DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 10 de decembro de 2010 Páx. 20.186

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 25 de novembro de 2010 pola que se modifica a Orde do 1 de xuño de 2009, pola que se delegan competencias nos xefes territoriais da Consellería do Medio Rural, e a Orde do 24 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral.

A execución dos traballos de loita contra os incendios forestais poden ocasionar ás veces distintos danos nos bens e terreos dos particulares. Estes danos, derivados do funcionamento desta Administración pública, son indemnizables mediante a tramitación dos oportunos expedientes de responsabilidade patrimonial.

Estes expedientes implican a realización de diversos trámites e a súa duración é prolongada, polo que os particulares tardan bastante tempo en obter a reparación desde que o dano se produciu.

Non obstante, a tramitación pode minorarse se se acorda a terminación convencional dos procedementos cos propietarios reclamantes, e acórdase fixar a indemnización económica ou a reparación dos danos directamente con medios propios da Administración nos supostos en que exista unha contía determinada inferior a 1.500 euros, cantidade coincidente cos expedientes que requiren ditame do Consello Consultivo de Galicia.

Dado o elevado número de expedientes desta natureza, convén que a facultade que reside no conselleiro, conforme o artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, para a sinatura destes actos, sexa delegada nos xefes territoriais por razón da súa competencia, en virtude do previsto no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda no beneficio, tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Por isto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 43º.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 13º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a Orde do 1 de xuño de 2009, pola que se delegan competencias nos xefes territoriais da Consellería do Medio Rural, introducindo un novo artigo 2º que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 2º

Delégase nos xefes territoriais da Consellería do Medio Rural o exercicio da competencia, que corresponde ao conselleiro, para a resolución de expedientes nos cales se acorda a terminación convencional dos procedementos de responsabilidade patrimonial cuxa contía reclamada sexa inferior a 1.500 euros».

Artigo 2º

Modifícase a Orde do 24 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral, no seu artigo sexto.1 c), que queda redactado da seguinte maneira:

«c) Resolver as reclamacións previas á vía civil e os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, agás aqueles expedientes de responsabilidade patrimonial de contía inferior a 1.500 euros en que se acorde a terminación convencional dos procedementos, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural