DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 16 de decembro de 2010 Páx. 20.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 3 de decembro de 2010 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Rianxo (A Coruña) para equipamento dotacional na Capela.

O Concello de Rianxo solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Rianxo dispón na actualidade de normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola CPU da Coruña o 11-7-1985, ao abeiro da lexislación anterior á Lei 11/1985, de adaptación da do solo a Galicia.

2. A Dirección Xeral de Urbanismo emitiu, ao abeiro do artigo 85º.1 da LOUG e previamente á aprobación inicial, informe sobre a modificación con data do 14-11-2008.

3. O Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en sesión do 16-6-2009. Sometida a información pública polo prazo dun mes (DOG do 21 de xuño, El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 25 de xuño de 2009) non foron presentadas alegacións dentro de prazo, segundo o certificado da secretaria municipal.

4. Constan informes do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 10-7-2009, favorable; e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 30-7-2009, favorable.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 30-10-2009 non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

6. Constan informes técnicos (da arquitecta municipal do 25-8-2008, do 27-4-2009 e do 27-1-2010) e xurídicos (da secretaria do 1-9-2008 e do 28-1-2010) (artigo 85º.1 da LOUG, na súa redacción da Lei 2/2010, e artigo 85º.4 da LOUG na redacción anterior).

7. En atención ao establecido no artigo 85º.6 de LOUG na súa redacción anterior á Lei 2/2010, abriuse un segundo prazo de información pública polo prazo dun mes (El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 3 de febreiro e DOG do 25 de febreiro de 2010), sen que se presentase ningunha alegación, segundo o certificado municipal do 29-3-2010.

8. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Concello Pleno o 20-4-2010.

II. Obxecto e descrición da modificación proposta.

A modificación ten por obxecto o cambio de clasificación de solo rústico de protección ordinaria a solo de núcleo rural dun ámbito de 2.699,31 m2 de superficie cualificándoo como sistema xeral de equipamento comunitario.

Ao respecto, establece unha nova ordenanza para regular o uso dotacional nos solos de núcleo rural.

No ámbito obxecto da modificación existen dúas parcelas, unha de titularidade municipal na cal existe xa un uso dotacional (escola pública, pista deportiva e área de xogos infantís) de 2.504,41 m2 de superficie, e outra parcela de titularidade privada, libre de edificacións e de superficie 194,90 m2 que obterá o concello.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar o expediente e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar:

1. As razóns de interese público alegadas na modificación fundaméntanse no incremento da superficie cualificada como sistema xeral de equipamento público, o que encaixa dentro das razóns precisas segundo o artigo 94º.1 da LOUG.

2. Esta modificación resolve as cuestións sinaladas no informe previo á aprobación inicial emitido o 14 de novembro de 2008.

IV. Resolución.

Con base en todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias municipais de Rianxo (A Coruña) para equipamento dotacional na Capela, de acordo co previsto no punto 7.a) do artigo 85º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92º da Lei 9/2002, e 70º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas