DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 13 de decembro de 2010 Páx. 20.213

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 196/2010, do 25 de novembro, polo que se aproba a planificación das autorizacións de explotación de máquinas de tipo B, na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, outorga no seu artigo 22º b), ao Consello da Xunta de Galicia, a competencia para planificar os xogos e as apostas na comunidade autónoma.

No Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia estableceuse, na súa disposición adicional segunda, o acordo de non conceder autorizacións de explotación de máquinas recreativas de tipo B, salvo que se tratara da modificación dunha autorización xa existente polo procedemento de cambio do artigo 47º do citado regulamento, coa data límite do 31 de decembro de 2010, comprometéndose a Administración competente, e antes da finalización do devandito prazo, á súa planificación.

A limitación das autorizacións de explotación das máquinas de tipo B ten o seu fundamento na necesidade de planificar o xogo, tendo en conta a súa realidade, a súa incidencia social, as súas repercusións económicas e tributarias, e o non fomento do seu hábito, racionalizando a oferta desta modalidade de xogo.

Ademais a autorización sen control das máquinas de tipo B pode prexudicar o equilibrio na práctica deste xogo e do mesmo xeito pode dar lugar a un aumento das condutas de ludopatía ou a unha falta de control administrativo sobre o acceso que menores e persoas discapacitadas poden ter a este tipo de xogos.

Para fixar a planificación aprobada no Decreto 570/2005, do 29 de decembro, polo que se establece o Plan de máquinas de xogo tipo B na Comunidade Autónoma de Galicia, tívose en conta o número de máquinas que naquel momento se atopaban ou se podían declarar en activo e que era 13.756.

Na actualidade este número é de 13.312, dato que evidencia unha clara tendencia negativa do mercado de máquinas de xogo. Esta situación, que se enmarca no contexto de crise xeral da economía con efectos directos na diminución do número de máquinas viables, así como na do número de locais de hostalaría dentro da comunidade autónoma, non recomenda introducir cambios significativos neste particular, e aconsella planificar as autorizacións de explotación de máquinas recreativas de tipo B mantendo un límite no seu número acorde á situación real do mercado.

En consecuencia, este decreto contén unha planificación das autorizacións de explotación das máquinas de tipo B para un período de cinco anos, limitando o seu número a 13.312, correspondendo esta cifra ao número das autorizacións de explotación que se atopan ou que se poden declarar en activo.

Establécese esta planificación condicionada, non só pola necesaria garantía que a Administración debe prestar aos intereses xerais da sociedade e das persoas consumidoras e usuarias, senón tamén para lograr unha maior seguridade xurídica debido ás implicacións xurídicas, económicas e tributarias que caracterizan os distintos subsectores do xogo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión do Xogo de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 25 de novembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, ámbito de aplicación e vixencia.

1. É obxecto deste decreto a planificación das autorizacións de explotación de máquinas de tipo B, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia.

2. A dita planificación non será de aplicación ás máquinas que se integren noutras clasificacións ou que a normativa vixente declare como excluídas.

3. O prazo de duración desta planificación é de cinco anos, prazo que comezará a computarse a partir do día seguinte ao do cumprimento íntegro do prazo fixado na disposición adicional segunda do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, que é o 31 de decembro de 2010.

Artigo 2º.-Número de autorizacións de explotación.

1. O número de autorizacións de explotación de máquinas de tipo B queda limitado na Comunidade Autónoma de Galicia a 13.312 autorizacións de explotación, salvo que se trate da modificación dunha xa existente, polo procedemento de cambio, regulado no artigo 47º do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non obstante, poderanse outorgar, conforme o procedemento que se establece no artigo seguinte, novas autorizacións no caso de que se produzan baixas definitivas en número igual ou superior a 200 respecto do dito número máximo.

Artigo 3º.-Convocatoria e forma de outorgamento das autorizacións de explotación.

1. O procedemento de adxudicación das autorizacións de explotación das máquinas de tipo B, derivadas das baixas definitivas ás que se refire o artigo anterior, será o concurso e realizarase mediante orde da consellería competente en materia de xogo, que establecerá as bases que han de rexer o concurso.

2. O concurso convocarase durante o ano seguinte a aquel no que se alcanzase o número acumulado de 200 baixas definitivas. A resolución do concurso corresponderalle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de xogo, logo de proposta dunha comisión de valoración designada para o efecto na orde de convocatoria.

3. Os criterios de valoración que se terán en conta para a adxudicación das autorizacións de explotación serán, polo menos, os seguintes:

a) Antigüidade na inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, na data de terminación do prazo de presentación de solicitudes, con preferencia de maior a menor.

b) O número de autorizacións de explotación de máquinas de xogo de tipo B que teña ao seu nome o/a solicitante, con preferencia de menor a maior.

c) O número de comunicacións de localización de máquinas de xogo de tipo B no almacén realizadas polo/pola solicitante, tomando como cómputo períodos anuais, con preferencia de menor a maior.

d) Inexistencia ou non imposición de sancións firmes. No caso de sancións nos últimos 5 anos valorarase cunha gradación de menor a maior segundo a entidade da sanción.

4. As empresas operadoras poderán solicitar tantas autorizacións de explotación como pretendan, ben que o límite máximo de adxudicacións para cada empresa será de 3. Non obstante, no caso de que non quedaran esgotadas nesta primeira fase, a distribución efectuarase de xeito correlativo, asignando unha autorización por operadora, de acordo coa orde de puntuación obtida, ata o límite da respectiva solicitude.

5. En todo caso, se o número de autorizacións de explotación adxudicadas resultara inferior ao número total de ofertadas na orde de convocatoria do concurso público, as autorizacións de explotación que queden desertas despois da resolución do concurso, acumularanse para a súa adxudicación na seguinte convocatoria de concurso público. Non obstante, as ditas autorizacións non computarán para os efectos do número mínimo que, segundo o artigo 3º.2, son necesarias para a convocatoria do seguinte concurso.

6. As autorizacións de explotación de máquinas de tipo B outorgadas por concurso terán unha duración de cinco anos, que se contará desde a data de resolución do concurso, e poderán ser renovadas por períodos de idéntica duración sempre que, no momento da solicitude da renovación, a empresa cumpra todos os requisitos exixidos na normativa de xogo e os exixidos na convocatoria do concurso. A devandita renovación deberá ser solicitada polo/pola titular da autorización de explotación cunha antelación mínima de tres meses á expiración do prazo da autorización vixente.

Disposición adicional

Única.-O disposto no artigo 2º deste decreto entenderase sen prexuízo das autorizacións que, de ser o caso, deban outorgarse en execución de sentenzas xudiciais ditadas en aplicación da normativa anterior, e o número destas autorizacións descontarase da cifra total das que deban ser obxecto de concurso público.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas normas, de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto neste decreto, en concreto a disposición adicional segunda do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición final

Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2011, e terá unha vixencia de cinco anos.

Con antelación á finalización deste prazo de vixencia deberá ser aprobada unha nova planificación de autorizacións de explotacións de máquinas de tipo B.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2010.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza