DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 04 de xaneiro de 2011 Páx. 110

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 28 de decembro de 2010 pola que se crea a Comisión do Mexillón.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, regula no seu título II os órganos das administracións públicas, e concretamente no seu capítulo II, regula o réxime de funcionamento dos órganos colexiados.

Non obstante, ao seren un ámbito sectorial específico, caberá ter en conta tamén as directrices que de xeito particular estableza a Consellería do Mar como órgano promotor no que se integra a Comisión do Mexillón e encargado da súa presidencia. Así pois, partindo da regulación establecida na citada Lei 30/1992, a Consellería do Mar ten a potestade para ditar disposicións particulares sobre as cuestións relativas ao funcionamento da Comisión do Mexillón, concretamente no referido ao desenvolvemento das xuntanzas e á forma de aprobación dos acordos adoptados por aquela.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988 e demais normativa de aplicación, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e ámbito de actuación.

Créase a Comisión do Mexillón como órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, dependente da Consellería do Mar.

O seu ámbito de actuación será o da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º.-Funcións.

A Comisión do Mexillón é un órgano colexiado integrado por representantes da Consellería do Mar e por representantes do sector mexilloeiro galego. A súa función principal é realizar unha función consultiva e de asesoramento para a Administración nos diferentes temas administrativos que afectan o sector mexilloeiro, facilitando así unha canle de comunicación dificultada na actualidade pola atomización do sector.

Artigo 3º.-Composición e funcionamento.

A composición, a designación de representantes, o nomeamento de integrantes e representantes e mandato destes últimos, as funcións e competencias, a dotación de crédito necesario, se é o caso, e o funcionamento da Comisión do Mexillón regúlanse polo Regulamento básico interno de funcionamento da Comisión do Mexillón, que se une como anexo a esta orde.

Este Regulamento básico interno de funcionamento determina as normas propias de funcionamento da Comisión do Mexillón de conformidade co artigo 22º.2 da Lei 30/1992.

Disposición adicional

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas prescricións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería do Mar para adoptar as medidas necesarias para a aplicación, desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2010.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

ANEXO

Regulamento básico interno de funcionamento

da Comisión do Mexillón

A Comisión do Mexillón é un órgano colexiado integrado por representantes da Consellería do Mar e por representantes do sector mexilloeiro galego. A súa función principal é actuar como órgano de consulta nos diferentes temas administrativos que afectan o sector.

Para regular o réxime de funcionamento da Comisión do Mexillón remitímonos á norma básica administrativa na materia, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, concretamente no capítulo II do título II, relativo ao funcionamento dos órganos colexiados. Porén, dado que nos movemos nun ámbito sectorial específico caberá ter en conta tamén as directrices que de maneira particular estableza a Consellería do Mar como órgano promotor da Comisión do Mexillón e encargado da súa presidencia. Así pois, partindo da regulación establecida na Lei 30/1992, a Consellería do Mar ten a potestade para establecer as disposicións particulares sobre as cuestións relativas ao funcionamento da Comisión do Mexillón, concretamente no que se refire ao desenvolvemento das reunións e á forma de aprobación dos acordos adoptados pola comisión.

1. Composición e representatividade.

A comisión está constituída por un número variable de membros: representantes pertencentes á Administración autonómica e ás diferentes entidades asociativas que agrupen determinado número de bateas de mexillón.

Por parte da Administración autonómica:

Catro (4) da Consellería do Mar na cal se integra, dos que dous actúan como presidente e vicepresidente, un terceiro como secretario e un máis como vogal:

-Presidente: director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica (ou a persoa en quen delegue).

-Vicepresidente: directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) (ou persoa en quen delegue).

-Secretario: xefe do Servizo de Mercados (ou a persoa en quen delegue).

-Vogal: xefe do Servizo de Acuicultura ou xefe de Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura (ou a persoa en quen deleguen).

Por parte das entidades asociativas:

Un número variable de representantes por cada entidade asociativa que estará en función do número de bateas que represente. Cada entidade contará cun (1) representante por cada trescentas (300) bateas.

A representación poderá corresponder a cada unha das entidades asociativas ou ben a unión de varias delas, tendo en conta que, tamén neste caso, deberán agrupar un mínimo de trescentas (300) bateas de mexillón por cada representante.

Para o cálculo do número de bateas de cada entidade asociativa, terase en conta o que reflicta o Directorio de entidades asociativas do sector de acuicultura mariña e os seus asociados, regulado na Orde do 9 de abril de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura mariña e os seus asociados (DOG nº 80, do 25 de abril).

Os cambios de representatividade que se puidesen producir por altas ou baixas de bateas en cada entidade asociativa ou unión de varias entidades asociativas, por actualización do Directorio de entidades asociativas indicado no parágrafo anterior, serán revisadas de oficio polo secretario da comisión. No caso de se producir algún cambio no número de representantes dalgunha entidade asociativa, este comunicarase a todos os membros da comisión mediante documento adxunto a convocatoria da seguinte reunión; unha vez feita a convocatoria e mentres non teña lugar a reunión da comisión non se admitirán novos cambios na representatividade.

De oficio, no primeiro trimestre de cada anualidade, a Administración revisará o Directorio de entidades asociativas e o número de bateas. Desta revisión darase conta documentalmente aos membros da comisión e ás distintas entidades.

Dadas as peculiaridades organizativas da Comisión do Mexillón, poderanse establecer normas propias de funcionamento complementarias ás establecidas na Lei 30/1992, marco de referencia básico deste regulamento.

2. O presidente da Comisión do Mexillón.

Funcións:

a) Acordar a convocatoria das reunións e a fixación da orde do día. Con este obxectivo teranse en conta as peticións formuladas polos demais membros da comisión, se é o caso, que sexan formalizadas coa suficiente antelación, e sempre con anterioridade á data da seguinte convocatoria de reunión.

b) Presidir as reunións, moderar os debates e suspender as reunións por causas xustificadas.

c) Participar con voz, pero sen voto, nas reunións.

d) Visar as actas e certificacións dos acordos da comisión.

e) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente.

O presidente será substituído polo vicepresidente da comisión nos casos de enfermidade, ausencia, vacante ou outra causa legal. A figura do vicepresidente asumirá as funcións do presidente nos casos en que este teña que ser substituído.

3. Secretario da Comisión do Mexillón.

Funcións:

a) Participar nas reunións, con voz, pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das reunións por orde do presidente, así como as citacións aos membros da comisión.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros da comisión e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho de asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Expedir certificacións das consultas e acordos aprobados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

4. Os membros da Comisión do Mexillón en representación do sector.

Serán nomeados por cadansúa entidade asociativa e poderán variar en cada reunión.

Funcións:

a) Participar nos debates das reunións.

b) Exercer o seu dereito ao voto así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Propoñer á comisión temas para a orde do día das vindeiras reunións.

e) Obter a información precisa para o desempeño das súas funcións.

f) Calquera outra función inherente á súa condición.

5. Convocatorias e reunións.

Para a válida constitución da Comisión do Mexillón requirirase a presenza do presidente e do secretario, ou das persoas que os substitúan ou en quen deleguen, xunto coa metade, como mínimo, dos membros da comisión con dereito a voto.

Os membros da comisión recibirán cunha antelación mínima de tres días laborables a súa realización, a convocatoria das reunións que conteña a orde do día.

Cada entidade asociativa que agrupe a máis de 300 bateas deberá comunicar ao secretario da Comisión do Mexillón, cunha antelación mínima de 48 horas, os nomes dos representantes que acudirán a cada reunión.

A Comisión do Mexillón reunirase de maneira ordinaria catro veces ao ano, podendo realizarse convocatorias con carácter extraordinario cando fose preciso, por causas xustificadas ou se o solicita un terzo dos seus membros con dereito a voto.

No caso de que se teña acordado contar co asesoramento dun experto para un tema concreto, este poderá ser convocado á reunión da comisión fixada para tratar a cuestión obxecto de asesoramento. Os informes emitidos polos expertos serán de carácter consultivo.

Para temas que afecten unha zona xeográfica concreta, o presidente poderá invitar ás reunións a outros membros das entidades asociativas máis representativas da zona xeográfica, que terán voz pero non voto nas reunións.

Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, excepto que estean presentes todos os membros da comisión con dereito a voto e sexa declarada a urxencia do asunto por voto favorable da maioría.

Os membros da comisión poderán propoñer por escrito ao presidente temas para tratar nas vindeiras convocatorias. Os diferentes temas propostos quedarán incluídos na orde do día da seguinte reunión.

As deliberacións da comisión, sempre que os medios técnicos o permitan, serán recollidas mediante gravación dixital por parte do secretario o cal será o responsable da salvagarda e custodia das ditas gravacións. Calquera membro da comisión poderá solicitar ao secretario a audición dunha gravación que deberá ser realizada nas dependencias que determine o secretario e en presenza del; en ningún caso poderán distribuírse copias das gravacións entre os membros da comisión salvo causa de forza maior debidamente autorizada por escrito polo presidente e logo de solicitude escrita do solicitante debidamente motivada.

6. Segredo das deliberacións.

Os membros da comisión teñen a obriga de gardar segredo das deliberacións que se desenvolvan no seu seo obriga a non revelar información, confidencial ou non, que se obteña no desenvolvemento das reunións da comisión ou da lectura dos documentos que nela se preparen ou se despachen. Esta obriga terase en conta, en particular, nas declaracións públicas e nos contactos cos medios de comunicación. Todos os membros da comisión deberán tomar as medidas necesarias para asegurase de que as persoas que teñen acceso a información da que eles dispoñan respecten tamén o deber de segredo das deliberacións que lles vén imposto.

A violación deste deber de preservar a confidencialidade da información a que teñan acceso e o segredo das deliberacións poderá ser causa de perda da condición de membro da comisión de xeito temporal ou definitivo.

A publicación das actas definitivas non será incompatible con segredo das deliberacións.

7. Das votacións.

As diferentes propostas serán votadas tendo en conta os seguintes criterios: cada entidade asociativa terá un voto por cada batea censada, quedando así ponderada a súa representatividade.

Os representantes poderán emitir un único voto ou votar por máis dunha opción. Neste último caso deberán indicar o número de bateas dos que representa que apoia cada unha das opcións.

Os representantes da Administración non terán voto, non existindo voto de calidade do presidente.

As persoas que acrediten a titularidade dun interese lexítimo poderán dirixirse ao secretario da comisión para que lles sexa expedida certificación dos seus acordos. Os resultados das votacións terán carácter informativo para a Consellería do Mar.

Os cargos representativos non estarán remunerados e os membros da comisión non terán dereito a ningún tipo de compensación económica por parte da Administración.

8. Actas.

De cada reunión que realice a comisión o secretario redactará a acta, que especificará necesariamente:

-Os asistentes.

-A orde do día da reunión.

-As circunstancias de lugar e tempo en que se tivo lugar a reunión.

-Os puntos principais das deliberacións.

-Contido dos acordos adoptados.

-Resultado detallado das votacións.

Na acta figurará a solicitude dos respectivos membros da comisión, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que xustifican o sentido do seu voto favorable.

Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular na propia reunión, quedando na acta recollido ese punto.

Os borradores de acta serán enviados a todos os membros da Comisión do Mexillón nun prazo máximo de cinco (5) días laborables despois de cada reunión. Unha vez recibidas, no prazo de tres (3) días laborables deberán ser remitidas as modificacións propostas ao secretario quen as incorporará o borrador de acta e volverá enviar o dito borrador modificado aos membros da comisión nun prazo de dous (2) días laborables; unha vez recibidos os novos borradores de acta, no prazo de dous (2) días laborables deberá ser remitida a conformidade co novo borrador ou a proposta de correccións que serán incorporadas polo secretario; no caso de non recibir a dita conformidade no prazo establecido entenderase que se acepta tacitamente o borrador, que se elevará a definitivo.

Unha vez finalizado este prazo farase público o contido das actas, ca indicación de borrador definitivo, no espazo habilitado para o efecto na páxina web da Consellería do Mar.

Os estudos, propostas e informes que se elaboren na Comisión do Mexillón deberán ser elevados á Consellería do Mar para os efectos do seu coñecemento e aprobación.