DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.556

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2010 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, polo que se aproba o Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 30 de decembro de 2010, adoptou, por proposta da Consellería de Sanidade, o acordo que a seguir se transcribe, así como o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co previsto nos artigos 3º e 4º da Lei 12/2010, do 22 de decembro, de racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia, o Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos estará formado polos principios activos coas súas respectivas presentacións que resposten ao prezo menor recollido no Nomenclátor oficial de produtos farmacéuticos financiados polo Sistema Nacional de Saúde, ou ben cun prezo superior cando se trate de situacións excepcionais xustificadas pola existencia de risco de desabastecemento ou monopolio.

De conformidade coas previsións legais citadas, e logo do estudo do informe elaborado pola Subdirección Xeral de Farmacia, a Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa sesión do 28 de decembro de 2010, acordou elevar á Consellería de Sanidade a proposta de Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos por conxuntos de intercambio.

Tendo en conta o anterior, no exercicio das competencias outorgadas nos artigos 3º e 4º da Lei 12/2010, do 22 de decembro, de racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia,

ACORDA:

Primeiro.-Apróbase o Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia que se une.

Segundo.-Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia para os efectos do seu coñecemento xeral e aplicación.

Terceiro.-Para a prescrición, o catálogo priorizado de produtos farmacéuticos para medicamentos e produtos sanitarios producirá os seus efectos desde o día 3 de xaneiro de 2011.

Para a dispensación, producirá os seus efectos do seguinte xeito:

1. As oficinas de farmacia da comunidade autónoma poderán dispensar, desde o 3 ao 16 de xaneiro de 2011, o medicamento prescrito en receita oficial do Servizo Galego de Saúde, con independencia de que se atope ou non no catálogo priorizado, cando non dispoñan de alternativa incluída no catálogo.

2. Desde o día 17 de xaneiro de 2011, as oficinas de farmacia non poderán dispensar a través de receita oficial do Servizo Galego de Saúde un medicamento que non figure no catálogo priorizado, salvo nas situacións autorizadas de necesidade terapéutica, de conformidade co artigo 4º.3 da Lei 12/2010, do 23 de decembro. Non obstante, do 17 ao 31 de xaneiro de 2011, a/o farmacéutica/o poderá substituír o medicamento prescrito por outro medicamento xenérico dos que se atopen incluídos no mesmo conxunto de intercambio do catálogo.

3. A partir do 1 de febreiro de 2011, o catálogo producirá todos os seus efectos, para a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2010.

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "25100D004P047.PDF"

Ver referencia pdf "25100D005P052.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE