DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Xoves, 30 de decembro de 2010 Páx. 21.269

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Exposición de motivos

I

Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011 son o instrumento por excelencia para a transmisión dos obxectivos da política económica da Xunta, formulados no Plan estratéxico Galicia 2010-2014: Horizonte 2020, coa finalidade de levar a cabo un novo modelo de desenvolvemento social e económico e un novo modelo produtivo que aproveite de cheo as capacidades e potencialidades das persoas e dos recursos de Galicia.

Deseñados baixo condicións financeiras moi restritivas e nun contexto económico desfavorable, a política económica que conteñen estes orzamentos é responsable co principio de sustentabilidade das finanzas públicas, á vez que manteñen a calidade e cobertura dos servizos públicos esenciais.

O Plan estratéxico de Galicia prevé, segundo o disposto no artigo 46º.2 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, un escenario plurianual que conteña as liñas básicas da actuación a medio prazo do sector público galego, e por iso a estrutura dos orzamentos -ademais de dispoñerse baixo as clasificacións por capítulos, seccións e funcionais- atende a unha clasificación e xerarquización baseada na estratexia desenvolvida no Plan estratéxico segundo a cal todos os proxectos de gasto perseguen acadar o obxectivo xeral establecido naquel: «un crecemento sustentable e creación de emprego, aumentando a cohesión social e o equilibrio territorial», e se encadran dentro de cinco eixes prioritarios de actuación que se desdobran en dezaseis obxectivos estratéxicos que atenden directamente á superación das debilidades e ameazas e ao aproveitamento das fortalezas e oportunidades que se lle presentan a Galicia

nun mundo máis aberto, globalizado e competitivo e que require de novas actitudes e formas de colaboración.

Ademais, o Plan estratéxico, coa finalidade de determinar o grao en que se van alcanzando os obxectivos previstos nel, establece un sistema de indicadores para facilitar o seu seguimento e permitir unha análise do circuíto financeiro das políticas públicas da Xunta de Galicia coa finalidade de acadar a máxima eficiencia dos recursos públicos.

Así, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2011, entroncados coa política económica do Goberno, manteñen un compromiso, obedecen a un modelo, gañan en coherencia e permiten orientar con maior precisión as estratexias, apuntando como resultado cara a unha administración máis eficiente e unha gobernanza mellor xestionada, en beneficio dos cidadáns.

II

A parte dispositiva da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2011 responde aos criterios doutrinalmente acuñados pola normativa financeira en canto a reflectir, por unha parte, o contido mínimo, necesario e indispoñible que lles corresponde, constituído pola determinación das previsións de ingresos e das autorizacións de gastos correspondentes ao exercicio orzamentario. Por outra parte, xunto ao anterior, incorpórase o que se veu cualificar como eventual, é dicir, o referido a materias que gardan relación coas previsións de ingresos e habilitacións de gastos ou que están conectadas cos principios de política económica que serven de complemento á actuación do Goberno en prol da eficacia na execución orzamentaria.

A lei consta de seis títulos, dez disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras.

No título primeiro, «Aprobación dos orzamentos e réxime das modificacións de crédito», recóllese a parte esencial do orzamento, en canto que o seu capítulo I inclúe a totalidade dos gastos e ingresos que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma e que están integrados polos da Administración xeral, os dos seus organismos autónomos, os das axencias públicas, os das sociedades públicas, os das fundacións, os dos consorcios e os daqueles entes nos que concorren os requisitos para estar integrados no sector público. Así mesmo, este capítulo reflicte os beneficios fiscais que afectan aos tributos cedidos total ou parcialmente á Comunidade Autónoma e o importe das subvencións reguladoras consideradas na normativa de taxas, prezos e exaccións da Comunidade.

No capítulo II deste título regúlanse os principios que rexen as modificacións orzamentarias, con expresión das regras de vinculación que afectan aos créditos orzamentarios, a determinación dos que teñen natureza de ampliables e as limitacións aplicables ás transferencias de créditos. Entre as novidades desta lei, hai que destacar a incorporación, no artigo relativo á adecuación de créditos, dun novo suposto que permite a reasignación dos créditos incorporados que non amparen compromisos de gasto debidamente adquiridos en exercicios anteriores, para conseguir o máximo grao de execución dos fondos procedentes da Unión Europea. Destacan tamén as novas limitacións para a transferencia de créditos cando resulten afectados os capítulos I e VIII, e as novas excepcións para as transferencias dos capítulos VI e VII aos de gasto corrente, cando afecten a atrasos de persoal, sentenzas xudiciais e xuros de demora.

No título II, «Gastos de persoal», o seu capítulo I, referido ás retribucións do persoal, mantén para o 2011 as establecidas no ano 2010, non considerando ningún incremento nin para os funcionarios nin para o persoal laboral, nin para o persoal ao servizo das institucións sanitarias. Así mesmo, mantéñense as retribucións dos altos cargos e doutro persoal directivo. Tamén, conforme o disposto no artigo 38º da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, difírese a aplicación dos pactos e acordos que supoñan incrementos retributivos para o 2011.

No seu capítulo II destaca como novidade a modificación das relacións de postos de traballo para axustalas á creación de prazas derivadas de sentenzas xudiciais firmes que declaren relacións laborais indefinidas. Tamén se prevé que, na oferta pública de emprego ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal para o ano 2011, o número total de prazas de novo ingreso será como máximo igual ao 10% da taxa de reposición de efectivos e se concentrará nos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren absolutamente prioritarios ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais. Por último, completa este capítulo un bloque de tres artigos, dedicados ao establecemento das regras aplicables no 2011 á contratación de persoal laboral e ao nomeamento de funcionarios interinos no ámbito da administración, organismos autónomos e axencias públicas, á contratación de persoal temporal no sector público e á contratación de persoal vinculado

ás encomendas de xestión.

No título III, «Operacións de endebedamento e garantía», establécese a contía máxima do incremento da posición neta debedora da Comunidade Autónoma, que non supera o 1,3% do PIB, polo que a Comunidade, un exercicio orzamentario máis, se acomoda estritamente aos límites establecidos polo Consello de Política Fiscal e Financeira e se sitúa na senda de redución do déficit establecida para o período 2009-2013 no acordo do citado órgano do 20 de maio de 2010. Ademais, considérase especificamente a subrogación da Administración xeral na posición debedora de operacións que formalizaron sociedades que lle pertenzan nun cen por cen, cando se decida a súa disolución.

Continuando coa política de impulso no apoio financeiro aos proxectos empresariais, establécese, para o 2011, a contía máxima para os avais que pode conceder o Instituto Galego de Promoción Económica, que alcanza a cifra de 500.000.000 de euros.

No título IV, «Xestión orzamentaria», mantéñense os preceptos dedicados á intervención limitada, á fiscalización das operacións de endebedamento da Comunidade Autónoma, á fiscalización dos nomeamentos ou dos contratos por substitución do persoal, á identificación dos proxectos de investimento, á autorización do Consello da Xunta para a tramitación de determinados expedientes de gasto, á revisión de prezos contidos en contratos e concertos e ás transferencias de financiamento, concesións directas de axudas e subvencións e exencións nas obrigas dos beneficiarios das axudas. No que atinxe aos expedientes de dotación artística, introdúcense pequenas modificacións para facer referencia á natureza do crédito ampliable na consellaría competente en materia de cultura.

Como novidades deste título cabe significar a introdución dun precepto que regula os documentos que serven como xustificantes dos gastos e dos pagamentos nas axudas e subvencións que se concedan con cargo a créditos financiados con recursos procedentes da Unión Europea, e en prol do cumprimento estrito do obxectivo de estabilidade orzamentaria regúlase o carácter preceptivo e vinculante do informe da consellaría competente en materia de facenda, sobre os efectos que as condicións de préstamos con cargo a créditos do capítulo VIII poidan ter para o referido cumprimento.

A novidade máis importante deste título IV constitúea a incorporación dun precepto dedicado aos contratos de colaboración público-privada e de concesión de obra pública, no que se establece como requisito para a súa autorización un informe previo e vinculante da Consellería de Facenda en que se analicen os aspectos financeiros, a súa repercusión nos orzamentos futuros e nos obxectivos de estabilidade orzamentaria, o seu tratamento en termos de contabilidade nacional e a súa coherencia coa planificación estratéxica e a incidencia na economía galega e no equilibrio territorial. Finalmente, establécese que a documentación orzamentaria conterá un anexo informativo sobre os contratos deste tipo que se formalicen, no que se indicará a contía do investimento e os compromisos de pagamento anuais.

No título V, «Corporacións locais», detállase para os concellos e as deputacións as transferencias que lles corresponden como consecuencia dos convenios e subvencións que figuran nos programas de gastos que forman parte dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Como novidade destacada, cómpre salientar o novo tratamento da participación dos entes locais nos tributos do Estado, que, consonte a natureza da actividade desenvolvida pola Comunidade, pasarán a ter tratamento extraorzamentario. Finalmente, este título recolle a participación dos concellos nos tributos da Comunidade Autónoma, que se instrumenta a través do Fondo de Cooperación Local, dotado neste exercicio orzamentario cunha contía de 114.000.000 de euros, na que se manteñen as entregas a conta que recibiron no 2010. Como novidade amplíanse os supostos de compensación de débedas das corporacións locais con cargo ás dotacións que lles correspondan no Fondo de Cooperación Local.

No título VI, «Normas tributarias», polo que se refire aos tributos propios, introdúcense modificacións de taxas debidas, principalmente, á adaptación de tarifas e á revisión dalgunhas das regras establecidas nas taxas esixidas na actividade portuaria da Comunidade.

Remata este título cun artigo destinado ao establecemento de criterios para a afectación de tributos propios, de modo que o tramo autonómico do imposto sobre vendas polo miúdo de determinados hidrocarburos queda afectado, exclusivamente, a gastos sanitarios. Pola súa parte, o imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada queda afectado a gastos de investimento que con destino ao saneamento, protección e mellora do medio natural, obras ou servizos hidráulicos realice o organismo competente en materia de augas. Finalmente, especifícanse os programas de gasto da Comunidade cuxos investimentos se van financiar con parte da dotación do Fondo de Compensación Ambiental.

Nas dez disposicións adicionais abórdanse diversos aspectos. As relativas á información ao Parlamento, ao plan de restablecemento do equilibrio nos orzamentos das sociedades públicas, á autorización dos orzamentos nas sociedades de nova creación, aos orzamentos iniciais das axencias públicas, á venda de solo empresarial polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, ás prestacións extraordinarias para beneficiarios de pensións e subsidios non contributivos e á modificación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde xa se prevían na Lei de orzamentos do 2010. Algunha outra, como a relativa a prestacións familiares por coidado de fillos, foi obxecto de matización coa finalidade de evitar que se poidan simultanear, para o mesmo menor, a dedución por nacemento de fillos do imposto sobre a renda das persoas físicas e esta prestación.

Tamén destaca a incorporación para o 2011 dun sistema de revisión dos concertos, contratos e convenios de colaboración que subscribisen a Administración xeral ou as entidades do sector público galego e que conteñan módulos referenciados ás retribucións de persoal, co obxecto de adecuar os seus importes ás previsións desta lei sobre as novas condicións retributivas, cunha referencia concreta á suspensión de acordos no ámbito do ensino concertado.

Entre estas disposicións adicionais merece unha especial atención a nova regulación do Fondo de Cooperación Local, como instrumento da participación das corporacións locais nos tributos da Comunidade. Nela establécese a porcentaxe que, para o 2011, representa esta participación, unha vez realizada a homoxeneización correspondente ás novas porcentaxes de cesión dos tributos establecidos pola normativa reguladora do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía. Establécese que a repartición inicial do mencionado exercicio non poderá ser inferior ás cantidades recibidas por cada concello no 2010 pola súa participación nos diferentes fondos existentes nese ano, e, finalmente, concrétase o índice de evolución do Fondo de Cooperación Local para os exercicios posteriores ao 2011, que seguirá as variacións que experimente a recadación dos capítulos de ingresos tributarios da Administración xeral. Fíxase tamén o réxime de

dotacións orzamentarias, entregas a conta, pagamento e liquidación do fondo.

A lei conta con tres disposicións transitorias, dedicadas a regular, respectivamente, as retribucións do persoal do Tribunal Galego de Defensa da Competencia, en tanto non entre en vigor a Lei reguladora do Consello Galego da Competencia; o réxime de redución da contía da tarifa X-5 de Portos de Galicia; e o réxime transitorio de ocupación do dominio público, mediante medios persoais, de inmobles afectos a actividades administrativas, que seguirán rexéndose polo disposto no seu título ata a súa extinción.

Na súa disposición derrogatoria, a lei derroga preceptos e normas que quedaron sen obxecto ou contido como consecuencia do establecido na disposición adicional quinta da lei sobre a nova regulación do Fondo de Cooperación Local.

Polo que se refire ás disposicións derradeiras, establécese que as concesións concedidas na illa de Ons quedan suxeitas ao pagamento dunha taxa anual pola utilización privativa dos inmobles existentes nela.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

Título I

Aprobación dos orzamentos e réxime das modificacións de crédito

Capítulo I

Aprobación dos créditos iniciais e do seu financiamento

Artigo 1º.-Aprobación e ámbito dos orzamentos xerais.

O Parlamento de Galicia aproba os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2011, nos que se integran:

a) Os orzamentos da Administración xeral.

b) Os orzamentos dos organismos autónomos.

c) Os orzamentos das axencias públicas autonómicas.

d) Os orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas de carácter mercantil con participación maioritaria da Comunidade e daquelas nas que concorran os requisitos determinados polo sistema europeo de contas para integrarse no sector da Administración pública autonómica de Galicia.

e) Os orzamentos das entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que adecúan a súa actividade ao dereito privado.

f) Os orzamentos de explotación e capital das fundacións do sector público autonómico nas que concorran os requisitos determinados polo sistema europeo de contas para integrarse no sector da Administración pública autonómica de Galicia.

g) Os orzamentos dos consorcios nos que concorran os requisitos determinados polo sistema europeo de contas para integrarse no sector da Administración pública autonómica de Galicia.

h) En todo caso, os orzamentos das demais entidades que estean clasificadas como Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas normas do sistema europeo de contas, agás as universidades públicas.

Artigo 2º.-Orzamentos da Administración xeral, dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas.

Un.-Nos estados de gastos consolidados dos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das súas axencias públicas autonómicas consígnanse créditos por importe de 9.708.017.216 euros, distribuídos da forma seguinte:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

As transferencias internas entre os orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, dos organismos autónomos e das axencias públicas representan 3.573.141.872 euros, distribuídos segundo o seguinte detalle:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Dous.-A desagregación dos créditos consonte a finalidade á que van destinados establécese desta maneira:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Tres.-A distribución orgánica e económica do orzamento consolidado é como segue:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Catro.-Nos estados de ingresos dos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, nos dos seus organismos autónomos e nos das axencias públicas autonómicas recóllense as estimacións dos dereitos económicos que se prevén liquidar durante o exercicio, por un importe consolidado de 9.708.017.216 euros, distribuídos da seguinte forma:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Cinco.-Os beneficios fiscais que afectan aos tributos cedidos total ou parcialmente polo Estado á Comunidade Autónoma estímanse en 128.146.509 euros, consonte o seguinte detalle:

-Imposto sobre sucesións e doazóns: 77.303.218 euros.

-Imposto sobre a renda das persoas físicas (tarifa autonómica): 10.971.019 euros.

-Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados: 39.872.272 euros.

En cumprimento do establecido no artigo 55º.2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe das subvencións reguladoras fíxase en 85.416.117 euros.

Artigo 3º.-Orzamento das sociedades públicas.

Un.-Sociedades mercantís.

Apróbanse os orzamentos de explotación e capital das sociedades mercantís ás que se refire a letra d) do artigo 1º desta lei, que recollen as súas estimacións de gastos e as previsións de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo 4.

Dous.-Entes públicos.

Apróbanse os orzamentos de explotación e capital dos entes públicos aos que se refire a letra e) do artigo 1º desta lei, que inclúen a estimación de gastos e a previsión de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo 5.

Tres.-Aprobación de subvencións de explotación e de capital ás sociedades públicas.

Autorízanse as dotacións iniciais de subvencións de explotación e de capital ás sociedades públicas ás que se refiren as letras d) e e) do artigo 1º desta lei, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo 6.

Artigo 4º.-Orzamentos de fundacións e consorcios.

Un.-Fundacións.

Apróbanse os orzamentos de explotación e capital das fundacións aos que se refire a letra f) do artigo 1º desta lei, que inclúen a estimación de gastos e a previsión de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo 7.

Dous.-Consorcios.

Apróbanse os estados de gastos e ingresos dos consorcios aos que se refire a letra g) do artigo 1º desta lei, que inclúen a estimación de gastos e a previsión de ingresos referidas aos seus estados financeiros, polos importes e coa distribución que se relacionan no anexo 8.

Capítulo II

Das modificacións orzamentarias

Artigo 5º.-Réxime xeral das modificacións orzamentarias.

Un.-As modificacións de créditos orzamentarios serán autorizadas consonte os requisitos establecidos no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas excepcións derivadas da aplicación do indicado neste capítulo.

Dous.-As propostas de modificación deberán indicar, co maior nivel de desagregación orgánica, funcional e económica, as aplicacións orzamentarias afectadas, e recollerán adecuadamente os motivos que as xustifican, tanto os relativos á realización do novo gasto proposto coma, se é o caso, á suspensión da actuación inicialmente prevista e á repercusión sobre os obxectivos do programa afectado.

Á comunicación á que se refire a disposición adicional segunda do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, uniráselle unha explicación sobre os motivos que a xustifican en relación co novo gasto proposto e a súa repercusión, se é o caso, sobre os obxectivos do programa afectado en relación cos inicialmente previstos.

Artigo 6º.-Competencias específicas en materia de modificacións orzamentarias.

Sen prexuízo das facultades que se lle asignan no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, atribúenselle á persoa titular da Consellería de Facenda competencias específicas para levar a cabo as seguintes modificacións orzamentarias:

a) Para incorporar os créditos de exercicios anteriores que correspondan a actuacións financiadas ou cofinanciadas pola Unión Europea, de acordo co previsto nos regulamentos do período de programación 2007-2013 que resulten aplicables, así como para as reasignacións destes créditos a que se refire a alínea Dous do artigo 10º.

b) Para incorporar o crédito que non acadase a fase de recoñecemento da obriga en cada exercicio do fondo de reserva constituído consonte o establecido no artigo 4º da Lei 12/1995, do 29 de decembro, pola que se aproba o imposto sobre a contaminación atmosférica.

c) Para incorporar ao crédito 12.02.312A.480.1 (Risga), do orzamento do ano 2011, o crédito 12.02.312A.480.1 do ano 2010, destinado á renda de integración social de Galicia, na parte que non acadase a fase «O» en contabilidade.

d) Para incorporar o crédito que non acadase a fase de recoñecemento da obriga dos créditos xerados, con destino ao financiamento de gastos derivados da realización de probas de selección de persoal, como consecuencia dos maiores ingresos recadados sobre os inicialmente previstos no artigo 30º, «Taxas administrativas».

e) Para incorporar o crédito de exercicios anteriores que non acadase a fase de recoñecemento da obriga, no capítulo VIII dos orzamentos de gastos da Administración xeral, ou, se é o caso, nos dos organismos autónomos, no suposto previsto no artigo 43º da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, sobre tratamento dos créditos para provisións de riscos non executados.

f) Para incorporar o crédito de exercicios anteriores que non acadase a fase de recoñecemento da obriga, destinado á atención das obrigas derivadas de expedientes de expropiacións.

g) Para xerar crédito polo importe que corresponda á maior recadación das taxas e prezos públicos e privados respecto das previsións que inicialmente se establecen para as distintas seccións orzamentarias no anexo 1 desta lei, sempre que quede garantido o necesario equilibrio económico-financeiro, de acordo co previsto no artigo 10º.

h) Para xerar crédito polo importe que corresponda aos maiores ingresos pola prestación do servizo de recadación executiva a outros entes, do subconcepto 399.04, do orzamento de ingresos.

i) Para xerar crédito, na sección orzamentaria correspondente, por contía igual ao importe das compensacións económicas a favor da Comunidade Autónoma derivadas de pólizas subscritas con compañías de seguros.

j) Para xerar crédito por ingresos derivados de pagamentos indebidos efectuados con cargo a créditos do orzamento corrente ou de anteriores exercicios.

k) Para xerar crédito na sección 13, Consellería do Medio Rural, polo importe que corresponda ao produto da venda do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais e provinciais, con destino aos fins previstos na disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e na disposición adicional cuarta da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego. Para tal fin, por pedimento da consellaría interesada, a Consellería de Facenda tramitará o oportuno expediente de desafectación, de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e nos artigos 24º e seguintes do seu regulamento de execución.

l) En relación co orzamento do Servizo Galego de Saúde:

1. Para xerar créditos como consecuencia dos maiores ingresos recadados sobre os inicialmente previstos en cada unha das seguintes aplicacións do orzamento de ingresos do Servizo Galego de Saúde:

-30, «Taxas administrativas».

-37, «Ingresos por ensaios clínicos».

-36, «Prestacións de servizos sanitarios», e 39, «Outros ingresos», computados conxuntamente.

2. Para xerar crédito derivado dos ingresos devengados en exercicios anteriores que non acadasen a fase de recoñecemento do dereito e que correspondan ao financiamento dos centros e servizos sanitarios transferidos á Comunidade Autónoma polas corporacións locais, sempre que excedan as cifras orzadas inicialmente por eses conceptos no correspondente exercicio.

3. Para xerar crédito en relación cos ingresos derivados de acordos transaccionais formalizados coas corporacións locais en materia de financiamento dos hospitais transferidos.

4. Para autorizar modificacións de crédito destinadas á atención de necesidades que se produzan ao longo do exercicio en calquera capítulo de gastos do Servizo Galego de Saúde, en relación coas dotacións do Fondo de Continxencia orzado no capítulo V dese organismo autónomo.

m) Para xerar crédito nas aplicacións orzamentarias de gasto do organismo autónomo Augas de Galicia financiadas polo canon de saneamento, polo importe correspondente aos maiores ingresos recadados sobre os orzados inicialmente.

n) Para xerar crédito no capítulo VIII de gastos cos ingresos do capítulo IX procedentes das operacións ás que se refire o parágrafo terceiro da alínea un e a letra b) da alínea dous do artigo 33º desta lei.

ñ) Para xerar crédito nos organismos, axencias e demais entidades do sector público polos ingresos que se produzan neles cando resulten beneficiarios das ordes de convocatorias de axudas realizadas polas consellarías.

o) Para introducir nos estados de gastos as modificacións precisas para adecuar os créditos afectados por transferencias finalistas de calquera procedencia, incluíndo entre esas medidas a declaración de indispoñibilidade do crédito.

No suposto de que as obrigas recoñecidas ata ese momento superaren o importe real da transferencia, o seu financiamento realizarase mediante as oportunas minoracións noutros créditos, preferentemente de operacións correntes, da sección da que se trate.

p) Para introducir as variacións que sexan necesarias nos programas de gasto dos organismos autónomos, das axencias públicas autonómicas e dos entes públicos para reflectir as repercusións que neles teñan as modificacións dos créditos que figuran no estado de transferencias entre subsectores dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

q) Para realizar as adaptacións técnicas e as transferencias de crédito que procedan como consecuencia de reorganizacións administrativas, da posta en marcha de organismos autónomos e axencias públicas autonómicas ou do traspaso de competencias nas que estean implicadas outras administracións, sen que en ningún caso, polo que se refire aos dous primeiros supostos, poida orixinarse incremento de gasto.

r) Para autorizar transferencias de créditos entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servizos dunha mesma consellaría, cando teñan por obxecto cofinanciar incorporacións de remanentes de crédito de exercicios anteriores correspondentes a financiamento condicionado.

s) Para autorizar transferencias de créditos entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servizos dunha mesma ou de distinta consellaría, cando teñan por obxecto redistribuír remanentes de crédito do capítulo I.

t) Para efectuar no orzamento de capital do Instituto Galego de Promoción Económica as modificacións que sexan precisas para a disposición do préstamo autorizado na alínea Dous do artigo 33º desta lei.

Artigo 7º.-Vinculación de créditos.

Un.-Os créditos consignados nos estados de gastos destes orzamentos quedarán vinculados ao nivel establecido no artigo 56º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, con excepción dos créditos que se relacionan a seguir, que serán vinculantes co grao de vinculación que se indica:

120.20, «Substitucións de persoal non docente».

120.21, «Substitucións de persoal docente».

120.22, «Regularización da parte proporcional das vacacións dos/as substitutos/as docentes».

120.24, «Acumulacións de tarefas de persoal funcionario non docente».

121.07, «Sexenios».

130.02, «Complemento de perigosidade, penosidade e toxicidade».

131, «Persoal laboral temporal».

131.24, «Acumulacións de tarefas de persoal laboral temporal».

132, «Persoal laboral temporal (profesorado de relixión)».

133, «Persoal laboral indefinido».

136, «Persoal investigador en formación».

220.03, «Diario Oficial de Galicia».

226.01, «Atencións protocolarias e representativas».

226.02, «Publicidade e propaganda».

226.06, «Reunións, conferencias e cursos».

226.13, «Gastos de funcionamento de tribunais de oposicións e de probas selectivas».

227.06, «Estudos e traballos técnicos».

228, «Gastos de funcionamento de centros e servizos sociais».

229, «Gastos de funcionamento de centros docentes non universitarios».

A mesma consideración terán os créditos correspondentes á aplicación 12.06.312E.227.65, «Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal», e ás diferentes aplicacións do capítulo VI correspondentes a mandatos á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Os conceptos 480, «Transferencias correntes a familias», e 481, «Transferencias correntes a institucións sen fin de lucro», por unha parte, e os conceptos 780, «Transferencias de capital a familias», e 781, «Transferencias de capital a institucións sen fin de lucro», pola outra, serán vinculantes entre si. A mesma consideración terán os créditos dos subconceptos 221.07, «Comedores escolares», e 223.08, «Transporte escolar», que vincularán entre eles.

Dous.-As transferencias ás que se refire o artigo 67º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, cando afecten aos créditos anteriores, deberán ser autorizadas pola persoa titular da Consellería de Facenda.

Artigo 8º.-Créditos ampliables.

Un.-Con independencia dos supostos previstos no punto 1 do artigo 64º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente condición de ampliables os créditos seguintes:

a) Os incluídos na aplicación 06.04.621A.227.08, destinados ao pagamento dos premios de cobranza autorizados pola recadación de tributos e demais ingresos de dereito público.

b) Os destinados a satisfacer as cantidades que deben percibir as persoas titulares de oficinas liquidadoras dos distritos hipotecarios en concepto de indemnizacións e compensacións dos gastos orixinados pola recadación e xestión de autoliquidacións practicadas polo imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e pola recadación e práctica das liquidacións do imposto sobre sucesións e doazóns.

c) As obrigas contraídas no exterior e que deban ser pagadas en divisas de cambio variable, pola diferenza existente entre o tipo de cambio previsto e o seu importe real no momento do pagamento.

d) Os destinados ao pagamento das obrigas derivadas de crebas de operacións de crédito avaladas pola Comunidade Autónoma. Cando se trate dun organismo autónomo ou dunha sociedade pública, a ampliación materializarase a través da sección orzamentaria á que figuren adscritos.

e) Os créditos destinados ao pagamento dos premios de cobranza e participacións en función da recadación de vendas e restantes créditos de vivendas, soares, locais e edificacións complementarias correspondentes ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como os referidos aos traballos de facturación e apoio á xestión do patrimonio inmobiliario do devandito instituto, que se establezan de acordo coas cifras recadadas no período voluntario.

f) Os créditos de transferencias a favor da Comunidade Autónoma que figuren nos orzamentos de gastos dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas ata o importe dos remanentes da tesouraría que resulten como consecuencia da súa xestión.

g) Os incluídos na aplicación 12.02.312B.480.0, destinados ao pagamento de prestacións familiares, por fillos menores de 3 anos ao seu cargo, a persoas que non están obrigadas a presentar declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas.

h) Os incluídos na aplicación 21.01.811B.460.1, con destino ao pagamento da liquidación de exercicios anteriores, que corresponde ao Fondo de Cooperación Local.

i) Os créditos vinculantes incluídos nas aplicacións 120.20, «Substitucións de persoal non docente», 120.21, «Substitucións de persoal docente», e 120.22, «Regularización da parte proporcional das vacacións dos/as substitutos/as docentes», que se considerarán ampliables unicamente con retencións noutros créditos do capítulo I da propia sección orzamentaria ou do organismo autónomo.

j) Os créditos incluídos na aplicación 04.40.313D. 480.0, destinados ao pagamento de axudas periódicas a mulleres que sofren violencia de xénero.

k) Os incluídos na aplicación 23.03.621A.890.00, destinados ao Fondo de Garantía de Avais.

Esta ampliación financiarase con baixa nas dotacións da aplicación 08.01.741A.740.0 e das correspondentes ao Instituto Galego de Promoción Económica.

l) Os créditos da sección 11, «Consellería de Cultura e Turismo», a que se refire o artigo 53º desta lei.

m) Os créditos destinados ao pagamento do complemento autonómico ás pensións non contributivas ampliaranse de xeito que permitan dar cobertura a todos os solicitantes que cumpran os requisitos exixidos pola administración e garantir un incremento da contía percibida por cada perceptor do 3% sobre a existente no ano 2010.

n) Os créditos destinados ao pagamento da Risga deben garantir esta prestación a todos os solicitantes con dereito á prestación, suplementando a contía percibida en 2010 nun 3%.

Dous.-Para os efectos do previsto no artigo 64º.1 g) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán a consideración de seccións orzamentarias as secretarías xerais da Presidencia.

Tres. O financiamento das ampliacións de crédito, ademais de por medio dos mecanismos previstos no artigo 64º.2 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, poderá tamén realizarse con baixas de crédito noutros conceptos orzamentarios.

Artigo 9º.-Transferencias de crédito.

Un.-Con independencia das limitacións ás que se refire o artigo 68º.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e sen prexuízo do previsto no punto 3 do citado artigo, non poderán tramitarse expedientes de transferencias de crédito que atinxan aos capítulos VI e VII cando deles derive incremento do gasto corrente.

Esa restrición non lles será aplicable:

a) Cando se destinen á atención de gastos extraordinarios derivados de catástrofes, sinistros ou outras situacións de natureza análoga e carácter excepcional, logo da declaración polo Consello da Xunta da situación excepcional, catastrófica ou de análoga natureza.

b) Aos incrementos do capítulo I que, se é o caso, poidan orixinarse polo desenvolvemento de procesos de regularización derivados de acordos sobre materias de función pública subscritos entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais.

c) Aos incrementos do capítulo I derivados do cumprimento de sentenzas xudiciais firmes ou autos de obrigada execución.

d) Aos incrementos do capítulo I derivados do previsto no alínea catro do artigo 30º desta lei.

e) Excepcionalmente, cando as características das actuacións que deban executarse para o cumprimento da finalidade do programa orzamentario previsto esixan a adecuación da natureza económica do gasto.

f) Cando teñan por obxecto atender as obrigas a que se refire o artigo 60º.2 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sempre que se xustifique a imposibilidade de tramitalas con cargo a gasto corrente.

g) As transferencias para atender xuros de demora cando se xustifique a imposibilidade de tramitalas con cargo a gasto corrente.

Dous.-Polo que se refire ás seccións 09, «Educación e Ordenación Universitaria», 10, «Sanidade», e 12, «Traballo e Benestar», no que afecte a créditos destinados a prestacións sociais, a limitación indicada na alínea anterior unicamente será aplicable unha vez superado o 5% das dotacións iniciais dos capítulos VI e VII. Esa porcentaxe será do 20% para o Servizo Galego de Saúde.

No caso de que as transferencias realizadas baixo este suposto incrementaren créditos do capítulo I destinados ao asinamento de contratos de duración determinada previstos no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 15º do Estatuto dos traballadores, cando a modalidade de contratación sexa de realización de obra ou servizo prevista na letra a) do artigo 1 da citada disposición, será necesaria a existencia de informe previo e favorable da Dirección Xeral da Función Pública sobre a adecuación da modalidade de contratación que se pretende.

Tres.-Sen prexuízo do disposto no resto de alíneas deste artigo, as transferencias de crédito axustaranse ás seguintes regras:

a) Poderán incrementarse os créditos autorizados inicialmente nas aplicacións orzamentarias dos subconceptos 131.24, «Acumulacións de tarefas de persoal laboral temporal», e 120.24, «Acumulacións de tarefas de persoal funcionario non docente», mediante transferencias de crédito do concepto 131, cun límite máximo conxunto do 30% dos créditos iniciais do dito concepto. A superación deste límite con cargo a outros conceptos do capítulo I deberá ser autorizada polo Consello da Xunta por proposta do departamento solicitante e con informe previo da Intervención Xeral e da Dirección Xeral de Orzamentos.

b) Non se incrementarán os créditos autorizados inicialmente nas aplicacións orzamentarias do subconcepto 226.02, «Publicidade e propaganda»; 227.06, «Estudos e traballos técnicos»; 226.01, «Atencións protocolarias»; e 226.06, «Reunións, conferencias e cursos».

Con todo, a limitación que atinxe ao 226.02, «Publicidade e propaganda», non afectará o Servizo Galego de Saúde nin a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza cando a transferencia teña a súa causa na necesidade de facer público calquera tipo de modificación no funcionamento dos servizos sanitarios que deba ser coñecida polos usuarios ou de medidas de seguridade en materia de protección civil derivadas da existencia de riscos non previstos.

c) Non se poderán diminuír os créditos consignados no programa 312D, «Servizos sociais de atención ás persoas dependentes».

d) Non se poderán tramitar transferencias de crédito do capítulo I e do capítulo VIII aos restantes capítulos do orzamento.

Catro.-As limitacións sobre transferencias de crédito contidas nas letras b) e c) do artigo 68º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non afectarán as transferencias de crédito que se refiran aos artigos 43º e 73º da clasificación económica do gasto.

Con independencia do anterior, esas mesmas limitacións entenderanse referidas, no orzamento do Servizo Galego de Saúde, ao orzamento individualizado de cada un dos centros de gasto e non aos orzamentos totais.

Cinco.-Ás transferencias de crédito que afecten unicamente a clasificación orgánica e que se efectúen entre centros de gasto do Servizo Galego de Saúde non lles serán aplicables as limitacións previstas no artigo 68º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, por teren a consideración de simples redistribucións de crédito.

Para os efectos do sinalado no parágrafo anterior, terán tamén a condición de redistribucións de créditos as transferencias dentro dos centros que teñan a consideración de área sanitaria ou xerencia de xestión integrada, sempre que non afecten a clasificación económica.

Seis.-Ás transferencias de crédito que afecten ás aplicacións do Servizo Galego de Saúde e que financien sociedades mercantís e entes públicos de carácter sanitario non lles serán aplicables as limitacións establecidas no artigo 68º.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, quedan exceptuadas das limitacións establecidas no artigo sinalado no parágrafo anterior as transferencias entre partidas que financien sociedades públicas autonómicas cando estean afectadas por procesos de reordenación administrativa funcional autorizados polo Consello da Xunta de Galicia.

Sete.-Sen prexuízo do establecido no artigo 68º.3 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como nas alíneas anteriores deste artigo, o importe máximo das transferencias de crédito que se autoricen para cada consellaría durante este exercicio non poderá diminuír as consignacións iniciais, ao nivel de vinculación legalmente establecido, en máis dun 20%.

O indicado no parágrafo anterior non será aplicable nos seguintes casos:

a) Cando teñan por obxecto incrementar conceptos do capítulo I de gastos.

b) Cando se refiran á sección 23, «Gastos de diversas consellarías».

c) Cando se refiran ao centro de xestión 5001 do Servizo Galego de Saúde.

d) Cando se refiran a fondos propios que pasen a cofinanciar proxectos con fondos europeos.

e) Cando se refiran aos créditos consignados no concepto 500, «Fondo de continxencia da Lei 5/2002», do orzamento de gastos do Servizo Galego de Saúde.

f) Cando se refiran a axudas ou subvencións, no caso de que a orde de convocatoria pola que se rexe a súa concesión asigne o gasto a diversas aplicacións orzamentarias e non sexa posible determinar previamente a contía imputable a cada unha delas.

g) As que se refiren aos artigos 43º e 73º da clasificación económica do gasto.

h) Cando se realicen entre créditos dos capítulos VI e VII do estado de gastos.

i) Cando teñan por obxecto atender gastos extraordinarios derivados de catástrofes, sinistros ou outras actuacións de natureza análoga e carácter excepcional.

j) Cando teñan por obxecto adecuar a natureza económica dos créditos necesarios para o mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal, na medida en que se produza a transferencia da súa titularidade ao Servizo Galego de Saúde.

k) Cando teñan por obxecto adecuar a natureza económica dos créditos dun programa orzamentario que permita o cumprimento da súa finalidade.

l) Cando se trate de modificacións de crédito derivadas das obrigas ás que se refire o artigo 60º.2 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

m) Cando afecten a transferencias entre os capítulos II e IV de gasto.

Artigo 10º.-Adecuación de créditos.

Un.-Para facilitar a consecución do equilibrio económico-financeiro na execución do orzamento para o ano 2011, os créditos incluídos nos estados de gastos poderán experimentar os axustes necesarios para acomodar o seu importe ao dos recursos, na medida en que estes últimos difiran dos inicialmente previstos nos orzamentos de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas.

Sen prexuízo do indicado na letra o) do artigo 6º desta lei, o Consello da Xunta adoptará, por proposta da Consellería de Facenda, os acordos de non dispoñibilidade de crédito que sexan precisos para cumprir o previsto no parágrafo anterior.

Dous.-Para conseguir o máximo grao de execución posible dos fondos procedentes da Unión Europea, os créditos incorporados que non amparen compromisos de gastos debidamente adquiridos nos exercicios anteriores poderán ser reasignados a outras actuacións, da mesma ou distinta consellaría ou organismo, con suxeición aos respectivos plans financeiros e disposicións dos programas operativos e da normativa que os regula, por proposta motivada dos organismos intermedios da autoridade de xestión dos respectivos programas, ou da autoridade de xestión no caso do Feader.

Artigo 11º.-Transferencia de remanentes líquidos de tesouraría.

Os organismos autónomos, as axencias públicas e as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que adecúan a súa actividade ao dereito privado transferiranlle ao orzamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma o importe do remanente de tesouraría non afectado resultante da liquidación do anterior exercicio orzamentario.

A Consellería de Facenda poderá xerar crédito con este importe no programa 621B, «Imprevistos e funcións non clasificadas», unha vez analizada a súa repercusión en termos de contabilidade nacional.

Non obstante, e coa finalidade de evitar que se produzan estes remanentes, a Consellería de Facenda poderalles limitar os libramentos de fondos a estas entidades en función do seu nivel de execución orzamentaria.

Artigo 12º.-Consello de Contas.

Con suxeición ás limitacións e requisitos establecidos con carácter xeral, as autorizacións de ampliacións e transferencias de crédito que se lle atribúen á persoa titular da Consellería de Facenda entenderanse referidas ao órgano competente do Consello de Contas cando correspondan ao orzamento do citado consello.

As modificacións autorizadas deberán serlle comunicadas para a súa instrumentación á Dirección Xeral de Orzamentos.

Título II

Gastos de persoal

Capítulo I

Retribucións do persoal

Artigo 13º.-Bases da actividade económica en materia de gastos de persoal.

Un.-As retribucións íntegras do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma non poderán experimentar no ano 2011 ningún incremento con respecto ás vixentes a 31 de decembro de 2010, resultantes da aplicación, en termos anuais, da redución de retribucións establecidas pola Lei 3/2010, do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010, en termos de homoxeneidade para os dous períodos de comparación, tanto polo que respecta a efectivos de persoal coma á súa antigüidade.

Dous.-As retribucións que percibirá no ano 2011 o persoal funcionario ao que resulta aplicable o artigo 76º do Estatuto básico do empregado público incluído no ámbito de aplicación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, nos termos da disposición derradeira cuarta do citado Estatuto básico, no concepto de soldo e trienios, nas nóminas ordinarias de xaneiro a decembro de 2011, que corresponda ao grupo ou subgrupo en que se atope clasificado o corpo ou escala a que pertenza a persoa funcionaria, referidas a doce mensualidades, serán as seguintes:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Os funcionarios aos que se refire o punto anterior percibirán, en cada unha das pagas extraordinarias dos meses de xuño e decembro no ano 2011, no concepto de soldo e trienios, as seguintes contías:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Tres.-Para efectos do disposto na alínea anterior, as retribucións que percibirá o persoal funcionario que ata a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 viñan referenciadas aos grupos de titulación previstos na lexislación da función pública galega, e que se corresponden nos mesmos termos cos grupos recollidos no texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, pasan a estar referenciadas aos grupos e subgrupos de clasificación profesional establecidos no artigo 76º e na disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, sen experimentar outras variacións que as derivadas desta lei. As equivalencias entre ambos os sistemas de clasificación son as seguintes:

Grupo A Decreto lexislativo 1/2008 Subgrupo A1 Lei 7/2007

Grupo B Decreto lexislativo 1/2008 Subgrupo A2 Lei 7/2007

Grupo C Decreto lexislativo 1/2008 Subgrupo C1 Lei 7/2007

Grupo D Decreto lexislativo 1/2008 Subgrupo C2 Lei 7/2007

Grupo E Decreto lexislativo 1/2008 Agrupacións profesionais

Lei 7/2007

Catro.-Os acordos, convenios ou pactos que impliquen crecementos retributivos deberán experimentar a oportuna adecuación, resultando inaplicables as cláusulas que establezan calquera tipo de incremento. Debido ás actuais circunstancias económicas excepcionais, suspéndese a aplicación dos pactos ou acordos asinados que supoñan incrementos retributivos para o ano 2011.

Cinco.-O disposto nas alíneas precedentes entenderase sen prexuízo das adecuacións retributivas que con carácter singular e excepcional resulten imprescindibles polo contido dos postos de traballo, pola variación do número de efectivos asignados a cada programa ou polo grao de consecución dos seus obxectivos.

Seis.-Este artigo aplicaráselle ao persoal ao servizo do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, o dito sector público está constituído por:

a) Os órganos estatutarios de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 12º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia para o Parlamento.

b) A Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos.

c) As axencias públicas autonómicas.

d) As universidades de Galicia.

e) As fundacións públicas sanitarias e as demais fundacións do sector público da Comunidade Autónoma.

f) As sociedades públicas autonómicas de carácter mercantil e as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que adecúan a súa actividade ao dereito privado.

g) Os consorcios aos que se refire o artigo 48º.1 g) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 14º.-Criterios retributivos aplicables ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma non sometido á lexislación laboral.

Un. As retribucións básicas e as complementarias de carácter fixo e periódico non experimentarán ningún incremento con respecto ás vixentes a 31 de decembro de 2010 resultantes da aplicación, en termos anuais, da redución de retribucións establecidas pola Lei 3/2010, do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010, sen prexuízo, se é o caso, da adecuación destas últimas cando sexa necesaria para asegurar que a retribución total de cada posto de traballo garde a relación procedente coa súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade e penosidade.

As pagas extraordinarias do persoal incluído no ámbito de aplicación deste artigo, e que se percibirán nos meses de xuño e decembro, serán o importe de soldo e trienios, se é o caso, establecido no artigo 13º.Dous desta lei, e dunha mensualidade de complemento de destino ou concepto ou contía equivalente en función do réxime retributivo dos colectivos aos que este artigo resulte aplicable.

Dous.-O conxunto das restantes retribucións complementarias, se é o caso, non experimentará ningún incremento con respecto ás vixentes a 31 de decembro do ano 2010, resultantes da aplicación, en termos anuais, da redución de retribucións establecidas pola Lei 3/2010, do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010, sen prexuízo das modificacións que deriven da variación do número de efectivos asignados a cada programa, do grao de consecución dos obxectivos fixados para aquel e do resultado individual da súa aplicación.

Tres.-Os complementos persoais e transitorios e as demais retribucións que teñan análogo carácter rexeranse pola súa normativa específica e polo disposto nesta lei.

Catro.-As indemnizacións por razón do servizo rexeranse pola súa normativa específica.

Cinco.-As prestacións familiares establecidas pola normativa específica do réxime especial da Seguridade Social dos funcionarios civís do Estado, das Forzas Armadas e da Administración de xustiza, extensiva, preceptivamente, a determinado persoal funcionario da Comunidade Autónoma, liquidaránselles ás persoas beneficiarias conforme o que determinen as leis anuais de orzamentos xerais do Estado ou calquera outra disposición que as regule.

Artigo 15º.-Criterios retributivos en materia de persoal laboral.

A masa salarial do persoal laboral dos entes e organismos que se indican na alínea Seis do artigo 13º desta lei, que non poderá incrementarse no ano 2011, estará integrada polo conxunto das retribucións salariais e extrasalariais e os gastos de acción social devengados polo dito persoal no ano 2010, en termos de homoxeneidade para os dous períodos obxecto de comparación, e unha vez aplicada en termos anuais a redución do 5 % establecida pola Lei 3/2010, do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010. Exceptúanse en todo caso:

a) As prestacións e indemnizacións da Seguridade Social.

b) As cotizacións ao sistema da Seguridade Social a cargo do empregador.

c) As indemnizacións correspondentes a traslados, suspensións ou despedimentos.

d) As indemnizacións ou os suplidos por gastos que tiver que realizar o traballador ou traballadora.

As variacións da masa salarial bruta calcularanse en termos de homoxeneidade respecto dos dous períodos obxecto de comparación, tanto no que respecta a efectivos reais do persoal laboral e antigüidade deste coma ao réxime privativo de traballo, xornada legal ou contractual, horas extraordinarias efectuadas e outras condicións laborais, computándose, en consecuencia, por separado as cantidades que correspondan á variación de tales conceptos. Con cargo á masa salarial así obtida para o ano 2011 deberase satisfacer a totalidade das retribucións do persoal laboral derivadas dos convenios ou acordos colectivos que se subscriban no ano 2011 e todas as que se produzan ao longo do exercicio, agás as que lle corresponde devengar ao devandito persoal no citado ano polo concepto de antigüidade.

As indemnizacións ou os suplidos deste persoal non poderán experimentar crecementos con respecto ao ano 2010.

Artigo 16º.-Retribucións dos altos cargos e outro persoal directivo.

Un.-As retribucións totais e exclusivas dos altos cargos, incluídas as pagas extraordinarias, sen prexuízo da percepción de catorce mensualidades da retribución por antigüidade que puider corresponderlles de conformidade coa normativa vixente, serán para o ano 2011 as seguintes:

Presidente da Xunta: 71.960,28 €.

Conselleiros: 62.804,64 €.

Secretarios xerais, directores xerais, delegados territoriais e asimilados: 51.111,60 €.

Os secretarios xerais, directores xerais, delegados territoriais e asimilados percibirán un importe adicional de 1.136,96 euros nos meses de xuño e decembro, en aplicación do disposto no punto 2 da disposición adicional décimo segunda da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003. A cantidade indicada incrementarase de acordo co previsto nos artigos 12º.Dous e 15º da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2008, na contía adicional de 837,27 euros nos meses de xuño e decembro.

Dous.-As retribucións totais dos membros do Consello de Contas de Galicia referidas a doce mensualidades serán para o ano 2011 as seguintes:

Conselleiro maior: 66.835,56 €.

Conselleiros: 62.804,64 €.

Tres.-As retribucións totais dos membros do Consello Consultivo de Galicia referidas a doce mensualidades serán para o ano 2011 as seguintes:

Presidente: 66.835,56 €.

Conselleiros: 62.804,64 €.

Catro.-As retribucións totais das persoas titulares das presidencias e vicepresidencias e, se é o caso, das direccións xerais, xerencias, outras direccións ou asimiladas, cando lles corresponda o exercicio de funcións executivas de máximo nivel, nos centros de xestión do Servizo Galego de Saúde e nos entes e organismos aos que se refiren as alíneas b), c) e), f) e g) da alínea Seis do artigo 13º desta lei, no ano 2011 non poderán experimentar ningún incremento con respecto ás vixentes a 31 de decembro de 2010.

Cinco.-Por proposta da persoa titular da consellaría á que se atopen adscritas, as retribucións iniciais das persoas titulares das presidencias e vicepresidencias e, se é o caso, das direccións xerais das entidades a que se refire a alínea anterior deste artigo serán autorizadas, logo do informe conxunto da Dirección Xeral de Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos, pola persoa titular da Consellería de Facenda.

Artigo 17º.-Complemento persoal.

O persoal funcionario designado para ocupar postos incluídos nos anexos de persoal dos orzamentos da Administración xeral, dos seus organismos autónomos e das súas axencias públicas autonómicas que dean lugar á consideración de alto cargo e que no momento do seu nomeamento mantiver unha relación de servizo permanente, non contractual, con algunha administración pública non poderá percibir retribucións inferiores ás que tiña asignadas no posto de procedencia.

Cando se produza esa circunstancia, o persoal indicado terá dereito a percibir un complemento persoal equivalente á diferenza entre a totalidade dos conceptos retributivos, básicos e complementarios, do posto de orixe, con exclusión das gratificacións por servizos extraordinarios, en cómputo anual, e as retribucións do mesmo carácter que lle correspondan polo posto que ocupe na Administración autonómica galega.

O recoñecemento do dereito á percepción deste complemento será realizado en cada caso pola Dirección Xeral da Función Pública.

Os complementos persoais e transitorios permanecerán coas mesmas contías resultantes do previsto na Lei 3/2010, do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010.

Artigo 18º.-Retribucións das persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

As contías das retribucións das persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia no exterior para o ano 2011 non poderán experimentar ningún incremento respecto das vixentes a 31 de decembro do ano 2010, resultantes da aplicación, en termos anuais, da redución de retribucións establecidas pola Lei 3/2010, do 23 de xuño, pola que se modifica a Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010, sen prexuízo do dereito ás indemnizacións, axudas de custo e aplicación de coeficientes por razón de servizo que poidan corresponderlles por residencia no estranxeiro. Así mesmo terán dereito a percibir os trienios que poidan ter recoñecidos como persoal funcionario e persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 19º.-Retribucións do persoal funcionario da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, nos termos da disposición derradeira cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público.

Un.-De conformidade co establecido no artigo 13º desta lei, as retribucións que percibirá no ano 2011 o persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, nos termos da disposición derradeira cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, que desempeñe postos de traballo para os que o Goberno da Comunidade Autónoma aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na devandita lei, serán as seguintes:

a) O soldo e os trienios que correspondan ao grupo ou subgrupo no que se atope clasificado o corpo ou a escala a que pertenza o persoal funcionario, de acordo coas contías reflectidas no artigo 13º.Dous desta lei referidas a doce mensualidades.

b) As pagas extraordinarias, que serán dúas ao ano, percibiranse de acordo co previsto no artigo 15º da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1989. O importe de cada unha destas pagas será o importe do soldo e trienios establecido no artigo 13º.Dous desta lei e dunha mensualidade de complemento de destino.

Cando o persoal funcionario preste unha xornada de traballo reducida durante os seis meses anteriores aos meses de xuño e decembro, o importe da paga extraordinaria experimentará a correspondente redución proporcional.

c) O complemento de destino correspondente ao nivel do posto de traballo que se desempeñe, de acordo coas seguintes contías referidas a doce mensualidades:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

No ámbito da docencia universitaria, a contía do complemento de destino fixada na escala anterior poderá ser modificada nos casos nos que así proceda, de acordo coa normativa vixente, sen que isto implique variación do nivel de complemento de destino asignado ao posto de traballo.

d) O complemento específico mensual que, se é o caso, estea fixado ao posto que se desempeñe non experimentará na súa contía ningún incremento con respecto ao vixente a 31 de decembro do ano 2010.

O complemento específico anual percibirase en catorce pagas iguais, das que doce serán de percepción mensual e dúas adicionais, do mesmo importe que unha mensual, nos meses de xuño e decembro, respectivamente.

e) O complemento de produtividade que, se é o caso, se destine a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa con que o persoal funcionario desempeñe o seu traballo, nos termos establecidos no artigo 69º.3 c) do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

O complemento de produtividade establecerase de acordo con criterios obxectivos que aprobe o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría correspondente e logo do informe da Dirección Xeral da Función Pública, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Orzamentos, unha vez escoitados os órganos de representación do persoal. Os complementos de produtividade débense facer públicos nos centros de traballo.

As contías asignadas por complemento de produtividade durante un período de tempo non orixinarán ningún tipo de dereito individual respecto das valoracións ou apreciacións correspondentes a períodos sucesivos.

f) As gratificacións por servizos extraordinarios que concederá o Consello da Xunta por proposta do departamento correspondente e dentro dos créditos asignados para tal fin.

Estas gratificacións terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servizos extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo, sen que, en ningún caso, poidan ser fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo.

g) Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 10º da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1989.

Estes complementos persoais e transitorios serán absorbidos por calquera mellora retributiva que se produza no ano 2011, incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo. En ningún caso se considerarán os trienios, o complemento de produtividade nin as gratificacións por servizos extraordinarios, para estes efectos.

Incluso no caso de que o cambio de posto de traballo determine unha diminución das retribucións manterase o complemento persoal transitorio fixado ao producirse a aplicación do novo sistema, á absorción do cal se lle imputará calquera mellora retributiva ulterior, mesmo a que poida derivar do cambio de posto de traballo.

Dous.-O persoal funcionario interino incluído no ámbito de aplicación da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, percibirá a totalidade das retribucións básicas, incluídos trienios e pagas extraordinarias, e a totalidade das retribucións complementarias que correspondan ao posto de traballo para o que sexan nomeados, excluídos os que estean vinculados á condición de persoal funcionario de carreira.

Tres.-O complemento de produtividade poderá atribuírselle, se é o caso, ao persoal funcionario interino ao que se refire a alínea anterior, así como ao persoal laboral temporal e ao persoal funcionario en prácticas cando estas se realicen desempeñando un posto de traballo e estea autorizada a aplicación do devandito complemento ao persoal funcionario que desempeñe análogos postos de traballo, agás que o dito complemento estea vinculado á condición de persoal funcionario de carreira.

Artigo 20º.-Retribucións do persoal ao servizo das institucións sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Un.-En aplicación do previsto na disposición transitoria sexta.1 a) da Lei 55/2003, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, o persoal incluído no ámbito de aplicación do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, sobre retribucións do persoal estatutario do Instituto Nacional da Saúde, percibirá as retribucións básicas e o complemento de destino nas contías sinaladas para os devanditos conceptos retributivos no artigo 19º.Un a), b) e c) desta lei, sen prexuízo de que a contía anual do complemento de destino se satisfaga en catorce mensualidades.

O importe das retribucións correspondentes ao complemento específico, ao complemento de atención continuada e mais ao complemento de penosidade, responsabilidade e dificultade e á carreira profesional que, se é o caso, lle correspondan ao referido persoal non experimentará ningún incremento respecto do importe vixente a 31 de decembro do ano 2010.

A contía individual do complemento de produtividade determinarase conforme os criterios sinalados no artigo 2º.Tres c) e na disposición transitoria terceira do Real decreto lei 3/1987 e no artigo 43º.2 da Lei 55/2003, e nas demais normas ditadas para o seu desenvolvemento.

Dous.-As retribucións do restante persoal estatutario, funcionario e laboral das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde non experimentarán ningún incremento, consonte o previsto no artigo 13º desta lei.

Tres.-Os requisitos para a modificación das retribucións do persoal ao que se refire este artigo serán os establecidos no artigo 24º desta lei.

Capítulo II

Outras disposicións en materia de réxime do persoal activo

Artigo 21º.-Prohibición de ingresos atípicos.

O persoal comprendido dentro do ámbito de aplicación desta lei, con excepción daquel sometido ao réxime de arancel, non poderá percibir ningunha participación nos tributos, nas comisións ou noutros ingresos de calquera natureza que lle correspondan á administración ou a calquera poder público como contraprestación de calquera servizo ou xurisdición, nin participación ou premio en multas impostas aínda que estean normativamente atribuídas a eles, debendo percibir unicamente as remuneracións do correspondente réxime retributivo, sen prexuízo do que resulte da aplicación do sistema de incompatibilidades e do disposto na normativa específica sobre gozo de vivenda por razón do traballo ou cargo desempeñado.

Artigo 22º.-Relacións de postos de traballo.

As relacións de postos de traballo vixentes o 1 de xaneiro do ano 2011 poderán ser obxecto das modificacións necesarias para axustalas ás previsións orzamentarias que se deducen do anexo de persoal desta lei, así como para axustalas á creación de prazas derivadas de sentenzas xudiciais firmes que recoñezan una situación laboral de carácter indefinido, cando non se poidan adscribir a un posto de traballo vacante.

Se a persoa declarada laboral indefinida non se puider adscribir a un posto de traballo vacante, procederase a incluílo na relación de postos de traballo da consellaría ou do organismo afectado como posto de persoal funcionario, ou excepcionalmente de persoal laboral cando a natureza das súas funcións así o requira, de tal xeito que, unha vez modificada a relación de postos de traballo, a persoa afectada será adscrita ao posto de nova creación.

A proposta da modificación da relación de postos de traballo deberá efectuarse no prazo máximo de tres meses contados a partir da data da firmeza da sentenza xudicial. O dito posto incorporarase á oferta de emprego público.

Artigo 23º.-Outras normas comúns.

Un.-Cando as retribucións percibidas no ano 2010 non se correspondan coas establecidas con carácter xeral no título II da Lei 9/2009, do 23 de decembro, e non sexan aplicables as establecidas no mesmo título desta lei, non experimentarán no ano 2011 ningún incremento sobre as vixentes a 31 de decembro do ano anterior.

Dous.-Na Administración da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das súas axencias públicas, nos casos de adscrición durante o ano 2011 de persoal funcionario suxeito a un réxime retributivo distinto do correspondente ao posto de traballo a que se adscribe, o devandito persoal funcionario percibirá as retribucións que correspondan ao posto de traballo que desempeñe, logo da oportuna asimilación que autorice a Dirección Xeral da Función Pública por proposta das consellarías interesadas.

Só para os efectos da asimilación á que se refire o parágrafo anterior, a Dirección Xeral da Función Pública poderá autorizar que a contía da retribución por antigüidade sexa a que proceda de acordo co réxime retributivo de orixe do persoal funcionario.

A Dirección Xeral da Función Pública comunicaralle estas autorizacións á Dirección Xeral de Orzamentos para o seu coñecemento.

Tres.-As referencias relativas a retribucións contidas nesta lei enténdense sempre feitas a retribucións íntegras.

Catro.-As referencias contidas na normativa vixente relativas a haberes líquidos, para os efectos do cálculo de anticipos reintegrables ao persoal funcionario, entenderanse feitas ás retribucións básicas e complementarias que perciba este nos seus importes líquidos.

Artigo 24º.-Requisitos para a determinación ou modificación de retribucións do persoal laboral e non funcionario.

Un.-Será necesario informe favorable emitido conxuntamente pola Dirección Xeral da Función Pública e pola Dirección Xeral de Orzamentos para determinar ou modificar as condicións retributivas do persoal non funcionario e laboral ao servizo de:

a) Os órganos estatutarios de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 12º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia para o Parlamento.

b) A Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos.

c) As axencias públicas autonómicas.

d) As universidades de Galicia.

e) As fundacións públicas sanitarias e as demais fundacións do sector público da Comunidade Autónoma.

f) As sociedades públicas autonómicas de carácter mercantil e as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que adecúan a súa actividade ao dereito privado.

g) Os consorcios aos que se refire o artigo 48º.1 g) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Dous.-Con carácter previo ás negociacións de convenios ou acordos colectivos que se subscriban no ano 2011, deberase solicitar da Consellería de Facenda a correspondente autorización de masa salarial, que cuantifique o límite máximo das obrigas que poidan contraerse como consecuencia dos devanditos pactos, achegando para o efecto a certificación das retribucións salariais satisfeitas e devengadas durante o ano 2010.

Cando como consecuencia de convenios ou acordos colectivos resulte a obriga de recoñecementos de complementos persoais de carácter transitorio, deberá establecerse que estes complementos serán absorbidos por calquera mellora retributiva que se produza nos exercicios sucesivos, incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo. En ningún caso se considerarán o complemento de antigüidade, o complemento de produtividade nin as horas extraordinarias para estes efectos.

Cando se trate de persoal non suxeito a convenio colectivo cuxas retribucións veñan determinadas en todo ou en parte mediante contrato individual, deberánselle comunicar á Consellería de Facenda as retribucións satisfeitas e devengadas durante o ano 2010.

Para a determinación das retribucións de postos de traballo de nova creación bastará coa emisión do informe ao que se refire a alínea Un deste artigo.

Tres.-Para os efectos das alíneas anteriores, entenderase por determinación ou modificación das condicións retributivas do persoal non funcionario as seguintes actuacións:

a) A determinación das retribucións dos postos de nova creación.

b) O asinamento de convenios colectivos subscritos polos organismos sinalados na alínea Un anterior, así como as súas revisións e as adhesións ou extensións a eles.

c) A aplicación de convenios colectivos de ámbito sectorial, así como as súas revisións e as adhesións ou extensións a eles.

d) A fixación de retribucións mediante contrato individual, xa se trate de persoal fixo ou contratado por tempo determinado, cando non veñan reguladas en todo ou en parte mediante convenio colectivo.

e) O outorgamento de calquera clase de melloras salariais de tipo unilateral con carácter individual ou colectivo, aínda que deriven da aplicación extensiva do réxime retributivo dos funcionarios públicos.

f) A determinación das retribucións correspondentes ao persoal contratado no exterior.

Catro.-Co fin de emitir o informe sinalado na alínea Un deste artigo, as consellarías, os organismos e os entes remitiranlles á Dirección Xeral da Función Pública e á Dirección Xeral de Orzamentos o correspondente proxecto, con carácter previo ao seu acordo ou asinamento no caso dos convenios colectivos ou contratos individuais, xunto coa achega da valoración de todos os seus aspectos económicos.

Cinco.-O sinalado informe será realizado no prazo máximo de quince días, que se contarán desde a data de recepción do proxecto e da súa valoración, e versará sobre todos aqueles extremos dos que deriven consecuencias directas ou indirectas en materia de gasto público, tanto para o ano 2011 coma para exercicios futuros, e, especialmente, no que se refire á determinación da masa salarial correspondente e ao control do seu crecemento.

Seis.-Serán nulos de pleno dereito os acordos adoptados nesta materia con omisión do trámite de informe ou en contra dun informe desfavorable, así como os pactos que impliquen crecementos salariais para exercicios sucesivos contrarios ao que determinen as futuras leis de orzamentos.

Sete.-Non se poderán autorizar gastos derivados da aplicación das retribucións para o ano 2011 sen o cumprimento dos requisitos establecidos neste artigo.

Artigo 25º.-Persoal de alta dirección dos organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, consorcios do sector público e sociedades e fundacións públicas da Comunidade Autónoma.

Nos contratos laborais do persoal de alta dirección das entidades ás que se refire este artigo non se poderán fixar indemnizacións, en razón da extinción da relación xurídica coa entidade correspondente, de contía superior á fixada na lexislación reguladora desta relación laboral de carácter especial.

Artigo 26º.-Contratación de persoal laboral de carácter temporal para a realización de obras ou servizos previstos no anexo de investimentos.

Un.-Os departamentos da Xunta de Galicia, os organismos autónomos e as axencias públicas autonómicas poderán formalizar durante o ano 2011 contratacións de persoal de carácter temporal para a realización de obras ou servizos, sempre que se dea a concorrencia dos seguintes requisitos:

a) Que a contratación teña por obxecto a execución de obras por administración directa e con aplicación da lexislación de contratos do Estado, ou a realización de servizos que teñan a natureza de investimentos.

b) Que tales obras ou servizos correspondan a investimentos previstos e aprobados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

c) Que pola natureza das obras ou dos servizos non poidan ser executados por persoal fixo.

d) Que se refiran a obras e proxectos concretos.

Do cumprimento dos anteriores requisitos deberase deixar constancia no correspondente expediente de contratación.

Dous.-Os contratos teranse que formalizar seguindo as prescricións dos artigos 15º e 17º do Estatuto dos traballadores e conforme o disposto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. Nos contratos farase constar a obra ou o servizo para cuxa realización se formaliza o contrato e o tempo de duración, así como o resto das formalidades que impón a lexislación sobre contratos laborais, eventuais ou temporais. Os incumprimentos destas obrigas formais, así como a asignación de persoal contratado para funcións distintas das que se determinen nos contratos, dos que puideren derivar dereitos de fixeza para o persoal contratado, poderán dar lugar á exixencia de responsabilidades, segundo o artigo 122º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

O gasto xerado por estas contratacións, con excepción das suxeitas normativamente ao Real decreto 1435/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral especial de artistas en espectáculos públicos, así como o gasto que corresponda ás contratacións de persoal temporal dedicado á extinción de incendios forestais e ás contratacións de persoal temporal asociado a proxectos de investigación, imputaranse ao concepto correspondente do artigo 13º no programa e na consellaría de que se trate.

Tres.-A realización destes contratos será obxecto de fiscalización previa nos casos nos que esta resulte preceptiva, de conformidade co establecido nos artigos 94º a 117º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A intervención delegada do departamento certificará, despois da proposta fundamentada do xestor, que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda computado sempre na súa proxección anual.

Catro.-A contratación poderá exceder o exercicio orzamentario cando se trate de obras ou servizos que excedan o devandito exercicio e correspondan a proxectos de investimento de carácter plurianual que cumpran os requisitos que para estes se prevén no artigo 58º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Cinco.-O servizo xurídico do departamento ou organismo emitirá informe sobre os contratos con carácter previo á súa formalización e, en especial, pronunciarase sobre a modalidade de contratación utilizada e a observancia nas cláusulas do contrato dos requisitos e das formalidades exixidos pola lexislación laboral.

Seis.-Non se poderán realizar contratacións de persoal de carácter temporal para a realización de obras ou servizos previstos no anexo de investimentos sen autorización previa da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Sete.-Os contratos que se iniciasen durante o exercicio de 1999 ou anteriores e que teñan unha data de finalización posterior ao 31 de decembro de 1999 poderán continuar imputándose ao capítulo VI do orzamento de gastos do correspondente departamento ata o seu termo.

Artigo 27º.-Nomeamento de profesorado interino a tempo parcial en centros docentes non universitarios.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá efectuar, nos centros docentes non universitarios, o nomeamento de profesorado interino con horarios de traballo inferiores aos establecidos con carácter xeral, que percibirán as retribucións básicas e complementarias de forma proporcional á xornada traballada.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tratará de completar o horario docente do persoal interino, compartindo, de ser necesario, varios centros de ensino, para minimizar deste xeito o número de prazas ofertadas segundo o parágrafo anterior.

No caso de ser necesario o nomeamento para prazas a tempo parcial, daráselle preferencia para optar a estas ao profesorado que voluntariamente queira acceder a elas, sobre todo a aquelas persoas que aleguen necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 28º.-Profesores e profesoras de corpos docentes.

Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 74º, punto 5, do texto refundido da Lei da función pública de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e atendendo as peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 1º, punto 2, do referido texto refundido, os profesores e profesoras dos corpos docentes previstos no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán percibir ata o total das súas retribucións tanto básicas coma complementarias cando sexan autorizados para o gozo de licenzas por estudos durante o curso escolar, nos supostos, termos, prazos e condicións que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co informe favorable da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos.

Artigo 29º.-Oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal para o ano 2011.

Un.-Durante o ano 2011, o número total de prazas de novo ingreso do persoal do sector público ao que se refire a alínea Seis do artigo 13º desta lei será, como máximo, igual ao 10% da taxa de reposición de efectivos e concentraranse nos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren absolutamente prioritarios ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais. Para estes efectos consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma. Dentro deste límite, a oferta de emprego incluirá todos os postos e prazas desempeñados por persoal laboral contratado ou persoal interino nomeado ao que se refire a alínea a) do punto 1 do artigo 10º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, excepto aqueles sobre os que exista unha reserva do posto ou que estean incursos en procesos de provisión ou se decida a súa amortización. Con este fin, realizaranse as

adecuacións nos orzamentos que resulten precisas e sempre de acordo co previsto no artigo 10º desta lei.

Non se tomará en consideración para os efectos da dita limitación a creación de prazas que deriven de sentenzas declaratorias de relacións laborais de carácter indefinido, que quedarán incorporadas á oferta pública de emprego, agás que se decida a súa amortización. Tampouco se considerarán as substitucións das xubilacións incentivadas na disposición transitoria segunda da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Consellería de Educación, cando afecten a prestación de servizos docentes, nin as prazas de persoal licenciado sanitario e diplomado sanitario con título de especialista dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.

En calquera caso, as prazas correspondentes aos nomeamentos a que se refiren os artigos 10º.1 a) da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, e 9º.2 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal dos servizos de saúde, e as contratacións de persoal interino por vacante computarán para efectos de cumprir o limite máximo da taxa de reposición de efectivos na oferta de emprego público correspondente ao mesmo ano no que se produza o nomeamento ou a contratación, e, se non for posible, na seguinte oferta de emprego público, agás que se decida a súa amortización

Dous.-O Consello da Xunta poderá autorizar, coa limitación establecida na alínea Un deste artigo, por proposta da Dirección Xeral da Función Pública ou, se é o caso, das consellarías competentes na materia e co informe favorable da Dirección Xeral de Orzamentos, a convocatoria das prazas vacantes.

Tres.-As convocatorias de prazas vacantes das entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que adecúan a súa actividade ao dereito privado e das sociedades de carácter mercantil dependentes do ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberán ser autorizadas pola Dirección Xeral da Función Pública e pola Dirección Xeral de Orzamentos.

Artigo 30º.-Contratación de persoal laboral temporal e nomeamento de persoal funcionario interino no ámbito da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas.

Un.-Durante o ano 2011 non se procederá á contratación de novo persoal laboral temporal nin ao nomeamento de persoal estatutario temporal, nin ao nomeamento de persoal funcionario interino nos supostos previstos no artigo 9º.2 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal dos servizos de saúde, e nas letras a) e b) da alínea Un do artigo 10º da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, no ámbito a que se refiren as letras b) e c) da alínea Seis do artigo 13º desta lei, xa se trate de postos reservados nas relacións de postos de traballo a persoal laboral, estatutario ou a persoal funcionario.

Quedan exceptuados do disposto no parágrafo anterior e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables:

a) Persoal docente, non docente e laboral de centros docentes.

b) Persoal dos centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde.

c) Persoal de centros e residencias de servizos sociais.

d) Persoal adscrito ao servizo de defensa contra incendios forestais.

e) Persoal laboral e persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

f) Persoal adscrito ao sistema integrado de emerxencias e protección civil.

As ditas contratacións adecuaranse estritamente ás necesidades do servizo e terán como límite máximo as previsións orzamentarias establecidas para o efecto.

Excepcionalmente, poderán realizarse contratacións de persoal laboral temporal ou nomearse persoal funcionario interino para a cobertura de postos vacantes cuxa necesidade de cobertura xurda ao longo do ano 2011 nas relacións de postos de traballo, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos. Para estes efectos o departamento solicitante deberá remitir unha memoria xustificativa de que a cobertura do posto resulta absolutamente imprescindible para o funcionamento do servizo.

Dous.-Durante o ano 2011 poderán atenderse os excesos ou as acumulacións de tarefas mediante a contratación temporal de persoal laboral e o nomeamento de persoal funcionario interino sen adscrición a praza, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Orzamentos e de acordo cos límites que se establecen na letra a) da alínea tres do artigo 9º desta lei. O gasto derivado destas contratacións imputarase necesariamente aos subconceptos 131.24, «Acumulacións de tarefas de persoal laboral temporal», e 120.24, «Acumulacións de tarefas de persoal funcionario non docente».

Tres.-Así mesmo, poderán acordarse as substitucións transitorias do persoal laboral, do persoal docente, do persoal que preste servizos en centros de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, do persoal non docente de centros de educación, do persoal veterinario que preste os seus servizos en matadoiros e lonxas ou nos servizos de sanidade e produción animal dependentes da Consellería do Medio Rural, do persoal administrativo que preste os seus servizos nas oficinas de rexistro unificadas da Administración da Comunidade Autónoma e do persoal que se atope en situación de permiso por parto, adopción ou acollemento, sempre dentro das limitacións orzamentarias previstas, e que cando unha vez valorada polos responsables de xestión a duración prevista da dita situación resulten absolutamente imprescindibles para o funcionamento do servizo.

Catro.-Poderá efectuarse o nomeamento de persoal funcionario interino para a execución de programas de carácter temporal, segundo o previsto no artigo 10º.1 c) da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o Estatuto básico do empregado público, logo do informe conxunto da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos, cos seguintes requisitos:

a) O financiamento debe proceder de fondos da Unión Europea.

b) A duración do nomeamento non poderá exceder a execución do programa e, en todo caso, non superará o prazo de dous anos.

c) O persoal funcionario interino non ocupará prazas da relación de postos de traballo e a súa selección e nomeamento axustarase ao procedemento establecido polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 31º.-Contratación de persoal temporal no sector público.

Un.-Durante o ano 2011 non se procederá á contratación de novo persoal laboral temporal nin de persoal estatutario temporal, para a cobertura de postos vacantes, no ámbito a que se refiren as letras e) e f) da alínea Seis do artigo 13º desta lei. Excepcionalmente, poderán realizarse contratacións de persoal temporal para a cobertura de postos vacantes cuxa necesidade de cobertura xurda ao longo do ano 2011 nos cadros de persoal, logo da autorización conxunta da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Orzamentos, que se poderá conceder excepcionalmente tras a debida xustificación motivada da entidade solicitante de que a cobertura resulta absolutamente imprescindible para o funcionamento da entidade.

Quedan exceptuados do disposto no parágrafo anterior e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables:

a) Persoal adscrito ao servizo de defensa contra incendios forestais.

b) Persoal que preste servizo no ámbito das sociedades sanitarias e fundacións sanitarias.

Dous.-No ámbito a que se refiren as letras e) e f) da alínea Seis do artigo 13º desta lei, será preciso informe favorable emitido conxuntamente pola Dirección Xeral da Función Pública e pola Dirección Xeral de Orzamentos para a realización de:

-Contratacións de persoal laboral temporal na modalidade de obra ou servizo determinado.

-Contratacións de persoal laboral temporal na modalidade de acumulación de tarefas cando a súa duración sexa superior a quince días ou cando non exista unha partida prevista no orzamento inicial da entidade para esta finalidade.

Para estes efectos deberá remitirse unha memoria xustificativa da necesidade da contratación solicitada e da adecuación da modalidade contractual. Así mesmo, incluirase unha memoria económica na que se valoren todos os aspectos económicos da solicitude e da forma de financiamento.

Con periodicidade mensual deberá remitirse á Dirección Xeral de Orzamentos a información referida a todas as contratacións realizadas durante o período, calquera que fose a súa duración.

Artigo 32º.-Contratación de persoal vinculado a encomendas de xestión.

Durante o ano 2011 as encomendas de xestión que realice a Administración da Xunta de Galicia ás entidades a que se refiren as letras e) e f) da alínea Seis do artigo 13º desta lei non poderán supoñer a contratación de persoal temporal por parte das ditas entidades con cargo ás contías recibidas como contraprestación da realización das encomendas de xestión.

Quedan exceptuadas do disposto no parágrafo anterior as contratacións de persoal temporal que estiveren previstas no programa de actuación, investimento e financiamento.

Esta limitación non será aplicable a proxectos financiados con fondos finalistas do Estado e da Unión Europea.

Título III

Operacións de endebedamento e garantía

Capítulo I

Operacións de crédito

Artigo 33º.-Operacións de endebedamento por prazo superior a un ano.

Un.-A posición neta debedora da Comunidade Autónoma incrementarase durante o ano 2011 nunha contía máxima de 735.248.873 euros.

Para estes efectos, tomarase a posición neta debedora de todos os organismos autónomos, sociedades mercantís e entidades de calquera condición que, conforme a normativa aplicable en materia de estabilidade orzamentaria, estean incluídos dentro do sector das administracións públicas e consoliden o seu endebedamento co da Comunidade Autónoma conforme as normas do sistema europeo de contas nacionais e rexionais.

Co obxecto de optimizar a carga financeira global da Comunidade Autónoma, a posición neta debedora da Administración xeral poderá incrementarse coa finalidade de amortizar préstamos dos organismos, entes e sociedades indicados no parágrafo precedente, no mesmo importe que se amortice.

Así mesmo, a Administración xeral poderá subrogarse na posición debedora das operacións que estean formalizadas por sociedades que pertenzan, directa ou indirectamente, no 100% á Xunta de Galicia, na medida en que se decida á súa disolución. Igualmente, poderá subrogarse nos préstamos formalizados por sociedades que pertenzan, directa ou indirectamente, no 100% á Xunta de Galicia, destinados a adquirir activos das ditas sociedades disoltas.

Dous.-A posición neta debedora será efectiva ao termo do exercicio, podendo ser excedida no curso deste, e quedará automaticamente revisada:

a) Polas desviacións que poidan xurdir entre as previsións de ingresos contidas nesta lei e a súa evolución real.

b) Nas contías necesarias para financiar as adquisicións de activos financeiros con destino a suxeitos non comprendidos no punto 1 c) do artigo 2º do Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de estabilidade orzamentaria, que poidan xurdir ao longo do exercicio.

c) Na contía necesaria para a adquisición de activos financeiros por parte do Instituto Galego de Promoción Económica, por un importe máximo de 175.000.000 de euros. Ese posible maior endebedamento debe estar destinado á adquisición de activos financeiros de suxeitos non comprendidos no mencionado punto 1 c) do artigo 2º do Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de estabilidade orzamentaria.

d) Nas contías asumidas en concepto de débeda polas variacións na composición do sector da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, en termos do sistema europeo de contas nacionais e rexionais, como consecuencia de que entes que estaban nel considerados pasan a deixar de estalo ou viceversa.

e) Na contía máxima do endebedamento autorizado nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia dos catro últimos exercicios que non fose utilizado, sempre que estea dentro dos límites establecidos nos programas de endebedamento acordados co Ministerio de Economía e Facenda.

f) Polos anticipos reintegrables ou préstamos concertados con outras administracións públicas para o financiamento de investimentos incluídos en plans ou programas conxuntos.

g) Polos importes adicionais que se amparen nos acordos do Consello de Política Fiscal e Financeira en materia de endebedamento.

Tres.-No ámbito da Administración xeral, autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda para formalizar as operacións de endebedamento ás que se refire este artigo. A formalización poderá realizarse de maneira fraccionada, en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma. Estas operacións poderán instrumentarse mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Igualmente se faculta para converter ou renegociar as operacións de endebedamento xa formalizadas, co obxecto de conseguir a xestión máis adecuada do conxunto do endebedamento da Comunidade Autónoma.

Artigo 34º.-Débeda da tesouraría.

Un.-A Comunidade Autónoma, para a atención de necesidades da Administración xeral, poderá concertar ou emitir operacións de débeda de tesouraría, por prazo inferior a un ano, conforme o disposto no artigo 31º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ata un importe que non supere o 15% da consignación que figura no orzamento da Administración xeral como ingresos correntes incondicionados, entendendo como tal a suma dos capítulos I, II e III e o concepto 400, agás o subconcepto 05.

Dous.-Autorízase a persoa titular da Consellería de Facenda a determinar as condicións concretas e a formalizar estas operacións de crédito ou emisión de débeda pública, en calquera das súas modalidades.

Artigo 35º.-Outras operacións financeiras.

A formalización de calquera operación de carácter financeiro a medio ou longo prazo non referida nos artigos precedentes, como instrumentos de leasing, factoring e outros, por parte dos departamentos da Administración xeral e de calquera das entidades ás que fai referencia o artigo 48º.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, cando o seu importe acumulado exceda os 200.0000 euros, deberá contar coa correspondente autorización da Consellería de Facenda, a través da dirección xeral competente en materia de política financeira.

Artigo 36º.-Endebedamento dos organismos autónomos, das sociedades públicas e das demais entidades que están clasificadas como administración pública.

Un.-As entidades ás que fai referencia o artigo 48º.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como calquera outra entidade incluída no sector de sociedades non financeiras dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, poderán concertar operacións para atender necesidades transitorias de tesouraría, con prazo de reembolso non superior a un ano, cun límite máximo do 10% da súa previsión inicial de ingresos correntes ou de explotación. A superación dese límite deberá ser autorizada pola Consellería de Facenda.

Independentemente do anterior, o saldo vivo o 31 de decembro de 2011 non poderá superar por estas operacións o saldo vivo o 31 de decembro do exercicio anterior, agás autorización expresa da Consellería de Facenda.

Dous.-Para concertar, renovar ou modificar as condicións de financiamento de calquera tipo de operacións de endebedamento a longo prazo ou de cobertura sobre elas, as entidades ás que fai referencia o artigo 48º.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como calquera outra entidade incluída no sector de sociedades non financeiras dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán conseguir a autorización da Consellería de Facenda.

Tres.-O endebedamento autorizado ao Instituto Galego de Promoción Económica na alínea Dous do artigo 33º terá por obxecto o financiamento de actividades que lle son propias e, consecuentemente, outorgará préstamos, directamente ou a través de entidades financeiras, a pequenas e medianas empresas. O importe autorizado poderá ser disposto nunha ou en sucesivas operacións, sen que en ningún caso o importe acumulado disposto sexa superior ao importe global dos préstamos outorgados e dispostos ás pequenas e medianas empresas.

Catro.-Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo a concertar con entidades financeiras préstamos hipotecarios subrogables con destino ao financiamento de actuacións en materia de vivenda, sen que se poida establecer ningún tipo de cláusula da que derive responsabilidade do referido instituto logo de realizada a subrogación.

O importe dos créditos hipotecarios vivos no ano 2011 non poderá superar en ningún caso os 24.000.000 de euros. Non obstante, o volume da débeda viva na fin do exercicio non excederá o do 31 de decembro do ano anterior, agás con autorización expresa da Consellería de Facenda.

Cinco.-O réxime de autorización establecido nos puntos anteriores realizarase a través da dirección xeral competente en materia de política financeira, que asesorará as mencionadas entidades nas distintas operacións financeiras co obxecto de elixir o instrumento máis apropiado, obter as mellores condicións dos mercados financeiros e conseguir unha mellor administración do conxunto do endebedamento da Comunidade Autónoma.

Co mesmo fin, as mencionadas entidades dependentes da Comunidade Autónoma deberán remitirlle á Consellería de Facenda, a través da referida dirección xeral, nos primeiros quince días de cada trimestre, e de conformidade coas instrucións que esta estableza, a seguinte información relativa á fin do trimestre inmediato anterior:

a) Detalle da situación de endebedamento, desagregando cada operación financeira.

b) Detalle das operacións financeiras activas.

Capítulo II

Afianzamento por aval

Artigo 37º.-Avais.

Un.-Con carácter xeral e de conformidade co disposto no artigo 41º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o importe máximo dos avais que a Xunta de Galicia poderá conceder durante o ano 2011 será de 30.000.000 de euros.

Dous.-Consonte o disposto no artigo 45º do mesmo texto legal, o Instituto Galego de Promoción Económica poderá conceder, durante o ano 2011, avais en contía que non supere en ningún momento o saldo efectivo vixente de 500.000.000 de euros.

Co obxecto de atender proxectos de axuda ao desenvolvemento no exterior, e dentro do saldo indicado no parágrafo anterior, o Instituto Galego de Promoción Económica poderá avalar operacións de crédito ata 30.000.000 de euros.

Por cada operación de aval e por cada liña ou programa de avais dotarase unha provisión para atender posibles falidos na contía que determine a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, ben en relación co importe da operación individual, ben en consideración ao montante total da liña ou do programa. O importe destas provisións destinarase ao Fondo de Garantía de Avais de acordo co sinalado na letra k) do artigo 8º desta lei.

Nos primeiros quince días de cada trimestre o Instituto Galego de Promoción Económica deberá remitir á Consellería de Facenda a través da referida dirección xeral, e de conformidade coas instrucións que esta estableza, a información relativa aos avais existentes na fin do trimestre inmediato anterior.

Tres.-O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda, poderá acordar, logo da petición fundada dos interesados á consellaría correspondente, e por instancia desta, o inexercicio das accións de regreso que ao abeiro do artigo 10º.2 do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Instituto Galego de Promoción Económica, lle corresponden á Comunidade Autónoma como consecuencia da prestación por aquel de avais ou contraavais, cando, de se faceren efectivas aquelas, afectar grave ou substancialmente o mantemento da capacidade produtiva ou do nivel de emprego ou de renda de calquera dos sectores ou subsectores básicos da economía galega.

Título IV

Xestión orzamentaria

Capítulo único

Dos procedementos de xestión orzamentaria

Artigo 38º.-Intervención limitada.

A contía á que se refire o artigo 97º.1 a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, queda establecida no importe fixado para ter a consideración de contratos menores de subministración na lexislación reguladora da contratación do sector público.

Artigo 39º.-Modificacións de contratos de transporte escolar.

Os contratos administrativos de transporte escolar poderán modificarse por razóns de interese público e para atender causas imprevistas debidamente xustificadas, de conformidade co previsto na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

As modificacións consistentes na variación dos percorridos, así como na reestruturación dos itinerarios, motivadas por razóns técnicas, dado o carácter esencial e impostergable dos servizos de transporte escolar, poñeranse en práctica de xeito inmediato, unha vez comprobados o cumprimento das condicións referidas ao comezo, así como a existencia de crédito orzamentario necesario para levalas adiante.

As ditas modificacións estarán excepcionadas de informe previo da Asesoría Xurídica cando a súa contía non supere o 20% do prezo do contrato/día que se vai modificar e o importe anual que represente a modificación non supere os 18.000 euros, IVE excluído.

Con independencia do establecido no artigo 97º.1 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non estarán sometidas a intervención previa as ditas modificacións cando non excedan os límites sinalados no parágrafo anterior.

Malia o anterior, a Intervención Delegada da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comprobará, antes da fiscalización do primeiro pagamento, o cumprimento de todos os requisitos exixidos para autorizar e comprometer o gasto.

Artigo 40º.-Fiscalización das operacións de endebedamento da Comunidade Autónoma.

A intervención previa dos procedementos de contratación de operacións de endebedamento da Comunidade Autónoma realizarase no momento procesual inmediatamente anterior ao compromiso que se adquire co asinamento do contrato, e comprobarase o cumprimento de todos os requisitos exixidos para aprobar e comprometer o gasto.

Artigo 41º.-Fiscalización de nomeamentos ou de contratos para substitucións de persoal.

A fiscalización de nomeamentos e de contratos para substitucións de persoal por razóns de necesidade e de urxencia conxuntural realizarase con carácter previo á alta en nómina, mediante a verificación da adecuación do proceso de selección coa normativa vixente e da existencia de nomeamento ou de contrato, así como de crédito adecuado e suficiente.

Artigo 42º.-Identificación dos proxectos de investimento.

As modificacións dos programas de investimento que impliquen o inicio de novos proxectos ou a variación dos existentes requirirán a asignación dun novo código pola Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda, logo da tramitación da oportuna modificación polo órgano competente segundo o previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 43º.-Autorización do Consello da Xunta para a tramitación de determinados expedientes de gastos.

Un.-Requirirá autorización por parte do Consello da Xunta a tramitación de expedientes de contratación e de encomendas de xestión cando o valor estimado ou o importe do gasto, respectivamente, sexa superior a 4.000.000 de euros.

Dous.-A tramitación de expedientes que comporte a modificación de convenios que fosen previamente autorizados polo Consello da Xunta requirirá autorización do mesmo órgano. Non obstante, non será precisa esta autorización cando a modificación non supoña unha alteración do obxecto nin comporte incremento do importe total ou no número de exercicios orzamentarios, sempre que a distribución do importe correspondente a cada exercicio respecte os límites aos que fai referencia o artigo 58º.3 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Tres.-Logo de obterse a autorización, a aprobación do gasto corresponderalle ao órgano de contratación do departamento, organismo autónomo, axencia pública autonómica, sociedade ou fundación pública que xestione o crédito.

Artigo 44º.-Revisións de prezos contidos en concertos ou convenios.

Con carácter xeral, as revisións de prezos que se establezan nos concertos ou convenios que subscriban durante o ano 2011 a Administración xeral da Comunidade Autónoma, os seus organismos autónomos, as entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que adecúan a súa actividade ao dereito privado e as axencias públicas, fundacións e consorcios non poderán referenciarse por riba da evolución do índice de prezos ao consumo de Galicia. Igualmente, as revisións de prezos e tarifas que afecten a concertos ou convenios xa subscritos non poderán experimentar un incremento superior ao do IPC galego do anterior exercicio.

Excepcionalmente, por causas plenamente xustificadas ou por alteracións das condicións dos concertos ou convenios, a persoa titular da Consellería de Facenda, por proposta do departamento correspondente, poderá autorizar a inclusión de cláusulas de revisión por contía diferente á indicada no parágrafo anterior.

Artigo 45º.-Transferencias de financiamento.

Un.-As achegas de natureza corrente deberán librarse con carácter mensual por doceavas partes, agás que mediante convenio se regule outro réxime diferente de pagamento. Este convenio deberá someterse a informe da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma sobre a adecuación do réxime de libramento proposto ao ritmo de execución do gasto corrente da entidade.

Os convenios que, de ser o caso, estiveren vixentes á entrada en vigor desta lei deberán ser revisados nos tres primeiros meses do exercicio para os efectos de axustarse ao disposto neste artigo.

Dous.-As achegas de capital libraranse atendendo o ritmo de execución do gasto de capital da entidade.

Tres.-Os convenios que se formalicen para regular o réxime de libramentos das transferencias de financiamento non precisarán de autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

Catro.-A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma verificará a correcta aplicación destas achegas mediante o uso das técnicas de fiscalización e auditoría previstas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nas normas que a desenvolven.

Artigo 46º.-Subvencións nominativas.

Un.-Non poderán incrementarse os créditos previstos nesta lei para subvencións nominativas.

Dous.-Os convenios ou resolucións nos que se estableza a concesión de subvencións nominativas regularán así mesmo o réxime de xustificación, pagamentos e anticipos que, se é o caso, se poidan librar. Estes convenios ou resolucións só necesitarán a autorización previa do Consello da Xunta cando de xeito excepcional, logo da xustificación da súa ineludible necesidade, prevexan un pagamento a conta ou ben un anticipo superior aos permitidos nos artigos 62º e 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 47º.-Concesión directa de axudas e subvencións.

A resolución de concesión de subvencións correntes que con carácter excepcional se realicen ao abeiro do disposto nos artigos 19º.4 c) e 26º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá autorización do Consello da Xunta cando a súa contía supere o importe de 6.010 euros por beneficiario e ano, ou as concedidas por cada departamento da Administración autonómica excedan globalmente os 60.100 euros no exercicio, exceptuadas as que vaian ser formalizadas mediante convenio ou instrumento bilateral, ás que lles será aplicable o réxime xeral previsto no artigo 26º.3 da dita Lei 9/2007. Os importes elevaranse a 12.000 euros e 120.300 euros, respectivamente, para a sección 04, servizo 10, Secretaría Xeral da Presidencia.

Artigo 48º.-Xustificación de axudas e subvencións.

Sen prexuízo do disposto no artigo 28º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para aquelas axudas e subvencións que se concedan con cargo a créditos financiados por recursos procedentes da Unión Europea, a xustificación dos gastos efectuarase con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e a do pagamento cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados, de acordo coa normativa contida nos regulamentos aplicables aos fondos.

Artigo 49º.-Obrigas dos/as beneficiarios/as das axudas e subvencións.

Un.-Quedan exentos/as de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor/a por resolución de procedencia de reintegro os/as beneficiarios/as das subvencións seguintes:

a) As outorgadas a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, dos seus organismos autónomos, entes públicos, sociedades públicas, fundacións e demais entes vinculados ou dependentes da Xunta de Galicia que deban exercer a súa actividade con suxeición ás normas de dereito público.

b) As outorgadas a favor dos órganos estatutarios de Galicia.

c) As libradas a favor da Administración do Estado, dos seus organismos autónomos e das entidades públicas dela dependentes, así como dos órganos constitucionais.

d) As libradas a favor doutras comunidades autónomas, dos seus organismos autónomos e das entidades públicas delas dependentes.

e) As outorgadas a favor das universidades.

f) As outorgadas a favor das corporacións locais e dos seus organismos autónomos.

g) As bolsas e axudas destinadas expresamente a financiar estudos en centros de formación públicos e privados, cando as perciban directamente as persoas individuais beneficiarias.

h) As subvencións con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo IV, «Transferencias correntes», destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

i) As que non superen os 3.000 euros individualmente e se concedan con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, «Transferencias de capital», destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

j) Aquelas axudas ou subvencións nas que, por concorreren circunstancias debidamente xustificadas, derivadas da natureza, do réxime ou da contía da subvención, así se estableza mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.

k) As subvencións destinadas a financiar proxectos ou programas de acción social e cooperación internacional que se concedan a entidades sen fins lucrativos, así como a federacións, confederacións ou agrupacións delas.

l) As subvencións ou axudas que se concedan con cargo ao artigo 77º do orzamento de gastos, cando non superen por beneficiario/a e axuda o importe de 1.500 euros.

m) As concedidas aos/ás beneficiarios/as para a mellora da condición de financiamento que se paguen a través das entidades financeiras correspondentes.

n) As axudas que se concedan para incentivar a contratación de seguros no sector agrario e acuícola, amparados no Plan de seguros agrarios combinados.

ñ) As axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnizatorio.

Dous.-Quedan exceptuados da obriga de presentación de garantías que establece o artigo 67º e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, do 13 de xuño, os centros tecnolóxicos que sexan recoñecidos como tales pola consellaría competente en materia de investigación, desenvolvemento e innovación.

Artigo 50º.-Pagamento de axudas e subvencións.

O pagamento, mediante aboamentos mensuais, das bolsas que se concedan a persoas físicas beneficiarias directas, destinadas expresamente a financiar estudos e investigación en centros públicos ou privados, poderá efectuarse de forma anticipada, con suxeición ao establecido no artigo 31º.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 51º.-Contratos de colaboración público-privada e de concesión de obra pública.

Un.-Para a autorización de contratos de colaboración entre o sector público e o sector privado, así como dos contratos de concesión de obra pública, tipificados na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, requirirase que, con carácter previo á aprobación polo órgano de contratación dos pregos que rexen estes tipos de contratos, a Consellería de Facenda emita informe preceptivo e vinculante comprensivo dos seguintes extremos:

-Análise do custo financeiro da operación no seu conxunto, distinguindo o custo da obra que se vai realizar dos servizos adicionais ou accesorios incluídos na contratación, co obxecto de verificar a súa idoneidade e para garantir que o financiamento utilizado é o máis apropiado de acordo coas condicións existentes nos mercados.

-Análise da repercusión dos compromisos asumidos por este tipo de operación sobre os orzamentos futuros e a súa incidencia sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. Este informe conterá detalle dos compromisos de pagamento futuro da Comunidade Autónoma de Galicia derivados da colaboración público-privada asumidos con anterioridade.

-Análise do seu tratamento en termos de contabilidade nacional.

-Análise da coherencia da actuación que se vai realizar coa planificación estratéxica da Xunta de Galicia e a súa incidencia na economía galega e no equilibrio territorial.

-Análise dos mecanismos de captación de financiamento e as garantías que se prevé utilizar durante a vixencia do contrato.

Dous.-Na documentación a que se refire a letra b) do punto 5 do artigo 51º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, incluirase un anexo que especifique os compromisos derivados dos contratos de colaboración público-privados formalizados, cunha clara referencia á contía dos investimentos financiados por esta vía e dos pagamentos anuais previstos ao longo da súa duración. Para garantir o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a solvencia das contas autonómicas e a transparencia, calquera incorporación dun proxecto aprobado pola Xunta de Galicia non previsto no orzamento deberá remitírselle ao Parlamento de Galicia, incluíndo na información que se lle remita a este a mesma documentación que a exixida para as actuacións incorporadas ao proxecto de orzamentos.

Artigo 52º.-Préstamos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Un.-Será preceptivo e vinculante o informe da Consellería de Facenda para a concesión de préstamos con cargo aos créditos do capítulo VIII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

O citado informe terá por obxecto determinar o efecto que as condicións de concesión dos préstamos poidan ter sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e, atendendo as ditas consideracións, determinará a procedencia da concesión das operacións propostas.

No suposto de préstamos que se vaian conceder a través de procedementos de concorrencia competitiva, o citado informe emitirase no momento anterior á aprobación da convocatoria.

Dous.-Os beneficiarios dos préstamos deberán acreditar que se atopan ao día do pagamento das obrigas de reembolso de calquera outro préstamo concedido anteriormente con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma.

Corresponde ao centro xestor do gasto comprobar o cumprimento destas condicións con anterioridade ao pagamento, exixindo, cando non poida acreditarse doutro xeito, unha declaración responsable do beneficiario ou certificación do órgano competente se este for unha administración pública.

Tres.-Mediante orde da Consellería de Facenda poderán ditarse as instrucións que sexan precisas para o cumprimento desta disposición.

Artigo 53º.-Expedientes de dotación artística.

Á entrada en vigor desta lei, o 80% dos créditos afectados á realización de traballos de dotación artística, nas aplicacións correspondentes a proxectos técnicos de obras novas do capítulo VI non financiados polo Fondo de Compensación Interterritorial nin con fondos finalistas ou procedentes da Unión Europea nin con fondos propios que cofinancien, será obxecto de ampliación de crédito na Consellería de Cultura e Turismo, a conta das retencións de crédito previstas, para a finalidade determinada na Lei 12/1991, do 14 de novembro, de traballos de dotación artística nas obras públicas e nos camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.

A ampliación de crédito indicada terá carácter de «a conta» sobre a liquidación definitiva da porcentaxe que de acordo coa devandita Lei 12/1991 lles corresponde aos traballos de dotación artística, e non lle serán aplicables as limitacións establecidas no artigo 68º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na alínea Sete do artigo 9º desta lei.

Artigo 54º.-Módulo económico de distribución de fondos públicos para sostemento de centros concertados.

Un.-De acordo co establecido nas alíneas segunda e terceira do artigo 117º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o importe do módulo económico por unidade escolar, para efectos de distribución da contía global dos fondos públicos destinados ao sostemento dos centros concertados para o ano 2011, é o fixado no anexo 2 desta lei.

Dous.-As retribucións de persoal docente terán efectividade desde o 1 de xaneiro de 2011, sen prexuízo da data na que se asinen as táboas salariais para o ano 2011 do V Convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, e a Administración autonómica pode aceptar pagamentos a conta, logo da solicitude expresa e coincidente de todas as organizacións patronais e da consulta coas sindicais, ata o momento no que se produza o asinamento das correspondentes táboas, considerándose que estes pagamentos a conta terán efecto a partir do 1 de xaneiro de 2011.

As contías sinaladas para salarios de persoal docente, incluídas cargas sociais, serán aboadas directamente pola administración, mediante pagamento delegado, sen prexuízo da relación laboral entre o profesorado e o titular do centro respectivo. A distribución dos importes que integran os «Gastos variables» efectuarase de acordo co establecido nas disposicións reguladoras do réxime de concertos.

Os compoñentes do módulo destinado a «Outros gastos» e «Persoal complementario» terán efectos a partir do 1 de xaneiro de 2011.

As contías correspondentes ao módulo de «Outros gastos» aboaranse mensualmente, e os centros poden xustificar a súa aplicación ao rematar o correspondente exercicio económico de forma conxunta para todas as ensinanzas concertadas do centro.

As contías correspondentes ao módulo de «Persoal complementario» tamén se aboarán mensualmente, e os centros deberán xustificar estes importes ao remate do exercicio económico e separadamente do módulo de «Outros gastos».

Tres.-Os centros que impartan os catro cursos da educación secundaria obrigatoria serán dotados do financiamento dos servizos de orientación educativa. Esta dotación realizarase sobre a base de calcular o equivalente a unha xornada completa do/a profesional axeitado a estas funcións, en función do número de unidades de educación secundaria obrigatoria que teña concertadas o centro e ata un máximo de vinte e cinco horas por centro. Os custos do/a orientador/a, que se incluirán na nómina de pagamento delegado do centro, serán os correspondentes ao salario, gastos variables e complemento retributivo segundo o establecido nos módulos económicos por unidade escolar do primeiro e segundo curso ou do terceiro e cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, respectivamente.

Catro.-Facúltase o Consello da Xunta para fixar as relacións profesor/unidade concertadas adecuadas para impartir o plan de estudos vixente en cada nivel obxecto do concerto, calculadas con base nas xornadas de profesor con vinte e cinco horas semanais.

A administración non asumirá os incrementos retributivos, as reducións horarias ou calquera outra circunstancia que conduza a superar o previsto nos módulos económicos do anexo 2 desta lei, agás os derivados dos acordos sobre a paga extraordinaria por antigüidade na empresa prevista na Resolución do 28 de decembro de 2006, da Dirección Xeral de Traballo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do V Convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos.

Cinco.-A relación profesor/unidade dos centros concertados poderá ser incrementada en función do número total de profesores afectados polas medidas de recolocación que se viñesen adoptando ata o momento da entrada en vigor desta lei e se atopen na nómina de pagamento delegado.

Título V

Corporacións locais

Capítulo único

Financiamento e cooperación económica coas corporacións locais

Artigo 55º.-Créditos asignados ás corporacións locais.

O montante total dos créditos que se asignan ás corporacións locais nos estados de gastos que se detallan no artigo 2º desta lei, derivados da súa participación no Fondo de Cooperación Local e da subscrición de convenios e da concesión de subvencións, ascende a 356.640.559 euros, coa distribución funcional que figura no anexo 3.

Artigo 56º.-Participación das corporacións locais nos tributos do Estado.

Co obxecto de adecuar os estados orzamentarios á natureza da estrita función de intermediación que desenvolve a Comunidade Autónoma na xestión da participación dos concellos e deputacións provinciais nos tributos do Estado, non se consignará crédito para tal finalidade e a mencionada participación xestionarase conforme o sinalado no punto 4 do artigo 46º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 57º.-Dotación do Fondo de Cooperación Local.

Un.-O crédito orzamentario inicial destinado ao pagamento das entregas a conta correspondentes á participación das entidades locais nos tributos da Comunidade Autónoma ascende a 112.972.805 euros.

Dous.-A Comunidade Autónoma poderá reter das cantidades que lles correspondan aos concellos como participación no Fondo de Cooperación Local, para a súa posterior compensación, o importe das débedas firmes, líquidas e esixibles, contraídas polos concellos coa Comunidade Autónoma, cos seus organismos autónomos, coas axencias públicas e coas entidades de dereito público da Comunidade Autónoma que non teñan que adecuar por lei a súa actividade ao ordenamento xurídico privado.

Así mesmo, esta retención e compensación practicarase respecto das cantidades correspondentes a achegas dos concellos que, en virtude de convenio coa Xunta de Galicia e coas súas entidades de dereito público, teñan expresamente atribuído o seu carácter de firmeza, liquidez e exixibilidade.

Tamén os concellos, mancomunidades e consorcios que xestionen servizos en común poderán solicitar á Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de facenda, a retención, compensación e ingreso na súa tesouraría das cantidades do Fondo de Cooperación Local dos concellos debedores que correspondan coa súa obriga de participar no financiamento e sostemento do custo de xestión e mantemento do servizo en común. A solicitude será asinada polo alcalde ou polo presidente da entidade local, achegando certificación do responsable da recadación, na que se faga constar o importe da débeda pendente de pagamento polo concello e indicación expresa da data na que venceu o período pactado para o pagamento.

Artigo 58º.-Transferencias derivadas de convenios ou subvencións.

As transferencias ás entidades locais de Galicia derivadas da subscrición de convenios ou da concesión de subvencións, que figuran recollidas nos diferentes programas dos estados de gastos que se detallan no artigo 2º desta lei, ascenden a 242.316.497 euros, coa distribución funcional que figura no anexo 3.

Título VI

Normas tributarias

Capítulo único

Tributos propios

Artigo 59º.-Taxas.

Introdúcense as seguintes modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente:

1) Modifícase o punto 5 do artigo 23º, que queda redactado como segue:

«5. A inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da Comunidade Autónoma, logo de xustificación documental, solicitada por:

-Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%.

-Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50% á inscrición solicitada por:

-Persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

-Persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses antes á data da convocatoria de probas selectivas de persoal nas que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego».

2) Modifícase o derradeiro parágrafo do punto 5 do artigo 27º, que queda redactado como segue:

«Da tarifa polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servizos, o titular da actividade, calquera que sexa a natureza do seu título habilitante. Nas autorizacións de exercicio das actividades suxeitas a esta taxa nas que se permita á persoa autorizada a cesión a terceiros/as do desenvolvemento dalgunhas das actividades autorizadas, os ditos terceiros/as estarán obrigados ao aboamento a Portos de Galicia da taxa correspondente á actividade de que se trate.

Así mesmo, no caso de concesións ou autorizacións de ocupación, utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público portuario nas que se permita á persoa titular a cesión a terceiros/as do uso de superficies ou instalacións incluídas na concesión ou autorización para o exercicio de actividades suxeitas a esta taxa, os ditos terceiros/as estarán obrigados ao aboamento a Portos de Galicia da taxa correspondente á actividade de que se trate».

3) Modifícase o artigo 39º, que queda redactado como segue:

«Artigo 39º.-Suxeito pasivo.

1. É suxeito pasivo a persoa física ou xurídica que realice o feito impoñible desta taxa.

2. Así mesmo, terán a consideración de suxeitos pasivos as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades que, carecendo de personalidade xurídica, constitúen unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de tributación.

3. Presumirase, agás proba en contrario, que o feito impoñible é realizado pola persoa ou entidade que figure como titular do correspondente título habilitante da utilización privativa, da ocupación ou do aproveitamento especial do dominio público.

4. Se o suxeito pasivo non coincide co titular do título habilitante, este terá carácter de responsable solidario».

4) Modifícase o artigo 40º, que queda redactado como segue:

«Artigo 40º.-Bonificacións e exencións.

1. Estarán exentos das tarifas 01 e 03, contidas no anexo 5, os suxeitos pasivos que teñan a condición de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro cando a actividade que desempeñen no inmoble non leve aparellada unha utilidade económica ou, aínda existindo a dita utilidade, a utilización ou aproveitamento entrañe condicións ou contraprestacións para o beneficiario que anulen ou fagan irrelevante aquela.

Para o recoñecemento desta exención bastará con que se faga unha declaración responsable do cumprimento dos requisitos sinalados no parágrafo anterior e se achegue a xustificación adecuada xunto coa solicitude do permiso de ocupación temporal, da concesión ou de calquera outra autorización ou título habilitante previsto na normativa de patrimonio. A exención entenderase concedida con carácter provisional e condicionada ao cumprimento, durante todo o tempo que dure a utilización privativa, o aproveitamento especial ou a ocupación do dominio público, dos requisitos esixibles.

2. Á tarifa 02 contida no anexo 5 seranlle aplicables as bonificacións e exencións que se relacionan a seguir:

a) Cando os suxeitos pasivos realicen investimentos en obras de recheo, consolidación ou mellora de terreos, a contía da bonificación determinarase en función do investimento realizado, de conformidade coa escala que se estableza regulamentariamente, atendendo o tipo de obra e o seu custo, e non poderá exceder o 50% da contía correspondente á ocupación das augas do porto ou, de ser o caso, dos terreos.

b) Cando o obxecto da concesión consista na urbanización e comercialización de zonas de almacenaxe e de actividades loxísticas, a contía da bonificación determinarase en función do investimento privado realizado, de conformidade coa escala que se estableza regulamentariamente, atendendo o tipo de obra e o seu custo, e non poderá exceder o 40% da contía correspondente á ocupación de terreos. Esta bonificación non se poderá aplicar durante un período superior ao establecido para a finalización de cada fase de urbanización no título concesional.

c) Cando a ocupación do dominio público teña por destino a construción ou a ocupación de obras de abrigo e defensa portuarias, a contía da taxa correspondente a esta ocupación para o destino mencionado terá unha bonificación que non poderá exceder o 50%. A contía da bonificación determinarase en función do investimento realizado, atendendo o tipo de obra e de conformidade coa escala que se estableza regulamentariamente.

d) Cando o titular da concesión ou autorización sexa algún órgano das administracións públicas e o obxecto destas sexan actividades de interese social e cultural, o importe desta bonificación será do 50% da contía correspondente á ocupación de terreos.

e) Cando a ocupación do dominio público teña por destino a construción ou a explotación de fábricas de xeo ou lonxas coas súas correspondentes cámaras de frío, así como a explotación de naves de titularidade da administración destinadas total ou parcialmente a almacenaxe de caixas, vestiarios ou cámaras de frío, para o sector pesqueiro ou marisqueiro, a contía da taxa correspondente a esta ocupación para os usos mencionados terá unha bonificación do 90%.

f) Cando a ocupación do dominio público teña por destino a construción ou a explotación de naves de redes, a contía da taxa correspondente a esta ocupación para os usos mencionados terá unha bonificación do 95%.

g) Nas concesións ou autorizacións de dominio público portuario outorgadas a entidades náuticas ou culturais sen ánimo de lucro para actividades de ensinanza da náutica deportiva ou de conservación ou recuperación de embarcacións tradicionais, a contía da taxa terá unha bonificación do 90% no que se refire exclusivamente a estas actividades, sempre que non sexan obxecto de explotación económica.

h) Cando a ocupación do dominio público teña por destino a construción ou explotación de naves destinadas a aloxar medios mecánicos, vehículos non particulares asignados a confrarías e/ou asociacións do sector pesqueiro e marisqueiro, así como as instalacións dedicadas a aulas de formación náutico-pesqueira e a fins sociais daquelas, o importe da bonificación será do 90%.

i) Cando a ocupación do dominio público portuario teña por destino a explotación de superficies destinadas á varada para embarcacións profesionais do sector pesqueiro e/ou marisqueiro, o importe da bonificación será do 50%.

j) Estarán exentos do pagamento da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio portuario:

-Os órganos e as entidades das administracións públicas cando estean directamente relacionados con actividades de vixilancia, de represión do contrabando, de protección civil, de salvamento e de loita contra a contaminación mariña ou coa defensa nacional.

-As corporacións locais cando se trate de actividades encadradas entre as súas finalidades públicas e estas non sexan obxecto de explotación económica.

k) A Cruz Vermella Española está exenta do pagamento da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público portuario respecto das actividades marítimas propias que esta institución ten encomendadas.

Por orde da consellaría competente en materia de portos e por proposta do ente público Portos de Galicia, concretaranse as condicións, as escalas e os criterios necesarios para a aplicación das bonificacións previstas nos anteriores supostos, partindo dos elementos esenciais contidos nestes».

5) Modifícase a subalínea 01 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«01 Autorización de explotación e autorización de instalación e localización (por cada máquina incluída nela):

-Máquinas tipo «A especial»: 58,28 €.

-Máquinas tipo «B»: 95,46 €.

-Máquinas tipo «C»: 190,79 €».

6) Modifícase a subalínea 08 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«08 Primeira inscrición, se é o caso, logo da homologación, de modelos de máquinas de xogo.

No caso das máquinas tipo «B», a contía multiplicarase por cada xogo que insira a máquina:

-Inscrición de máquinas tipo «A»: 36,80 €.

-Homologación e inscrición de máquinas tipo «A especial»: 150,00 €.

-Homologación e inscrición de máquinas tipo «B»: 300,00 €.

-Homologación e inscrición de máquinas tipo «C»: 500,00 €».

7) Modifícase a subalínea 15 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«15 Outras inscricións no Rexistro de Modelos de máquinas: modificacións substanciais da inscrición, cancelación da inscrición ou autorización da cesión da inscrición.

No caso das máquinas tipo «B», a contía multiplicarase polo número de xogos que se modifiquen:

-Máquinas tipo «A»: 27,08 €.

-Máquinas tipo «A especial»: 93,25 €.

-Máquinas tipo «B»: 184,01 €.

-Máquinas tipo «C»: 220,79 €».

8) Modifícase a subalínea 16 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«16 Inscrición no Rexistro de Modelos de modificacións non substanciais da inscrición segundo o tipo de máquina:

-Máquinas tipo «A»: 15,34 €.

-Máquinas tipo «A especial»: 93,25 €.

-Máquinas tipo «B»: 184,01 €.

-Máquinas tipo «C»: 220,79 €».

9) Modifícase a subalínea 02 da alínea 20 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«02 Homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros non universitarios.

Solicitude de homologación ao título superior de música, danza ou arte dramática: 90,09 €.

Solicitude de homologación ao título español de bacharel, técnico superior de formación profesional, técnico superior de artes plásticas e deseño, técnico deportivo superior ou título profesional de música ou danza: 45,05 €.

Solicitude de homologación ao título español de formación profesional, técnico de artes plásticas e deseño ou técnico deportivo: 45,05 €.

Solicitude de homologación ao título español de conservación e restauración de bens culturais: 45,05 €.

Solicitude de homologación ao título español superior de deseño, superior de vidro ou superior de cerámica: 45,05 €.

Solicitude de validación por cursos ou módulos de ensinanzas españolas de nivel non universitario: 22,52 €».

10) Modifícase, na subalínea 03 da alínea 20 do anexo 1, a denominación dos títulos de «conservación e restauración de bens culturais» e «deseño» contidos na primeira columna da táboa, que quedan denominados como «superior de conservación e restauración de bens culturais» e «superior de deseño», respectivamente.

11) Modifícase a alínea 42 do anexo 1, que queda redactada como segue:

«42 Actuacións en materia de competencia profesional.

01 Asesoramento do/a candidato/a para participación no procedemento para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación: 20,00 €.

02 Avaliación da unidade de competencia (por cada unidade de competencia para a que se solicite a avaliación): 10,00 €».

12) Engádeselle a alínea 48 ao anexo 1, coa seguinte redacción:

«48 Actuacións de habilitación de persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

01 Participación nas probas para obter a certificación acreditativa da habilitación: 49,90 €.

02 Expedición e renovación da habilitación: 5,86 €».

13) Modifícase a subalínea 01 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«01 Autorización, transmisión, rehabilitación, troco e exención de autorización, ou prórroga de autorización: 26,66 €».

14) Modifícase a subalínea 02 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«02 Visado de cada unha das copias certificadas da autorización, expedicións de copias ou duplicados e modificación: 15,00 €».

15) Modifícase a subalínea 14 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«14 Autorización de centros de formación de condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada:

-Autorización inicial: 306,00 €.

-Visado: 153,00 €.

-Modificación: 51,00 €».

16) Modifícase a subalínea 16 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«16 Comunicación do desenvolvemento de cursos de formación de condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada:

-Cualificación inicial ordinaria: 102,00 €.

-Cualificación inicial acelerada: 71,40 €.

-Formación continua: 51,00 €.

-Modificación da comunicación: 20,00 €».

17) Modifícase a subalínea 18 da alínea 01 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«18 Expedición de tarxeta de cualificación do condutor ou renovación desta: 21,40 €».

18) Modifícase a subalínea 02 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«02 Prestación de servizos facultativos relacionados coas análises de laboratorio, en materia de sanidade e produción animal:

-Análise fisicoquímica ou bromatolóxica, incluídas as determinacións de axentes bacteriolóxicos específicos, en todo tipo de mostras como poden ser auga, alimento animal e subprodutos animais (por determinación): 5,00 €.

-Reconto de células somáticas en leite (por mostra): 0,25 €.

-Illamento e identificación bacteriolóxica (por mostra): 5,00 €.

-Antibiograma (por mostra):.5,00 €.

-Illamento e identificación virolóxica (por mostra): 5,00 €.

-Análise parasitolóxica (por mostra): 3,00 €.

-Tinguidura de Ziehl-Neelsen, Giemsa ou similar (por mostra) (non se aplicará esta taxa se a tinguidura forma parte dunha análise máis complexa): 3,00 €.

-Necropsia de animal grande: vacún, equino ou similar: 18,00 €.

-Necropsia de animal mediano: porcino, ovino ou similar: 14,00 €.

-Necropsia de animal pequeno: aves, coellos ou similar: 5,00 €.

-Análise histopatolóxica (por animal): 5,00 €.

-Por cada determinación inmunolóxica de anticorpos, antíxenos ou similar, en relación coa sanidade animal: 3,00 €.

No caso de diagnóstico inmunolóxico solicitado por agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG), sempre e cando respecten a normativa de aplicación, cumpran os seus programas sanitarios e non excedan os máximos establecidos de remisión de mostras, aplicarase a anterior taxa de xeito reducido, segundo se sinala a seguir:

-ADSG de gando porcino: aplicarase unha taxa por cada 30 determinacións ou fracción.

-ADSG distintas de porcino: aplicarase unha taxa por cada 15 determinacións ou fracción.

-Análise por PCR (por determinación): 7,00 €».

19) Modifícase a subalínea 04 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«04 Expedición de certificados zoosanitarios e zootécnicos, incluídos os relacionados cos movementos de animais vivos e produtos de orixe animal, agás que as tramitacións de autorizacións de traslado de animais se realicen de xeito telemático a través da oficina agraria virtual da consellaría competente en materia de gandaría (mínimo 2,879096 € por certificación):

-Équidos, bóvidos adultos e similares (por animal): 2,40 €.

Máximo: 47,77 €.

-Ovino, caprino, porcino, tenreiros, colmeas e similares (por animal ou colmea): 0,443035 €.

Máximo: 13,28 €.

-Leitóns, cordeiros, cabritos e animais de peletaría (por animal): 0,257245 €.

Máximo: 13,28 €.

-Coellos e similares, galiñas e outras aves (por animal), esperma, óvulos e embrións (por unidade): 0,008862 €.

Máximo: 13,28 €.

-Peixes vivos, gametos e moluscos para reaparcamento ou depuración, por tonelada ou fracción: 1,85 €.

Máximo: 22,12 €.

-Produtos de orixe animal, incluídos os destinados á alimentación animal (por tonelada): 2,24 €.

Máximo: 26,51 €.

-Certificado de transporte: 2,85 €.

-Comprobación de carga:

*Équidos, bóvidos e similares: 124,81 €.

*Porcino, ovino, caprino e similares: 83,21 €.

*Aves, coellos, visóns, colmeas e similares: 41,60 €.

-Esperma, óvulos e embrións (por unidade): 0,014721 €.

Máximo: 35,73 €».

20) Modifícase a subalínea 16 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«16 Autorización de veterinario para a expedición de autorizacións de traslado de animais:

-Por autorización: 117,05 €.

-Por renovación: 90,00 €».

21) Modifícase a subalínea 20 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«20 Subministración de marcas electrónicas e documentos de identificación de gando equino:

-Por cada acto administrativo de subministración: 0,750300 €.

-Por unidade de identificación subministrada: 0,393015 €».

22) Modifícase a subalínea 23 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«23 Actuacións no marco do Plan nacional de investigación de residuos nos animais vivos e nos seus produtos (PNIR) efectuadas polos servizos veterinarios da consellaría competente en materia de gandaría:

-Por saída ao campo: 73,61 €.

-Identificación de todos os animais da explotación, de non estaren identificados (a maiores da saída ao campo):

-Por cada animal: 1,44 €.

Máximo: 128,45 €.

-Investigación das causas da presenza de residuos na explotación de orixe ou procedencia (a maiores da saída ao campo): 36,80 €.

-Investigación da fonte ou fontes dos produtos de que se trate (a maiores da saída ao campo): 73,61 €.

-Control dos establecementos abastecedores da explotación positiva e dos establecementos ou explotacións relacionadas cos primeiros (a maiores da saída ao campo): 110,39 €.

-Toma de mostras e actuacións complementarias (a maiores da saída ao campo): 73,61 €.

-Emisión de documentación específica para a autorización do traslado de animais positivos a un matadoiro de destrución (a maiores da saída ao campo):

-Por cada animal: 2,40 €.

Máximo: 47,77 €.

Sacrificio in situ de animais positivos por petición de parte (a maiores da saída ao campo) por animal: 3,69 €».

23) Modifícase a subalínea 24 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«24 Autorizacións e revisións de empresas de penso para a elaboración e/ou comercialización de pensos medicamentosos consonte o Real decreto 1049/2009, do 4 de setembro (no caso dos distribuidores non será acumulativa coa taxa 31-07-03 cando o distribuidor solicite conxuntamente autorización como distribuidor de medicamentos veterinarios e pensos medicamentosos):

-Autorización inicial, ampliación e cambio de localización:

*Fabricación de pensos medicamentosos: 200,09 €.

*Distribución de pensos medicamentosos: 128,61 €.

-Revisión:

*Fabricación de pensos medicamentosos: 107,17 €.

*Distribución de pensos medicamentosos: 64,32 €».

24) Modifícase a subalínea 25 da alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«25 Autorizacións e/ou rexistros en materia de hixiene dos pensos consonte o Regulamento (CE) 183/2005, do 12 de xaneiro, de fabricantes e establecementos intermediarios:

Autorización inicial, ampliación ou cambio de localización:

-Fabricación de pensos, aditivos ou premesturas: 250,10 €.

-Intermediarios de aditivos ou premesturas: 128,61 €.

Rexistro inicial, ampliación ou cambio de localización:

-Fabricación de pensos, aditivos, materias primas ou premesturas: 214,37 €.

-Intermediarios de pensos, aditivos, materias primas ou premesturas: 128,61 €.

Revisión:

-Fabricación de pensos, aditivos, materias primas ou premesturas: 107,17 €.

-Intermediarios de pensos, aditivos, materias primas ou premesturas: 64,32 €».

25) Engádeselle a subalínea 32 á alínea 07 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«32 Vacinación de ruminantes fronte á lingua azul por petición de parte:

-Por explotación: 10,00 €.

-Por animal: 2,50 €».

26) Modifícase o punto 1.1 da alínea 1 da letra C da alínea 08 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«1.1. Deducións por sistemas de autocontrol avaliados: esta dedución aplicarase cando o establecemento dispoña dun sistema de autocontrol baseado nos seguintes criterios:

a) Procedementos documentados e rexistros que permitan comprobar e garantan a trazabilidade dos animais, as súas canais e demais produtos manipulados no establecemento, información da cadea alimentaria do gando que se sacrifica nas súas instalacións, trazabilidade interna e no control de emisións ao mercado.

b) Os resultados dos controis analíticos microbiolóxicos para cada trimestre deberán ser acordes co establecido polo Regulamento (CE) 2073/2005 da Comisión, do 15 de novembro de 2005.

No caso de que se cumpran os criterios a) e b), establécese como importe da dedución a aplicación da porcentaxe do 45% da cota mencionada.

No caso de que unicamente cumpran o criterio b), aplicaríase unha dedución do 35% da cota mencionada.

Os titulares da explotación dos establecementos poderán deducir os importes sinalados por sistemas de autocontrol implantados e avaliados, logo do informe preceptivo e vinculante asinado polo persoal que a autoridade sanitaria designe como avaliador do sistema de autocontrol do establecemento. Este requisito pode ser substituído pola certificación do establecemento baixo o ámbito da Norma UNE-EN-ISO 22000, de sistemas de xestión da inocuidade dos alimentos (requisitos para calquera organización na cadea alimentaria)».

27) Modifícase a subalínea 02 da alínea 14 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«02 Autorización de funcionamento ou traslado para centros e establecementos que precisan autorización de instalación: 95,46 €».

28) Modifícase a alínea 24 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«24 Emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, emisoras de televisión dixital e emisoras de radiodifusión dixital.

01 Outorgamento, prórroga, renovación ou transmisión de licenzas para prestación de servizos de comunicación audiovisual.

01. Radiodifusión sonora.

Tarifa sobre a que se aplicarán simultaneamente os coeficientes seguintes: 1.805,31 €.

*Coeficiente relativo á potencia radiada aparente (PRA):

PRA de 8.000 W ou máis: coeficiente 2.

PRA de 4.000 W a 7.999 W: coeficiente 1,75.

PRA de 2.000 W a 3.999 W: coeficiente 1,50.

PRA de 500 W a 1.999 W: coeficiente 1.

Ata 499 W: coeficiente: 0,5.

*Coeficiente relativo ao número de habitantes da zona de cobertura:

De 200.000 habitantes ou máis: coeficiente 1,50.

De 100.000 habitantes a 199.999 habitantes: coeficiente 1,30.

De 50.000 habitantes a 99.999 habitantes: coeficiente 1,15.

De 20.000 habitantes a 49.999 habitantes: coeficiente 1.

De 10.000 habitantes a 19.999 habitantes: coeficiente 0,80.

De menos de 10.000 habitantes: coeficiente: 0,50.

02. Televisión Dixital Terrestre.

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

02 Arrendamento de licenzas para prestadores de servizo de comunicación audiovisual: 50% sobre a taxa resultante da adxudicación da licenza.

03 Autorización da modificación na titularidade das accións, participación ou títulos equivalentes dos prestadores dos servizos de comunicación audiovisual, así como as ampliacións de capital, cando a subscrición de accións ou títulos equivalentes non se realice en idéntica proporción entre os propietarios do capital social: 56,43 €.

04 Inspección e control das actividades dos prestadores de servizos de comunicación audiovisual: 126,21 €.

05 Rexistro de prestadores de servizos de comunicación audiovisual:

-Primeira inscrición: 62,70 €.

-Modificacións: 31,35 €.

-Certificacións rexistrais: 15,68 €».

29) Modifícase a alínea 30 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«30 Autorizacións e outras actuacións en materia de augas».

30) Suprímese a alínea 39 do anexo 2.

31) Modifícase a alínea 44 do anexo 2, que queda redactada como segue:

«44 Prestación de servizos no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

01 Análises de biotoxinas mariñas en moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura:

-Análise de toxinas lipofílicas por bioensaio en rato segundo o método de 1978 Yasumoto: 47,52 €.

-Análise de toxinas lipofílicas por bioensaio en rato segundo o método de 1984 Yasumoto: 54,32 €.

-Análise de toxicidade tipo PSP por bioensaio en rato segundo o método da AOAC: 47,52 €.

-Análise de toxicidade tipo ASP por cromatografía líquida de alta eficacia segundo o método da AOAC: 47,52 €.

-Análise combinada nunha mesma mostra de toxinas lipofílicas por bioensaio en rato segundo o método Yasumoto 1978, análise de toxicidade tipo PSP por bioensaio en rato segundo o método da AOAC e análise de toxicidade tipo ASP por cromatografía líquida de alta eficacia segundo o método da AOAC: 101,86 €.

-Análise combinada nunha mesma mostra de toxinas lipofílicas por bioensaio en rato segundo o método Yasumoto 1984, análise de toxicidade tipo PSP por bioensaio en rato segundo o método da AOAC e análise de toxicidade tipo ASP por cromatografía líquida de alta eficacia segundo o método da AOAC: 108,65 €.

02 Análises de mostras en auga de mar:

-Identificación e reconto de fitoplancto mariño mediante microscopía óptica: 135,80 €.

-Identificación e reconto de fitoplancto tóxico mariño mediante microscopía óptica: 121,80 €.

-Análise de carbono orgánico disolto: 50,93 €.

-Análise de nutrientes inorgánicos disoltos: 35,00 €.

-Análise de pigmentos fotosintéticos (clorofila «a») por espectrofluorimetría: 16,98 €.

03 Análises microbiolóxicas en moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura:

-Cuantificación de E. Coli: 101,86 €.

-Detección de Salmonella spp.: 169,75 €.

04 Análises de contaminantes de orixe química en moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura:

-Determinación de metais pesados (Pb, Cd, Cu, Zn, As, Hg, Ni, Cr, Ag) mediante espectrofotometría de absorción atómica, por metal: 67,90 €.

-Determinación de compostos bifenilos policlorados (PCB) mediante cromatografía de gases-espectrometría de masas: 509,26 €.

-Determinación de pesticidas organoclorados mediante cromatografía de gases-espectrometría de masas: 509,26 €.

-Determinación de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) mediante cromatografía líquida con detección de fluorescencia: 282,00 €.

05 Análise histopatolóxica de moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura:

-Estudo hispatolóxico. Determinación de Bonamia, Marteilia, Perkinsus e outras alteracións patolóxicas: 1.018,52 €».

32) Modifícase a alínea 03 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«03 Dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato, incluídas as adquisicións ou subministracións especificadas nos proxectos e as correspondentes revisións de prezos a cargo da administración para a xestión e execución das devanditas actividades, calquera que for a forma de adxudicación do contrato.

A base da taxa será o orzamento de execución material, coa inclusión, de ser o caso, das revisións de prezos e das adquisicións e subministracións específicas nos proxectos e segundo as certificacións expedidas polo servizo.

O tipo será do 4%».

33) Modifícase a subalínea 01 da alínea 07 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«01 Capacitación profesional para o exercicio de actividades en materia de seguridade industrial: realización de probas para a obtención do certificado e a expedición de certificados de capacitación profesional: 38,37 €».

34) Suprímense as subalíneas 12, 17 e 18 da alínea 07 do anexo 3.

35) Engádeselle a subalínea 22 á alínea 07 do anexo 3, coa seguinte redacción:

«22 Presentación de declaracións responsables de inicio de actividade: 38,37 €».

36) Engádeselle a subalínea 23 á alínea 07 do anexo 3, coa seguinte redacción:

«23 Presentación de declaracións responsables de modificación ou cesamento de actividade: 11,05 €».

37) Engádeselle a subalínea 05 á alínea 37 do anexo 3, coa seguinte redacción:

«05 Autorización administrativa de repotenciación de parques eólicos existentes: o 40% sobre a tarifa consignada no código 32.37.02».

38) Suprímese a alínea 47 do anexo 3.

39) Modifícase a alínea 49 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«49 Recoñecemento e inscrición das escolas de navegación de lecer: 147,21 €».

40) Modifícase a alínea 50 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«50 Recoñecemento das escolas de mergullo: 147,21 €».

41) Modifícase a subalínea 01 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«01 Autorización de produtor de residuos perigosos: 345,92 €».

42) Modifícase a subalínea 03 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«03 Autorización de xestor de residuos para actividades de almacenamento, valorización e eliminación de residuos: 691,85 €».

43) Suprímese a subalínea 05 da alínea 52 do anexo 3.

44) Modifícase a subalínea 09 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«09 Autorización de xestión de residuos para actividades de transporte de residuos perigosos con asunción da titularidade: 172,95 €».

45) Suprímense as subalíneas 10 e 11 da alínea 52 do anexo 3.

46) Modifícase a alínea 57 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«57 Expedición, renovación e modificación substancial da autorización ambiental integrada: 796,43 €».

47) Modifícase a alínea 63 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«63 Dirección dos contratos de servizo en materia de augas:

A base impoñible será a execución material de cada un dos contratos de servizo. O tipo de gravame será do 4%».

48) Engádeselle a alínea 64 ao anexo 3, coa seguinte redacción:

«64 Execución subsidiaria en expedientes sancionadores de dominio público hidráulico:

A base impoñible da taxa será o custo total da execución. O tipo será o 25% da base impoñible».

49) Engádeselle a alínea 65 ao anexo 3, coa seguinte redacción:

«65 Expedición de placas de instalación e inspeccións periódicas de equipos a presión: 25,17 €».

50) Engádeselle a alínea 66 ao anexo 3, coa seguinte redacción:

«66 Autorizacións para bens inmobles obxecto de concesión nas illas de Ons e Onza.

01 Autorización para a novación do uso ao que se destinan os bens inmobles: 11,96 €.

02 Autorización para obras de conservación, reforma e renovación dos bens inmobles: 40,68 €.

03 Autorización para obras que supoñan ampliación ou incremento de volume, edificabilidade ou altura dos bens inmobles: 174,16 €.

04 Autorización para o cambio de uso ao que se destinan os bens inmobles: 11,96 €.

05 Autorización para a cesión temporal a terceiros do uso dos bens inmobles: 11,96 €».

51) Engádeselle a alínea 67 ao anexo 3, coa seguinte redacción:

«67 Entidades colaboradoras da Administración hidráulica de Galicia.

01 Outorgamento do título de entidade colaboradora da Administración hidráulica de Galicia: 73,48 €.

02 Modificación do título de entidade colaboradora da Administración hidráulica de Galicia: 41,68 €.

03 Renovación do título de entidade colaboradora da Administración hidráulica de Galicia: 10,91 €.

04 Inspección e control das entidades que teñan o título de entidade colaboradora da Administración hidráulica de Galicia: 118,41 €».

52) Engádese unha nova regra á tarifa X-3 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, coa redacción que se transcribe a seguir e enumerada como décimo quinta, e reenuméranse todas as regras a partir da actual décimo quinta nun ordinal máis:

«Décimo quinta.-Para potenciar a captación e consolidación de tráficos en cada porto, Portos de Galicia poderá aplicar bonificacións singulares sobre a cota líquida desta tarifa a aqueles tráficos que sexan sensibles para a economía de Galicia ou que teñan a condición de prioritarios ou estratéxicos, de forma que poidan articularse accións comerciais axeitadas a determinados tipos de tráficos e operacións en colaboración co sector privado e a súa adaptación a condicións de mercado.

Enténdese por cota líquida a que resulta de aplicarlle á cota íntegra as restantes bonificacións previstas nesta lei.

Só terán dereito a estas bonificacións os suxeitos pasivos con compromisos de tráficos relevantes aprobados no correspondente convenio con Portos de Galicia.

Os parámetros de cuantificación en relación co suxeito pasivo serán:

a) O tipo de tráfico comprometido.

b) O volume de tráfico comprometido e a súa evolución anual medido en toneladas de mercadorías, contedores e número de vehículos.

c) A duración do convenio.

A máxima bonificación que se poderá acadar sobre a cota líquida será do 60%».

53) Modifícase a regra sexta da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como se transcribe a seguir:

«Sexta.-A contía da tarifa estará composta polos seguintes conceptos:

A) Pola utilización das augas dos portos e mais das instalacións portuarias.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos específicos.

O importe da tarifa X-5 será o resultado da suma dos conceptos A), B) e C) indicados anteriormente que lle sexan aplicables en función dos servizos prestados.

A contía dos conceptos dos que se compón a tarifa X-5, por metro cadrado arredondado por exceso e por día natural ou fracción, será a seguinte:

A) Pola utilización das augas do porto e mais das instalacións portuarias:

Zona I: 0,034893 euros.

Zona II: 0,020935 euros.

B) Polos servizos utilizados de atracada, ancoraxe ou estadía en seco de embarcacións:

1. Atracada en punta: 0,038380 euros.

2. Atracada de costado: 0,095952 euros.

3. Atracada a banqueta ou dique: 0,019191 euros.

4. Ancoraxe: 0,038380 euros.

5. Embarcacións en seco: 0,081416 euros.

C) Pola dispoñibilidade doutros servizos específicos:

1. Por cada finger en cada posto de atracada: 0,016282 euros.

2. Por brazo de amarre ou por tren de ancoraxe para amarre por popa de embarcacións atracadas: 0,008142 euros.

3. Toma de auga: 0,005815 euros.

4. Toma de enerxía eléctrica: 0,005815 euros.

Cando o organismo portuario acoute especificamente zonas do porto para ancoraxe ou depósito de embarcacións deportivas, as contías das alíneas 4 e 5 do concepto B) terán unha bonificación do 50%, sempre que previamente se soliciten os correspondentes servizos a Portos de Galicia.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións de paso no porto serán as anteriormente indicadas multiplicadas por 1,5.

As contías dos conceptos A), B) e C) para as embarcacións tradicionais menores ou iguais a 1 GT serán as anteriormente indicadas cunha bonificación do 25%. Para as restantes embarcacións tradicionais, serán as anteriormente indicadas cunha bonificación do 90%.

Enténdese por ancoraxe a dispoñibilidade dunha superficie de espello de auga destinada para tal fin e debidamente autorizada.

Enténdese por atracada en punta a dispoñibilidade dun elemento de amarre fixo a embarcadoiro, peirao, banqueta ou dique que permita fixar un dos extremos (proa ou popa) da embarcación.

Enténdese por embarcación en seco aquela que permaneza nas instalacións portuarias, fóra da lámina de auga, tanto en estadía transitoria non dedicada a invernada coma en estadías prolongadas en zonas habilitadas para tal fin.

Enténdese por dispoñibilidade dos servizos de auga e enerxía, dos puntos 3 e 4 do concepto C), a existencia nas proximidades do punto de atracada, a peirao ou embarcadoiro, de tomas de subministración de auga ou enerxía, con independencia do aboamento da tarifa E-3 que lle sexa aplicable polos consumos efectuados».

54) Modifícase a letra b) da regra sétima da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como se transcribe a seguir:

«b) Para embarcacións con base no porto, por semestres adiantados. A domiciliación bancaria poderá ser esixida por Portos de Galicia de o considerar conveniente para a xestión tarifaria das instalacións».

55) Engádese o seguinte parágrafo ao final da regra oitava da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, coa redacción que se transcribe a seguir:

«Portos de Galicia aplicaralles unha bonificación do 40% ás embarcacións deportivas ou de lecer, menores de 2 GT e con motores tamén menores de 20 HP, que sexan titularidade dos xubilados do mar».

56) Modifícase a regra décimo primeira da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como se transcribe a seguir:

«Décimo primeira.-As embarcacións atracadas ou ancoradas en instalacións propias de concesións, agás que no título concesional se determine outra cousa, aboarán en todo caso o concepto A) da regra sexta e os demais sumandos B) e C) por aqueles servizos prestados en instalacións alleas á concesión. Para o seu aboamento o concesionario poderá optar:

a) Pola liquidación directa da tarifa polo organismo portuario ao suxeito pasivo baseándose na documentación que o concesionario lle entregará a Portos de Galicia, cos datos diarios precisos para que este lles poida liquidar a tarifa tanto ás embarcacións de paso coma ás que teñen base na concesión, de acordo co procedemento e formato que Portos de Galicia determine. A domiciliación bancaria poderá ser exixida por Portos de Galicia de o considerar conveniente para a xestión tarifaria das instalacións.

b) Polo aboamento da tarifa, subrogándose na obriga dos suxeitos pasivos. Neste caso o concesionario entregaralle a Portos de Galicia a documentación que lle sexa requirida, consonte o procedemento e formato que sinale este organismo, cos datos necesarios para realizar a liquidación que practicará Portos de Galicia. Neste caso, Portos de Galicia poderá acordar unha redución de ata un 20% da contía da tarifa que lle corresponda, dependendo da composición e do porte da frota da concesión».

57) Elimínase a regra décimo segunda da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3.

58) Modifícase a regra décimo terceira, que pasa a ser a regra décimo segunda, da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Décimo segunda.-Nas instalacións deportivas construídas por Portos de Galicia e xestionadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa, poderase aplicar unha redución na contía da tarifa de ata o 20%, dependendo da composición e porte da frota afectada, sempre que o xestor se subrogue na obriga do pagamento dos suxeitos pasivos. Neste caso o xestor da instalación entregaralle a Portos de Galicia a documentación que este organismo lle requira, consonte o procedemento e formato que se determine».

59) Reenuméranse as regras décimo cuarta e décimo quinta da tarifa X-5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, que pasan a ser as regras décimo terceira e décimo cuarta respectivamente.

60) Modifícase a regra sétima da tarifa E-2 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactada como segue:

«Sétima.-As contías, expresadas en euros, serán, por metro cadrado ou fracción e día natural ou fracción, as seguintes:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Na zona de almacenamento situada a máis de 35 m do cantil do peirao dos portos incluídos nos grupos A e B aplicarase a tarifa do grupo inmediato inferior correspondente.

Aos elementos mecánicos tales como guindastres ou cintas móbiles, que ocupen superficie descuberta e que sirvan de apoio ás operacións de carga e descarga de mercadorías de toda índole realizadas por vía marítima, que deban estar na zona de manobra e tránsito con carácter fixo ou eventual, seranlles aplicables as contías definidas no cadro anterior para a zona de almacenamento en superficie descuberta aplicada ao grupo correspondente e á superficie ocupada polo aparello e a súa zona de manobra.

En ocupacións de superficies cubertas que dispoñan de varios andares, a tarifa que se aplicará segundo o cadro anterior será o sumatorio de cada un dos andares, aplicando o 100% dela para a planta baixa e o 50% para os andares primeiro e seguintes, considerando en cada caso a superficie útil correspondente. No caso de que se trate de edificios de departamentos para armadores, exportadores e comercializadores relacionados coas actividades do sector pesqueiro e marisqueiro que sexan de planta baixa ou de planta baixa máis un andar, a tarifa que se aplicará será soamente o 100% da superficie en planta baixa.

Na ocupación de tubaxes, canalizacións ou instalacións soterradas xerais do porto, a tarifa será o 50% do que lle correspondería segundo os cadros anteriores, agás que o seu uso impida a utilización da superficie exterior. Neste caso a tarifa sería a indicada nesta regra para a superficie descuberta. A superficie que hai que considerar para canalizacións será a da proxección horizontal da tubaxe ou instalación de que se trate, cunha superficie mínima de 0,5 m2 por cada metro lineal de canalización.

As contías da tarifa para as ocupacións de superficie destinadas a usos non relacionados directamente coas actividades portuarias serán, expresadas en euros, as seguintes:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

61) Engádese unha regra nova á tarifa E-3 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, coa seguinte redacción:

«Décimo quinta.-Portos de Galicia, de acordo coa lexislación vixente en cada momento, poderá establecer os procedementos necesarios para que os usuarios poidan asumir directamente o aboamento da tarifa eléctrica ou de auga potable á empresa comercializadora, coa petición previa destes.

Calquera modificación da infraestrutura eléctrica necesaria ou de subministración de auga potable necesaria para o indicado no parágrafo anterior será por conta do usuario que o solicite e co acordo entre este e a empresa comercializadora».

62) Modifícase o último parágrafo da regra novena da tarifa E-4 contida na subalínea 02 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

«Portos de Galicia poderá establecer concertos anuais para a liquidación desta tarifa cos concellos e outras entidades públicas, cunha redución adicional de ata o 50% na contía da tarifa. Os concertos estableceranse en función do tipo de servizo, do seu interese e da compatibilidade cos usos portuarios».

63) Modifícase o punto 3 da subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, que queda redactado como segue:

«3. A cota da taxa que hai que satisfacer será a que resulte das seguintes disposicións:

3.1. Contías mínimas:

a) Para os efectos da súa liquidación, a contía mínima da taxa prevista nesta alínea será de 2,96 euros.

b) No caso de que a prestación dos servizos ou o exercicio das actividades comerciais ou industriais estea vinculada a unha concesión ou autorización de ocupación de dominio público portuario, a contía anual da taxa correspondente non poderá ser inferior á cota desta taxa aplicada ao tráfico ou actividade mínima anual establecida, de ser o caso, no título habilitante da ocupación do dominio público.

3.2. A cota da taxa será a determinada nos seguintes parágrafos, sen prexuízo do disposto na alínea 3.1 anterior, segundo que a actividade sexa portuaria ou non.

A) Actividades portuarias.

1. Taxa portuaria pola prestación de servizos e actividades de manipulación de carga.

A cota da taxa por servizos e actividades de manipulación de carga establécese por unidade de carga manipulada, medida en tonelada métrica de peso bruto ou fracción en función do grupo ao que pertenzan as mercadorías, de acordo co repertorio de clasificación de mercadorías que se recolle na regra vixésimo sexta da tarifa X-3 -mercadorías e pasaxeiros contida na subalínea 01 anterior.

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

2. Taxa portuaria pola prestación de servizos á pasaxe.

A cota da taxa pola prestación de servizos á pasaxe establécese por pasaxeiro e vehículo en réxime de pasaxe, en función da modalidade de pasaxe e do tipo de navegación segundo se recolle na regra quinta da tarifa X-3 -mercadorías e pasaxeiros- contida na subalínea 01 anterior, de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

3. Taxa portuaria pola prestación de servizos técnico-náuticos.

a) Servizo de practicaxe.

A cota establécese por servizo prestado, en función do arqueo do buque obxecto deste, de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

b) Servizo de amarre e desamarre.

A cota establécese por servizo prestado, en función do arqueo do buque obxecto deste, de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

c) Servizo de remolque.

A cota establécese por servizo prestado, en función do arqueo do buque obxecto deste, de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

4. Taxa polo exercicio da actividade comercial portuaria de consignación de buques.

A cota polo exercicio da actividade comercial portuaria de consignación de buques establécese por servizo prestado, en función do arqueo do buque consignado, de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

5. Restantes servizos e actividades comerciais e industriais portuarias.

A cota anual da taxa polo exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias non previstas nos artigos anteriores establecerase por unha porcentaxe en función do importe anual da cifra neta de negocios da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización, de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

A anterior listaxe de actividades posúe para estes efectos un carácter indicativo e non limitativo.

No caso do desenvolvemento da actividade de lonxa, o importe anual da cifra neta de negocios por considerar será o resultante de aplicar ao importe do volume total anual de vendas efectuadas na lonxa a porcentaxe autorizada na concesión correspondente en concepto de tarifa que cobrará o adxudicatario do servizo pola prestación deste.

Para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con anterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio de actividades comerciais ou industriais portuarias previstas neste punto, a cota máxima anual da taxa será de 30.000 € para as actividades ás que se lles aplique o tipo do 1 por 100 e de 60.000 € para aquelas actividades ás que se lles aplique o tipo do 1,5 por 100.

B) Actividades non portuarias.

1. Instalación no dominio público portuario de terrazas de hostalaría.

A cota da taxa pola instalación no dominio público portuario de terrazas de hostalaría establécese por mesa autorizada e día ou fracción en función da intensidade da actividade e da tempada do ano na que se desenvolva aquela, de acordo coa seguinte táboa:

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"

Considerarase que a intensidade da actividade é alta cando se desenvolva nos portos de Ribadeo, Burela, Celeiro, Ortigueira, Cedeira, Ares, Sada, Muros, Noia, Portosín, Porto do Son, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Carril, O Xufre, Vilanova, Cambados, O Grove, San Vicente, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Pontevedra, Bueu, Cangas, Moaña e Baiona.

Considerarase que a intensidade da actividade é media cando se desenvolva nos portos de Foz, O Barqueiro, Cariño, Pontedeume, Malpica, Corme, Laxe, Camariñas, Muxía, Fisterra, Corcubión, Portocubelo, O Freixo, Testal, Cabo de Cruz, Meloxo, Meira, Aldán, Panxón e A Guarda.

Considerarase que a intensidade da actividade é baixa cando se desenvolva nos restantes portos e instalacións non previstos nos parágrafos anteriores.

Considerarase tempada alta os meses de xullo e agosto, tempada media os meses de xuño e setembro e tempada baixa os restantes meses do ano.

No caso de que a autorización se outorgue por prazo dun ano natural, considerarase para efectos da aplicación desta taxa que durante a tempada baixa o período de desenvolvemento da actividade será de sesenta días.

2. Restantes servizos e actividades comerciais e industriais non portuarias.

A cota anual da taxa polo exercicio das restantes actividades comerciais ou industriais non portuarias establécese como o 2 por 100 do importe anual da cifra neta de negocios da actividade desenvolvida no porto ao amparo da autorización. A cota anual máxima desta taxa para aquelas concesións, autorizacións ou calquera outro título habilitante outorgado con anterioridade ao 12 de decembro de 2003, data de entrada en vigor desta lei, para o exercicio dos restantes servizos e actividades comerciais e industriais non portuarias será de 120.000 €.

3.3. A taxa será liquidada por Portos de Galicia na forma e prazos determinados regulamentariamente. Os suxeitos pasivos deberán presentar as declaracións que correspondan na forma, lugar e prazos que se determinen regulamentariamente. Os suxeitos pasivos desta taxa estarán obrigados a conservar, durante o prazo de prescrición, os xustificantes e documentos acreditativos das operacións, rendas e calquera outro elemento necesario para determinar a débeda tributaria. Así mesmo, os suxeitos pasivos quedarán obrigados a levar os libros e rexistros que regulamentariamente se establezan.

En especial, cando para a determinación da contía da taxa sexa preciso o coñecemento da cifra neta de negocios, os suxeitos pasivos terán as mesmas obrigas documentais e formais contables que as establecidas nas normas do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto sobre sociedades.»

64) Modifícase o punto 2 da alínea 02. Dominio público portuario, que quedará redactado como segue:

«2. O tipo de gravame anual aplicado á base impoñible será o seguinte:

a) No suposto de ocupación de terreos e de augas do porto:

-Nas áreas destinadas a usos portuarios relativos ao desenvolvemento de actividades portuarias pesqueiras: o 2,5%.

-Nas áreas destinadas a usos portuarios relacionados co intercambio entre modos de transporte, os relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e a outras actividades portuarias comerciais e náutico-deportivas: o 5%.

-Nas áreas destinadas a actividades auxiliares ou complementarias das actividades portuarias, incluídas as loxísticas, de almacenaxe e as que correspondan a empresas industriais ou comerciais: o 6%.

-Nas áreas destinadas a usos non portuarios: o 7%.

Respecto do espazo de auga para recheo, o 2,5% do valor da base mentres o concesionario efectúa as obras de recheo no prazo fixado na concesión. Ao finalizar este prazo, o tipo será do 5%.

b) No caso de ocupación do voo ou do subsolo de terreos ou espazos somerxidos:

-O 2,5% do valor da base impoñible que corresponda aos respectivos terreos ou augas, agás que o seu uso impida a utilización da superficie. Neste caso o tipo de gravame será o que corresponda de acordo co previsto na letra a) anterior.

c) No caso de ocupación de obras e instalacións:

-Nas áreas destinadas a usos portuarios relativos ao desenvolvemento de actividades portuarias pesqueiras: o 2,5% dos valores dos terreos, do espazo de auga e das obras e instalacións, e o 25% do valor da depreciación anual asignada.

-Nas áreas destinadas a usos portuarios relacionados co intercambio entre modos de transporte, os relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e a outras actividades portuarias comerciais e náutico-deportivas: o 5% dos valores dos terreos do espazo de auga e das obras e instalacións, e o 100% do valor da depreciación anual asignada.

-Nas áreas destinadas a actividades auxiliares ou complementarias das actividades portuarias, incluídas as loxísticas, de almacenaxe e as que correspondan a empresas industriais ou comerciais: o 6% dos valores dos terreos, do espazo de auga e das obras e instalacións, e o 100% do valor da depreciación anual asignada.

-Nas áreas destinadas a usos non portuarios: o 7% dos valores dos terreos, do espazo de auga e das obras e instalacións, e o 100% do valor da depreciación anual asignada.

d) No suposto de uso consuntivo: o 100% do valor dos materiais consumidos.»

65) Engádeselle a alínea 03 ao anexo 5, coa seguinte redacción:

«03 Ocupación mediante medios persoais de inmobles afectos a dependencias administrativas.

A cota da taxa que se debe satisfacer será a que resulte de aplicar á base impoñible o tipo de gravame correspondente, que se sinala a seguir.

Constitúe a base impoñible o valor de mercado do ben ou bens de dominio público obxecto daquela. Para estes efectos, tomarase como valor de mercado o valor actualizado do ben ou bens segundo o Inventario xeral dos bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta a superficie ocupada e a súa situación no inmoble, de ser o caso. Esta base actualizarase anualmente na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral dos prezos ao consumo para o conxunto nacional total (IPC) que corresponda e será efectiva a partir de cada 1 de xaneiro. No título habilitante da utilización privativa ou ocupación especificarase cal é o valor de mercado no primeiro ano da súa vixencia e cal será o mes de cálculo da variación do IPC que se empregue para a súa actualización anual.

O tipo de gravame será do 2% cando a actividade que se vaia desenvolver no inmoble sexa a prestación dun servizo público, e do 6% para o resto das actividades.»

66) Engádeselle a alínea 04 ao anexo 5, coa seguinte redacción:

«04 Ocupación de inmobles nas illas de Ons e Onza.

A cota da taxa que se debe satisfacer será a que resulte de aplicar á base impoñible o tipo de gravame que corresponda en cada caso, tendo en conta o uso e o tipo de solo.

Constitúe a base impoñible o total de metros cadrados do ben inmoble de dominio público que fose obxecto de concesión. No título habilitante da utilización privativa ou ocupación especificarase cal é a base impoñible medida en metros cadrados que fose concedida.

Os tipos de gravame anuais que hai que aplicar sobre a base impoñible son os que se especifican a seguir:

a) Uso vinculado á residencia ou vivenda:

-Por m2 construído con uso residencial: 4 €/m2.

-Por m2 construído con uso non residencial: 1,5 €/m2.

-Por m2 non construído complementario ao uso residencial: 0,5 €/m2.

b) Uso comercial, vinculado exclusivamente á hostalaría, restauración ou alimentación:

-Por m2 construído con uso comercial, vinculado exclusivamente á hostalaría, restauración ou alimentación: 7,5 €/m2.

-Por m2 construído de edificacións auxiliares: 2,5 €/m2.

-Por m2 de patios, terrazas ou outras superficies ocupadas anexas ao inmoble: 2,5 €/m2.

c) Uso agrario tradicional: por m2: 0,06 €/m2».

Artigo 60º.-Criterios de afectación de determinados tributos.

Un.-A totalidade dos ingresos previstos polo tipo de gravame autonómico do imposto sobre as vendas polo miúdo de determinados hidrocarburos, establecido polo artigo 5º da Lei 9/2003, do 23 de decembro, de medidas tributarias e administrativas, queda afectado ao financiamento de gastos de natureza sanitaria. Para tal efecto, consignarase, polo seu importe, unha transferencia específica no estado de ingresos do Servizo Galego de Saúde.

Dous.-A totalidade dos ingresos previstos polo imposto sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada, establecido pola Lei 15/2008, do 19 de decembro, financiará actuacións comprendidas no programa 542A, en concreto os gastos de investimento destinados ao saneamento, protección e mellora do medio natural, así como a realización de transferencias para levar a cabo obras e servizos hidráulicos. Para tal efecto, consignarase, polo seu importe, unha transferencia de capital específica no estado de ingresos do organismo autónomo Augas de Galicia.

Tres.-A metade da dotación anual que cos recursos do canon eólico corresponde ao Fondo de Compensación Ambiental, establecido pola Lei 8/2009, do 22 de decembro, financiará os gastos de investimento consignados nos programas 542A, 551B e 713B do estado de gastos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Información ao Parlamento.

Un.-A Consellería de Facenda facilitaralle trimestralmente á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento información referida ás seguintes actuacións:

a) As ampliacións de crédito realizadas para atender o pagamento de obrigas derivadas de crebas de operacións de crédito avaladas pola Comunidade Autónoma.

b) As operacións de endebedamento por prazo superior a un ano, formalizadas pola Comunidade Autónoma, polos seus organismos autónomos, polas axencias públicas autonómicas ou polas sociedades públicas, conforme as autorizacións contidas nesta lei.

c) Os avais amortizados, pagamentos efectuados por falidos, importes recuperados e risco acumulado, tanto no que respecta aos avais concedidos pola Comunidade Autónoma coma aos seus organismos autónomos e ás súas sociedades públicas.

d) As autorizacións de revisións de prezos en concertos ou convenios que superen o incremento do índice de prezos ao consumo.

e) A enumeración nominal e individualizada das concesións de subvencións ou axudas autorizadas polo Consello da Xunta ás que se refire o artigo 26º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Os plans aos que se refire a disposición adicional segunda desta lei.

Dous.-A Consellería de Facenda comunicaralle á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, nun prazo de trinta días:

a) A realización das adaptacións técnicas dos orzamentos autorizadas conforme o previsto na letra q) do artigo 6º desta lei.

b) As modificacións efectuadas consonte o indicado no artigo 10º.

c) Os orzamentos dos organismos autónomos, das axencias públicas autonómicas e das sociedades públicas que poidan entrar en funcionamento ao longo de 2011.

Tres.-A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. comunicaralle mensualmente á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento os plans económico-financeiros que subscriba no desenvolvemento da súa actividade.

Segunda.-Sociedades públicas.

As entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que adecúan a súa actividade ao dereito privado e as sociedades mercantís que, se é o caso, poidan presentar perdas de explotación están obrigadas a elaborar un plan coa finalidade de restablecer a situación de equilibrio nos seus orzamentos.

O citado plan deberáselle remitir á Consellería de Facenda para a súa aprobación dentro dos tres meses seguintes a aquel no que se detectase a situación de desequilibrio ou, en todo caso, a partir da aprobación das contas anuais nas que esta circunstancia se reflicta.

Terceira.-Autorización de orzamentos en sociedades de nova creación.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Facenda, a aprobar os orzamentos de explotación e capital previstos no artigo 83º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, das sociedades públicas que se constitúan ou entren en funcionamento ao longo do ano 2011.

Cuarta.-Orzamento inicial das axencias públicas autonómicas e requisitos de creación.

Un.-Para as axencias públicas que se puideren constituír ata o 31 de decembro do ano 2011 e asuman funcións doutros centros directivos, organismos ou entidades, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Facenda e por iniciativa da consellaría da que dependa a axencia pública, establecerá as dotacións do seu orzamento inicial.

O orzamento financiarase mediante a minoración dos créditos que teña atribuídos o centro, organismo ou entidade cuxas funcións asuma, sen que supoña un incremento do gasto público, e terá a vinculación orzamentaria establecida para axencias na normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Dous.-Con todo, cando a axencia que se constitúa asuma na súa totalidade funcións dun organismo autónomo, procederase á adaptación do orzamento do organismo ao previsto para as axencias na normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de conformidade co seguinte:

A vinculación do orzamento a partir da entrada en vigor do estatuto da axencia será a prevista para as axencias na normativa vixente en materia de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Para incorporar ao orzamento do organismo os recursos e as dotacións correspondentes ás operacións comerciais que, de ser o caso, realice, tramitarase un expediente de modificación orzamentaria que autorizará a persoa titular da Consellería de Facenda, manténdose o equilibrio orzamentario.

Tres.-No caso de que polas datas de aprobación dos estatutos, ou por calquera outra circunstancia que dificulte a aplicación do disposto nas alíneas anteriores, se considere procedente non alterar durante o ano 2011 a estrutura e o réxime orzamentario dos centros ou organismos afectados, esta circunstancia farase constar no decreto polo que se aprobe o correspondente estatuto.

Quinta.-Regulación do Fondo de Cooperación Local.

Un-A achega da Xunta de Galicia, con recursos propios, ao financiamento das entidades locais farase efectiva a través do Fondo de Cooperación Local, como instrumento de participación específico daquelas nos tributos da Comunidade Autónoma. Os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias deste fondo terán carácter de financiamento incondicionado.

Dous.-A porcentaxe da participación do Fondo de Cooperación Local na recadación líquida dos capítulos I, II e III do orzamento de ingresos da Administración xeral queda establecida no 2,3505369% para o exercicio 2011.

Esa porcentaxe é igual á proporción que representa a suma das cantidades correspondentes ao 2010 pola participación no Fondo de Cooperación Local e no Fondo extraordinario de apoio aos concellos, sobre a resultante da oportuna homoxeneización da estrutura dos ingresos da Comunidade Autónoma para o ano 2010, derivada do establecido na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e as cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

Tres.-A dotación do Fondo de Cooperación Local consignarase na sección 21 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. Nela situaranse créditos equivalentes ao 96% da cantidade resultante da aplicación da porcentaxe a que se refire a alínea anterior.

Catro.-Unha vez deducida da dotación do fondo a participación que corresponda á Federación Galega de Municipios e Provincias, conforme o acordado pola Comisión Galega de Cooperación Local, a contía resultante transferirase aos concellos con carácter de entrega a conta, por doceavas partes, mediante pagamentos mensuais que se realizarán durante a segunda quincena do mes ao cal corresponda.

Coñecida a liquidación dos orzamentos de ingresos da Administración xeral, practicarase aos concellos a pertinente liquidación definitiva, transferindo ou retendo o importe que corresponda, que se distribuirá proporcionalmente nos catro meses inmediatamente posteriores ao coñecemento desta liquidación.

Cinco.-Nos exercicios posteriores a 2011, as dotacións do fondo incrementaranse conforme o índice de evolución que experimente a recadación líquida dos capítulos I, II e III do orzamento de ingresos da Administración xeral.

A determinación do índice anual realizarase comparando a recadación do exercicio considerado coa do ano inmediato anterior. Estas magnitudes deberán estar convenientemente homoxeneizadas no caso de que se produzan modificacións substanciais na actual estrutura dos capítulos sinalados, nas porcentaxes de cesión dos tributos estatais ou variacións nos tipos impositivos estatais dos impostos especiais de fabricación e do IVE.

Os recursos que deriven da aplicación do índice de evolución e incorporados en cada exercicio seguirán, en canto ao seu réxime de dotación orzamentaria, entregas a conta e liquidación definitiva, o establecido nas alíneas Dous e Tres desta disposición.

Seis.-A distribución dos novos recursos que se integren no fondo en cada exercicio realizarase de acordo cos criterios que aprobe a Comisión Galega de Cooperación Local, entre os que, necesariamente, se terán en conta os seguintes: habitantes, superficie, núcleos de poboación, porcentaxe de maiores de 65 anos e esforzo fiscal.

Sete.-En ningún caso, a repartición inicial do exercicio 2011 será inferior ás cantidades que cada concello recibiu en 2010 pola súa participación no Fondo de Cooperación Local e no Fondo extraordinario de apoio aos concellos. O coeficiente que corresponda a cada concello utilizarase tanto na determinación das entregas a conta coma na da liquidación correspondentes a 2011.

Sexta.-Prestacións familiares por coidado de fillos.

Aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, teñan ao seu cargo fillos menores de 3 anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2009, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estean obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.

Sétima.-Alleamento de solo empresarial polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados á creación de solo industrial e residencial, así como a parcelas ou a polígonos empresariais ou residenciais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas con participación maioritaria polo anterior organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado non superior a dez anos e sen repercusión de xuros.

Oitava.-Prestacións extraordinarias para beneficiarios de pensións e subsidios non contributivos.

No ano 2011 as persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, de pensións do Fondo de Asistencia Social e do subsidio de garantía de ingresos mínimos terán dereito á percepción dunha prestación única de 206 euros.

O Consello da Xunta, por proposta da consellaría con competencias en materia de benestar social, aprobará as normas de desenvolvemento necesarias para o recoñecemento do dereito e o pagamento das prestacións.

Novena.-Concertos, contratos e convenios de colaboración.

Os importes dos concertos, contratos e convenios de colaboración que teña subscritos a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais entidades do sector público adecuaranse ás novas condicións retributivas que derivan das previsións desta lei.

En particular, no ámbito do ensino privado concertado suspéndese o Acordo do 24 de abril de 2008, polo que se autoriza o asinamento do acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as organizacións patronais e as organizacións sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia sobre condicións laborais e a calidade do ensino, publicado mediante Resolución do 15 de maio de 2008, no relativo ao establecido na súa cláusula terceira sobre o incremento interanual do 2% no complemento retributivo da Comunidade Autónoma (CRCA) e o incremento de 45 euros brutos mensuais para todo o profesorado en pagamento delegado e xornada completa.

Décima.-Modificación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde.

Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.

Disposicións transitorias

Primeira.-Persoal do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

En tanto non entre en vigor a lei reguladora do Consello Galego da Competencia, o presidente e os vogais do Tribunal Galego de Defensa da Competencia percibirán as retribucións vixentes a 31 de decembro de 2010.

Segunda.-Portos de Galicia. Redución da contía da tarifa X-5.

Nas instalacións deportivas construídas por Portos de Galicia e xestionadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa que á entrada en vigor desta lei incluíren nos pregos de condicións a redución da contía da tarifa X-5 de ata o 15% por subrogarse nas obrigas de pagamento dos suxeitos pasivos que utilicen as instalacións, manterase esta redución mentres estea vixente ese título administrativo. No caso de modificación ou prórroga deste, aplicarase o disposto na regra décimo segunda da tarifa X-5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Ocupacións de dominio público mediante medios persoais de inmobles afectos a dependencias administrativas. Réxime transitorio.

As ocupacións de dominio público mediante medios persoais de inmobles afectos a dependencias administrativas existentes á entrada en vigor desta lei baseadas en título suficiente, vixente ou prorrogado consonte a norma, seguiranse rexendo polo disposto no seu título ata a extinción deste.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas a disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo; a disposición adicional sexta da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002; e a alínea Dous da disposición adicional sexta da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación da Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións na illa de Ons.

Modifícase o artigo 9º da Lei 5/2001, do 28 de xuño, de réxime xurídico das concesións na illa de Ons, que queda redactado como segue:

«Artigo 9º.-Taxa pola utilización privativa do dominio público.

1. As concesións concedidas ao abeiro do disposto nesta lei quedan suxeitas ao pagamento dunha taxa anual pola utilización privativa dos inmobles existentes na illa de Ons.

2. Respecto da regulación dos elementos esenciais da taxa e da determinación das súas tarifas, haberá que aterse ao disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia».

Segunda.-Desenvolvemento da lei.

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución de canto se prevé nesta lei.

Terceira.-Vixencia.

As disposicións desta lei terán vixencia exclusiva para o ano 2011, agás os artigos 51º e 59º e a disposición adicional quinta e a disposición derradeira primeira, que terán vixencia indefinida.

Cuarta.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2011.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Ver referencia pdf "25000D002P005.PDF"