DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 10 de decembro de 2010 Páx. 20.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 2 de decembro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 5 de xullo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para 2010 das axudas destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación.

Pola Orde do 5 de xullo de 2010 da Consellería do Medio Rural (DOG nº 132, do 13 de xullo) establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2010 das axudas destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación.

No artigo 27º relativo ao financiamento destas axudas detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto.

Co obxecto de poder amparar todas as solicitudes nas distintas liñas de axuda establecidas, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobouse o correspondente expediente de xeración e ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En virtude do exposto, de acordo co establecido no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire o artigo 14º da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase para o exercicio 2010 a dotación orzamentaria que se recolle na Orde do 5 de xullo de 2010 (Diario Oficial de Galicia nº 132, do 13 de xullo), pola que se convocan para o ano 2010 as axudas destinadas ás agrupacións de produtores de plantas vivas e produtos da floricultura para a mellora da súa produción, comercialización e formación, nun importe adicional de 10.071 euros, con cargo á partida orzamentaria 13.02.712C 770.3.

Disposición adicional

Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 5 de xullo de 2010.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural