DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2010 Páx. 20.632

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de decembro de 2010 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos sindicatos CC.OO., CIG e UGT do sector de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que se levará a cabo desde as 0.00 horas ás 24.00 horas do día 22 de decembro de 2010.

O artigo 28º.2 da Constitución española recoñece o dereito á folga como dereito fundamental da persoa.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2º do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os cales se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3º do citado decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A folga foi convocada polas organizacións sindicais CC.OO., CIG e UGT e afecta a todos os traballadores das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con base no anterior, e despois da audiencia ao comité de folga e aos responsables das prestacións de transporte sanitario no ámbito da folga, a conselleira

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga afecta o persoal das empresas e centros de traballo afectados polo convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá lugar das 00.00 h ás 24.00 h do día 22 de decembro de 2010, e enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a seguir.

O ámbito da folga abrangue:

1. Transporte sanitario urxente, organizado e xestionado pola FPUSG-061, a través da RTSU (rede de transporte sanitario urxente). O servizo préstase mediante:

2. Ambulancias de soporte vital avanzado (ASVA) ou UVI móbiles, é dicir ambulancias tipo III concertadas por US-061, que se corresponden cun total de 10 unidades, situadas en 10 unidades. O horario de servizo é de 24 horas e a área de operatividade está limitada á poboación residente nunha isócrona de 20 minutos no contorno das bases.

3. Ambulancias de soporte vital básico correspondentes á rede de transporte sanitario urxente (RTSU), é dicir ambulancias tipo II concertadas por US-061 que se corresponden cun total de 101 unidades. O número de bases por provincia é a seguinte: 31 bases na provincia da Coruña con 36 vehículos; 19 bases na provincia de Lugo con 20 vehículos, 14 bases na provincia de Ourense con 15 vehículos, e 23 bases na provincia de Pontevedra con 30 vehículos.

4. Transporte sanitario das altas hospitalarias e traslados intercentros, organizado e xestionado desde os hospitais e prestado con ambulancias tipos I, II e UVI móbil.

5. Transporte sanitario non urxente, xestionado desde as direccións provinciais e prestado con ambulancias tipos I, II e IV.

6. O transporte sanitario prestado polas empresas que afecten a enfermos ou accidentados na comunidade autónoma non incluído nos puntos anteriores.

A folga celébrase nun día laborable do Nadal, en que a actividade propia desas datas e o maior número de desprazamentos pola rede de comunicación viaria, fan que poidan ocorrer accidentes e darse situacións de urxencia de difícil resolución se non están dispoñibles todos os recursos de transporte urxente, dado que non se pode prever a demanda.

A rede de transporte sanitario urxente de Galicia (RTSU) está organizada en razón a unha superficie, unha poboación e un complexo mapa de isócronas, onde cada recurso garante o servizo a unha poboación nunha área determinada, cun persoal especificamente formado para este tipo de asistencia.

Por estes motivos o número de ambulancias contratadas está axustado, de tal xeito que, os servizos mínimos para garantir a protección a saúde da poboación deben dar resposta ao 100% dos servizos solicitados pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.

O resto dos traslados que se recollen como esenciais xustifícanse polas necesidades asistenciais específicas de diferentes grupos, e tamén para garantir a protección do dereito a saúde de pacientes en situacións especiais, nos cales calquera demora na asistencia derivada da falta de medios de transporte e asistencia adecuada poida desencadear un risco vital.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a necesaria cobertura asistencial respecto ao transporte sanitario a través das empresas afectadas pola folga, coa finalidade de evitar que se produzan prexuízos graves para a saúde.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible ao exercicio do dereito á folga coa adecuada atención a enfermos e accidentados que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servizo dispensado.

Os criterios reitores para a determinación do persoal necesario para o mantemento dos servizos esenciais na folga referida son os seguintes:

1. Unha cobertura do 100% respecto da atención urxente prestada a través do 061.

2. O 100% dos servizos de transporte para enfermos que requiran tratamentos continuados de oncoloxía e diálise.

3. Para a realización de traslados inter e intrahospitalarios e doutros servizos que poderán ser demandados polos centros hospitalarios, mantendo como mínimo un vehículo, determinarase o 50% de efectivos por quendas de traballo, que ten que incluír inescusablemente os vehículos de soporte vital avanzado asignados a cada centro.

4. No traslado para consultas externas e probas diagnósticas en pacientes ambulatorios, cubrirase o servizo no caso de que o paciente necesite padiola.

Artigo 2º

Con base nos criterios anteriores, no anexo desta orde recóllense as bases asistenciais e o número de ambulancias medicalizadas precisas para cubrir os servizos mínimos na xornada de folga.

A determinación concreta do persoal que debe cubrir os servizos mínimos será realizada pola dirección da empresa, mediante comunicación nominal e individual do dito persoal.

A designación deberá ser publicada nos taboleiros de anuncios da empresa con antelación ao comezo da folga.

O persoal designado que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a súa substitución por outro/a profesional da empresa que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No expediente de determinación de servizos mínimos da empresa, que estará dispoñible para xeral coñecemento do persoal destinatario, deberá quedar constancia dos criterios e xustificación ponderados para determinar os ditos servizos.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16º.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías á poboación e usuarios do servizos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2010.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

ANEXO

RTSU. Relación de bases asistenciais por provincias

-Provincia da Coruña.

A Coruña (3)*.

Arteixo.

Arzúa.

As Pontes de García Rodríguez.

Betanzos.

Boiro.

Cambre.

Carballo (2)*.

Cariño.

Cedeira.

Cee.

Cerceda.

Ferrol (2)*.

Mazaricos.

Melide.

Muros.

Narón.

Negreira.

Noia.

Oleiros.

Ordes.

Ortigueira.

Padrón.

Ponteceso.

Pontedeume.

Ribeira.

Sada.

Santa Comba.

Santiago de Compostela (2)*.

Teixeiro.

Vimianzo.

Total: 31 bases/36 ambulancias.

-Provincia de Lugo.

Becerreá.

Begonte.

Burela.

Castroverde.

Chantada.

A Fonsagrada.

Foz.

Lugo (2)*.

Meira.

Mondoñedo.

Monforte de Lemos.

Navia de Suarna.

Palas de Rei.

A Pontenova.

Quiroga.

Ribadeo.

Sarria.

Vilalba.

Viveiro.

Total: 19 bases/20 ambulancias.

-Provincia de Ourense.

A Gudiña.

Allariz.

Bande.

O Carballiño.

Castro Caldelas.

Celanova.

Maceda.

O Barco de Valdeorras.

Ourense (2)*.

A Pobra de Trives.

Ribadavia.

Verín.

Viana do Bolo.

Xinzo de Limia.

Total: 14 bases/15 ambulancias.

-Provincia de Pontevedra.

A Cañiza.

A Estrada.

A Guarda.

Arbo.

Bueu.

Baiona.

Caldas de Reis.

Cambados.

Cangas.

Lalín.

Marín.

Moaña.

Nigrán.

O Grove.

Ponteareas (2)*.

Pontevedra (2)*.

O Porriño.

Portonovo.

Redondela.

Silleda.

Tui.

Vigo (6)*.

Vilagarcía de Arousa.

Total: 23 bases/30 ambulancias.

Total Galicia:

87 bases/101 ambulancias.

* Entre parénteses número de recursos cando a base ten máis de un.

-Ambulancias medicalizadas.

A Coruña (2).

Ferrol.

Lugo.

Ourense.

Pontevedra.

Vigo.

Mos.

Santiago de Compostela.

Foz.