DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 10 de decembro de 2010 Páx. 20.188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2010 pola se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica de delegación de competencias para a proposta e resolución das solicitudes presentadas ao abeiro do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras adheridas polo que se establece unha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica para facilitar ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional, publicado mediante Resolución do 25 de setembro de 2009 (Diario Oficial de Galicia número 191, do 29 de setembro).

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 28 de xullo de 2009, acordou aprobar una liña de avais do Igape para facilitar ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional instrumentada mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras adheridas (Programa Re-brote).

Con data do 25 de setembro de 2009 o Igape e 16 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de compartir riscos en determinadas operacións mediante o afianzamento parcial de liñas de financiamento operativo. O dito convenio fíxose público mediante Resolución do 25 de setembro de 2009 (DOG nº 191, do 29 de setembro), e segundo a cláusula terceira, entrou en vigor o día seguinte ao da súa publicación, e estableceuse como data de fin de prazo para presentar solicitudes de aval o 30 de decembro de 2009.

Posteriormente, o Consello de Dirección do Igape acordou a modificación da dita liña de avais, no que se refire ao prazo de presentación de solicitudes, quedando a súa data de finalización fixada o 30 de decembro de 2010.

Esta liña de avais considéranse un instrumento de grande importancia para o acceso ao financiamento operativo por parte das empresas galegas na conxuntura actual, e tendo en conta o volume de solicitudes, e para unha maior axilidade na tramitación e resolución dos expedientes, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 15 de novembro de 2010, e logo das consultas ás entidades financeiras adheridas, acordou que a competencia para a resolución das solicitudes recaia na Dirección Xeral do Igape, en vez de na Presidencia.

Por todo o anterior e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a delegación de competencias acordada polo Consello de Dirección do Igape do 15 de novembro de 2010, no procedemento de concesión de avais ao abeiro do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras adheridas polo que se establece unha liña de avais do Instituto Galego de Promoción Económica para facilitar ás empresas galegas o acceso ao financiamento operativo adicional, publicado mediante Resolución do 25 de setembro de 2009 (DOG nº 191, do 29 de setembro), nos seguintes termos:

«A Dirección da Área de Financiamento elevará proposta de resolución á Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a solicitude especificando beneficiaria, importe do aval, prazo e condicións financeiras da operación avalada. As propostas de denegación de solicitudes deberán detallar a causa».

Modifícanse, en consecuencia, o punto sétimo da cláusula sétima do convenio de colaboración.

Segundo.-Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e aplicarase a todos aqueles expedientes pendentes de resolución.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica