DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 22 de decembro de 2010 Páx. 20.708

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2010 pola que se publican os tipos de xuro que as entidades de crédito aplicarán durante o ano 2011 aos contratos de arrendamento financeiro subvencionados ao abeiro dos convenios de apoio financeiro aos investimentos das pemes.

De conformidade cos convenios de apoio financeiro aos investimentos das pemes asinados coas entidades de crédito durante os anos 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004 e 2005 e convenio de apoio financeiro 2004, 2005 e 2006 ao sector do transporte público por estrada de Galicia para a renovación da frota de vehículos, os tipos de xuro dos contratos de arrendamento financeiro subvencionados pola Xunta de Galicia, que se formalizaron a tipo de xuro variable, variarán por anos naturais, establecéndose no texto dos citados convenios o sistema de determinación do tipo de xuro para exercicios futuros.

Visto o exposto, e unha vez verificados os datos relativos á evolución do míbor e do euríbor durante o período establecido nos citados convenios, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Publicar os tipos de xuro que as entidades de crédito aplicarán durante o ano 2011 aos contratos de arrendamento financeiro subvencionados ao abeiro dos convenios de apoio financeiro aos investimentos das pemes:

Primeiro.-Os tipos de xuro máximos que se aplicarán durante o ano 2011 aos contratos de arrendamento financeiro formalizados, a tipo variable, ao abeiro dos convenios de apoio financeiro aos investimentos das pemes dos anos 1998, 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004 e 2005 e do convenio ao sector do transporte público por estrada de Galicia para a renovación da frota de vehículos dos anos 2004, 2005 e 2006, serán os seguintes:

-Contratos de arrendamento financeiro do convenio 1998: 2,45%. No caso de que o tipo adicional sexa inferior a 1,25 puntos, o tipo de xuro que se aplicará será o resultado de engadir ao tipo de referencia (1,20) o tipo adicional que teñan pactado as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais arredondarase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

-Contratos de arrendamento financeiro dos convenios dos anos 1999, 2000, 2001, 2002, 2003, 2004 e 2005 e convenio de apoio financeiro 2004, 2005 e 2006 ao sector do transporte público por estrada de Galicia para a renovación da frota de vehículos: 2,35%. No caso de que o tipo adicional sexa inferior a 1,15 puntos, o tipo de xuro que se aplicará será o resultado de engadir ao tipo de referencia (1,224) o tipo adicional que teñan pactado as partes. Se o tipo de xuro resultase con varios decimais arredondarase ata a máis próxima vixésima parte do punto.

Segundo.-As entidades de crédito deberán comunicarlles aos beneficiarios dos contratos de arrendamento financeiro subvencionados a variación do tipo de xuro.

Terceiro.-O tipo de xuro do contrato de arrendamento financeiro resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ao límite fixado nos citados convenios e na resolución de concesión da axuda. No caso de que sexa inferior limitarase a subsidiación ata o citado límite. Para o caso de que o tipo de xuro nominal sexa igual ou inferior ao límite suspenderase a subsidiación e o tipo de xuro que se aplicará ao contrato de arrendamento financeiro será o que lle corresponda segundo o establecido no punto primeiro desta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica