DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2010 Páx. 20.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 205/2010, do 2 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da obra: nova ponte sobre o río Miño nos Peares, nos termos municipais da Peroxa e Nogueira de Ramuín. Clave OU/10/105.01.

Con data do 15 de novembro de 2010 a Dirección Xeral de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción da obra: nova ponte sobre o río Miño nos Peares, nos termos municipais da Peroxa e Nogueira de Ramuín. Clave OU/10/105.01.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola necesidade de executar unha ponte sobre o río Miño para mellorar a comunicación dos núcleos urbanos da marxe dereita do río coa estrada N-120 do acceso centro de Galicia, e con isto, coa cidade de Ourense. Tamén permitirá no futuro enlazar a autovía A-76 coa referenciada N-120 e a zona turística da Ribeira Sacra e os Canóns do Sil.

Actualmente a conexión entre ambas as marxes do río efectúase a través da presa dos Peares, situada a uns 3,5 quilómetros augas arriba dos núcleos de poboación, o que obriga a efectuar un percorrido superior a 7 quilómetros a través de estradas deficientes; este percorrido evítase co desenvolvemento desta nova actuación.

Esta actuación resolve unha vella demanda de conexión entre as dúas marxes do río Miño, mellorando a conectividade dos núcleos próximos á localización da nova ponte, potenciando os percorridos por unha zona especialmente turística (A Ribeira Sacra) e facilitando o acceso do concello da Peroxa á estrada N-120, principal vía de comunicación da zona, e que está na outra marxe do río.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10º e 52º da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16º da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para efectos de expropiación do proxecto de construción da obra: nova ponte sobre o río Miño nos Peares, nos termos municipais da Peroxa e Nogueira de Ramuín. Clave OU/10/105.01.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas