DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 17 de decembro de 2010 Páx. 20.450

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 199/2010, do 16 de decembro, polo que se modifica o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Como consecuencia da nova organización da Administración da comunidade autónoma establecida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos seus departamentos e do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as súas delegacións territoriais, ditouse o Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 106, do 2 de xuño de 2009.

O artigo 21º do citado Decreto 307/2009, encomenda á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, entre outras funcións, a relativa á tutela financeira das corporacións locais galegas, competencia atribuída á comunidade autónoma polo artigo 49º do seu Estatuto de autonomía.

Transcorrido máis dun ano desde a publicación do decreto de estrutura orgánica, apréciase a necesidade de reforzar os recursos dedicados ao desenvolvemento desta función, mediante a creación dunha xefatura de servizo con funcións específicas na tutela financeira das corporacións locais, a causa da maior complexidade e dificultade dos expedientes que cómpre tramitar, que requiren unha elevada cualificación. En efecto, a situación financeira das entidades locais é cada vez máis complicada e xorde a necesidade de ampliar o exercicio da tutela ás operacións comunicadas e de ampliar e mellorar o seguimento dos plans de saneamento e plans de equilibrio financeiro autorizados. Ao mesmo tempo proponse modificar a denominación da actual Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Seguros, que pasará a Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Entidades Locais.

Así mesmo, na actual estrutura da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro existe a Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras, que na actualidade asume tan só as competencias en materia de caixas de aforro. Parece lóxico e máis eficiente que a totalidade da supervisión sobre entidades financeiras estea agrupada na mesma subdirección xeral. Por esta razón modifícase a dependencia do Servizo de Supervisión e Inspección de Entidades e Mediadores de Seguros e pásase da denominada actualmente Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Seguros á Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras.

De acordo co exposto, por proposta da conselleira de Facenda, cos preceptivos informes favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

Modifícase o artigo 21º.2.1 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que pasa a ter a seguinte redacción:

«2.1. A Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Entidades Locais, que exercerá as seguintes funcións:

-Xestión e coordinación de todas aquelas que teñan relación coas operacións de endebedamento da comunidade autónoma, así como das de garantía que lle corresponda autorizar ao Consello da Xunta de Galicia.

-Xestión do exercicio da tutela financeira sobre as corporacións locais.

-As relativas a centros de contratación de valores.

Da Subdirección Xeral de Operacións Financeiras e Entidades Locais dependerán as seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. O Servizo de Operacións Financeiras, que terá ao seu cargo o desenvolvemento de todas as funcións que teñan relación coas operacións de endebedamento e garantía que lle correspondan á subdirección xeral, así como das funcións que lle correspondan a esta comunidade autónoma en materia de contratación de valores.

2.1.2. O Servizo de Corporacións Locais, que terá ao seu cargo o desenvolvemento de todas as funcións que teñan relación coa tutela financeira sobre as corporacións locais galegas».

Artigo segundo.

Modifícase o artigo 21º.2.2 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, que pasa a ter a seguinte redacción:

«2.2. A Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras, que exercerá as seguintes funcións:

-As de análise, supervisión, inspección financeira e sanción en materia de caixas de aforro e outras entidades financeiras.

-O control e supervisión dos acordos das asembleas xerais das caixas de aforro galegas, relativos á determinación dos excedentes e á súa distribución conforme a normativa aplicable, así como aos orzamentos anuais, á súa liquidación e á creación de novas obras benéfico-sociais.

-O control e supervisión dos investimentos e gastos en obra benéfico-social realizados en Galicia polas caixas de aforro foráneas.

-O mantemento dos rexistros existentes na materia.

-As de protección da clientela destas entidades.

-O informe das consultas e a proposta de resolución de autorizacións e, en xeral, cantas funcións lle atribúa á dirección xeral a lexislación vixente sobre estas materias.

-Control e supervisión dos procesos electorais e do funcionamento dos órganos de goberno das caixas de aforro galegas.

-A colaboración e coordinación con outras autoridades, órganos, organismos ou entes que teñan encomendadas funcións supervisoras de caixas de aforro e outras entidades financeiras.

-Aqueloutras que puideren corresponderlle á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación de crédito e banca.

-Supervisión e control das mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social, así como doutras entidades aseguradoras.

-Supervisión e control da mediación de seguros e reaseguros privados.

Da Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforro e Entidades Financeiras dependerán os seguintes servizos:

2.2.1. O Servizo de Análises Financeiras, que será o encargado da vixilancia do cumprimento da normativa sobre recursos propios e solvencia, da realización dos informes periódicos sobre a evolución económico-financeira das entidades, de informar sobre as consultas que se lle formulen e de elaborar as propostas de resolución relativas aos grandes investimentos, ás operacións de concentración de riscos e ás tomas de participación significativas.

2.2.2. O Servizo de Supervisión e Inspección de Entidades de Crédito, que terá ao seu cargo o desempeño das funcións relativas ao mantemento dos rexistros, protección da clientela, obra benéfico-social, supervisión e inspección en materia de transparencia e órganos de goberno, réxime sancionador, así como elaborar as propostas de resolución relativas ás restantes autorizacións procedentes.

2.2.3. O Servizo de Supervisión e Inspección de Entidades e Mediadores de Seguros, que terá ao seu cargo o desenvolvemento de todas as funcións que lle correspondan á comunidade autónoma en materia de supervisión, xestión de rexistros oficiais, protección da clientela, inspección e réxime sancionador de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social e doutras entidades aseguradoras, así como de mediación de seguros e reaseguros privados».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estrutura orgánica que se establece neste decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar os actos e medidas que sexan necesarios para a reestruturación dos postos e acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que cumpran para o seu desenvolvemento e execución.

Terceira.-A Consellería de Facenda proporá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda