DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2011 Páx. 23

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 30 de decembro de 2010 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como determinadas obrigas de subministración de información tributaria.

O artigo 103º da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer a actuación das administracións públicas. Pola súa banda, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3º, xunto aos principios constitucionais, aos de eficiencia e servizo aos cidadáns, e recoñece no artigo 35º o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992 destaca, no seu artigo 45º, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e exercicio das súas competencias, polo que as insta a que impulsen e apliquen as ditas técnicas.

Para completar e desenvolver esta idea apróbase a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, cuxa finalidade principal a indica claramente a súa exposición de motivos: «O servizo ao cidadán exixe consagrar o seu dereito a comunicarse coas administracións por medios electrónicos. A contrapartida dese dereito é a obriga destas de dotarse dos medios e sistemas electrónicos para que ese dereito poida exercerse. Esa é unha das grandes novidades da lei: pasar da declaración de impulso dos medios electrónicos e informáticos que se concretan na práctica na simple posibilidade de que algunhas administracións, ou algúns dos seus órganos, permitan as comunicacións por medios electrónicos a que estean obrigadas a facelo porque a lei recoñece o dereito dos cidadáns a establecer relacións electrónicas. A lei consagra a relación coas administracións públicas por medios electrónicos como un dereito dos cidadáns e como unha obriga correlativa para tales

administracións. O recoñecemento de tal dereito e a súa correspondente obriga eríxense así no eixe central do proxecto de lei.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece no seu artigo 34º.1 k) o dereito dos obrigados tributarios a que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención se leven a cabo na forma que lles resulte menos gravosa, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias, e no seu artigo 96º establece que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, coas limitacións que a Constitución e as leis establezan.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte, e nesta liña a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática de tributos facilita a formalización destes, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

A Consellería de Facenda, de acordo coas competencias normativas que o artigo 49º da Lei 22/2009, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, outorga sobre a xestión e liquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e de acordo co establecido no artigo 2º da Lei 17/2010, do 16 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da dita cesión, e tendo en conta a autorización que o artigo 5º da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, concede á conselleira de Facenda para a presentación das declaracións ou declaracións-liquidacións por vía telemática, así como para subscribir acordos con outras administracións públicas, así como con entidades, institucións e organismos para facer efectiva a

colaboración social na presentación e ingreso das citadas declaracións ou declaracións-liquidacións mediante a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, e de acordo tamén coa autorización establecida no artigo 7º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na súa redacción dada polo artigo 7º da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, procede a regular nesta orde a presentación telemática deste imposto, tanto se esta a realizan directamente os suxeitos pasivos como se se realiza a través de determinados profesionais, tendo en conta que o carácter non periódico destes tributos implica con frecuencia a súa presenza nos trámites previos á presentación.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a regulación da presentación telemática do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ante a Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, e aplicarase a todos os usuarios, tanto se esta a realizan directamente os suxeitos pasivos como se se realiza a través de determinados profesionais, tendo en conta que o carácter non periódico destes tributos implica con frecuencia a súa presenza nos trámites previos á presentación.

Artigo 2º.-Conceptos e definicións.

Para os efectos desta orde entenderase por:

1. Número de referencia completo (NRC). O NRC é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación ao pagamento derivado dela.

O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01 13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante da autoliquidación. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 14 22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo I desta orde.

2. Usuarios. Terán a consideración de usuarios para os efectos previstos nesta norma calquera dos seguintes:

a) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais que subscriban coa comunidade autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados nel.

b) Os obrigados tributarios ou os seus representantes, sempre que dispoñan da correspondente sinatura electrónica, de acordo co establecido no artigo 13º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

3. Ficha notarial: a ficha notarial é o documento informático comprensivo dos elementos básicos da escritura e confeccionada cos datos existentes no índice único informatizado notarial a que se refire o artigo 17º da Lei do 28 de maio de 1862, do notariado. A ficha notarial deberá reproducir fielmente os elementos básicos da escritura, sobre todo aqueles que teñan relevancia para efectos tributarios, velará o notario pola máis estrita veracidade da ficha, así como pola súa correspondencia cos documentos públicos autorizados e intervidos, e serán responsables de calquera discrepancia que exista entre aquela e estes, de acordo co establecido nos artigos 284º a 288º do Regulamento notarial, aprobado por Decreto do 2 de xuño de 1944. A ficha notarial substituirá o documento notarial nos supostos establecidos nesta orde.

Artigo 3º.-Procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

1. O pagamento e a presentación telemáticos das declaracións-liquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados que conforme os puntos de conexión establecidos no artigo 33º da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, deba efectuarse á Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, poderá realizarse por medios telemáticos, a través das aplicacións que a dita Administración poñerá á disposición dos usuarios, especialmente mediante os programas de axuda existentes nas aplicacións de presentación telemática da páxina web desta consellería.

Para que se teña por realizada a presentación telemática destes impostos é necesario que previamente se realice, de ser o caso, o pagamento da cantidade resultante da autoliquidación. No caso contrario terase por non realizada a presentación.

2. O pagamento das autoliquidacións que se presentarán de forma telemática poderá efectuarse das seguintes formas:

a) Mediante ingreso da cantidade resultante da autoliquidación de forma presencial en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas telematicamente. O ingreso realizarase mediante o documento de ingreso que para estes efectos xerará a aplicación informática e imprimirá o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número NRC identificativo do ingreso realizado, que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

b) Mediante pagamento telemático. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Consellería de Facenda e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións a través das entidades financeiras colaboradoras autorizadas por esta consellería para o pagamento telemático. A entidade financeira efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará un NRC por cada autoliquidación.

3. A xeración do NRC pola entidade financeira colaboradora implicará:

-Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade financeira colaboradora que o expide.

-Que o dito recibo corresponde á autoliquidación incorporada na carta de pagamento e non a outra.

-Que a partir do momento da súa xeración, queda a entidade financeira colaboradora obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na dita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

Dadas as expectativas de dereitos, opoñibles fronte a terceiros, a que pode dar lugar a carta de pagamento validada co correspondente NRC, unha vez xerado este non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade financeira colaboradora, e deberá presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a Administración tributaria, a correspondente solicitude de devolución de ingresos indebidos axeitadamente fundamentada.

Pola súa banda, a entidade financeira colaboradora deberá realizar o aboamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

As entidades financeiras xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos impostos cedidos á Comunidade Autónoma de Galicia e que desexen adherirse ás formas de pagamento das autoliquidacións presentadas telematicamente deberán solicitalo á Dirección Xeral de Tributos, que informará das configuracións técnicas necesarias para a incorporación efectiva á prestación do servizo.

Artigo 4º.-Xustificantes de pagamento e de presentación de autoliquidacións presentadas de forma telemática.

1. Unha vez que o contribuínte opte polo pagamento da autoliquidación de forma presencial na entidade financeira colaboradora, a aplicación informática xerará dúas copias do documento de ingreso debidamente cuberto. Co dito documento acudirase á entidade financeira colaboradora para a realización do pagamento, a cal quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

2. Se se opta polo pagamento telemático, unha vez realizado este, a aplicación informática xerará o recibo de cargo en conta que o contribuínte deberá imprimir e conservar, no cal se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte, así como o NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento do número de autoliquidación impreso neste.

3. A presentación da autoliquidación do imposto acreditarase mediante a impresión do documento (modelo 600) xerado pola aplicación informática, en que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, transmitente, presentador, datos do documento, datos do ben, operación ou acto e liquidación, así como o NRC xustificante do pagamento realizado, de ser o caso. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca a autoliquidación presentada telematicamente coa impresa polo contribuínte. Este documento acredita a presentación da autoliquidación así como a súa data. Tamén servirá como xustificante do pagamento realizado se consta nel o NRC xerado pola entidade financeira.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación e servirán de acreditación da presentación e pagamento da autoliquidación ante os rexistros públicos en que poidan inscribirse os documentos que incorporen o feito ou negocio que motivou o pagamento do imposto, sen prexuízo do establecido no artigo 6º.

Os contribuíntes deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación. No caso de que a autoliquidación presentada non dea lugar a ingreso só se devolverá a xustificación da presentación na forma sinalada no punto 3 anterior.

Artigo 5º.-Utilización do programa de axuda para a presentación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Aquelas persoas que non desexen realizar a presentación telemática deste imposto ou ben non dispoñan da correspondente sinatura electrónica de acordo co establecido no artigo 13º da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, poderán cumprir a súa autoliquidación utilizando o programa de axuda existente na páxina web desta consellería. Para estes efectos e unha vez introducidos os datos correspondentes, o sistema imprimirá catro exemplares do modelo 600 (exemplar para o interesado, exemplar para a Administración, talón de cargo e carta de pagamento), que serán válidos para a presentación do imposto de forma presencial nas oficinas xestoras desta consellería.

Artigo 6º.-Presentación de documentos.

1. De acordo co establecido no artigo 7º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, e nos artigos 98º e 101º do Real decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o contribuínte debe presentar ante a Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia os documentos comprensivos dos feitos impoñibles, en concreto a copia auténtica, xunto coa copia simple do documento notarial, xudicial e administrativo, o orixinal e copia do documento privado ou a declaración escrita substitutiva se o acto ou contrato non está incorporado ao documento, ou de ser o caso documento substitutivo.

2. No caso de presentación telemática do imposto, de acordo co establecido no artigo 3º, a remisión dos documentos comprensivos dos feitos impoñibles poderase cumprir das seguintes formas:

a) Presentación presencial de calquera documento: os obrigados tributarios deberán presentar os documentos comprensivos dos feitos impoñibles, en concreto a copia auténtica, xunto coa copia simple do documento notarial, xudicial e administrativo, o orixinal e copia do documento privado ou a declaración escrita substitutiva se o acto ou contrato non está incorporado ao documento, acompañada de copia do exemplar para o interesado do modelo 600, no prazo de 15 días hábiles seguintes ao pagamento e presentación das autoliquidacións.

b) Presentación telemática dos documentos notariais:

b-1) No suposto de documento notarial, se o notario colabora na presentación, pagamento e remisión por vía telemática da autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados do suxeito pasivo, a remisión do documento notarial substituirase polo envío da ficha notarial a que se refire o artigo 2º. A aplicación informática da consellería enviará ao usuario un xustificante da presentación do documento, de acordo co modelo sinalado no anexo II, para a súa incorporación á matriz da escritura ou documento notarial por parte do notario autorizante.

b-2) No suposto de documento notarial, se a presentación telemática das autoliquidacións a realiza o propio suxeito pasivo ou calquera usuario a que se refire o artigo 2º.2 a), con excepción do notario autorizante do documento, a remisión telemática do documento notarial realizarase seguindo estes pasos:

-O obrigado tributario ou o seu representante comunicará ao notario autorizante a súa vontade de que o documento notarial sexa remitido por vía telemática á Consellería de Facenda. O notario procederá ao envío da ficha notarial a que se refire o artigo 2º, substitutiva do documento, no prazo de 10 días naturais contados a partir da súa formalización, e en todo caso sempre antes da finalización do prazo de presentación do imposto, a través da canle informática establecida entre a Consellería de Facenda e a plataforma telemática corporativa notarial.

-O usuario procederá, de acordo co establecido no artigo 3º, ao pagamento e á presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e sinalará na dita presentación que o documento notarial foi enviado polo notario autorizante. Nese momento a aplicación informática da consellería enviará ao usuario un xustificante da presentación do documento de acordo co modelo sinalado no anexo II.

-Se o usuario desexa que o notario autorizante do documento incorpore á matriz da escritura ou documento notarial o xustificante de presentación do documento comunicarallo, e este incorporará a autorización do usuario á ficha notarial remitida. Neste caso a aplicación enviará ao notario o dito xustificante para a súa incorporación.

-No suposto de que o obrigado tributario ou o seu representante non comunique ao notario autorizante a súa vontade de que o documento notarial sexa remitido por vía telemática á Consellería de Facenda, a remisión dos documentos comprensivos dos feitos impoñibles realizarase de forma presencial como sinala a letra a) anterior.

3. O xustificante da presentación do documento ou da ficha notarial substitutiva, de acordo co modelo sinalado no anexo II, así como a súa incorporación ao documento notarial, servirá para acreditar a presentación deste ante a Administración tributaria para os efectos establecidos nos artigos 54º do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e 122º do Real decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Artigo 7º.-Remisión telemática dos documentos autorizados polos notarios.

1. Sen prexuízo da remisión das fichas notariais a que se refire o artigo anterior, os notarios con destino en Galicia, de acordo co establecido no artigo 7º da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, enviarán por vía telemática á Consellería de Facenda, no prazo de 10 días naturais contados a partir da súa formalización, as fichas notariais correspondentes aos documentos públicos por eles autorizados con transcendencia nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, calquera que sexa a comunidade autónoma competente para a aplicación dos ditos tributos. A súa remisión realizarase a través da canle informática establecida entra a Consellería de Facenda e a plataforma telemática corporativa notarial.

2. Con independencia da remisión das fichas notariais, a Administración tributaria da Xunta de Galicia poderá solicitar en calquera momento ao notario autorizante copia autorizada dos documentos públicos por eles autorizados con transcendencia nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, calquera que sexa a comunidade autónoma competente para a aplicación dos ditos tributos. A copia deberá ser remitida no prazo de 10 días naturais. Esta solicitude poderá exixir ben a copia en papel, ben a copia electrónica, de acordo co establecido no artigo 17º bis da Lei do 28 de maio de 1862, do notariado. Neste último caso, a súa remisión realizarase a través da canle informática establecida entre a Consellería de Facenda e a plataforma telemática corporativa notarial.

Artigo 8º.-Confirmación da autenticidade dos xustificantes.

Todos os xustificantes a que se refire esta orde poderán ser verificados por calquera persoa de forma permanente e inmediata mediante a introdución do código seguro de verificación na páxina web da Consellería de Facenda-Oficina virtual-Servizos de acceso libre-Verificación de documentos. Para estes efectos, poderá establecer mecanismos de verificación automática do código seguro de verificación a través de servizos web ou similares cos colectivos que se estableza.

Disposicións adicionais

Primeira.-Confidencialidade e representación.

Tanto os profesionais colexiados como as entidades privadas, ou as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e a súa normativa de desenvolvemento.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais a que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste imposto, deberán exercer a representación nos termos establecidos no artigo 46º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderalles requirir a estes, en calquera momento, a acreditación da dita representación.

A falta de representación suficiente das persoas en cuxo nome presentasen a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

Segunda.-Conservación de soportes informáticos.

No suposto de pagamento telemático das autoliquidacións referidas ao imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, a entidade financeira autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante deste conservará durante un período de seis anos os soportes informáticos que motivaron o dito NRC.

Terceira.-Presentación e pagamento en prazo.

A falta de resposta do ordenador da entidade financeira autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, elixida polo interesado para realizar o pagamento telemático das autoliquidacións establecidas nesta orde, así como a falta de conformidade da dita entidade a materializar a operación polos motivos que, con ocasión do intento de efectuar o dito pagamento poña en coñecemento do citado interesado, non escusarán este do pagamento e presentación da autoliquidación dentro dos prazos establecidos na normativa dos correspondentes impostos.

Cuarta.-Remisión dos documentos notariais e as súas fichas resumo polos notarios cuxa praza non estea demarcada na Comunidade Autónoma de Galicia.

As obrigas de remisión por vía telemática á Consellería de Facenda, conforme os establecido nesta orde, dos documentos notariais e as súas fichas polos notarios cuxa praza non estea demarcada na Comunidade Autónoma de Galicia, axustaranse ao establecido para o efecto no convenio que poida subscribirse entre a Consellería de Facenda e o Consello Xeral do Notariado.

Quinta.-Habilitación para a execución.

Autorízase a Dirección Xeral de Tributos para establecer modificacións nas especificacións técnicas de formato e estrutura, o procedemento de envío telemático das rectificacións, así como para cantas actuacións sexan necesarias en execución desta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 30 de abril de 2004 pola que se regula o procedemento para o pagamento e a presentación telemáticos das autoliquidacións correspondentes ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO I

Normas técnicas para a xeración do NRC

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) segundo a segunda norma técnica do anexo I da orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 caracteres codificados en EBCDIC:

*MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo:

-MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola oficina tributaria.

-C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na nomeada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

*XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

*NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

* AAAAMMDD (8): data de cargo.

* XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

* MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado arriba).

* XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9-1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control, é dicir, a sinatura.

Ver referencia pdf "00100D002P023.PDF"