3º.2.b.3. (Requisitos das persoas beneficiarias) faise a seguinte modificación:

Onde di certificado de asistencia debe dicir certificado de aproveitamento.

Terceira.-Modificación do punto 6 do artigo 3º.

No punto 6 do artigo 3º (Requisitos das persoas beneficiarias) engadirase o seguinte texto:

«No caso de entidades xurídicas este extremo xustificarase tendo en conta que ou ben o 50% dos socios teñan unha renda agraria que sexa maior ou igual ao 10% da súa renda total, segundo a declaración de IRPF, ou que a marxe neta obtida segundo o estudo de viabilidade sexa M 10% do resultado antes de impostos declarado no imposto de sociedades».

Cuarta.-Modificación da letra b) do artigo 4º.1.

Na letra b) do artigo 4º .1 (Cálculo da renda unitaria de traballo) faise a seguinte modificación:

Onde di rendementos de traballo debe dicir retencións.

Quinta.-Modificación do punto 4 do artigo 5º.

No punto 4 do artigo 5º (Condicións dos plans de melloras) faise a seguinte modificación:

Onde di: «1 de decembro de 2010», debe dicir: «30 de xullo do ano da convocatoria.

Sexta.-Modificación do punto 6 do artigo 5º.

O punto 6 do artigo 5º (Condicións dos plans de melloras) queda redactado como segue:

«6. No caso de explotacións agrarias con orientación produtiva gandeira en xeral o investimento en adquisición de maquinaria previsto no plan de mellora, incluído o tractor, de ser o caso, poderá chegar ata o 20% do volume máximo de investimento establecido no primeiro parágrafo do artigo 7º.1.a), segundo o tipo de peticionario e o número de UTA e, en todo caso, sen superar o tramo libre de investimento de que dispón cada beneficiario tendo en conta os plans de mellora que solicitase nos últimos seis anos, tal como se determina no segundo parágrafo do mesmo artigo 7º.1 a).

No caso de explotacións con orientación produtiva principal a produción de leite de vaca e de carne de vacún cunha carga gandeira menor de 1,8 UGM/ha ou que teñan subscrito un contrato de explotación sustentable (CES), estas porcentaxes poderán acadar o 40% do volume máximo de investimento. Neste suposto o Servizo Territorial de Explotacións Agrarias elaborará un informe sobre da necesidade ou non dos investimentos en maquinaria solicitados.

No caso de explotacións con orientacións produtivas maioritariamente agrícolas, estes importes poderán chegar ata un 100% do volume máximo do investimento».

Sétima.-Modificación da letra a) do artigo 6º.2.

A letra a) do artigo 6º (Condicións dos investimentos obxecto da axuda) queda redactado como segue:

«a) Os investimentos de simple substitución non poderán optar a axudas ao investimento».

Oitava.-Modificación da letra a) a do artigo 7º.1.

A letra a) do artigo 7º.1 (Contía dos investimentos e das axudas) queda redactada como segue:

«a) O investimento poderá chegar a un máximo de 100.000 euros por UTA sen superar 200.000 euros por explotación cando a persoa titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá chegar aos 800.000 euros, sen prexuízo do límite por UTA. Estes investimentos enténdense para un período de seis anos.

Porén o anterior, no caso de explotacións con orientación produtiva principal a produción de leite, cunha produción superior aos 500.000 quilogramos o investimento poderá chegar a un máximo de 150.000 euros por UTA sen superar 300.000 euros por explotación cando a persoa titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá chegar aos 1.200.000 euros, sen prexuízo do límite por UTA.

O número de plans de mellora que se poderán aprobar por explotación e beneficiario/a, para ese volume de investimento, será como máximo de 3 nos seis últimos anos, contados desde a data á que corresponda a aprobación do último plan solicitado nas axudas das ordes para a modernización de explotacións agrarias de anteriores exercicios. Ademais, no caso da fusión de explotacións permitirase solicitar un plan adicional para a creación dunha entidade asociativa. Tamén os titulares de explotacións agrarias afectadas por unha catástrofe natural poderán solicitar un plan adicional, logo de informe técnico emitido polo Servizo Territorial de Explotacións Agrarias.

Porén o anterior, no caso de explotacións con orientación produtiva principal a produción de leite, cunha produción superior aos 500.000 quilogramos o número de plans de mellora que se poderán aprobar por explotación e beneficiario/a, para ese volume de investimento, será como máximo de 4 nos seis últimos anos.

Para estes efectos, atribuiranse a unha soa explotación beneficiaria o conxunto de plans de investimentos agrarios realizados por calquera titular dela.

En calquera caso, serán denegadas aquelas solicitudes de axuda cando a explotación ou o peticionario tivesen pendentes de certificación un expediente de plan de mellora na data en que remata o prazo para a solicitude».

Novena.-Modificación do artigo 14º.

O último parágrafo do artigo 14º (Aplicación das axudas da primeira instalación) queda como segue:

«Así mesmo, as construcións novas deberán contar coa preceptiva licenza municipal, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso será suficiente con que entre a documentación que se vaia xuntar coa solicitude de axuda, presente a solicitude de licenza de obras, debendo presentarse antes do 30 de xullo do ano da convocatoria da axuda a licenza municipal outorgada. O non cumprimento deste requisito suporá a non aprobación da axuda. A certificación final de obra valorada presentarase no momento da solicitude de pagamento dos investimentos».

Décima.-Modificación da letra b) do artigo 15º.2.

Na letra b) do artigo 15.2º (Prazo de execución e acreditación da primeira instalación) elimínase o seguinte texto:

«réxime especial agrario da Seguridade Social ou non».

Décimo primeira.-Modificación do punto 1 do artigo 16º.

O punto segundo do punto 1 do artigo 16º (Presentación de solicitudes) queda redactado como segue:

«Nesta convocatoria, para dar cumprimento ao requisito da presentación da licenza municipal (artigo 5º.4 e 14º desta orde), será suficiente con que entre a documentación que se vaia xuntar coa solicitude de axuda, entregue a correspondente solicitude de licenza de obras, debendo presentarse con anterioridade ao 30 de xullo do ano da convocatoria a preceptiva licenza municipal; mentres que a certificación final de obra valorada presentarase no momento da solicitude de pagamento dos investimentos. Non se considerará completo o expediente ata ter presentada a correspondente licenza. A non presentación da licenza será causa de non aprobación da solicitude de axuda».

Decimo segunda.-Modificación do artigo 18º.

O artigo 18º (Criterios de prioridade) queda redactado como segue:

«Posto que as axudas previstas nesta orde se concederán en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e á explotación e coa seguinte puntuación máxima por criterio:

1. Plans de mellora:

O conxunto de solicitudes para investimentos en explotacións agrarias clasificarase en dous grupos, distinguindo as explotacións prioritarias das do resto de solicitudes, tendo as primeiras prioridade sobre das segundas.

Posteriormente a cada un destes grupos aplicaránselles os seguintes criterios de prioridade:

a) Investimentos en implantación de praderías e peches para pastoreo, superiores ao 50% do investimento total elixible, ata: 5 puntos.

b) Titular muller: 4 puntos.

c) Investimento por UTA ata: 4 puntos.

d) Plan de mellora ligado á primeira instalación, modalidade de cotitularidade: 4 puntos.

e) Persoas titulares de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións leiteiras de Calidade Diferenciada ata: 4 puntos.

f) Plans de mellora para agricultores/as profesionais: 3 puntos.

g) Tipo de investimento que supoña unha diminución da carga gandeira ata: 3 puntos.

h) Investimentos que supoñan incremento na base territorial da explotación mediante contratos de arrendamento ata: 3 puntos.

i) Viabilidade económica da explotación ata: 2 puntos.

j) Explotacións de produción ecolóxica ata: 2 puntos.

k) Subscrición dun contrato de explotación sustentable: 2 puntos.

l) Situación da explotación nun concello de montaña ata: 2 puntos.

m) Persoas titulares inscritas nalgún rexistro de denominacións de calidade en materia agroalimentaria ata: 2 puntos.

2. Axudas á primeira instalación:

a) Titular muller: 4 puntos.

b) Axuda ligada ao préstamo ata: 4 puntos.

c) Primeira instalación ligada a un plan de mellora ata: 4 puntos.

d) Instalación nunha explotación inscrita no Rexistro de Explotacións leiteiras de Calidade Diferenciada ata 3 puntos.

e) Maior dimensión produtiva da explotación ata: 3 puntos.

f) Instalación nunha explotación ecolóxica: 3 puntos.

g) Viabilidade económica da explotación ata: 2 puntos.

h) Situación da explotación nun concello de montaña ata: 2 puntos.

i) Subscrición dun contrato de explotación sustentable: 2 puntos.

j) Instalación do/a mozo/a mediante a modalidade A: 1 punto».

Décimo terceira.-Modificación da letra a) do artigo 20º.10, e engadido do punto 13.

a) A letra a) do artigo 20º.10. (Certificación dos investimentos e gasto) queda redactada como segue:

«10. a) Os beneficiarios das axudas establecidas na sección 1ª.1 (Plans de melloras), agás os incluídos no punto 13 deste artigo, xunto coa solicitude de axuda, poderán solicitar o aboamento dun anticipo, o cal non poderá superar nin o 20% do custo total do investimento considerado como elixible, de acordo co artigo 56º.2 do Regulamento (CE) 1974/2006, nin o 50% da subvención concedida, segundo se establece no artigo 63º.1.2 do Decreto 11/2009, ou calquera outra porcentaxe superior aprobada regulamentariamente pola Comisión Europea».

Décimo cuarta.-Modificación da letra a) do artigo 24º.3.

Na letra a) do artigo 24º.3 (Reintegro das axudas) faise a seguinte modificación:

Onde di 20.11.a) debe dicir 20.10.a).

Décimo quinta.-Modificación do punto 2 do artigo 26º.

No apartado 2 do artigo 26º. (Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader) elimínase o seguinte texto:

«Ademais o modelo de cartel identificativo deberá cumprir tamén co disposto no Decreto 370/2009, do 23 de xullo, polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010. Para accións que supoñan investimentos que superen un custo total de 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa, e nas infraestruturas cuxo custo total supere os 500.000 euros instalarase un panel publicitario».

Sección segunda

Convocatoria 2011

Artigo 3º.-Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2011 as axudas regulamentadas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas, con carácter xeral, nos artigos anteriores e na Orde do 31 de maio de 2010.

Artigo 4º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día de nstrada en vigor desta orde ata o 28 de febreiro de 2011, ambos os dous inclusive.

2. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.

3. Non obstante o anterior, para os casos de primeiras instalacións de mozos/as motivadas por cesamento anticipado na actividade agraria acollidos ás axudas ás que fai referencia o artigo 23º do Regulamento 1698/2005, de Feader, ou por falecemento, xubilación ou invalidez do actual titular da explotación, o prazo permanecerá aberto ata o 30 de novembro.

Artigo 5º.-Financiamento das axudas.

O financiamento das axudas recollidas nesta orde, cofinanciadas con fondos Feader nunha porcentaxe do 57,56%, efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. 11.02.712B 772.0 (CP 2007 00399), para as axudas previstas na sección primeira número 1: Plans de mellora da devandita orde, na cal existe crédito adecuado para o ano 2011, de cen mil euros (100.000 euros); para o ano 2012 de sete millóns catrocentos mil euros (7.400.000 euros); para o ano 2013 de sete millóns cincocentos mil euros (7.500.000 euros). A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

2. 11.02.712B 772.0 (CP 2007 00400) para as axudas previstas na sección primeira número 2: primeira instalación de agricultores mozos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2011 de cen mil euros (100.000 euros); para o ano 2012 de tres millóns catrocentos mil euros (3.400.000 euros), e para o ano 2013 de tres millóns cincocentos mil euros (3.500.000 euros). A dita aplicación poderase incrementar con fondos adicionais comunitarios e da comunidade autónoma.

A concesión da axuda estará condicionada á aprobación da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, de acordo co artigo 5º da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.

Nos casos en que a documentación presentada pola persoa solicitante das axudas previstas nesta orde sexa suficiente e se reúnan os requisitos exixidos, o director xeral de Produción Agropecuaria efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, de acordo co establecido no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Segunda.-Normativa subsidiaria.

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior, no Regulamento 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Unión Europea, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, así como na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, do 4 de xullo.

Terceira.-Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Cuarta.-Documentación en poder da Administración.

Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural ou na súa base de datos, non será necesario que os presente a persoa solicitante, serán obtidos directamente pola unidade tramitadora do expediente, entre outros, folla de saneamento gandeiro, cota láctea, dereitos de prima, axudas do pagamento único, declaración de superficie, cualificación da explotación como prioritaria, cualificación da explotación como ecolóxica ou contrato de explotación sustentable.

Quinta.-Os expedientes de axuda presentados ao abeiro da convocatoria de 2010 respecto dos cales non se ditou resolución expresa de concesión da axuda, poderanse ter en conta na convocatoria de 2011, sempre que a persoa interesada así o solicite expresamente e cumpra co disposto nesta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para o establecemento das marxes brutas das principais actividades produtivas das explotacións das distintas comarcas galegas, así como para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde, as cales serán publicadas na web da Consellería do Medio Rural.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural