DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 14 de decembro de 2010 Páx. 20.246

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2010, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao curso 2010-2011.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e os decretos 130/2007, do 28 de xuño e 133/2007, do 5 de xullo, polos que se establecen, respectivamente, os currículos de educación primaria e educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma galega, establecen que se realizará unha avaliación de diagnóstico das capacidades básicas do alumnado que cursa ensinanzas correspondentes a estas etapas, e dispoñen que será unha avaliación de carácter censual.

A Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación diagnóstica na Comunidade Autónoma de Galicia, establece os parámetros xerais polos que se rexerá esta avaliación e prevé, na súa disposición derradeira segunda, que a dirección xeral competente nesta materia ditará cantas resolucións sexan necesarias para a concreción dos seus elementos organizativos.

En consecuencia co exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá a aplicación da proba de avaliación de diagnóstico no curso 2010-2011 na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta proba terá lugar en todos os centros educativos que na data de celebración da proba impartan ensinanzas correspondentes a cuarto curso de educación primaria e segundo curso de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2º.-Data de realización da proba.

Segundo se establece no artigo 4º da Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento desta avaliación, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa determinará en cada curso as datas en que se realizará a proba, que serán as mesmas para todos os centros. A avaliación de diagnóstico correspondente ao curso 2010-2011 terá lugar os días 11 e 12 de maio de 2011 para segundo curso de educación secundaria obrigatoria e os días 19 e 20 do mesmo mes para educación primaria.

Artigo 3º.-Competencias básicas obxecto de avaliación no curso 2010-2011.

As competencias básicas que se avaliarán serán a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico.

Artigo 4º.-Instrumentos para o desenvolvemento da proba.

Para desenvolver a proba, empregaranse:

a) Caderniños do alumnado para cada unha das competencias avaliadas.

b) Cuestionarios de contexto dirixidos ao alumnado, familias, dirección dos centros educativos e profesorado titor dos grupos avaliados.

Artigo 5º.-Alumnado ao que se lle aplicará a proba.

1. Na etapa de educación primaria, realizará a proba de avaliación de diagnóstico todo o alumnado que durante o curso 2010-2011 estea escolarizado en 4º curso desta etapa.

2. Na etapa de educación secundaria obrigatoria, realizará a proba de avaliación de diagnóstico todo o alumnado que durante o curso 2010-2011 curse ensinanzas de 2º curso de educación secundaria obrigatoria

3. Queda exento da celebración da proba o alumnado con discapacidade física ou psíquica que represente un obstáculo insuperable para a súa realización.

Artigo 6º.-Comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico no curso 2010-2011.

1. En todos os centros educativos que impartan ensinanzas de educación primaria e educación secundaria obrigatoria constituirase unha comisión de coordinación da avaliación de diagnóstico formada polos seguintes membros:

a) O director ou directora do centro, que a presidirá.

b) A xefa ou xefe de estudos.

c) A xefa ou xefe do departamento de orientación, de ser o caso.

d) Un titor ou titora de 4º curso de educación primaria naqueles centros que impartan esta etapa e un titor ou titora de 2º curso de educación secundaria obrigatoria nos centros en que se impartan estas ensinanzas, nomeados pola dirección do centro. Naqueles centros educativos que impartan conxuntamente as dúas etapas, incorporarase un titor ou titora por cada un dos cursos avaliados.

2. As funcións desta comisión serán as establecidas no artigo 5º.2 da Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa composición reflectirase na programación xeral anual.

Artigo 7º.-Aplicación informática.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá á disposición dos centros a aplicación informática avaldia para o apoio na xestión do proceso relacionado coa avaliación de diagnóstico.

2. Os centros educativos disporán dun manual de usuario da aplicación, que poderán descargar dela.

Artigo 8º.-Perfís de usuarios da aplicación.

1. Na aplicación informática avaldia habilitaranse os seguintes perfís de usuario:

a) Perfil de administración: reservado aos servizos centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

b) Perfil de dirección: correspóndelle por defecto ao director ou directora do centro educativo, que será habilitado como usuario pola Administración educativa de maneira automática. Este perfil habilita a persoa que o posúa para a descarga de documentación relativa á proba, a carga de datos na aplicación avaldia e a creación de novos perfís de usuarios nela. En cada centro educativo poderá haber ata dúas persoas con este perfil de usuario; neste caso, a segunda delas será dada de alta como tal pola propia dirección do centro e será, preferentemente, un membro do equipo directivo ou da comisión de coordinación a que se refire o artigo 6º.

c) Perfil de carga de datos: correspóndelle ao persoal do claustro e da administración do centro educativo. A dirección de cada centro habilitará con este perfil ao número de usuarios imprescindible para a carga dos datos da proba, e deberá estar en relación co número de alumnado que nel se avalía.

2. Todas as persoas autorizadas como usuarios deberán ter unha conta de correo electrónico activa no servidor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co fin de poder acceder con ela á aplicación.

Artigo 9º.-Confidencialidade.

En virtude do establecido na Lei orgánica 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, que nos seu artigo 53º.12 establece que estes empregados gardarán segredo sobre as materias clasificadas ou de difusión prohibida legalmente e que manterán a debida discreción sobre aqueles asuntos que coñezan por razón do seu cargo, todas as persoas do centro educativo que interveñan no proceso, en calquera das súas etapas, están obrigados á confidencialidade tanto do contido das probas como dos resultados obtidos en relación a grupos de alumnado por curso e alumnado en particular. Así mesmo, é de aplicación o establecido sobre este particular pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10º.-Listaxes de alumnado.

1. Os servizos centrais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizarán unha carga previa desde xadeweb da listaxe do alumnado ao cal lle corresponde realizar a proba de avaliación de diagnóstico en cada centro educativo.

2. Os centros educativos, a través dos usuarios autorizados na aplicación, realizarán a actualización das listas, incorporando ou eliminando delas o alumnado que proceda, para adecualo ao indicado no artigo 5º desta resolución.

3. Os centros que non conten con xadeweb confeccionarán na súa totalidade a listaxe de alumnado obxecto de avaliación.

Artigo 11º.-Recepción dos materiais das probas e corrección deles.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará chegar aos centros educativos os materiais correspondentes ás probas con antelación suficiente á súa celebración, que serán recibidos e custodiados ata o momento da celebración polas direccións dos centros nas adecuadas condicións de confidencialidade.

2. A dirección do centro, por proposta da comisión de coordinación, seleccionará o profesorado encargado de corrixir os caderniños da proba, preferentemente, de entre aqueles que non impartiron docencia no curso 2010-2011 ao grupo avaliado.

3. O profesorado implicado terá ao seu dispor un manual de aplicación e corrección das probas.

Artigo 12º.-Aplicación da proba.

A aplicación dos caderniños e cuestionarios estará a cargo, preferentemente, do profesorado titor de 4º curso de educación primaria e 2º curso de educación secundaria obrigatoria. De non poder ser así por causa xustificada, a dirección do centro, por proposta da comisión de coordinación, seleccionará o profesorado que realizará a aplicación.

Artigo 13º.-Alumnado exento da corrección dos caderniños das probas.

1. Os resultados acadados polo alumnado que conta cunha adaptación curricular individual significativa non serán obxecto de cómputo na obtención das puntuacións medias do centro. En consecuencia, os resultados dos seus caderniños non serán tidos en conta, polo que non se introducirán os seus resultados na aplicación informática, así como tampouco se incorporarán a ela os datos procedentes do seu cuestionario de contexto nin os da súa familia. Este particular non será de aplicación para aquel alumnado con adaptación curricular individual significativa que fose obxecto de adaptación das probas ás súas necesidades específicas.

2. Igualmente, non se terán en conta os resultados obtidos polo alumnado que conte con menos dun ano de escolarización no sistema educativo galego e cuxa competencia lingüística non fose suficiente para a comprensión e realización da proba.

Artigo 14º.-Carga de datos na aplicación.

1. A dirección do centro, por proposta da comisión de coordinación, determinará cales son as persoas responsables de cargar na aplicación avaldia os resultados da proba.

2. A carga de datos realizarase no período que transcorre entre os días seguintes ao da celebración da proba e o 10 de xuño de 2011. A partir desta data, a aplicación deixará de estar habilitada para este fin.

Artigo 15º.-Garda e custodia dos caderniños e cuestionarios.

1. A dirección do centro educativo é a responsable en primeira instancia da confidencialidade dos caderniños e cuestionarios, o que implica a súa garda e custodia tanto no período anterior como posterior á celebración da proba.

2. Tal como establece o artigo 9º.3 da antedita Orde do 6 de outubro de 2010, a documentación relativa á avaliación de diagnóstico deberá preservarse axeitadamente, mentres a Administración educativa non ordene a súa destrución ou, de ser o caso, remita instrucións para que a documentación sexa enviada aos servizos centrais da consellería para a realización da corrección de contraste.

Artigo 16º.-Corrección de contraste.

1. A Administración educativa requirirá, dunha mostra significativa de centros da comunidade, os caderniños da proba de avaliación de diagnóstico co obxecto de proceder a unha segunda corrección que permita obter información sobre a calidade do proceso.

2. Esta segunda corrección estará a cargo da inspección educativa, que recibirá instrucións para tal efecto.

Artigo 17º.-Informes de resultados aos centros educativos.

Concluído o proceso de aplicación e corrección, os centros educativos terán ao seu dispor, a través da aplicación avaldia, un informe de resultados en que se fará constar, cando menos, a puntuación acadada polo centro en cada unha das competencias avaliadas.

Artigo 18º.-Información ás familias.

Os centros educativos, a través do profesorado titor, informarán as familias do alumnado avaliado dos resultados globais acadados polo centro. En ningún caso se dará información desagregada por grupo ou alumnado individualmente.

Artigo 19º.-Análise dos resultados nos centros educativos.

1. Tal e como se establece nos artigos 3º.3 e 10º da Orde do 6 de outubro de 2010 pola que se regula o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico, os centros educativos, a través dos seus órganos de goberno, realizarán a análise dos resultados obtidos polo seu centro e establecerán medidas de optimización e/ou mellora.

2. Estas medidas serán tidas en conta para mellorar a atención do alumnado, así como para adecuar as decisións relativas ao desenvolvemento do currículo da etapa.

Artigo 20º.-Seguimento da inspección educativa.

Correspóndelle á inspección educativa velar polo correcto desenvolvemento da avaliación de diagnóstico nos centros educativos e colaborar no seu seguimento, así como participar na corrección de contraste e asesorar os centros na toma de decisións posterior á realización da proba.

Artigo 21º.-Informe xeral de resultados.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elaborará un informe xeral dos resultados desta proba.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2010.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Educación, Formación

Profesional e Innovación Educativa