DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 22 de decembro de 2010 Páx. 20.709

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 17 de decembro de 2010 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de estatísticos.

De conformidade co establecido no Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de estatísticos, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será a cobertura polas quendas de acceso libre e promoción interna de catro (4) prazas do corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de estatísticos, polo sistema selectivo de oposición.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas ao sistema de promoción interna ascenderá a unha (1) praza, correspondente ao 25% do total de vacantes. O número total de vacantes reservadas ao sistema de acceso libre ascenderá a tres (3) prazas.

Se a praza reservada ao sistema de promoción interna non se cubrise, acumularase ao sistema de acceso libre.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e co Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, do total de prazas do sistema de acceso libre reservarase unha (1) para ser cuberta por unha persoa con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%.

No suposto de que esta praza non se cubra, acumularase á cota do 7% da oferta seguinte, cun límite máximo do 12%. Así mesmo, no suposto de que algún aspirante con discapacidade que se presentase pola cota de reserva de discapacitados superase os exercicios correspondentes, pero non obtivese praza, e a súa puntuación fose superior á obtida por outros aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante o proceso selectivo darase un tratamento diferenciado ás dúas quendas, no que se refire ás relacións de admitidos, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única na que se incluirán todos os candidatos que teñan superado todas as probas selectivas, ordenados pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

I.1.3. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, o decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das/os candidatas/os.

Para seren admitidas/os á realización das probas selectivas os aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como funcionario os seguintes requisitos:

I.2.1. Para promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter os títulos de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao.

Para estes efectos, considerarase equivalente ao título de diplomado universitario o ter superado os tres primeiros cursos completos dos estudos conducentes á obtención de calquera título oficial de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou o primeiro ciclo correspondente aos ditos estudos, sempre que este primeiro ciclo conteña unha carga lectiva mínima de 180 créditos.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que teñen obtido o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito comunitario.

I.2.1.3. Os aspirantes deberán ser funcionarios da Administración da Xunta de Galicia e pertencer a algún dos corpos ou escalas do subgrupo C1 da Xunta de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes técnicos da Administración da Xunta de Galicia), e ter prestados servizos efectivos como funcionario de carreira nun dos referidos corpos ou escalas, durante polo menos dous anos, computados desde o ingreso ou desde a integración naquel. Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos e familiares (artigos 54º e 57º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia).

I.2.1.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.1.5. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

I.2.2. Para acceso libre.

I.2.2.1. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

d) Calquera que sexa a súa nacionalidade, tamén poderán participar os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.2. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter os títulos de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao.

Para estes efectos, considerarase equivalente ao título de diplomado universitario o ter superado os tres primeiros cursos completos dos estudos conducentes á obtención de calquera título oficial de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou o primeiro ciclo correspondente aos ditos estudos, sempre que este primeiro ciclo conteña unha carga lectiva mínima de 180 créditos.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que teñen obtido o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito comunitario.

I.2.2.4. Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

I.2.2.6 Ademais dos requisitos anteriores, os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacitados terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33%.

I.3. Solicitudes.

Os que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet, na páxina web www.xunta.es, premendo a icona «Empregarse. Procesos de Ingreso», e aboar os dereitos de exame de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

En relación aos dereitos de exame, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia exixe como requisito necesario para participar no proceso selectivo o aboamento en tal concepto do importe da taxa que estea vixente no momento de presentación da solicitude.

1) Forma de cubrir a solicitude:

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso, na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), premendo a icona Empregarse. Procesos de ingreso, en dúas modalidades, segundo se dispoña ou non de certificado dixital da FNMT (Fábrica Nacional da Moneda e Timbre) ou DNI electrónico.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as/os solicitantes deberán cubrir todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

Os aspirantes cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33%, a que se refire a base I.2.2.6, deberán indicalo expresamente na solicitude, especificando o grao de minusvalidez recoñecido, no caso de solicitar posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na Lei 13/1982, do 7 de abril, e no Decreto 437/2009, do 17 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Ademais, aqueles/as aspirantes dos/das indicadas/os no parágrafo anterior que soliciten adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, poderán indicar no mesmo punto da solicitude a presenza durante a súa realización de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente cotexada da certificación médica que acredite a necesidade da dita medida.

2) Forma de aboar as taxas:

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante, segundo estea ou non nos supostos previstos, deberá seguir os seguintes pasos:

Exento de pagamento: de acordo co sinalado no artigo 23.5º da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentos do pagamento:

-As persoas con minusvalidez igual ou superior ao 33%.

-As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial (no caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50%).

-As persoas que figuraren como demandantes de emprego desde, polo menos, o mes anterior á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Neste suposto, será necesario que no dito prazo non rexeitasen oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional.

Unha vez elixida esta opción, a/o solicitante poderá imprimir desde ese intre a solicitude cuberta e deberá presentar, antes do remate do prazo fixado, orixinal ou copia debidamente cotexada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento segundo os supostos nos que se atopen:

-Certificado de minusvalidez.

-Certificado de familia numerosa de carácter ordinario ou especial ou carné familiar no que conste o dito carácter.

-Certificación expedida pola oficina de emprego no que conste que a/o aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, o mes anterior á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que non rexeitou oferta de emprego adecuado nin se negou a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais e que, así mesmo, carece de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional.

A dita documentación deberá ser presentada nas oficinas do rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nestes supostos, considerarase como data válida de presentación a da confirmación da solicitude realizada de acordo co disposto anteriormente, condicionada en todo caso á presentación dentro do mesmo prazo da documentación sinalada para acreditar a exención do pagamento.

Non exento de pagamento: a/o solicitante poderá realizar o pagamento dun dos seguintes xeitos:

Pagamento presencial.

-Deberá imprimir o documento de pagamento, modelo AI, seleccionar esta opción na pantalla, e realizar o ingreso do importe da taxa que figura nela en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante.

Pagamento telemático.

Sen certificado dixital:

-Deberá introducir os datos da tarxeta de crédito ou débito na opción de pagamento telemático, obtendo nese intre o xustificante 730 correspondente.

Con certificado dixital:

-Poderá realizar o pagamento con cargo á conta do titular do certificado desde a opción de pagamento telematico, obtendo nese intre o xustificante 730 correspondente.

En ambos os dous casos, considerarase como data válida de presentación da solicitude a da realización da operación de ingreso da taxa, sen que sexa necesario presentar ningún dos documentos xerados nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame, a/o aspirante deberá figurar como excluída/o nas listaxes definitivas que se aproben e seguir o procedemento que se sinale na resolución pola que se aproben e á que fai referencia a base I.4.2.

En todo caso, non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de exclusión por causa imputable aos aspirantes.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento polas/os solicitantes seguindo as instrucións iniciais (páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es, icono Empregarse. Procesos de ingreso) seleccionando a opción de consulta na pantalla.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as/os solicitantes poderán poñerse en contacto telefónico co Centro Informatico Cixtec no número 981 541 300, das 8.30 ás 20.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 as 14.00.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a/o titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de aspirantes admitidas/os e excluídas/os a través dunha resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos apelidos, o nome e o número de documento nacional de identidade, das causas da súa exclusión e do lugar no que se atoparán expostas.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de admitidas/os e excluídas/os. Estas listaxes aparecerán na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral da Función Pública ditará unha nova resolución na que se aproban as listaxes definitivas de aspirantes admitidas/os e excluídas/os, contra a cal se poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da dita publicación, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no caso do sistema de acceso libre, ou ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no caso do sistema de promoción interna, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O feito de figurar na relación de admitidas/os non prexulgará que se lles recoñeza ás/aos interesadas/os a posesión dos requisitos exixidos no proceso selectivo que se convoca. Cando da documentación que debe presentarse no caso de superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as/os interesadas/os decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta convocatoria. Para estes efectos, teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que no momento da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente.

II.1. Exercicios.

II.1.1. Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en responder por escrito un cuestionario de oitenta (80) preguntas tipo test, máis oito (8) preguntas de reserva, con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será correcta, correspondentes ao contido do programa que figura no referido anexo I.

O cuestionario que deberán contestar os opositores procedentes da quenda de promoción interna non incluirá preguntas da parte común de lexislación.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes e no mesmo lugar no que se realizou o exercicio publicarase o modelo do test coas respostas correctas. Esta información estará tamén dispoñible nas páxinas web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) e do Instituto Galego de Estatística-en diante, IGE (www.ige.eu).

Este exercicio cualificarase de 0 a 80 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de corenta (40) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima, para o cal terá en conta que por cada tres respostas incorrectas descontarase unha correcta.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días desde a constitución do tribunal.

II.1.2. Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá na resolución por escrito de tres (3) exercicios teórico-prácticos que versarán sobre os seguintes puntos da parte especial do programa: I. Estatística descritiva, II. Estatística teórica básica, III. Demografía e IV. Economía.

O exercicio terá unha duración máxima de catro (4) horas.

O tribunal poderá facilitar ás/aos opositoras/es o material que considere necesario para o desenvolvemento deste exercicio.

Este exercicio cualificarase de 0 a 80 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de corenta (40) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel exixido para acadar esta puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do anterior e máximo de corenta (40) días.

II.1.3. Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en desenvolver por escrito tres (3) temas da parte especial do programa elixidos mediante sorteo polo tribunal: un (1) entre os do punto I. Estatística descritiva, un (1) entre os do punto II. Estatística teórica básica e un (1) entre os dos puntos III. Demografía e IV. Economía.

O exercicio terá unha duración máxima de tres (3) horas.

Este exercicio cualificarase de 0 a 80 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de corenta (40) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar a puntuación mínima.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do anterior e máximo de corenta (40) días.

Ademais, coa mesma publicación das puntuacións deste exercicio, abrirase un prazo de dez días hábiles para que os aspirantes que o superen presenten o documento xustificativo (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, publicada no DOG nº 146, do 30 de xullo), para os efectos da exención prevista no cuarto exercicio. Esta documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de correos e demais lugares previstos no artigo 38º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

II.1.4. Cuarto exercicio, de carácter eliminatorio, constará de dúas probas:

Primeira: tradución dun texto do castelán ao galego proposto polo tribunal.

Segunda: tradución dun texto do galego ao castelán proposto polo tribunal.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto ou non apto e para superalo será necesario obter a cualificación de apto. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar o resultado de apto.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do anterior e máximo de corenta (40) días.

Estarán exentos de realizar este exercicio os aspirantes que acrediten posuír dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso, o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, publicada no DOG nº 146, do 30 de xullo).

II.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.2.1. A orde de actuación das/os opositoras/es iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra D, de conformidade co establecido na resolución da Consellería de Facenda do 29 de xaneiro de 2009 (DOG nº 24, do 4 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado según o disposto na Resolución do 20 de xaneiro de 2009 (DOG nº 16, do 23 de xaneiro), ao tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 2009.

II.2.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

II.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das/os opositoras/es, membros do tribunal e as/os colaboradoras/es designadas/os pola Dirección Xeral da Función Pública.

II.2.4. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acreditar a súa personalidade.

II.2.5. As/os aspirantes serán convocadas/os para cada exercicio en único chamamento, sendo excluída/o da oposición quen non compareza.

Non obstante o anterior, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das 48 horas seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentemento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no Diario Oficial de Galicia, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), con corenta e oito horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.2.7. As puntuacións obtidas polos aspirantes nos exercicios da fase de oposición publicaranse no lugar onde se realizou a proba de que se trate, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e nas páxinas web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) e do IGE (www.ige.eu). Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para efectos de alegacións.

II.2.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública, para os efectos de que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a/o aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública ditará proposta da súa exclusión do proceso selectivo e o órgano convocante publicará a orde que corresponda.

II.2.9. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as/os interesadas/os poidan presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao publicamente no Diario Oficial de Galicia.

II.3. A orde de prelación das/os aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas na fase de oposición. Non poderán superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante o anterior, sempre que o tribunal propuxera o nomeamento de igual número de aspirantes que o de prazas convocadas, e co fin de asegurar a cobertura destas, cando se produzan renuncias dos aspirantes seleccionados antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das/os aspirantes que sigan ás/aos propostas/os, para o seu posible nomeamento como funcionarias/os de carreira. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos aos que se refire a base IV.3 (as/os que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas/os funcionarias/os e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial).

III. Tribunais.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será designado por orde da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada no artigo 7º do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta o previsto polo artigo 36º da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

III.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou cando se atopen nalgunha outra causa de incompatibilidade das previstas nas instrucións relativas ao funcionamiento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A/O presidenta/e deberá solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ás/aos asesoras/es especialistas previstos na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as/os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias previstas nesta base, conforme o artigo 29º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.3. A autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia a orde correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.2.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse no prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do tribunal no Diario Oficial de Galicia.

Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a presenza da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza, en todo caso, da/o presidenta/e e da/o secretaria/o.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e ao disposto nas instrucións relativas ao funcionamiento e actuación dos tribunais de selección.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da/o secretaria/o e o visto e prace da/do presidenta/e.

III.8. A/o presidenta/e do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición, agás aqueles nos que estea prevista a lectura pública ou a exposición oral, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das/os aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá a aquelas/es candidatas/os en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a indentidade da/o opositor/a.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as valoracións que estime pertinente, que deberán limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas, e que terán voz pero non voto. O nomeamento de tales asesores corresponderalle á Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, para que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ás dos restantes participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3, as adaptacións posibles de tempo e/ou medios para a súa realización.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ao tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo a que opta, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, sen prexuízo do disposto para o efecto na base II.3 desta orde.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal cualificador do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a/o conselleira/o competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114º e 115º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.14. As comunicacións que formulen os aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de aprobados, presentación de documentación e nomeamento como funcionarios de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da fase de oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, o tribunal resolverao acudindo á puntuación obtida no segundo exercicio e, se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida nos exercicios terceiro, primeiro e cuarto, ata que este se resolva. De manterse o empate, resolverase pola orde alfabética a que se refire a base II.2.1.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a relación de aspirantes que o superaron, por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade, e elevará a dita relación ao titular da Dirección Xeral da Función Pública para que elabore a proposta de nomeamento.

A partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de aprobados, os aspirantes disporán dun prazo de vinte (20) días naturais para presentar os seguintes documentos:

A) Fotocopia compulsada do título exixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

B) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso a corpos ou escalas de funcionarios, nin pertencer ao mesmo corpo, escala ou especialidade a cuxas probas selectivas se presenten.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

C) Certificado médico oficial no que se acrediten os extremos relativos á capacidade funcional.

D) Os aspirantes con discapacidade cun grao de minusvalidez igual ou superior ao 33% que superen a oposición deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar e, de ser o caso, da Administración correspondente.

Así mesmo, a consellería competente en materia de función pública requirirá, respecto das persoas que accedan por esta cota de reserva, documento acreditativo do órgano competente sobre a compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

IV.3. Os que dentro do prazo fixado, salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2, non poderán ser nomeados funcionarios e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Os que tivesen a condición de funcionarios da Administración da Xunta de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento, e deberán presentar certificación da consellería ou organismo de que dependesen para acreditar tal condición, con expresión do número e importe de trienios, así como a data do seu cumprimento.

IV.5. Unha vez rematado o proceso selectivo e cumpridos os requisitos exixidos con anterioridade, os aspirantes que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira mediante orde da/o titular da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, con indicación do destino adxudicado de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo.

IV.6. A adxudicación das prazas aos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base II.3. Non obstante, e con carácter obrigatorio, ao aspirante proveniente da quenda de promoción interna adxudicaráselle destino no mesmo posto que desempeñe con carácter definitivo, sempre que, de conformidade coa relación de postos de traballo, poida ser ocupado por funcionarios da escala técnica de estatísticos do corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (subgrupo A2). En caso contrario, o dito aspirante terá, en todo caso, preferencia sobre os do sistema de acceso libre para cubrir as vacantes correspondentes (artigo 22.2º do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna).

IV.7. A toma de posesión dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, de acordo co Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e demais normas concordantes.

V. Disposición derradeira.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira competente en materia de función pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou poderase impugnar directamente ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no caso dos aspirantes de acceso libre, ou ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no suposto do proveniente da quenda de promoción interna, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o artigo 8º.2 en conexión co artigo 10º.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2010.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO I

Parte común. Lexislación.

1. Constitución española, do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística: títulos I e II.

4. Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: títulos I a X.

5. Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local: títulos I a III.

6. Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público: títulos I a V.

7. Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia: títulos I a V.

8. Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes: títulos preliminar e II.

9. Tratado da Unión Europea: títulos I a III.

10. Tratado de funcionamento da Unión Europea: primeira parte, segunda parte e capítulos 1 e 2 do título I da sexta parte.

Parte especial.

I. Estatística descritiva.

Tema 1. Concepto de estatística. Fases dunha investigación estatística. Niveis, escalas e unidades. Conceptos básicos: poboación, elementos e caracteres. Variables e atributos. Principais métodos de recollida de datos.

Tema 2. Estatísticas derivadas. Razóns, proporcións, porcentaxes e taxas. Números índices simples. As frecuencias e as súas propiedades: absolutas, relativas e acumuladas.

Tema 3. Representacións gráficas. Representacións de variables: diagramas, polígonos e histogramas. Representación de atributos: diagramas, pictogramas e cartogramas.

Tema 4. Medidas de posición. As medias aritmética, xeométrica, cuadrática e harmónica: concepto, propiedades e formas de cálculo. Aplicacións.

Tema 5. Outras medidas de posición. Mediana, moda e cuantís: concepto, propiedades e formas de cálculo. Aplicacións.

Tema 6. Medidas de dispersión. Percorrido, varianza e desviación típica. O coeficiente de variación. Outras medidas de dispersión. Propiedades e formas de cálculo. Aplicacións.

Tema 7. Momentos. Cálculo e aplicacións. Medidas de simetría e curtose.

Tema 8. Medidas de concentración. O índice de Gini. A curva de Lorenz. Os índices de Theil. Outras medidas de concentración.

Tema 9. Relación entre características. Relación entre as medias. Relación entre desviacións absolutas medias. Relación entre a media aritmética, a mediana e a moda baixo a hipótese de simetría ou asimetría. A desigualdade de Chebixef.

Tema 10. Distribucións estatísticas bidimensionais. Táboa de dobre entrada. Representacións gráficas de dous caracteres numéricos, de dous caracteres cualitativos e de estatísticas mixtas: os perfís e as pirámides de poboación.

Tema 11. Distribucións marxinais e condicionais. Independencia e asociación das variables.

Tema 12. Momentos nas distribucións bidimensionais. Relación dos momentos coas características das distribucións marxinais. Covarianza e correlación.

Tema 13. Características condicionadas. A media aritmética condicionada: propiedades. A varianza condicionada: propiedades. Xeneralizacións.

Tema 14. Correlación e recta de regresión. Coeficiente de correlación lineal. Descomposición da varianza e coeficiente de determinación.

Tema 15. Regresión e correlación múltipla. Varianza explicada e varianza residual. Medida da bondade do axuste. Correlación parcial.

Tema 16. Números índices. Números índices simples e complexos. Propiedades dos números índices. Enlaces e cambios de base. Índices en cadea.

Tema 17. Números índices. Índices de prezos, cantidade e valor. Deflación de series. Participación e repercusión.

Tema 18. Series temporais. Concepto e representación gráfica. Compoñentes dunha serie temporal. Esquemas de enlace. Análise da tendencia: concepto e métodos de determinación.

Tema 19. Series temporais. Concepto e métodos de determinación das variacións estacionais e cíclicas. As variacións irregulares e o seu tratamento.

Tema 20. Estatística de atributos. Asociación entre caracteres nominais: as táboas de continxencia. A correlación por rangos.

II. Estatística teórica básica.

Tema 1. Fenómenos aleatorios. Definicións de probabilidade. Propiedades. Probabilidade condicionada. Independencia de sucesos. Teorema de Bayes.

Tema 2. Variables aleatorias discretas. Función de contía. Variables aleatorias continuas. Función de densidade. Esperanza matemática. Propiedades. Varianza. Propiedades.

Tema 3. Función característica e función xeratriz de momentos. Coutación de Chebixef. Cambios de variable.

Tema 4. Distribución binomial. Distribución hiperxeométrica. Distribución de Poisson. Propiedades e relacións e relacións entre elas.

Tema 5. Distribución uniforme. Distribución exponencial. Distribución de Pareto. Propiedades.

Tema 6. Distribución normal. Táboas e propiedades. Utilización da distribución normal para aproximar probabilidades de binomial e de Poisson.

Tema 7. Distribucións de varias variables aleatorias. Distribucións conxuntas e marxinais. Distribución condicionais. Independencia entre variables aleatorias.

Tema 8. Esperanza de vectores aleatorios. Esperanza de sumas e produtos de variables aleatorias. Covarianza. Correlación. Transformacións lineares de variables aleatorias.

Tema 9. Distribución normal multivariante. Propiedades.

Tema 10. Distribución Ghi-2 de Pearson, F de Fisher-Snedecor e t de Student.

Tema 11. Procesos estocásticos discretos. Análise de series temporais. Procesos autorregresivos. Procesos de medias móbiles. Procesos ARMA. Procesos ARIMA.

Tema 12. Introdución á inferencia estatística. Estimación puntual. A distribución dun estimador na mostraxe. Propiedades dos estimadores: inesgadura, eficiencia, consistencia e suficiencia. Avaliación da bondade dun estimador puntual: o erro cuadrático medio /ECM).

Tema 13. Métodos de obtención de estimadores. Método de mínimos cadrados. Método dos momentos. Método de máxima verosimilitude. Propiedades.

Tema 14. Estimación de parámetros en poboacións normais. Propiedades da media mostral. Propiedades da varianza mostral.

Tema 15. Estimación por intervalos de confianza. Concepto xeral de intervalo de confianza. Intervalos de confianza para a media, a varianza e a proporción. Os intervalos de confianza en mostras grandes.

Tema 16. Contraste estatístico de hipóteses. Formulación e conceptos xerais. Tipos de hipóteses. Erros de tipo I e II. Potencia dun contraste. Contrastes de significancia. Nivel crítico.

Tema 17. A formulación de Neyman-Pearson no contraste de hipóteses. Contrastes clásicos de parámetros de poboacións normais. Relación dos contrastes cos intervalos de confianza.

Tema 18. Contrates de bondade de axuste. Contraste Ghi-2 de Pearson. Contrastes de independencia e homoxeneidade. Contraste de Kolgomorov-Smirnov.

Tema 19. A mostraxe de poboacións finitas. Conceptos de poboación, marco e mostra. Espazo mostral. Deseño mostral.

Tema 20. Métodos fundamentais de selección da mostra. Selección con probabilidades iguais. Selección con probabilidades desiguais. Selección sistemática. Probabilidades de inclusión. Estimadores inesgados.

Tema 21. Mostraxe aleatoria simple nunha poboación finita. Estimadores. Erros de mostraxe. Intervalos de confianza. Tamaño da mostra. Mostraxe de conglomerados sen submostraxe.

Tema 22. Mostraxe estratificada. Principios fundamentais. Repartición da mostra. Estimadores. Erros de mostraxe.

III. Demografía.

Tema 1. A demografía. Delimitación temporal: o diagrama de Lexis. Os fenómenos demográficos. Análise lonxitudinal e transversal. Taxas, cocientes, proporcións e probabilidades.

Tema 2. A mortalidade. Taxas brutas e específicas. Táboas completas e abreviadas. Esperanza de vida.

Tema 3. A nupcialidade, a natalidade e a fecundidade. Taxas brutas e específicas. Intensidade e calendario.

Tema 4. Os movementos migratorios. Tipos de mobilidade espacial. Modelos multirrexionais.

Tema 5. Estrutura de poboación. Pirámides de poboación. Crecemento dunha poboación. Reprodución dunha poboación.

Tema 6. Proxeccións de poboación. Procedementos matemáticos de estimación: Fórmulas de Makeham, Gompertz e curva loxística. Método das compoñentes.

Tema 7. Fontes estatísticas demográficas: censos, padrón municipal, movemento natural da poboación e movementos migratorios.

IV. Economía e lexislación estatística.

Tema 1. Economía, actividade económica e sistema económico. A interrelación entre macroeconomía e microeconomía. A intervención pública: formas e implicacións.

Tema 2. O SEC 95. Características xerais. As unidades estatísticas e a súa agrupación. Os fluxos e os stocks.

Tema 3. As principais operacións de bens e servizos e de distribución no SEC-95.

Tema 4. A sucesión de contas e agregados contables no SEC-95.

Tema 5. O Marco Input-Output. Descrición xeral. Táboas de orixe e destino. Outras táboas.

Tema 6. Poboación e emprego no SEC-95. As contas rexionais. As contas trimestrais. As contas satélite.

Tema 7. Nomenclaturas e clasificacións estatísticas: NUTS, CNAE, CPA, CNO e CNED.

Tema 8. O mercado de bens e servizos e a función IS. O mercado de activos financeiros e a función LM. O modelo IS-LM nunha economía pechada. Variacións e opcións de política económica.

Tema 9. Inflación e desemprego. Conceptos básicos, medición e principais explicacións teóricas. A curva de Phillips. O papel das expectativas.

Tema 10. O equilibrio externo. Balanza de pagamentos: concepto e estrutura segundo o V Manual do FMI. O mercado de divisas e o tipo de troco. Paridades de poder adquisitivo.

Tema 11. Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

Tema 12. Lei 12/1989, do 9 de maio, da función estatística pública.

V. Informática.

Tema 1. Bases de datos relacionais. Independencias física e lóxica. Normalización e integridade dos datos.

Tema 2. A linguaxe SQL. Cláusulas básicas de definición e manipulación de datos. Agregación e ordenación de resultados. Subconsultas. Consultas multitáboa.

Tema 3. Bases de datos multidimensionais. Sistemas de Data Warehouse, OLAP e minería de datos.

Tema 4. A web e as linguaxes XML e HTML. Aplicación á compilación, intercambio e publicación de información estatística.

Tema 5. Seguridade informática. Os conceptos de confidencialidade, dispoñibilidade, integridade e non repudio. Aplicacións da criptografía. Certificados e sinaturas dixitais.

Tema 6. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999.

ANEXO II

D./Dna. .., con domicilio en..., con DNI/pasaporte..., declara baixo xuramento ou promete, para efectos de ser nomeada/o funcionaria/o de carreira do corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de estatísticos, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de .... .................. o acceso ao emprego público.

En (país e localidade) ..., ... de ... de 2011.