Pola orde da Consellería de Economía e Industria do 6 de xullo de 2010 (DOG nº 129, do 8 de xullo), modificada polas ordes do 12 de xullo (DOG nº 134, do 15 de xullo) e do 16 de xullo (DOG nº 138, do 21 de xullo), convocáronse as axudas para o ano 2010 para o fomento da investigación e a innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. O anexo V da citada orde contén as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais (procedemento IN841E).
Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da citada orde da convocatoria, atendendo ás dispoñibilidades de crédito e á proposta elaborada pola comisión de valoración prevista no artigo 10º da orde da convocatoria, esta consellería
RESOLVE:
Primeiro.-Variar a distribución dos créditos para o exercicio 2010 que figuran no artigo 5º.2 da Orde do 6 de xullo, que outorgaba un importe inicial de 150.000 euros para o procedemento IN841E e que se fixa agora en 187.029,20 euros.
Segundo.-Concederlles as axudas para a preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais (procedemento IN841E) aos beneficiarios que se relacionan no anexo I desta resolución, nas contías que se sinalan, que supoñen un total de 187.029,20 euros para o ano 2010. Aquelas subvencións para as cales se recolle Si na columna Feder están cofinanciadas con fondos Feder.
Terceiro.-Denegarlles as subvencións para a preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais (procedemento IN841E) aos solicitantes que se relacionan no anexo II desta resolución, por non acadaren a nota de corte establecida en 52 puntos.
Cuarto.-Desestimar expresamente o resto das solicitudes presentadas ao abeiro da orde da Consellería de Economía e Industria do 6 de xullo de 2010 (DOG nº 129, do 8 de xullo) dentro do procedemento IN841E.
Quinto.-Para poderen percibir as axudas correspondentes á anualidade de 2010, os beneficiarios deberán presentar, na data límite do 15 de decembro de 2010, a documentación indicada no artigo 18º da Orde do 6 de xullo de 2010 (DOG nº 129, do 8 de xullo), modificada polas ordes do 12 de xullo (DOG nº 134, do 15 de xullo) e do 16 de xullo (DOG nº 138, do 21 de xullo), así como no artigo 6º do anexo V da citada orde de convocatoria.
Sexto.-A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación adoptará as medidas necesarias para a instrución dos correspondentes expedientes de gasto.
Sétimo.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde da convocatoria suporá a perda do dereito a percibir a subvención correspondente.
Oitavo.-Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2010.
P.D. (Orde 30-4-2009)
José Riesgo Boluda
Secretario xeral da Consellería de Economía
e Industria
Ver referencia pdf "24000D004P016.PDF"
Ver referencia pdf "24000D005P019.PDF"