DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2010 Páx. 21.551

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 216/2010, do 30 de decembro, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33º.1 e 4º que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, todos os servizos relacionados coa materia antes expresada e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social.

Por outra banda, a Lei 14/1986, xeral de sanidade, establece os principios aos que se deben acomodar as transferencias sanitarias ás comunidades autónomas e tamén, en particular, dos servizos e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais.

O Decreto 133/1989, do 6 de xullo, creou a comisión mixta para o traspaso dos centros, servizos e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo para iso a súa composición, funcións e normas de funcionamento.

A comisión mixta prevista no citado Decreto 133/1989, de conformidade co disposto no seu artigo 2º, adoptou o acordo de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo. O dito acordo, de conformidade co artigo 2º do mencionado decreto, ten carácter de proposta precisando a aprobación do Consello da Xunta de Galicia, mediante decreto.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34º.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta creada polo Decreto 133/1989, do 6 de xullo, para o traspaso dos centros, servizos e establecementos sanitarios das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado o 23 de decembro de 2010, polo que se traspasan as funcións, servizos e os medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo, á Comunidade Autónoma de Galicia nos termos recollidos no devandito acordo que se incorpora a este decreto.

Os inmobles nos que se sitúan os mencionados hospitais seguirán pertencendo ao patrimonio da Deputación Provincial para todos os efectos.

Artigo 2º

1. En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia e asumidas por esta as funcións, os servizos e os medios persoais que se relacionan no dito acordo, que se inclúe como anexo deste decreto, nos termos e condicións del resultantes, así como os dereitos e obrigas dimanantes do dito traspaso.

2. O traspaso dos medios persoais axustarase en todo caso ao establecido no Decreto 447/1996, do 26 de decembro, polo que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, de persoal pertencente ao Servizo Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo.

Artigo 3º

1. Adscríbense ao Servizo Galego de Saúde os servizos e os medios persoais asumidos.

2. A Consellería de Sanidade e o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde exercerán as funcións emanadas das súas respectivas competencias, en relación coas funcións, servizos e medios persoais traspasados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase os/as conselleiros/as de Facenda e de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijoo

Presidente

María Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

ANEXO

Sagrario Pérez Castellanos e Faustino Martínez Fernández, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias, Xunta de Galicia-Deputación Provincial de Lugo, constituída segundo o previsto no Decreto 133/1989, do 6 de xullo,

CERTIFICAN:

Que na sesión da comisión mixta que tivo lugar o día 23 de decembro de 2010, adoptouse acordo sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo, nos termos que a seguir se expresan:

A) Referencia ás normas estatutarias e legais nas que se ampara a transferencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33º.1 e 4 que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social.

Por outra banda, a Lei 14/1986, xeral de Sanidade, establece o seguinte:

-Artigo 4º: «1. Tanto o Estado como as comunidades autónomas e as demais administracións públicas competentes organizarán e desenvolverán todas as accións sanitarias a que se refire este título dentro dunha concepción integral do sistema sanitario.

2. As comunidades autónomas crearán os seus servizos de saúde dentro do marco desta lei e dos seus respectivos estatutos de autonomía».

-Artigo 50º: «1. En cada Comunidade Autónoma constituirase un servizo de saúde integrado por todos os centros, servizos e establecementos da propia comunidade, deputacións, concellos e calquera outras administracións territoriais intracomunitarias que estará xestionado, como se establece nos artigos seguintes, baixo a responsabilidade da respectiva comunidade autónoma».

Así mesmo, a disposición transitoria primeira.1 da mesma Lei 14/1986, xeral de sanidade, establece que «as corporacións locais que na actualidade dispoñen de servizos e establecementos sanitarios que leven a cabo actuacións que nesta lei se adscriban aos servizos de saúde das comunidades autónomas, establecerán, de mutuo acordo cos gobernos das comunidades autónomas, un proceso de transferencia daqueles».

Por outra banda, o artigo 32º da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece como un dos principios reitores do Sistema Público de Saúde de Galicia «a integración funcional de todos os recursos sanitarios públicos, apostando por fórmulas de colaboración no lugar de fórmulas competitivas».

O artigo 93º.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia determina que «integran o Servizo Galego de Saúde os centros, servizos e establecementos sanitarios e administrativos creados pola Administración da Xunta de Galicia ou procedentes de transferencias, así como as entidades sanitarias de natureza pública que se lle adscriban».

O artigo 108º.2 c) da mesma lei inclúe no concepto de empregado público da saúde «o persoal transferido, calquera que sexa o réxime xurídico de dependencia, laboral, funcionario ou estatutario, doutras administracións públicas, con ocasión do traspaso e/ou da asunción das competencias, dos medios e dos servizos na materia de asistencia sanitaria».

Sobre a base das previsións estatutarias e legais citadas así como outras de xeral e pertinente aplicación, e logo de acordo entre a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo, resulta procedente efectuar o traspaso das funcións, servizos e medios persoais afectos á asistencia sanitaria prestada pola Deputación Provincial de Lugo, á Comunidade Autónoma de Galicia.

B) Funcións e servizos que se traspasan.

Traspásanse, en concepto de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, as funcións e servizos que viña realizando a Deputación Provincial de Lugo en materia de asistencia sanitaria e, en concreto, as que viña realizando a través dos seguintes establecementos:

-Hospital provincial San José.

-Hospital Psiquiátrico San Rafael.

A Comunidade Autónoma de Galicia exixirá e vixiará o cumprimento do artigo 29º da Lei 14/1986, xeral de sanidade, para evitar a duplicidade das redes sanitarias públicas.

O Servizo Galego de Saúde asumirá as prestacións sanitarias que se están a desenvolver nos dous centros. Durante o primeiro semestre de 2011, o Servizo Galego de Saúde asumirá os custos dos pacientes ingresados no Hospital San Rafael, ata a incorporación total nos centros do Servizo Galego de Saúde, segundo a tarifa establecida de 24,87 euros/estancia.

C) Persoal que se traspasa.

Traspásase o persoal adscrito aos centros hospitalarios referenciados, dependentes da Deputación Provincial de Lugo, que se relaciona nominalmente nas relación adxunta número 1 deste acordo.

As posibles modificacións que nesta relación se puidesen producir con posterioridade a este acordo de transferencia deberán ser aprobadas, en cada caso, pola comisión de seguimento prevista neste acordo e serán recollidas e publicadas con posterioridade á dita data, en nova relación, que reflectirá tamén a situación da letra D.

Sen prexuízo de que o traspaso efectivo do persoal se materialice o 1 de xaneiro de 2011, o persoal do Hospital Psiquiátrico San Rafael, que se ocupa da atención a pacientes con patoloxías psiquiátricas de longa estancia, agás que necesidades asistenciais que serán valoradas polo Servizo Galego de Saúde o aconsellen, a incorporación dos pacientes e do dito persoal ao Hospital de Calde efectuarase unha vez realizadas as correspondentes reformas que permitan a apertura deste hospital.

A Deputación Provincial de Lugo notificaralles aos interesados o traspaso e a súa nova situación administrativa. Así mesmo, remitiralles aos órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia os expedientes do persoal traspasado, así como os certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas no ano anterior á formalización da integración, no prazo indicado na letra F.

O traspaso dos medios persoais axustarase en todo caso ao establecido no Decreto 447/1996, do 26 de decembro, polo que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, de persoal pertencente ao Servizo Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo, sendo respectados os dereitos do persoal obxecto de traspaso, que se incorporará ao plantilla orzamentario do Servizo Galego de Saúde nas condicións que teña acreditadas á data de efectividade deste, agás as retribucións diferidas que serán tratadas na comisión de seguimento.

A asistencia sanitaria do persoal obxecto de traspaso que estivese incluído no ámbito de aplicación da disposición transitoria quinta, punto 2, do Real decreto 480/1993, do 2 de abril, polo que se integra no réxime xeral da Seguridade Social, o réxime especial da Seguridade Social dos funcionarios da Administración local, pasará a ser prestada directamente polo Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo de manter transitoriamente ata o 31 de xaneiro de 2011, a modalidade de prestación de asistencia sanitaria que tivesen na data de efectividade do traspaso.

D) Postos de traballo vacantes que se traspasan.

Os postos de traballo vacantes dotados orzamentariamente que se traspasan son os que se detallan na relación adxunta número 2, con indicación da súa categoría profesional.

No suposto de que, logo de autorización da comisión de seguimento, prevista na letra F, se produza minoración de efectivos, serán recollidos e publicados con posterioridade nunha nova relación de postos vacantes e dotados orzamentariamente.

E) Valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan.

A valoración do custo efectivo dos medios que se traspasan é de 7.778.275,18 euros.

Ao financiamento das cargas quedan afectados os ingresos do Fondo de Achega á Asistencia Sanitaria para o mantemento dos centros sanitarios de carácter non psiquiátrico das deputacións, previsto anualmente na Lei de orzamentos xerais do Estado, que pasaran a ser percibidos directamente pola comunidade autónoma.

F) Documentación e expedientes dos servizos que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes correspondentes aos servizos e medios persoais traspasados, realizarase no prazo dun mes a partir da entrada en vigor do decreto polo que se efectúa o traspaso.

G) Comisión de seguimento.

Constituirase unha comisión paritaria de seguimento á que corresponderá a interpretación e a solución de cantas dúbidas e cuestións puidesen derivarse do acordado, asegurar a continuidade das operacións administrativas e garantir un traspaso ordenado das funcións, servizos e medios persoais sinaladas nos puntos precedentes.

A comisión de seguimento realizará, nun prazo non superior a 6 meses, a revisión e modificación das relacións adxuntas, no caso de que fose necesario.

H) Data de efectividade das transferencias.

O traspaso de funcións e servizos obxecto deste acordo, e en particular, os medios persoais será efectivo a partir do un de xaneiro de dous mil once.

I) Outros acordos.

Á marxe do acordado na transferencia de funcións, servizos e medios persoais, a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Deputación Provincial de Lugo, establecerán mediante un convenio de colaboración, que se incorpora ao expediente do traspaso, o procedemento necesario para a cancelación das liquidacións pendentes.

Sagrario Pérez Castellanos, secretaria pola Comunidade Autónoma de Galicia. Faustino Martínez Fernández, secretario pola Deputación Provincial de Lugo.

Ver referencia pdf "25100D004P047.PDF"