DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2011 Páx. 6

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 29 de decembro de 2010 pola que se establecen os elementos de configuración externa e o deseño para a marcación e rotulación dos vehículos á disposición das policías locais e vixilantes municipais.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia, establece no seu artigo 11º que os medios técnicos son os aparellos, elementos e sistemas que o persoal dos corpos da policía local utiliza para cumprir mellor coas súas obrigas, engadindo que estes medios serán homoxéneos para todos os corpos do xeito que se estableza regulamentariamente.

Mediante o Decreto 60/2010, do 8 de abril, procedeuse ao desenvolvemento regulamentario da Lei 4/2007 nesta materia, recollendo no seu capítulo IV as cuestións referidas aos medios técnicos dos corpos de policía local, mentres que para os vixilantes municipais estas cuestións son tratadas dun xeito máis xenérico no capítulo VI do citado decreto.

O artigo 21º do decreto antes sinalado recolle, no seu número 1, os medios de mobilidade, pero sen determinar os elementos de configuración externa nin as condicións para o deseño da marcación e da rotulación exterior deles, que permita unha configuración única para todos estes medios, común a todos os corpos de policía local.

Respecto dos medios de mobilidade á disposición dos vixilantes municipais, o artigo 26º do citado decreto dispón, no seu número 4, que os vehículos non poderán levar logotipo, pero nas portas dianteiras irá o escudo do concello e debaixo a lenda Vixilancia municipal, sen referirse tampouco ao deseño de marcación e rotulación, nin á tipoloxía destes medios.

En canto aos medios dos auxiliares de policía local, establécese no artigo 27º.4 que non poderán levar armas, pero si os medios de dotación que considere o concello ou a xefatura do corpo de acordo coas súas concretas funcións. No que atinxe aos medios de mobilidade utilizarán os mesmos de que dispoñen os corpos de policías locais, pois estes auxiliares son contratados temporais nestes corpos.

A regulación dos elementos de configuración externa e os deseños de marcación e rotulación establécese tendo en conta especialmente un nivel aceptable de garantías, desde a perspectiva da seguridade viaria, tanto para o persoal dos corpos de policía local e dos vixilantes municipais que van facer uso destes medios, como tamén para o conxunto da sociedade coa que interaccionan e á que serven estes colectivos.

Por outra banda, na disposición derradeira segunda do decreto sinalado facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Na súa virtude, en uso das facultades outorgadas pola citada disposición derradeira do Decreto 60/2010, do 8 de abril, e despois do informe preceptivo da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 16 de decembro de 2010, ao abeiro do disposto no artigo 17º.1 a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

Resulta obxecto desta orde establecer os elementos de configuración externa e o deseño das condicións de marcación e rotulación dos medios técnicos de mobilidade á disposición dos corpos de policía local e dos vixilantes municipais de Galicia, que se recollen nos anexos I e II.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Os contidos desta orde abranguen aos medios de mobilidade do persoal dos corpos de policía local e dos vixilantes municipais, e afectan os concellos que dispoñan deste persoal.

2. Os auxiliares de policía utilizarán os medios de mobilidade dos corpos de policía local, limitados aos necesarios para as súas específicas funcións.

Capítulo II

Medios de mobilidade para os corpos de policía local

Artigo 3º.-Elementos de configuración externa e deseño dos vehículos de catro rodas.

Estes vehículos poderán ser dos seguintes tipos: de tres ou dous volumes, monovolumes, todoterreos, todocamiños, furgonetas e outros que sexan precisos, en función das necesidades de cada concello.

1. Elementos de configuración externa.

a) Ponte de luces.

Ponte de sinalización de deseño aerodinámico, perfil baixo (máximo 12 cm) de 1 ou 2 niveis, con tecnoloxía de led, conector de teito e kit de fixación, coa seguinte configuración e funcións mínimas:

-Iluminación de cor azul repartida pola ponte como iluminación principal. Será dun mínimo de 30 leds e de 3 W, repartíndose no frontal, laterais e traseira da ponte.

-Luz de cruceiro en cor azul, sobre algúns ou todos os leds de iluminación principal.

-Luz de cor vermella para detención na parte dianteira da ponte, que será dun mínimo de 2 módulos de 3 led de 3 W.

-Luz de cor ámbar para precaución na parte traseira da ponte, que será dun mínimo de 2 módulos de 3 led de 3 W.

-2 focos frontais halóxenos ou de baixo consumo de 55 W de cor branca para iluminación frontal na parte dianteira da ponte.

-2 focos laterais halóxenos ou de baixo consumo de 55 W de cor branca para iluminación lateral nas partes laterais da ponte.

-Altofalante de 100 W integrado na ponte ou instalado nun oco do motor do vehículo.

-Amplificadora sirena 100 W con megafonía e control de volume do micro, de 3 tons, con mando remoto para o control das luces da ponte e perimetrais.

b) Iluminación perimetral.

-2 focos en cor azul para iluminación perimetral na punteira das aletas dianteiras.

2. Ampliación opcional desta configuración, a criterio e decisión do concello.

a) Ponte de luces.

-Barra direccional de mínimo de 5 módulos, de baixo consumo e en cor ámbar, colocada na parte traseira da ponte ou independente.

-2 focos laterais halóxenos ou de baixo consumo de cor branca para iluminación lateral a 45 graos, para suplir zonas mortas entre laterais de 90 graos e frontais.

b) Iluminación perimetral.

-2 focos de baixo consumo, de cor azul ou azul/vermella, para colocación na grella dianteira dos vehículos

-Kit de luces estroboscópicas ou de baixo consumo para colocación en focos dianteiros e pilotos traseiros.

-Foco de baixo consumo, de cor azul ou azul e vermello detención, para colocación no panel de instrumentos do vehículo, parte interior.

-2 focos de baixo consumo para iluminación perimetral en aletas traseiras.

-4 focos de baixo consumo, 2 en cor azul e 2 en ámbar, para colocación en interior do maleteiro con activación ao abrir o maleteiro.

-2 focos de baixo consumo de cor azul para iluminación perimetral en parte traseira do vehículo, sobre todo en furgoneta e todoterreo altos.

-2 focos de baixo consumo de cor ámbar para iluminación perimetral na parte traseira do vehículo, sobre todo en furgoneta e todoterreo altos.

3. Elementos de deseño e rotulación.

-Dameiro.

En cor azul (RAL 5003) e branca reflectora, cunhas medidas mínimas de cada cadrado de 150x150 mm.

-Logosímbolo dos corpos de policía local.

-Placa policial co escudo do concello.

-Teléfono de emerxencias 112 ou 092, segundo o caso.

-Escudo de Galicia.

-Elementos de retrorreflectancia.

De tipo espiga na zona baixa dos laterais dos vehículos en dirección de cara adiante, entre os dous pases de roda. Na parte traseira, en todo o ancho desta, será do mesmo tipo, pero en dirección desde o centro cara a ambos os laterais.

-Numeración e lenda do teito dos vehículos.

Levarán no teito as letras PL e un número de dous díxitos como identificación.

Poderán levar outros elementos opcionais de identificación dos vehículos, segundo as funcións destes ou as unidades policiais a que pertenzan.

O deseño deberá axustarse ao previsto no anexo I.

Artigo 4º.-Elementos de configuración externa e deseño das motocicletas.

Segundo as necesidades de uso, poderán ser: motos para patrulla, en unidades de motoristas; motos para desprazamento (tipo Scooter); e motos todoterreo. En todos os casos, os esquemas de cores e signos de identificación das motos serán os establecidos nos deseños do anexo I.

Para a disposición dos elementos de configuración externa nas motocicletas, procurarase alterar o mínimo posible o centro de gravidade e a manexabilidade orixinaria da moto, tendo en conta as particulares características de cada modelo.

1. Elementos de configuración externa.

1.1. Motos para patrulla.

Estas motos poderán ser de tipo sport-turismo ou trail e irán equipadas con:

-Mastro de luces.

Mastro traseiro telescópico con cabezal omnidireccional de led de cor azul, luz de cruceiro e tulipa de cor azul.

-Luces tipo led.

Focos dianteiros (dereito e esquerdo) direccionais de led en cor azul e 1 led mínimo de 3W de cor vemella para función de Luz de pare e luz de cruceiro (12 V) Irán situados por encima da luz de cruzamento, con curvatura que facilite a súa visibilidade desde os ángulos dianteiros.

-Sirena.

Sirena compacta de potencia mínima de 35 W.

-Mando de control de luces dianteiras, mastro e sirena.

-Carenado dianteiro para a protección aerodinámica completa.

-Barras de protección lateral ou topes, que poderán ser integradas/os segundo o modelo.

-Maletas homologadas e/ou compartimentos de carga laterais e/ou superior, con capacidade para aloxar o equipamento básico e as pezas de reserva do/a motorista.

Opcionalmente poderán equipar tamén megafonía e control de volume do micro.

1.2. Motos para desprazamento, tipo Scooter, e motos todoterreo.

-Mastro de luces, que será opcional nas de tipo todoterreo.

Mastro traseiro telescópico con cabezal omnidireccional de led de cor azul, luz de cruceiro e tulipa de cor azul.

-Luces tipo led.

Focos dianteiros (dereito e esquerdo) direccionais de led en cor azul e 1 led mínimo de cor vemella para función de luz de pare e luz de cruceiro (12 V) Irán situados por encima da luz de cruzamento, con curvatura que facilite a súa visibilidade desde os ángulos dianteiros.

-Sirena.

Sirena compacta de potencia mínima de 35 W.

-Mando de control de luces dianteiras, mastro e sirena.

-Maleta traseira, que será opcional nas de tipo todoterreo.

2. Elementos de deseño e rotulación.

-Dameiro.

En cor azul (RAL 5003) e branca reflectora, cunhas medidas mínimas de cada cadrado de 15x15 mm.

-Logosímbolo dos corpos de policía local.

-Placa policial co escudo do concello.

-Teléfono de emerxencias 112 ou 092, segundo o caso.

-Escudo de Galicia.

Opcionalmente poderán levar outros elementos opcionais de numeración e identificación das motos, segundo as funcións destas ou as unidades policiais a que pertenzan.

Artigo 5º.-Elementos de configuración externa e deseño das embarcacións e outros medios acuáticos.

1. Os concellos costeiros, e tamén aqueles que teñan áreas fluviais ou encoros no seu territorio, de consideralo necesario, poderán dispor de medios técnicos axeitados para intervencións policiais ou de salvamento no medio acuático.

2. Poderán equiparse cun sistema de luces de cor azul de baixo consumo, con altofalante de 100 W especial para embarcación, e amplificador de 100 W, con 3 tons e megafonía para avisos, mediante mando remoto con control de volume e luces de emerxencias.

3. Estes medios, con independencia do tipo e características de que se trate, deberán axustarse ás condicións de deseño que se recollen como referencia no anexo I.

Capítulo III

Medios de mobilidade para os vixilantes municipais

Artigo 6º.-Elementos de configuración externa e deseño dos vehículos de catro rodas.

Estes vehículos poderán ser turismos, todocamiños ou doutro tipo, en función das necesidades de cada concello. Os deseños son os que figuran no anexo II.

1. Elementos de configuración externa.

a) Ponte de luces.

Ponte de sinalización de deseño aerodinámico, baixo perfil (máximo 12 cm) de 1 ou 2 niveis, con tecnoloxía de led, conector de teito e kit de fixación coa seguinte configuración mínima:

-Iluminación de cor azul, mínimo de 30 led de 3 W, repartida pola ponte como iluminación principal.

-Luz de cruceiro en cor azul, sobre algúns ou todos os led de iluminación principal.

-Luz de cor vermella para detención na parte dianteira da ponte, cun mínimo de 2 módulos de 3 led de 3 W.

-Luz de cor ámbar para precaución na parte traseira da ponte, que será dun mínimo de 2 módulos de 3 led de 3 W.

-2 focos frontais halóxenos ou de baixo consumo de 55 W de cor branca para iluminación frontal na parte dianteira da ponte.

-2 focos laterais halóxenos ou de baixo consumo de 55 W de cor branca para iluminación lateral nas partes laterais da ponte.

-Altofalante de 100 W integrado na ponte ou instalado nun oco do motor do vehículo.

-Amplificadora sirena 100 W con megafonía e control de volume do micro, de 3 tons, con mando remoto para control de luces da ponte e perimetrais.

b) Iluminación perimetral.

-2 focos en cor azul para iluminación perimetral na punteira das aletas dianteiras.

2. Ampliación opcional desta configuración, a criterio e decisión do concello.

a) Ponte de luces.

-2 focos laterais halóxenos ou de baixo consumo de cor branca para iluminación lateral a 45 graos, para suplir zonas mortas entre laterais de 90 graos e frontais.

b) Iluminación perimetral.

-4 focos de baixo consumo, 2 en cor azul e 2 en ámbar, para colocación en interior de maleteiro con activación ao abrir este.

3. Elementos de deseño e rotulación.

-Dameiro, de configuración semellante ao dos vehículos das policías locais, de acordo co deseño do anexo II, sen o logosímbolo daquelas.

-Lenda VIXILANCIA MUNICIPAL.

-Escudo do concello.

-Teléfono de emerxencias 112.

-Escudo de Galicia.

-Elementos de retrorreflectancia.

De tipo espiga na zona baixa dos laterais dos vehículos en dirección de cara adiante, entre os dous pases de roda. Na parte traseira, en todo o ancho desta, será do mesmo tipo, pero en dirección desde o centro cara a ambos laterais.

-Lenda VM no teito dos vehículos.

Artigo 7º.-Elementos de configuración externa e deseño das motocicletas.

Os concellos con vixilantes municipais poderán poñer á disposición destes, de consideralo de interese, motos tipo Scooter para o desprazamento no servizo, ou tamén de tipo todoterreo, segundo conveña. Os deseños son os que figuran no anexo II.

1. Elementos de configuración externa.

-Mastro de luces, que será opcional nas de tipo todoterreo.

Mastro traseiro telescópico con cabezal omnidireccional de led de cor azul, luz de cruceiro e tulipa de cor azul.

-Luces tipo led.

Focos dianteiros (dereito e esquerdo) direccionais de led en cor azul e 1 led mínimo de cor vemella para función de Luz de pare e luz de cruceiro (12 V). Irán situados por encima da luz de cruzamento, con curvatura que facilite a súa visibilidade desde os ángulos dianteiros.

-Sirena, que será opcional.

Sirena compacta de potencia mínima de 35 W.

-Mando de control de luces dianteiras, mastro e sirena, de ser o caso.

-Maleta traseira, que será opcional nas de tipo todoterreo.

2. Elementos de deseño e rotulación.

-Dameiro, de configuración semellante ao das motos das policías locais, de acordo cos deseños do anexo II, sen o logosímbolo daquelas.

-Nome e escudo do concello, coa lenda VIXILANCIA MUNICIPAL.

-Escudo de Galicia.

-Teléfono de emerxencias 112.

Disposicións adicionais

Primeira.-Condicións técnicas e de homologación.

Aqueles elementos ou materiais que se inclúan na ponte de luces dos vehículos, así como as sirenas, luces estroboscópicas, materiais retrorreflectantes e outros, deberán axustarse ás condicións técnicas e de homologación previstas na normativa vixente.

Segunda.-Bicicletas ou medios semellantes.

1. Os concellos nos que se presten servizos por persoal en bicicleta deberán axustar os deseños desta ao previsto no anexo I. En todo caso, a bicicleta será de cor branca e deberá levar o logosímbolo dos corpos de policía local, así como elementos retrorreflectantes tamén de cor branca.

2. A bicicleta poderá incorporar sistemas específicos de baixo consumo para luces policiais de posición, emerxencia e mesmo o dispositivo acústico da sirena.

3. No caso de optaren por outros medios semellantes para o desprazamento do seu persoal, tipo Segway ou de prestacións homólogas, estes medios deberán identificarse externamente cando menos co logosímbolo das policías locais de Galicia, como se recolle no anexo I, axustándose tamén as condición técnicas e de homologación previstas na normativa vixente.

Disposición derradeira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Deseño e rotulación dos vehículos dos corpos de policía local

1. Os elementos de deseño, debuxos, escudos, numeración e símbolos que integran a marcación e a rotulación dos vehículos deberán axustarse, no que afecta ás súas medidas e tamaños, aos espazos útiles e volumes que presente cada modelo, seguindo o máis fielmente as indicacións previstas para cada un dos debuxos que aparecen como referencia neste anexo.

2. Condicións técnicas para as marcacións retrorreflectantes adhesivas dos vehículos de policía local.

a) Elementos da marcación.

Os vehículos levarán diferentes rotulacións e marcacións, que poden clasificarse en:

-Grafismos distintivos retrorreflectantes.

-Rótulos de textos e/ou grafismos distintivos e pezas de rotulación non retrorreflectantes.

-Marcacións/bandas de contorno retrorreflectante brancas con espiga azul.

b) Requisitos dos materiais para grafismos distintivos retrorreflectantes (dameiro branco).

Os materiais retrorreflectantes empregados na confección dos rótulos de textos e/ou grafismos distintivos deberán cumprir cos requisitos especificados no Regulamento CEPE-ONU nº 104 (Clase D/E) e levar, consecuentemente, a marca de homologación correspondente.

c) Requisitos dos materiais para rótulos de textos e/ou grafismos distintivos e pezas de rotulación non retrorreflectantes.

Os materiais empregados na confección dos rótulos de textos e/ou grafismos distintivos, e pezas de rotulación non retrorreflectante, deberán ter un espesor máximo de 50 µ e ser aptos para ofrecer unha durabilidade durante a vida do vehículo, mesmo cando se apliquen a corrugacións e remaches.

d) Requisitos das marcacións/bandas de contorno retrorreflectante brancas con espiga azul.

Os materiais retrorreflectantes empregados na confección de marcacións de balizamento con dameiro de laterais deberán cumprir con todos os requisitos fotométricos e colorimétricos das láminas de clase C do Regulamento CEPE-ONU nº 104, coa excepción da marcación.

A espiga azul sobre a banda de contorno poderá ser serigrafada ou realizada cun filme transparente (ECOF). A estas áreas exixiráselles un 70% dos valores fotométricos da cor directa correspondente.

e) A cor azul escura responderá ao RAL 5003, mentres que a cor azul clara será o RAL 5012. O resto das cores serán as que correspondan aos logos ou figuras con valores propios e predeterminados: escudo de Galicia, 112, placa policial e outros.

Ver referencia pdf "00100D001P006.PDF"

ANEXO II

Deseño e rotulación dos vehículos dos vixilantes municipais

1. Os elementos de deseño, debuxos, escudos, numeración e símbolos que integran a marcación e a rotulación dos vehículos, deberán axustarse, no que afecta ás súas medidas e tamaños, aos espazos útiles e volumes que presente cada modelo, seguindo o máis fielmente as indicacións previstas para cada un dos debuxos que aparecen como referencia neste anexo.

2. Condicións técnicas para as marcacións retrorreflectantes adhesivas dos vehículos dos vixilantes municipais de Galicia.

a) Elementos da marcación.

Os vehículos levarán diferentes rotulacións e marcacións que poden clasificarse en:

-Grafismos distintivos retrorreflectantes.

-Rótulos de textos e/ou grafismos distintivos e pezas de rotulación non retrorreflectantes.

-Marcacións/bandas de contorno retrorreflectante brancas con espiga azul.

b) Requisitos dos materiais para grafismos distintivos retrorreflectantes (dameiro branco).

Os materiais retrorreflectantes empregados na confección dos rótulos de textos e/ou grafismos distintivos deberán cumprir cos requisitos especificados no Regulamento CEPE-ONU nº 104 (Clase D/E) e levar, consecuentemente, a marca de homologación correspondente.

c) Requisitos dos materiais para rótulos de textos e/ou grafismos distintivos e pezas de rotulacion non retrorreflectantes.

Os materiais empregados na confección dos rótulos de textos e/ou grafismos distintivos, e pezas de rotulación non retrorreflectante, deberán ter un espesor máximo de 50 µ e ser aptos para ofrecer unha durabilidade durante a vida do vehículo, mesmo cando se apliquen a corrugacións e remaches.

d) Requisitos das marcacións/bandas de contorno retrorreflectante brancas con espiga azul.

Os materiais retrorreflectantes empregados na confección de marcaciónss de balizamento con dameiro de laterais deberá cumprir con todos os requisitos fotométricos e colorimétricos das láminas de clase C do Regulamento CEPE-ONU nº 104, coa excepción da marcación.

A espiga azul sobre a banda de contorno poderá ser serigrafada ou realizada cun filme transparente (ECOF). A estas áreas exixiráselles un 70% dos valores fotométricos da cor directa correspondente.

e) A cor azul escura responderá ao RAL 5003, mentres que a cor azul clara será o RAL 5012. O resto das cores serán as que correspondan aos logos ou figuras con valores propios e predeterminados: escudo de Galicia, 112, escudo do concello e outros.

Ver referencia pdf "00100D001P006.PDF"