DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2011 Páx. 238

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas correspondentes ao Programa Reencontros na Terra para residentes no exterior e se convocan as correspondentes ao ano 2011.

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da comunidade autónoma a que lle corresponde, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7º do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaboraren e compartiren a vida social e cultural do pobo galego.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual a maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca e se regula o programa de viaxe a Galicia Reencontros na terra, que permite a emigrantes galegos maiores de 65 anos, residentes en América e con baixos recursos económicos, reencontrarse coa terra que os viu nacer.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no/na secretario/a xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa que a desenvolve, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Bases reguladoras e convocatoria das axudas.

Mediante esta presente resolución apróbanse as bases polas que se rexerá a concesión das axudas en especie correspondentes ao Programa Reencontros na Terra, do ano 2011, orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia. As bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao Programa de Reencontros na Terra para o ano 2011, se recollen no anexo I.

Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao ano 2011.

Artigo 2º.-Prazas convocadas e datas de realización.

2.1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función das necesidades reais e das demandas constatadas nos diferentes países queda fixada para o ano 2011, do seguinte modo:

Países Nº de prazas

Arxentina: 119

Brasil: 12

Cuba: 10

Uruguai: 54

Venezuela: 5

Outros países: 2

Total: 202

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25% do total das 202 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

2.2. Datas de realización.

Os/as beneficiarios/as deste programa viaxarán a Galicia en dúas quendas diferentes. Na primeira viaxarán a finais de outubro 131 participantes, e na segunda viaxarán 71 participantes a mediados do mes de novembro.

Artigo 3º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para estes programas será de dous meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4º.-Financiamento.

Trátase de axudas en especie e consecuentemente non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07. Actuacións derivadas da lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, en que existe crédito adecuado e suficiente, cun importe máximo de 247.000 euros.

Esta convocatoria realizarase a través do procedemento de tramitación anticipada de gasto, ao abeiro do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. No proxecto de orzamentos para a Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, existe crédito suficiente na aplicación orzamentaria para atender as axudas convocadas.

O importe máximo previsto nesta convocatoria poderá incrementarse nos supostos previstos no artigo 3º1.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección establécense nas bases reguladoras polas cales se rexerá esta convocatoria de axudas e que se inclúen nesta resolución, para estes efectos, e no que se refire ao criterio de desempate previsto nas ditas bases reguladoras, faise constar que será a letra resultante do sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente ás sucesivas convocatorias deste programa.

Artigo 6º.-Desenvolvemento.

O/a secretario/a xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 7º.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2010.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade das axudas.

Este programa ten por obxecto promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios/as.

1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galego.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en América.

1.4. Ter sesenta e cinco ou máis anos de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Levar polo menos os últimos 15 anos naturais sen participar en programas de viaxes transatlánticos a Galicia desta secretaría xeral ou do Estado español.

1.6. Valerse por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.7. Ter ingresos inferiores a 1,3 veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Traballo e Inmigración para o ano 2011, segundo países de residencia. Se o solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 por cento da devandita cifra polo número de conviventes menos un.

2. Poderán ser beneficiarios/as as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5, 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

Artigo 3º.-Características do programa.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas en especie deste programa axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007 e demais normativa que lle sexa de aplicación.

2. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da viaxe dos/das beneficiarios/as desde os lugares de partida fixados pola secretaría xeral en América ata o lugar de destino designado en Galicia.

3. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar colaborará neste programa poñendo á disposición dos/das beneficiarios/as e das persoas responsables das actividades socioculturais, todos os servizos de aloxamento e manutención durante un período máximo de 14 días, nunha residencia de tempo libre ou noutro establecemento residencial de Galicia.

4. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar e a Secretaría Xeral da Emigración colaborarán na execución deste programa na realización das actividades socioculturais durante a súa estadía no establecemento residencial en Galicia.

5. Serán por conta dos participantes que desexen prorrogar a súa estadía en Galicia, todos os gastos durante o tempo que permanezan cos seus familiares, unha vez finalizada a estadía no establecemento residencial, ata completar un período aproximado de 30, 60 ou 90 días desde a súa chegada a Galicia.

6. A prestación da asistencia sanitaria dos/das beneficiarios/as será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Prazas convocadas e datas de realización.

1. O número de prazas convocadas establecerase na correspondente convocatoria anual deste programa.

2. Igualmente, a convocatoria anual determinará as datas de realización do programa.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección para ser beneficiario serán os que se indican a continuación:

1. En primeiro lugar seleccionaranse os participantes que sexan beneficiario das prestacións económicas por ancianidade. Dentro deste grupo a orde de preferencia será a maior idade do solicitante.

2. No caso de que quedaran prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, terase en conta aos solicitantes que non son beneficiarios das prestacións económicas por ancianidade, neste caso a orde de preferencia será a dada pola maior idade do solicitante.

3. No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos e nome dos candidatos, empezando pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente ás sucesivas convocatorias deste programa.

No caso de quedar prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, terase en conta os solicitantes que xa participaran en edicións anteriores, neste caso a orde de preferencia será a dada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano a orde de preferencia será a dada pola maior idade.

4. A selección dun solicitante levará consigo a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que esta veña incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 1º da base reguladora.

5. Seguindo os puntos 1, 2 e 3 anteriores ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de seleccionados e reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país, segundo o estipulado na correspondente resolución de convocatoria.

Artigo 6º.-Solicitudes, documentación e lugar de presentación.

1. A documentación que deberá achegar o solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo II.

b) Para os solicitantes que posúan a nacionalidade española e estean en posesión do documento nacional de identidade, autorización expresa á Secretaría Xeral da Emigración para a verificación dos datos de identidade. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia.

d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o/a solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

g) Certificado médico, segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo III á correspondente resolución anual de convocatoria no cal se faga constar que o solicitante é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

h) Fotografía actual tamaño carné.

i) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

l) Documento no que conste se é beneficiario das prestacións económicas por ancianidade do Estado español. De non o presentar entenderase que desiste da aplicación do criterio preferente de selección, sinalado no punto 1 do artigo 5º das bases reguladoras.

m) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que se publica no anexo II desta resolución.

n) Declaración responsable segundo o modelo do anexo II desta resolución, conforme o solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

2. O/a cónxuxe ou persoa unida ao solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia en América.

c) Certificado médico segundo o modelo do anexo III desta resolución, no cal se faga constar que é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Fotografía actual tamaño carné.

e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que se publica no anexo II desta resolución.

f) Declaración responsable, segundo o modelo do anexo II desta resolución, conforme o cónxuxe está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

3. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos non artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, consellerías de Traballo e Emigración, nas seccións de Traballo e Emigración das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

4. Para a presentación destas solicitudes os/as interesados/as poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, procédese á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regúlase a atención ao cidadán.

Os/as interesados/as que non posúan certificado dixital e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, para a presentación telemática das súas solicitudes:

*En Brasil:

-Peña Galega de la Casa de España de Río de Janeiro.

-Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía.

-Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruccións de São Paulo.

-Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

*En Cuba:

-Federación de Sociedades Galegas en La Habana.

*En Venezuela:

-Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía telemática. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

As entidades colaboradoras no exterior deberanlle remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo de dous días contados a partir do fin do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 7º.-Unidade económica familiar.

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os fillos e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de ter fillos en común chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión e instrución.

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19º e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases da convocatoria, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas indicando, se é o caso, as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de 90 días desde a fin do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http:www.galiciaaberta.com), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nos das entidades colaboradoras citadas no artigo 5º.2.

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web www.galiciaaberta.com, para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase desistidos da súa petición, e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaborarase a lista definitiva de admitidos e excluídos que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http: www.galiciaaberta.com) e tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e nas entidades colaboradoras citadas no artigo 5º.2.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Programas Sociais e ademais crearase unha comisión de avaliación, presidida polo/a subdirector/a xeral de Programas Sociais, ou persoa en quen delegue, e composta polo xefe/a do servizo de Acción Social e un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.

4. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación, presididas polos delegados da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por un funcionario técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións da Xunta de Galicia en Arxentina e Uruguai, e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social na que residen, viven e se desenvolven os solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes presentadas tendo en conta o previsto nos artigos 2º e 6º e segundo os criterios establecidos no artigo 5º, das bases reguladoras.

5. Os expedientes, que non fosen avaliados polas comisións mencionadas no artigo 8º.4 serán avaliados pola comisión de avaliación indicada no artigo 8º.3, tendo en conta o previsto nos artigos 2º e 6º e segundo os criterios establecidos no artigo 5º, das bases reguladoras.

6. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o estimase, poderá encargar informes socioambientais, que os realizarán por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegado nas solicitudes, debendo os resultados obtidos ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

7. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios de valoración establecidos nestas bases para os distintos programas. Posteriormente a comisión de avaliación presidida polo/a subdirector/a xeral de Programas Sociais, ou persoa en quen delegue, e composta polo xefe/a do servizo de Acción Social e un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a, elaborará unha proposta de concesión que se elevará por parte do órgano instrutor ao/á secretario/a xeral da Emigración, para a súa resolución.

8. Unha vez realizada a selección de beneficiarios/as o/a secretario/a xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións, publicando na páxina web, www.galiciaaberta.com, a relación de beneficiarios/as e reservas.

9. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

10. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo con disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as.

Artigo 9º.-Obrigas dos/das beneficiarios/as.

1. Para poder ser beneficiario/a destas axudas deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base quinta das bases reguladoras deste programa. Este modelo de solicitude poderá obterse a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo da internet (http://www.galiciaaberta.com/).

2. A través da solicitude proporcionaránselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto a este ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

3. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

4. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente faise constar que o solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Emigración no ámbito das súas competencias, a ceder os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

5. Con carácter xeral, os/as beneficiarios/as correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como as actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

6. Os/as beneficiarios/as quedan obrigados a lle comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, podendo a secretaría adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

7. O/a solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas. Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante a que se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

8. Agás nos casos indicados no artigo 9º.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 10º.-Compatibilidades e seguimento da resolución de concesión.

1. As axudas reguladas nestas bases son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o/a beneficiario/a.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean a disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os/as beneficiarios/as destas axudas prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007. Os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a axuda dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda e dará lugar ao reintegro na porcentaxe correspondente.

Ao tratase de axudas en especie, considerarase como cantidade recibida que haberá que reintegrar o importe equivalente á totalidade ou a parte do prezo de adquisición do servizo, segundo corresponda o reintegro parcial ou total.

Ver referencia pdf "00300D002P014.PDF"