DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2011 Páx. 31

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se aproba provisionalmente o Plan de ordenación do litoral de Galicia e se adoptan medidas cautelares.

O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, no seu artigo 1º establece que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é o órgano de administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, vivenda e solo, infraestruturas e mobilidade, consonte o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, nos termos sinalados na Constitución española.

A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, ten como finalidade establecer os obxectivos fundamentais e crear os instrumentos necesarios para a coordinación da política territorial e a ordenación do espazo da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de favorecer a utilización racional do territorio galego e protexer o medio natural. Un dos seus obxectivos fundamentais, segundo o seu artigo 3º, é a compatibilización do proceso de desenvolvemento do sistema produtivo, da urbanización e da ordenación turística coa racional utilización dos recursos naturais, sobre todo no tocante ao litoral, aos recursos hidráulicos e á paisaxe.

A Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, establece no seu artigo 2º que o Plan sectorial de ordenación do litoral o que fai referencia a disposición transitoria oitava da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, terá a natureza dun Plan Territorial Integrado regulado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

O Plan de Ordenación do Litoral (POL) é un instrumento de ordenación territorial, que ten por obxecto, de conformidade co artigo 2º da Lei 6/2007, do 11 de maio, establecer os criterios, principios e normas xerais para a ordenación urbanística da zona litoral baseado en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade, así como a normativa necesaria para garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras.

O artigo 2º da Lei 6/2007, do 11 de maio, establece que o procedemento de aprobación do Plan de Ordenación do Litoral se axustará ao disposto nos artigos 5º bis e 15º da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

De conformidade co artigo 15º da Lei 10/1995, do 23 de novembro, correspóndelle ao Consello da Xunta acordar a iniciación do procedemento da súa elaboración.

A Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, establece no seu artigo 5º que, de conformidade co disposto nos artigos 3º e 4º da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, serán obxecto de avaliación ambiental estratéxica (AAE) os instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio.

O proceso de AAE do POL comeza coa elaboración do documento de inicio, que tivo entrada o 2 de febreiro de 2009, na Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da entón Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, iniciándose o procedemento nº 816/2009. Tras o período de consultas, elabórase o documento de referencia que, de conformidade co que se dispón no artigo 9º da Lei 9/2006, do 28 de abril, guiará o procedemento de avaliación ambiental estratéxica, remitido o 3 de abril de 2009 pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible. O contido do documento de inicio e do de referencia son públicos e pódense consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://aae.medioambiente.xunta.es)

O órgano promotor elaborou o Informe de sustentabilidade ambiental (ISA), de acordo co que se dispón no artigo 8º da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, e segundo os criterios contidos no documento de referencia redactado polo órgano ambiental. Redactado o Plan de Ordenación do Litoral, e antes da súa aprobación inicial, someteuse a informe das corporacións locais no seu ámbito de aplicación, das deputacións provinciais respectivas, e das entidades de carácter supramunicipal con incidencia na área, trámite para o que se establece na lei o prazo de dous meses, dando cumprimento ao establecido no artigo 15º.2 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Como consecuencia da petición formulada pola Federación Galega de Municipios e Provincias, por orde desta consellería do 9 de marzo de 2010, acordouse ampliar o prazo inicial de dous meses para a emisión do informe de referencia en trinta

días naturais máis, contados dende a data de finalización do primeiro prazo.

De conformidade co que se establece no artigo 15º.3 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, co acordo de aprobación inicial adoptarase o de apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, e solicitarase informe da Delegación do Goberno, que deberá emitilo en igual termo.

Por Orde do 23 de xullo de 2010, do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas , publicada no DOG nº 145, do venres 30 de xullo, aprobouse inicialmente o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, incluíndo o seu informe de sustentabilidade ambiental e acordouse someter a información pública o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia aprobado inicialmente con todos os documentos que o integran, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, así como a fase de consultas prevista no documento de referencia, durante o prazo de dous meses contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para os efectos establecidos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e na Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, co fin de que poidan presentar as alegacións e informes que consideren convenientes.

Conforme prevé o artigo 15º.3 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, solicitouse con data do 30 de xullo de 2010 informe da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, que emitiu con data do 20 de decembro de 2010.

Finalizado o período de consultas e información pública, e analizadas as alegacións e suxestións presentadas, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realizou as modificacións procedentes e elaborou o texto refundido coas achegas e alegacións consideradas, e remitiu ao órgano ambiental a documentación completa tomando en consideración o informe de sustentabilidade, as alegacións e os informes presentados no período de consultas e o informe sobre o proceso de participación pública, así como proposta de memoria ambiental, de conformidade co disposto no artigo 12º da Lei 9/2006, do 28 de abril.

O POL plasma un modelo de litoral que reflicte a visión supramunicipal do territorio costeiro e que é fiel reflexo do obxecto en que consiste o contido planificador da ordenación do territorio, tal e como o consagrou a xurisprudencia constitucional, é dicir, a fixación dos usos do solo e o equilibrio entre as distintas partes do territorio, baseándose para iso en dous aspectos esenciais: un, o de sustentabilidade do territorio e, en segundo lugar, a «capacidade de carga» entendida como a aptitude dun territorio para soportar un nivel de intensidade de usos sen que, en ningún caso, se produza un proceso de deterioración ambiental, social ou cultural.

Así mesmo e de conformidade co artigo 5º da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, o POL dá cumprimento á obrigatoriedade de que os poderes públicos velen para que no ámbito da súa competencia e da natureza de cada territorio se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, e integrar a consideración da paisaxe nas políticas de ordenamento territorial e urbanístico, así como en calquera outra política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe.

Da análise e estudo das unidades de paisaxe dentro do Plan de Ordenación do Litoral, reflíctese que existen desenvolvementos urbanísticos previstos no ámbito do POL, sitos máis alá dos 500 metros, pero en áreas de interese e fráxil valor ambiental, nos cales cobra especial sentido o obxectivo principal dun plan de ordenación do litoral, coma é garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras.

A degradación do litoral ten como principal actor o urbanismo sen límites, o cal ocasiona un grave problema de perda de valor dun territorio e unha paisaxe fortemente apreciados pola poboación que é, ao mesmo tempo, un recurso patrimonial, económico, ambiental e funcional. Este modelo de crecemento orixina unha serie de impactos e efectos perturbadores que afectan directamente o sistema litoral no seu conxunto, creando unha serie de disfuncións que poñen en perigo o propio funcionamento do sistema costeiro. A impermeabilización dos solos, a fragmentación dos hábitats, a perda de biodiversidade, a presión sobre a calidade e a cantidade dos recursos hídricos, a contaminación e produción de residuos son só algunhas das consecuencias destes procesos de intensa urbanización. O crecemento urbano é necesario, pero debe responder a un modelo de desenvolvemento equilibrado e sustentable. A definición do modelo de ocupación do territorio corresponde aos instrumentos de ordenación do territorio

en coordinación cos plans xerais de ordenación municipal.

Unha das novidades introducidas polo POL é a dos corredores ecolóxicos, cumprindo así o establecido no artigo 20º da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, que establece que as administracións públicas preverán mecanismos para lograr a conectividade ecolóxica do territorio, establecendo ou restablecendo corredores, en particular entre os espazos da protexida Rede Natura 2000 e entre aqueles espazos naturais de singular relevancia para a biodiversidade. Para iso outorgarase un papel prioritario aos cursos fluviais, as vías pecuarias, as áreas de montaña e outros elementos do territorio, lineais e continuos, ou que actúan como puntos de ligazón, con independencia de que teñan a condición de espazos naturais protexidos.

O artigo 5º bis da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que no seu primeiro punto establece: «Acordada polo Consello da Xunta a iniciación do procedemento de elaboración de calquera instrumento de ordenación do territorio, a persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, de forma motivada, poderá suspender preventivamente os procedementos de aprobación do planeamento urbanístico, dos instrumentos de xestión ou execución do planeamento e de outorgamento de licenza para ámbitos ou para usos determinados, coa finalidade de elaborar o instrumento de que se trate. Esta suspensión deberase de publicar no Diario Oficial de Galicia».

O artigo 5º bis da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, establece no seu parágrafo 2 que «a suspensión a que se refire o número 1 anterior extinguirase coa aprobación definitiva do instrumento de ordenación do territorio que motivou a adopción da medida cautelar de suspensión e, en todo caso, polo transcurso do prazo de dous anos contados desde a data do acordo de suspensión, prorrogable por un ano máis. Extinguidos os efectos da suspensión por aplicación deste artigo, non se poderán se acordar novas suspensións no mesmo ámbito e por idéntica finalidade no prazo de catro anos».

No Diario Oficial de Galicia do 15 de maio de 2009 publicouse a Orde do 14 de maio de 2009 pola que se acordou a suspensión cautelar previa á aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia. Estas medidas de aplicación nos municipios con planeamento xeral non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, foron de aplicación durante o prazo dun ano contado desde a entrada en vigor desa orde (o mesmo día da súa publicación) ou ata a aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral ou a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal adaptado integramente á Lei 9/2002, do 30 de decembro.

En consecuencia, a aprobación inicial do POL pola Orde do 23 de xullo de 2010, levou consigo o levantamento da suspensión de novos desenvolvementos urbanísticos na zona litoral, acordada polas ordes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 14 de maio de 2009, pola que se acorda a suspensión cautelar previa á aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia e do 30 de abril de 2010, pola que se acorda a extensión de efectos da suspensión cautelar previa á aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia.

Así mesmo, pola Orde do 23 de xullo de 2010 acordouse a suspensión de todas as actuacións cuxo desenvolvemento ou implantación contradiga os valores do solo postos de manifesto neste plan territorial integrado, en concreto, ás relativas dos ámbitos de solo clasificado como urbano non consolidado, solos de reserva urbana, urbanizables, rústicos aptos para o desenvolvemento urbanístico, e solos aptos para urbanizar, cuxo grao de compatibilidade co Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, sexa grao 2, grao 3 e grao 4 recollidos como tales no anexo da orde. Engádese que as medidas de suspensión a que se refire o punto sexto desta orde serán de aplicación nos municipios incluídos no ámbito de aplicación del Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, con planeamento xeral non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación do Litoral, de conformidade co disposto no artigo 5º bis da

Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

A propia Orde do 23 de xullo de 2010 sinala que en atención a circunstancias relevantes de interese xeral, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá, de forma motivada, modular ou deixar sen efecto, total ou parcialmente, as medidas cautelares previstas nesta orde.

O litoral conforma o ámbito de maior densidade e maior dinámica poboacional, pero a súa paisaxe constitúe tamén un dos valores máis apreciados como recurso turístico e económico de Galicia e de conectividade ecolóxica do territorio. O estudo exhaustivo e a análise dos desenvolvementos urbanísticos previstos na zona litoral, así como a súa análise detallada e a súa situación segundo a documentación presentada na fase de exposición pública e consultas, puxo de relevo a necesidade de manter a suspensión daquelas actuacións cuxo desenvolvemento ou implantación contradiga os valores do solo postos de manifesto neste plan territorial integrado, ben que tocante só ao ámbito daqueles desenvolvementos urbanísticos non compatibles co Plan de Ordenación do Litoral.

Entre os solos con grao de compatibilidade G4, a análise das alegacións e documentación achegada, puxo de manifesto unha serie de ámbitos que se atopan nunhas circunstancias que os fan compatibles co Plan de Ordenación do Litoral, por tratase de ámbitos que están en máis do 95% en área de ordenación do POL, ou ser ámbitos que non conteñen espazos naturais protexidos, protección de corredor nin espazos de interese xeomorfolóxico, taxón ou paisaxístico, ou sen usos e elementos para a súa valoración en gran superficie, ou ben se trata de ámbitos residenciais que quedan inseridos en trama urbana ou industriais en continuidade con outros existentes. Supostos todos eles en que, en atención a estas circunstancias relevantes de interese xeral, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de forma motivada, deixa sen efecto, parcialmente, as medidas cautelares previstas na Orde do 23 de xullo de 2010, levantándose esta suspensión nestes supostos dada a súa de compatibilidade

co POL.

En consecuencia, logo de valorar tanto os intereses públicos como os de carácter privado, considerouse imprescindible manter as medidas cautelares adoptadas pola Orde do 23 de xullo de 2010, nos ámbitos en que da documentación existente nesta consellería segue resultando contradición cos valores do solo postos de manifesto no Plan de Ordenación do Litoral, Plan Territorial Integrado, e modificar a citada orde e levantar tal suspensión naqueles solos recollidos no anexo, nos cales se acreditou unha realidade física diverxente ou unha situación da tramitación urbanística diferente da acreditada no momento da aprobación inicial deste plan territorial integrado, tendo moi presente que, segundo o artigo 2º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, este plan territorial integrado ten como obxecto e fin garantir a conservación, protección e posta en valor das zonas costeiras.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Aprobar provisionalmente o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, incluíndo a súa memoria ambiental.

Segundo.-Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia para o seu xeral coñecemento.

Terceiro.-A aprobación provisional do POL referida anteriormente supón o mantemento da suspensión acordada pola Orde do 23 de xullo de 2010 de todas as actuacións cuxo desenvolvemento ou implantación contradiga os valores do solo postos de manifesto neste Plan Territorial Integrado, en concreto, as relativas aos ámbitos de solo clasificado como urbano non consolidado, solos de reserva urbana, urbanizables, rústicos aptos para o desenvolvemento urbanístico e solos aptos para urbanizar, cuxo grao de compatibilidade co Plan de Ordenación do Litoral de Galicia sexa grao 2, grao 3 e grao 4 recollidos como tales no anexo da Orde do 23 de xullo de 2010, coa excepción do establecido no seguinte punto.

Cuarto.-A aprobación provisional do POL referida, naqueles ámbitos que se atopan nunhas circunstancias que os fan compatibles co Plan de Ordenación do Litoral, por atoparse en máis dun 95% en área de ordenación do POL, por seren ámbitos que non conteñen espazos naturais protexidos, protección de corredor nin espazos de interese, sexa xeomorfolóxico, taxón ou paisaxístico, ou sen usos e elementos para a súa valoración en gran superficie, ou por tratarse de ámbitos residenciais que quedan inseridos en trama urbana ou industriais en continuidade con outros existentes; supostos todos eles en que, atendendo a estas circunstancias relevantes de interese xeral, de forma motivada, se deixan sen efecto, parcialmente, as medidas cautelares previstas na Orde do 23 de xullo de 2010, e se levanta tal suspensión nos supostos recollidos no anexo a esta orde, dada a súa de compatibilidade co POL.

Quinto.-As medidas de suspensión a que se refire o punto terceiro desta orde serán de aplicación nos municipios incluídos no ámbito de aplicación do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, con planeamento xeral non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación do Litoral, de conformidade co disposto no artigo 5º.bis da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Sexto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas

Ver referencia pdf "00100D004P031.PDF"