DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2010 Páx. 20.635

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2010 pola que se publica o Plan de formación continua do persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

O Estatuto básico do empregado público nace en resposta á necesidade de adaptarse ás innovacións que, en materia de recursos humanos, se introduciron no ámbito da Unión Europea. Esta norma establece a formación non só como un dereito dos empregados públicos, senón tamén como un deber, co obxectivo de manter actualizada a súa formación profesional para o desempeño das súas funcións.

O plan de formación continua configúrase como un documento en que se ordenan en diferentes áreas as necesidades formativas do persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e eríxese no marco xeral de actuación referido á mellora da cualificación e capacitación profesional.

No deseño do plan realizouse un proceso de detección de necesidades formativas, pedra angular de todo plan de formación que intenta conquerir resultados e eficacia. Neste proceso foron consultadas e participaron as distintas consellerías da Xunta de Galicia, a través da rede de coordinadores de formación, os docentes, así como expertos de distintos eidos formativos. Así mesmo, no deseño do plan influíu a análise detallada das distintas achegas que os demandantes de accións formativas realizaron a través dunha enquisa no mes de novembro do ano en curso.

O plan de formación continua está destinado aos empregados públicos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia por proceder integramente os fondos das cotizacións destes traballadores. Esta resolución ten carácter informativo e queda condicionada a execución das accións nela recollidas á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e ao que se estipule en cada convocatoria.

As dúas convocatorias previstas, que se corresponderán cos dous semestres do ano, faranse no Diario Oficial de Galicia, ao cal teñen acceso todos os empregados públicos da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e a matrícula realizarase a través da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.es).

Este plan de formación estrutúrase en accións formativas de carácter xeral e específico, referidas todas elas ás seguintes áreas: dirección e xerencia pública, economía e finanzas, recursos humanos, recursos materiais e tecnolóxicos, procesos de traballo, normativa e organización autonómica, específicas do sector competencial, idiomas e coñecementos transversais.

As accións formativas de carácter xeral teñen por obxecto ofrecer un currículo básico horizontal que capacite os empregados públicos para realizaren funcións e tarefas en calquera posto de traballo ao longo da súa carreira profesional. Correspóndese con funcións, coñecementos e habilidades que son xenéricas e constitúen as bases da organización e o funcionamento da Administración.

Nunha aposta decidida polas tecnoloxías da información e comunicación, saliéntase como novidade nas accións formativas de carácter xeral a posibilidade de acreditar coñecementos en materia TIC, non só mediante a realización das distintas accións formativas que se integran neste ámbito senón tamén mediante a superación de probas específicas convocadas para estes efectos. En definitiva, procédese con este plan, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ao deseño dun itinerario formativo no ámbito das tecnoloxías da información e comunicación que coadxuvará á modernización da Administración e achegará un valor engadido aos servizos que se prestan aos cidadáns.

As accións formativas específicas comprenden o conxunto de actividades formativas cuxo obxectivo está directamente relacionado coa adaptación permanente ao posto de traballo que se desempeña e que inclúen contidos basicamente sectoriais que afectan competencias específicas.

As accións formativas do Plan de formación 2011 responden a diferentes contornos de aprendizaxe, metodoloxía e condicións de participación.

Nas accións formativas de carácter presencial cómpre salientar, por unha banda, a incorporación de contidos prácticos que respondan ás necesidades reais dos alumnos e, por outra banda, a verificación dos coñecementos adquiridos mediante a realización dunha proba de avaliación. Este novo deseño da acción formativa na modalidade presencial incorporará á bagaxe dos discentes os coñecementos e habilidades que demanden en cada un dos postos de traballo en que desenvolvan a súa carreira administrativa e permitirán unha axeitada competencia profesional.

A Escola Galega de Administración Pública continúa coa súa aposta polas accións formativas na modalidade de teleformación a través da implantación dun proxecto pedagóxico que ordenou os procesos de aprendizaxe nun estándar común. O menor custo desta modalidade formativa permite un incremento da oferta co fin de facilitar o acceso a aqueles empregados públicos, que por barreiras xeográficas ou dificultades de conciliación, non poden optar á modalidade presencial da formación.

Quedan excluídas desta resolución as actividades derivadas de cursos selectivos, os cursos superiores, as actuacións en colaboración e as xornadas, conferencias e seminarios, as actividades doutras administracións públicas e as actividades de formación do persoal docente da Consellería de Educación, do persoal da Administración de Xustiza e do persoal sanitario, que terán as súas propias convocatorias de acordo coa aprobación dos seus plans ou os convenios que se asinen durante o ano 2011.

As distintas accións formativas contidas neste plan contribuirán á mellora da calidade dos servizos públicos que se prestan aos cidadáns e aumentarán a capacitación profesional dos empregados públicos, promovendo o seu desenvolvemento persoal e facilitando a súa mobilidade e promoción profesional.

Este plan de formación continua foi aprobado polo Consello Reitor deste organismo autónomo en sesión celebrada o día 20 de decembro de 2010.

De acordo co exposto, publícase como anexo a esta resolución o Plan de formación continua do persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración

Pública

Ver referencia pdf "24300D008P031.PDF"