DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2010 Páx. 20.626

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 204/2010, do 4 de novembro, polo que se desafectan do dominio público dúas franxas de terreo situadas na parroquia de Cesantes, concello de Redondela.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular dun terreo situado na parroquia de Cesantes, concello de Redondela, en virtude da escritura pública de cesión do 4 de xullo de 2008, outorgada na notaría de Redondela de Fernando Olmedo Castañeda, co número de protocolo 1.345.

Mediante Resolución do 6 de agosto de 2010, a Secretaría Xeral e do Patrimonio acordou a segregación de dúas parcelas do devandito terreo, como condición para o outorgamento da licenza de obras para a construción dun centro de día residencial, de conformidade co establecido no artigo 19º a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O artigo 10º.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do devandito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de novembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Porción de terreo, Petadas de Abaixo, situada ao oeste do predio matriz, ocupando lonxitudinalmente toda a extensión do dito lindeiro, en liña paralela ao actual Camiño do Foro de Cesantes, que ten unha superficie de 93,28 m2. Estrema: norte, con José Barreiro Rincón; sur, con José Ramón Soto Miguélez, hoxe Benjamín Pérez Ochoa, leste, predio matriz da Comunidade Autónoma de Galicia; e oeste, sendeiro, hoxe denominado Camiño do Foro de Cesantes.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Redondela no tomo 711, libro 321, folio 215, predio nº 33.458.

2. Porción de terreo, Petadas de Arriba, situada na parte máis extrema das dúas que conforman o lindeiro sur do predio matriz, ocupando lonxitudinalmente toda a extensión da dita parte, en liña paralela ao actual Camiño do Foro de Cesantes e perpendicular á estrada xeral ou avenida de Mendiño, que ten unha superficie de 27,15 m2. Estrema: norte, predio matriz da Comunidade Autónoma de Galicia; sur, co Camiño da Cova, hoxe tamén denominado Camiño do Foro de Cesantes; leste, estrada xeral á praia ou estrada PO-263, avenida de Mendiño; e oeste José Ramón Soto Miguélez, hoxe Jesús Soto Fernández, acceso en medio.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Redondela no tomo 711, libro 321, folio 216, predio nº 33.460.

Artigo 2º

As parcelas anteriormente descritas adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, catro de novembro de dous mil dez.

Alberto Núnez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda