DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2011 Páx. 28

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se encomendan a determinadas oficinas de distrito hipotecario a cargo dos rexistradores da propiedade funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora, no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

A Constitución española sinalou no seu artigo 157º, como un recurso das comunidades autónomas os impostos cedidos total ou parcialmente polo Estado. En desenvolvemento deste precepto, a Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, xunto coa Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, establecen o bloque normativo básico que determina os impostos obxecto de cesión, así como o alcance e condicións desta e as competencias normativas que as comunidades autónomas poden exercer.

Entre as figuras impositivas que se ceden, o artigo 25º da Lei 22/2009 sinala, entre outros, o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e o imposto sobre sucesións e doazóns. Sobre estes dous tributos os artigos 48º.2 e 49º.2 desta mesma norma atribúen ás comunidades autónomas competencias normativas para regular os aspectos de xestión e liquidación.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda atribúe a esta as competencias e funcións que en materia de facenda se establecen no Estatuto de autonomía, que exercen a través da Dirección Xeral de Tributos e dos departamentos territoriais as funcións de aplicación, revisión e exercicio da potestade sancionadora sobre os impostos cedidos. Nesta materia, e concretamente no que se refire aos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sobre sucesións e doazóns, o artigo 9º da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece a posibilidade de que mediante orde da Consellería de Facenda se poida encomendar a determinadas oficinas de distrito hipotecario por conta dos rexistradores da propiedade todas ou algunhas das funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora.

A encomenda destas funcións ás oficinas liquidadoras de distrito hipotecario foi tradicional nestes impostos e xa se viña realizando ata a data nesta comunidade autónoma de acordo co disposto tanto na normativa autonómica (disposición adicional terceira da Lei 2/1988, do 5 de marzo, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1988 para o imposto sobre sucesións e doazóns, e o Decreto 422/1991, do 30 de decembro, para o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados), como na normativa estatal (disposición adicional 1ª do Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns e disposición adicional 2ª do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados).

O tempo transcorrido desde a publicación destas normas, as modificacións sufridas tanto na normativa coma nas formas de xestión destes impostos, unido aos cambios organizativos que foron acaecendo tanto na Administración autonómica coma nos rexistros da propiedade, fan necesario perfilar un novo marco normativo que se inicia co xa citado artigo 9 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas e se desenvolve nesta orde.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto encomendar a determinadas oficinas de distrito hipotecario por conta dos rexistradores da propiedade, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, funcións relativas á aplicación, revisión ou exercicio da potestade sancionadora, no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta orde aplicarase ás oficinas liquidadoras que se relacionan no anexo e no exercicio das funcións enumeradas no artigo 3º.

2. O ámbito territorial a que se estende a competencia das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario é o que se sinala para cada unha delas no anexo desta orde. Os concellos non incluídos no ámbito territorial de ningunha oficina liquidadora de distrito hipotecario serán competencia dos departamentos territoriais da correspondente provincia en que se atopen.

Artigo 3º.-Competencias e funcións.

Primeiro.-As oficinas liquidadoras de distrito hipotecario por conta dos rexistradores da propiedade mencionadas no anexo desta orde realizarán as seguintes funcións relativas á aplicación, revisión e exercicio da potestade sancionadora no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados:

a) As funcións de xestión tributaria a que se refire o artigo 117º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, dentro do marco establecido polo artigo 55º da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

b) As funcións relativas á revisión en vía administrativa nos procedementos, trámites, recursos e reclamacións nos cales a normativa reguladora destes atribúa a competencia ao órgano que ditou o acto.

c) Proposta de inicio, instrución e proposta de resolución de procedementos sancionadores, así como a súa remisión ao órgano competente para resolver.

2. Os titulares das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario exercerán as súas funcións baixo a dependencia orgánica e funcional do xefe territorial da consellería competente en materia de facenda, e estarán suxeitos aos criterios, instrucións, directrices, sistemas de información e control establecidos pola Dirección Xeral de Tributos.

Artigo 4º.-Avocación de funcións.

A consellería competente en materia de facenda poderá avocar para si, mediante acordo do director xeral de Tributos e logo de proposta motivada do xefe territorial correspondente, a competencia para a tramitación e resolución de calquera procedemento iniciado polas oficinas liquidadoras de distrito hipotecario, quedando estas obrigadas á remisión da documentación que conste nelas.

Artigo 5º.-Convenio.

A Consellería de Facenda formalizará un convenio co Colexio de Rexistradores de Galicia, en que se determinará a fixación de contías que percibirán os titulares das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario como compensación dos gastos derivados da aplicación dos citados impostos, o procedemento para o seu cobramento, así como as relacións internas entre as oficinas mencionadas, a Dirección Xeral de Tributos e os departamentos territoriais da Consellería de Facenda.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día de su publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO I

Neste anexo detállanse os concellos que forman parte do ámbito territorial de cada oficina liquidadora de distrito hipotecario para o exercicio das funcións encomendadas obxecto desta orde.

A) Oficinas liquidadoras de distrito hipotecario da provincia da Coruña.

1. Rexistro da Propiedade de Arzúa.

Ámbito: Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro, Vilasantar.

2. Rexistro da Propiedade de Betanzos.

Ámbito: Betanzos, Abegondo, Aranga, Bergondo, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne, Sada.

3. Rexistro da Propiedade de Carballo.

Ámbito: Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Ponteceso.

4. Rexistro da Propiedade de Corcubión.

Ámbito: Corcubión, Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo, Zas.

5. Rexistro da Propiedade de Ferrol.

Ámbito: Ferrol, As Pontes de García Rodríguez, Moeche, Narón, Neda, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño.

6. Rexistro da Propiedade de Muros.

Ámbito: Muros, Carnota, Mazaricos, Outes.

7. Rexistro da Propiedade de Negreira.

Ámbito: Negreira, Ames, A Baña, Brión, Santa Comba.

8. Rexistro da Propiedade de Noia.

Ámbito: Noia, Boiro, Lousame, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Porto do Son.

9. Rexistro da Propiedade de Ordes.

Ámbito: Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia, Trazo, Val do Dubra.

10. Rexistro da Propiedade de Ortigueira.

Ámbito: Ortigueira, Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón.

11. Rexistro da Propiedade de Padrón.

Ámbito: Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Teo.

12. Rexistro da Propiedade de Pontedeume.

Ámbito: Pontedeume, Ares, Cabanas, A Capela, Fene, Miño, Monfero, Mugardos, Vilarmaior.

13. Rexistro da Propiedade n.º 2 de Santiago de Compostela.

Ámbito: Santiago de Compostela, Vedra, Boqueixón.

B) Oficinas liquidadoras de distrito hipotecario da provincia de Lugo.

1. Rexistro da Propiedade de Monforte de Lemos.

Ámbito: Monforte de Lemos, Bóveda, Pantón, O Saviñao, Sober.

2. Rexistro da Propiedade de Becerreá.

Ámbito: Becerreá, Baralla, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela.

3. Rexistro da Propiedade de Chantada.

Ámbito: Chantada, Antas de Ulla, Carballedo, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Taboada.

4. Rexistro da Propiedade da Fonsagrada.

Ámbito: A Fonsagrada, Baleira, Navia de Suarna, Meira, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín.

5. Rexistro da Propiedade de Mondoñedo.

Ámbito: Mondoñedo, O Valadouro, Foz, Alfoz, Lourenzá, Abadín, Riotorto, A Pastoriza.

6. Rexistro da Propiedade de Quiroga.

Ámbito: Quiroga, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil.

7. Rexistro da Propiedade de Ribadeo.

Ámbito: Ribadeo, Barreiros, A Pontenova, Trabada.

8. Rexistro da Propiedade de Sarria.

Ámbito: Sarria, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos.

9. Rexistro da Propiedade de Vilalba.

Ámbito: Vilalba, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Rábade, Xermade.

10. Rexistro da Propiedade de Viveiro.

Ámbito: Viveiro, Burela, Cervo, Xove, Muras, Ourol, O Vicedo.

C) Oficinas liquidadoras de distrito hipotecario da provincia de Ourense.

1. Rexistro da Propiedade de Allariz.

Ámbito: Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Taboadela, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo.

2. Rexistro da Propiedade de Bande.

Ámbito: Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios, Muíños, Padrenda, Verea.

3. Rexistro da Propiedade do Barco de Valdeorras.

Ámbito: O Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, A Veiga, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras.

4. Rexistro da Propiedade do Carballiño.

Ámbito: O Carballiño, Beariz, Boborás, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro.

5. Rexistro da Propiedade de Celanova.

Ámbito: Celanova, A Bola, Cartelle, Cortegada, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás.

6. Rexistro da Propiedade da Pobra de Trives.

Ámbito: A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Larouco, A Teixeira, Manzaneda, Montederramo, San Xoán de Río.

7. Rexistro da Propiedade de Ribadavia.

Ámbito: Ribadavia, A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Melón.

8. Rexistro da Propiedade de Verín.

Ámbito: Verín, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Vilardevós.

9. Rexistro da Propiedade de Viana do Bolo.

Ámbito: Viana do Bolo, O Bolo, A Mezquita, Vilariño de Conso, A Gudiña.

10. Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia.

Ámbito: Xinzo de Limia, Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos.

D) Oficinas liquidadoras de distrito hipotecario da provincia de Pontevedra.

1. Rexistro da Propiedade de Cambados.

Ámbito: Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo.

2. Rexistro da Propiedade da Estrada.

Ámbito: A Estrada, Cerdedo, Forcarei.

3. Rexistro da Propiedade de Lalín.

Ámbito: Lalín, Dozón, Agolada, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces.

4. Rexistro da Propiedade de Ponteareas.

Ámbito: Ponteareas, Arbo, Covelo, Crecente, A Cañiza, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salvaterra de Miño.

5. Rexistro da Propiedade de Ponte Caldelas.

Ámbito: Ponte Caldelas, Cotobade, A Lama.

6. Rexistro da Propiedade de Redondela.

Ámbito: Redondela, Fornelos de Montes, Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior.

7. Rexistro da Propiedade de Tui.

Ámbito: Tui, O Rosal, A Guarda, Oia, O Porriño, Salceda de Caselas, Tomiño.

8. Rexistro da Propiedade de Vilagarcía de Arousa.

Ámbito: Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa.

9. Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis.

Ámbito: Barro, Catoira, Portas, Caldas de Reis, Cuntis, Pontecesures, Campo Lameiro, Moraña, Valga.