DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 05 de xaneiro de 2011 Páx. 230

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do Programa Ven a Galicia, ben en Galicia para residentes no exterior e se convocan as correspondentes ao ano 2011.

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, que desenvolve o artigo 7º do Estatuto de autonomía de Galicia, onde se establece o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A teor do establecido no parágrafo anterior, a Secretaría Xeral da Emigración desenvolve anualmente, entre outros, programas que permiten o achegamento a Galicia e á súa realidade actual a maiores pertencentes ás colectividades galegas do exterior con escasos recursos económicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola que se convoca o programa de viaxe a Galicia Ven a Galicia, ben en Galicia, que lles permite aos emigrantes de sesenta e cinco ou máis anos de idade ou sesenta ou máis, na condición de xubilados asentados noutras comunidades autónomas españolas ou residentes noutros países europeos, un tempo de vacacións en Galicia para desfrutar e coñecer a realidade actual do noso país.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

Resolvo:

Artigo 1º.-Bases reguladoras e convocatoria de axudas.

Mediante esta resolución apróbanse as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas en especie correspondentes ao Programa Ven a Galicia, ben en Galicia, do ano 2011, orientado a ofrecerlles un tempo de lecer aos emigrantes galegos residentes en Europa e aos naturais de Galicia asentados noutras comunidades autónomas de España, para desfrutaren e coñeceren a realidade actual do noso país, con actividades de convivencia e culturais referidas á nosa lingua, historia, así como aos nosos costumes tradicionais. Así mesmo, convócanse as axudas correspondentes ao ano 2011. As bases reguladoras polas que se rexerá as concesión das axudas correspondentes ao Programa de Ven a Galicia, ben en Galicia para o ano 2011 recóllense no anexo I.

Artigo 2º.-Prazas convocadas, achegas económicas e datas de realización.

1. O número de prazas convocadas para o ano 2011 é de 65.

2. Os participantes residentes noutras comunidades autónomas de España e en Portugal aboarán 60 € en concepto de parte do pagamento dos gastos de traslado no caso de que opten por que sexa a Secretaría Xeral da Emigración quen organice os traslados por vía regular entre o seu lugar de residencia e o lugar de destino en Galicia.

Os residentes noutros países europeos deberán aboar 100 € polo mesmo concepto.

O resto dos gastos de traslado por liña regular dos participantes serán por conta da Secretaría Xeral da Emigración, que xestionará o desprazamento dos/as beneficiarios/as no caso dos/as que opten por esta vía.

3. O programa desenvolverase preferentemente no mes de novembro de 2011.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4º.-Financiamento.

Trátase de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan aos participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, e con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07. Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2011, na que existe crédito adecuado e suficiente, cun importe máximo de 20.000 €.

Esta convocatoria realizarase a través do procedemento de tramitación anticipada de gasto, de acordo co establecido no artigo 25º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, da Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. No proxecto de orzamentos para a Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, existe crédito suficiente na aplicación orzamentaria para atender as axudas convocadas.

O importe máximo previsto nesta convocatoria poderá incrementarse con base nos supostos previstos no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección establécense nas bases reguladoras polas cales se rexerá esta convocatoria de axudas, e que se inclúen nesta resolución; para estes efectos, e no que se refire ao criterio de desempate previsto nas ditas bases reguladoras, empezarase pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente ás sucesivas convocatorias deste programa.

Artigo 6º.-Desenvolvemento.

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 7º.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2010.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Bases reguladoras

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade das axudas.

Este programa ten por obxecto ofrecerlles aos emigrantes galegos residentes noutros países de Europa e aos naturais de Galicia asentados noutras comunidades autónomas de España un tempo de lecer para desfrutar e coñecer a realidade actual do noso país, con actividades de convivencia e culturais referidas á nosa lingua, historia, así como aos nosos costumes tradicionais.

Artigo 2º.-Beneficiarios/as.

1. Poderán ser solicitantes deste programa os emigrantes galegos residentes en Europa e os naturais de Galicia que residan noutra comunidade autónoma, que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ter a nacionalidade española.

1.2. Residir noutra comunidade autónoma de España ou noutro país de Europa.

1.3. Ter sesenta e cinco ou máis anos de idade ou sesenta ou máis, na condición de xubilado, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.4. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en anteriores edicións deste programa.

1.5. Ser válido por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

1.6. Non ter recursos económicos suficientes. Para os efectos desta resolución, consideraranse recursos económicos insuficientes os ingresos per cápita da unidade económica familiar inferiores a 2,5 veces o importe do salario mínimo interprofesional correspondente ao ano 2011 no país de residencia do solicitante.

2. Poderán tamén ser beneficiarias as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos solicitantes do programa, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nas epígrafes 1.2, 1.4 e 1.5 do punto anterior e acheguen a documentación xustificativa que se indica na base quinta.

Artigo 3º.-Características do programa.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das axudas en especie deste programa axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa que lle sexa de aplicación.

2. A Secretaría Xeral de Familia e Benestar colaborará neste programa poñendo á disposición dos/as beneficiarios/as e das persoas responsables das actividades socioculturais todos os servizos de aloxamento e manutención derivados da estadía, durante un período máximo de catorce (14) días, nunha residencia de tempo libre de Galicia ou noutro establecemento residencial.

3. A Secretaría Xeral da Emigración colaborará na execución deste programa coa realización das actividades socioculturais durante a súa estadía no establecemento residencial en Galicia.

4. Os traslados dos participantes efectuaranse desde os puntos de recollida ata o establecemento residencial. No caso de que o solicitante desexe realizar pola súa conta o traslado desde o seu lugar de residencia ata o establecemento residencial en Galicia (ida e volta) e así o indique na solicitude de participación, non terá que realizar ningún pagamento.

5. A condición de beneficiario/a deste programa quedará supeditada ao pagamento da contía establecida na correspondente resolución de convocatoria de axudas , como máis tarde, quince (15) días antes da data de inicio da viaxe, agás que indique na solicitude que o traslado é pola súa conta. Entenderase que os que non cumpran este requisito desisten da súa solicitude.

6. A prestación da asistencia sanitaria dos beneficiarios será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Prazas convocadas e datas de realización.

1. O número de prazas convocadas establecerase na correspondente convocatoria anual deste programa.

2. Igualmente, a convocatoria anual determinará as datas de realización do programa.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

1. En primeiro lugar seleccionaranse os solicitantes que nunca participaron en edicións deste programa. Dentro deste grupo a orde de preferencia será dada pola maior idade do solicitante.

2. No caso de quedaren prazas vacantes unha vez aplicado o criterio anterior, teranse en conta os solicitantes que xa participaron en edicións anteriores, neste caso a orde de preferencia será a dada polo maior tempo que leven sen participar neste programa. Dentro do grupo de persoas que participaron no mesmo ano, a orde de preferencia será dada pola maior idade.

3. No caso de empate en calquera dos puntos anteriores, este desfarase pola orde alfabética dos apelidos e nome dos candidatos, empezando por aqueles cuxo primeiro apelido empece pola letra resultante no sorteo realizado en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente ás sucesivas convocatorias deste programa.

4. A selección dun solicitante emigrante galego suporá a da persoa unida a el por matrimonio, unión de feito ou relación análoga, sempre que esta veña incluída na solicitude e reúna os requisitos establecidos no punto 2 do artigo 2º das bases reguladoras.

Artigo 6º.-Solicitudes, documentación e lugar de presentación.

1. A documentación que deberá achegar o solicitante é a seguinte:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo II.

b) Para os solicitantes que estean en posesión do documento nacional de identidade español, autorización expresa á Secretaría Xeral da Emigración para a verificación dos datos de identidade. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante.

c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. Se o solicitante reside en España, documentación acreditativa de ser natural de Galicia.

d) Documentación acreditativa da residencia noutra comunidade autónoma ou nun país europeo.

e) Copia da última declaración da renda das persoas físicas presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, documentación emitida pola Administración tributaria correspondente ao lugar de residencia do solicitante na cal se faga constar esta circunstancia, e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.

f) Certificado médico, segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo III á correspondente resolución anual de convocatoria, no cal se faga constar que o solicitante é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

g) Fotografía actual tamaño carné.

h) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

i) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que se publicará como anexo II á correspondente resolución anual de convocatoria.

j) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os beneficiarios non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

2. O cónxuxe ou persoa unida ao solicitante por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou documento nacional de identidade en vigor.

b) Documentación acreditativa da residencia noutra comunidade autónoma ou nun país europeo.

c) Certificado médico segundo o modelo normalizado que se publicará como anexo III á correspondente resolución anual da convocatoria, no cal se faga constar que é válido por si mesmo, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

d) Fotografía actual tamaño carné.

e) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados para a mesma actividade. Poderá presentarse no modelo que se publicará como anexo II á correspondente resolución anual da convocatoria.

f) A presentación da solicitude de concesión desta axuda polo/a interesado/a comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acreditándose este extremo antes da proposta de resolución. No caso de que os/as beneficiarios/as non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, deberán presentar certificado de residencia fiscal emitido polos organismos competentes e declaración de que o solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

3. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños 2, 15704, Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán presentarse nas consellerías de Traballo e Emigración, nas seccións de Traballo e Emigración das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio de residencia do solicitante.

Artigo 7º.-Unidade económica familiar.

Entenderase como unidade económica familiar a integrada polo solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao sempre que convivan co solicitante.

As relacións de feito análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de ter fillos/as en común chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión e instrución.

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva previsto no artigo 19º e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nas correspondentes bases, elaboraranse as listas provisionais de admitidos e excluídos por programas, indicando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas, no prazo máximo de 90 días desde a fin do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://www.galiciaaberta.com).

Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web www.galiciaaberta.com para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase desistido da súa petición, e procederase ao seu arquivo nos termos establecidos no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido este prazo elaboraranse as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://www.galiciaaberta.com).

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral de Programas Sociais e, ademais, crearase unha comisión de avaliación, presidida polo/a subdirector/a xeral de Programas Sociais, ou persoa en que delegue, e composta polo xefe/a do servizo de Acción Social e un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.

4. Os expedientes serán avaliados pola comisión segundo os criterios de valoración establecidos nestas bases para este programa. Posteriormente, a comisión elaborará unha proposta de concesión que se elevará ao secretario xeral da Emigración para a súa resolución.

5. Unha vez realizada a selección de beneficiarios/as o secretario xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións, e publicarase na páxina web, www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios/as e reservas.

6. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

7. O prazo máximo para resolver esta convocatoria será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións que deban entenderse desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de beneficiarios/as.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Para poder ser beneficiario/a destas axudas deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6º das bases reguladoras deste programa. Este modelo de solicitude poderá obterse a través do portal da Secretaría Xeral da Emigración no seguinte enderezo da internet (http://www.galiciaaberta.com/)

2. A través da solicitude proporcionaránselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas. Con respecto a este ficheiro, cuxo titular e responsable será a Secretaría Xeral da Emigración, decláranse recoñecidos os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

3. A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

4. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Igualmente, faise constar que o solicitante autoriza expresamente a Secretaría Xeral da Emigración, no ámbito das súas competencias, a cederlles os datos persoais a aqueles organismos da Administración xeral do Estado con competencias similares na materia co fin de colaborar no exercicio das funcións que lle son propias.

5. Con carácter xeral, os/as beneficiarios/as correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

6. Os/as beneficiarios/as quedan obrigados a lle comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa, e a secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

7. O/a solicitante dá o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. Os datos referidos integraranse nun ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante a que se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

8. Agás nos casos indicados no artigo 9º.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Artigo 10º.-Compatibilidades e seguimento da resolución de concesión.

1. As axudas reguladas nestas bases son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro destas bases. Para realizar as ditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os/as beneficiarios/as destas axudas prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. Procederá o reintegro total ou parcial e a exixencia dos xuros de demora nos casos e nos termos previstos no artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. De acordo co artigo 14º.1 n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a axuda dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda e dará lugar ao reintegro na porcentaxe correspondente.

Ao tratarse de axudas en especie, considerarase como cantidade recibida que haberá que reintegrar o importe equivalente á totalidade ou á parte do prezo de adquisición do servizo, segundo corresponda o reintegro parcial ou total.

Ver referencia pdf "00300D001P006.PDF"