DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 24 de decembro de 2010 Páx. 20.822

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 206/2010, do 23 de decembro, polo que se modifica o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

O artigo 7º alínea a) do Decreto 83/2009, do 21 de abril, establece a estrutura e denominación dos órganos superiores da Consellería de Cultura e Turismo, entre os cales se encontra a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura.

Co obxecto de adaptar a denominación do citado órgano superior á importancia crecente do sector do libro, despois da celebración do Ano do Libro e da Lectura de Galicia, considérase conveniente facer o correspondente cambio na denominación do centro directivo competente en materia do libro e bibliotecas.

Na súa virtude, e segundo o disposto no artigo 4º.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por iniciativa do conselleiro de Cultura e Turismo, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do artigo 7º do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Modifícase o artigo 7º do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 7º

a) A Consellería de Cultura e Turismo estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Secretaría Xeral para o Turismo.

3. Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

4. Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

b) Queda adscrita a esta consellería a axencia pública Axencia Galega das Industrias Culturais».

Disposición adicional

As alusións contidas en normas de igual ou inferior rango á Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura entenderanse realizadas no sucesivo á Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

Disposición transitoria

As unidades administrativas dependentes dos centros directivos afectados polo disposto neste decreto manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura orgánica da consellería.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza