DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2010 Páx. 20.626

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 203/2010, do 28 de outubro, polo que se acorda a afectación secundaria a favor da Consellería de Traballo e Benestar, do inmoble denominado Casa Valverde, situado no concello de Allariz, cedido en uso á Comunidade Autónoma de Galicia pola Deputación Provincial de Ourense.

A Deputación Provincial de Ourense, mediante escritura pública do 27 de maio de 2008, cedeu en uso á Comunidade Autónoma de Galicia o inmoble denominado Casa Valverde, para o desenvolvemento dos proxectos Prisma e Miliaria. Consonte o artigo 15º do Decreto 50/1989, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, os dereitos sobre o inmoble teñen a condición de dominio público, afectos ao servizo público de menores.

A Consellería de Traballo e Benestar, con data do 26 de maio de 2010, solicitou a iniciación dun expediente de ampliación de uso do inmoble denominado Casa Valverde, co fin de desenvolver actividades de formación para o emprego.

Con data do 24 de setembro de 2010, o Pleno da Corporación Provincial de Ourense adoptou o acordo de autorizar a ampliación do uso da Casa Valverde para actividades de formación para o emprego.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de outubro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a afectación secundaria a favor da Consellería de Traballo e Benestar do inmoble denominado Casa Valverde, situado no concello de Allariz (Ourense), para actividades de formación para o emprego.

Artigo 2º

A concorrencia da antedita afectación secundaria respecto da Casa Valverde non altera a adscrición orgánica exixida pola afectación principal.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e oito de outubro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda