DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 09 de decembro de 2010 Páx. 20.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2010 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento subsidiado para producións audiovisuais que realicen as pemes galegas, instrumentada mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 5 de agosto de 2010, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento subsidiado para producións audiovisuais que realicen as pemes galegas, instrumentada mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro.

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento subsidiado para producións audiovisuais que realicen as pemes galegas, instrumentada mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas; e convocar para 2010 o dito réxime de axudas en concorrencia non competitiva.

Segundo.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de xuño do ano 2011.

No caso de esgotamento do crédito o Igape publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25º.1 a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2011. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Cuarto.-Dotación orzamentaria.

O importe máximo de operacións que concederán as entidades financeiras que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia elévase a 10.000.000 euros. O importe global da liña poderá ser ampliado no caso de existencia de créditos adecuados e suficientes.

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Ver referencia pdf "23500D007P036.PDF"

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31º.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), j), k), l), m) e n) do artigo 20º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2010.

Joaquín Varela de Limia de Cominges

Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a habilitación dunha liña de financiamento subsidiado para producións audiovisuais que realicen as pemes galegas, instrumentada mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas

O Instituto Galego de Promoción Económica, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúan de xeito salientable a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega.

O sector audiovisual experimentou un notable crecemento durante os últimos anos na Comunidade Autónoma de Galicia, aproveitando os impulsos procedentes do importante desenvolvemento da sociedade da información no noso territorio. Este crecemento manifestase nun aumento na facturación das empresas galegas do sector cun incremento da capacidade produtiva en todas as liñas de produción (televisión, cine, contidos interactivos, vídeo e publicidade).

A Lei do audiovisual de Galicia declara este sector estratéxico, e destaca que todos os elementos que o conforman están situándose nun primeiro plano dentro dos sectores industrial e económico, que xera nas últimas décadas un gran volume de negocio e de emprego directo e indirecto, e que desenvolve de forma paralela novos sectores da ensinanza universitaria, profesional e de investigación.

Unha das principais problemáticas a que se enfrontan as empresas que desenvolven a súa actividade neste sector concrétase nas dificultades para acceder aos recursos financeiros necesarios para o desenvolvemento das súas producións, adecuados a unhas condicións específicas propias. Desta maneira, proxectos viables, en canto que inician a súa produción con pactos de venda e difusión que xunto cos apoios públicos aprobados aseguran a súa rendibilidade, encóntranse con dificultades financeiras durante o período de produción, que se caracteriza por un longo período sen retornos e con elevadas necesidades financeiras, que dificultan unhas veces e impiden outras, que as empresas aborden a realización dos seus proxectos.

Por iso, preténdese poñer en marcha unha liña de financiamento específica para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, subsidiando os gastos financeiros e as comisións dos avais que presten as sociedades de garantía recíproca.

A axuda do Igape para o beneficiario consiste, polo tanto, nunha subsidiación ao tipo de xuro. Prevese, así mesmo, unha compensación dos gastos de xestión a favor das entidades colaboradoras.

A convocatoria das axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. Estas convocatorias incluirán o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial de promover calquera proxecto que, cumprindo os requisitos especificados nestas bases, se desenvolva no sector audiovisual galego, máis aínda na actual situación de dificultades na economía; así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de xeito continuo.

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bases regulan o obxecto, requisitos e procedemento de tramitación das axudas consistentes nunha liña de financiamento subsidiado para producións audiovisuais participadas por produtoras galegas, entendendo como tales producións as longametraxes, películas para a televisión, documentais, animación, mini-series de ficción, programas piloto e producións de contidos interactivos.

Artigo 2º.-Requisitos dos beneficiarios.

2.1. Poderán acceder ás axudas previstas nestas bases, aquelas pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOCE L/214, do 9 de agosto de 2008), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías). Tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que

terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35º e 63º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En calquera caso, deberán exercer ou ter intención de exercer a actividade de produción audiovisual e ter radicado o centro da súa actividade económica en Galicia.

Para os efectos de acreditar a actividade desenvolvida poderase considerar a alta no imposto de actividades económicas, declaración censual, ou certificación de pertenza a algunha das asociacións empresariais do sector.

Para os efectos de acreditar a participación na produción audiovisual consideraranse os seguintes documentos: o contrato de coprodución e/ou distribución, ou a acreditación de posuír os pertinentes dereitos de propiedade intelectual sobre o guión e, se é o caso, o de opción sobre a obra preexistente (contrato ou documento de cesión ao produtor e rexistro da propiedade intelectual do guión).

2.2. Os solicitantes terán que cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11º da citada Lei de subvencións.

2.3. Non poderán ser beneficiarias da liña de financiamento recollida nestas bases as empresas en crise, de acordo coa definición das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (DO C 244, do 1-10-2004).

Artigo 3º.-Características dos proxectos financiables.

3.1. Serán financiables os gastos necesarios para o desenvolvemento da produción audiovisual que se incorporarán ao inmobilizado da empresa beneficiaria, tales como a adquisición de dereitos de guión e música, gastos de persoal artístico e equipo técnico, escenografía, estudos, rodaxe, aluguer de maquinaria e transportes, axudas de custo, traballos de laboratorio, montaxe e sonorización, gravación de música, dobraxe, sonorización, primas de seguros, etc.

Non se poderán financiar os impostos indirectos recuperables que graven a adquisición, nin as achegas que se realicen ás sociedades de garantía recíproca.

3.2. Prazo de realización dos investimentos. Poderán ser financiadas as producións iniciadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2010. A data máxima de realización en ningún caso poderá ser posterior ao 31 de outubro de 2011.

Artigo 4º.-Importe das operacións.

4.1. O importe das operacións que se formalicen ao abeiro destas bases con destino ao financiamento dos conceptos sinalados no artigo 3º anterior será como máximo de 1.500.000 euros. Unha mesma empresa non poderá acollerse durante tres anos consecutivos a préstamos por importe conxunto superior a 2.300.000 €.

4.2. O importe dos préstamos subvencionables acollidos a estas bases poderá acadar ata o 100% do custo, excluíndo os impostos indirectos recuperables e a achega á SGR, determinándose o importe do préstamo subvencionado en función da porcentaxe da participación de produtoras galegas na produción.

Artigo 5º.-Prazos de disposición e reembolso e amortización anticipada da operación financeira.

5.1. Prazo de disposición. O número de disposicións e/ou a súa contía mínima poderá pactarse libremente entre a entidade financeira e o prestameiro, dentro do prazo máximo ata o 31 de outubro de 2011.

A entidade financeira requirirá aos prestameiros a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a utilización dos fondos do préstamo á produción.

5.2. Prazo de reembolso. Os préstamos terán un prazo de vixencia de entre 3 e 5 anos, cunha única amortización ao seu vencemento. Os importes percibidos como consecuencia dos dereitos de crédito endosados en garantía da operación, serán destinados á amortización anticipada do préstamo.

5.3. Amortización anticipada. A operación financeira poderá ser amortizada sen custo de forma anticipada, total ou parcialmente, por vontade do beneficiario.

Artigo 6º.-Tipo de xuro e comisións das operacións.

6.1. O tipo de xuro nominal anual variará semestralmente, e determinarase de acordo coas seguintes normas:

a) Tipo de referencia: euribor a prazo de 6 meses.

b) Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que en ningún caso poida exceder de 3 puntos porcentuais.

c) O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional.

Poderá pactarse un tipo mínimo, que en ningún caso será superior ao 4,25%.

6.2. Se o Euribor ao prazo correspondente deixase de determinarse, aplicarase, en primeiro lugar o índice de referencia que legalmente o substitúa.

6.3. Comisións. As sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas non lles repercutirán aos prestameiros e avalados ningún tipo de gasto ou comisión derivados das operacións aprobadas en aplicación destas bases. A estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

6.4. Achegas ás SGR. Os prestameiros deberán realizar, se é o caso, a achega para adherirse á sociedade de garantía recíproca que corresponda.

6.5. Garantías da operación. As operacións formalizadas ao abeiro destas bases poderán contar alternativamente:

a) Con aval de sociedade de garantía recíproca polo 100% do importe do financiamento. Neste caso a entidade financeira non requirirá garantías adicionais, e as sociedades de garantía recíproca poderán afectar como garantía os acordos contractuais sobre difusión ou vendas de producións que formalice o prestameiro, e tomar outras garantías persoais.

b) Con outro tipo de garantías: neste caso as entidades financeiras poderán afectar como garantía os acordos contractuais sobre difusión ou vendas de producións que formalice o prestameiro, así como tomar outras garantías persoais ou reais.

Artigo 7º.-Axudas e compensacións do Igape.

7.1. Axuda en forma de subsidiación do tipo de xuro.

A axuda do Igape para o beneficiario consistirá nunha subvención ao tipo de xuro do 4% do principal do préstamo disposto.

O importe resultante da axuda destinarase á amortización anticipada do principal do préstamo, non podendo a entidade financeira cobrar comisión algunha pola devandita amortización anticipada.

7.2. Compensacións a favor das entidades financeiras colaboradoras.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recolle a posibilidade de fixar unha compensación económica a favor das entidades colaboradoras. Para tal fin, o Igape aboará directamente ás entidades financeiras unha compensación do 1% do principal dos préstamos aplicados ás finalidades previstas, en concepto de compensación de gastos de xestión.

7.3. Compensacións a favor das SGR colaboradoras.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recolle a posibilidade de fixar unha compensación económica a favor das entidades colaboradoras. Para tal fin, o Igape aboará directamente á SGR avalista polo importe do aval que presten unha compensación do 3,25% sobre o saldo máximo garantido, en concepto de compensación da comisión do aval financeiro non cobrada ao beneficiario.

Artigo 8º.-Compatibilidade e límite de axuda.

8.1. As axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28-12-2006).

8.2. A concesión das axudas queda supeditada ao cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Neses termos, serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea, nin o custo da actividade subvencionada. As axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros brutos durante calquera período de tres exercicios fiscais.

8.3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

9.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

9.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

9.3. De conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

9.4. A presentación da solicitude autoriza o órgano xestor a solicitar a información tributaria e de situación de débedas coa Seguridade Social de xeito telemático, segundo o disposto no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, porén, os solicitantes están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social ao abeiro do establecido no artigo 48º.1 m) da Lei 9/2009, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

9.5. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao sistema de verificación de datos de identidade e residencia, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 10º.-Tramitación das solicitudes e concesión da axuda financeira.

10.1. Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado, ou a entidade colaboradora no seu nome, deberá cubrir previamente un cuestionario descritivo da empresa, do proxecto e da operación a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Unha vez cuberto o cuestionario, este pasará á disposición da entidade financeira na extranet de entidades colaboradoras e xerará unha solicitude de tramitación do expediente en formato papel que se presentará na entidade financeira, asinada polo solicitante (anexo I). Nesta solicitude apodérase a entidade financeira para que tramite, en nome do solicitante, o expediente de axuda ante o Igape, no caso de que este aprobe a operación financeira.

10.2. Co fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon á disposición do interesado o seu servizo de asistencia técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade que serán obxecto de publicidade no citado enderezo da internet. Tamén se poderá recibir asistencia na propia entidade financeira colaboradora. Deberanse cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario. Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

10.3. As entidades de crédito centralizarán as solicitudes de axuda recibidas nas distintas sucursais e, no caso de aprobación da operación financeira, solicitarán en nome do interesado a axuda financeira no Igape no prazo máximo dun mes contado desde a entrada do cuestionario na extranet de entidades colaboradoras. No caso de que a operación financeria sexa denegada, a entidade financeira só comunicará a súa denegación.

A instrución e resolución do procedemento basearase nas declaracións contidas no citado cuestionario.

10.4. As solicitudes da entidade de crédito ao Igape presentaranse a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) sendo esta vía telemática obrigatoria. O Igape reserva para si a postestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio. Nas solicitudes será obrigatorio a inclusión do IDE e se carecen de IDE ou este é erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación, logo de requirimento realizado para o efecto.

10.5. A autorización de acceso á extranet de entidades colaboradoras para este convenio darase de oficio para os usuarios que as entidades financeiras teñan xa rexistrados para outros convenios, ben que é posible modificar estas autorizacións ou dar novas altas mediante a solicitude do anexo III.

10.6. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a entidade financeira comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (3 meses desde a data de presentación completa da solicitude de axuda no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

10.7. Se a solicitude reúne os requisitos establecidos nestas bases para ser beneficiaria da axuda, autorizarase a formalización da operación financeira a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es). De conformidade co establecido no artigo 71º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os datos exixidos nestas bases, requiriranse o solicitante e a entidade de crédito para que no prazo de dez días hábiles desde o seguinte ao requirimento se emende a falta, con indicación de que, en caso contrario, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da citada Lei 30/1992.

10.8. Traslado da solicitude á sociedade de garantía recíproca.

O Igape trasladará a través da extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) a solicitude cursada á sociedade de garantía recíproca correspondente, para os efectos da valoración do risco e remisión da súa posición ao Igape. A SGR formulará a súa posición no prazo dos 15 días hábiles seguintes ao traslado da solicitude. No caso de non recibir resposta pola SGR no citado prazo o Igape desestimará a solicitude.

Artigo 11º.-Resolución.

11.1. Unha vez que a sociedade de garantía recíproca formule a súa posición, a solicitude será avaliada polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos á operación declarados no cuestionario anexo a ela. Unha vez avaliada a solicitude, a Dirección da Área de Financiamento elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, quen resolverá por delegación do Consello de Dirección.

11.2. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do investimento subvencionable, o importe do préstamo ou crédito subsidiable, o prazo de vixencia e carencia deste e a subsidiación do tipo de xuro.

11.3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50º e seguintes da Lei de subvencións.

11.4. Con base nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, e ata esgotárense as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia e páxina web do Igape www.igape.es. O esgotamento do crédito suporá a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 12º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

12.1. O Igape notificará ao solicitante e comunicará á entidade financeira e SGR, se é o caso, a concesión ou denegación da axuda, de acordo co establecido no artigo 24º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

12.2. O beneficiario ten un prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión para aceptala. Para isto deberá cubrir o modelo de aceptación establecido na páxina web do Igape www.igape.es. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións aplicables. Transcorrido o prazo de aceptación sen que se producise manifestación expresa, a axuda entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida. No caso de que o beneficiario renunciase á axuda percibida, procederase consonte o artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12.3. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude de axuda no Igape. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42º.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido tal prazo sen que se notificase resolución expresa, poderase entender desestimada.

Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo diante dos xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición diante do director xeral do Igape no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución se fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o disposto nos artigos 116º e 117º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

12.4. Será causa de denegación da axuda a falta de comunicación por parte dalgunha entidade colaboradora da súa posición respecto á aprobación da operación, nos prazos establecidos nestas bases e no convenio asinado para o efecto (15 días), sen prexuízo da posibilidade do solicitante de reiterar a súa solicitude.

Artigo 13º.-Publicación.

13.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades financeiras e sociedades de garantía recíprocas para os efectos da formalización da operación, e a referida publicidade.

13.2. De acordo co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións

concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 14º.-Formalización da operación financeira.

O prazo para a formalización da operación financeira vencerá aos 4 meses a partir da data de notificación da resolución de concesión da axuda do Igape, e en ningún caso poderá ser posterior ao 31 de outubro de 2011. Transcorrido o devandito prazo sen que conste presentada no Igape a solicitude de cobramento e a certitificación da entidade financeira en que se inclúa esa operación como formalizada, ditarase resolución que teña o solicitante por renunciado e ordene o arquivo do expediente, salvo que, logo de solicitude razoada de prórroga deste, presentada no Igape dentro do prazo e acreditando a conformidade da entidade financeira, o Igape autorice a dita prórroga.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento.

15.1. Xustificación.

Unha vez formalizada a operación, as entidades financeiras solicitarán os orixinais das solicitudes de cobramento asinadas polos titulares das operacións segundo o anexo II a estas bases e custodiaranos á disposición do Igape, xunto coa documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento e o seu pagamento. Esta documentación deberá ser comprobada pola entidade financeira previamente á utilización dos fondos do préstamo/crédito.

De conformidade co disposto no punto 2 do artigo 4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e tendo en conta as complexidades da tramitación, os beneficiarios quedan excluídos das obrigas de xustificación previstas nos artigos 28º.7, 29º.3 e 29º.4.

O Igape poderá requirir das entidades financeiras, previamente ou con posterioridade ao pagamento da liquidación prevista no artigo 15º.2 destas bases, calquera documentación acreditativa do cumprimento do proxecto subvencionado así coma outra información para os efectos estatísticos e dunha axeitada imputación contable no momento de peche do exercicio. Para os ditos efectos, o Igape reserva para si o dereito de introducir modificacións e melloras na recollida de datos da extranet, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións coas entidades colaboradoras e as actuacións de control que lle corresponden.

As entidades colaboradoras deberán custodiar a documentación como mínimo mentres non prescriba o dereito a recoñecer ou liquidar o reintegro, de acordo co artigo 35º da Lei de subvencións de Galicia.

15.2. Pagamento das compensacións ás entidades colaboradoras.

Coa data límite do 30 de novembro de 2011, as entidades financeiras remitiranlle ao Igape, a través da extranet de entidades colaboradoras, a liquidación dos importes que lles corresponden percibir por cada unha das operacións formalizadas adecuadamente ao abeiro destas bases, segundo o establecido no artigo 7º.2 destas bases.

Esta documentación servirá, así mesmo, de base para a liquidación ás sociedades de garantía recíproca avalistas das compensacións que lles correspondan conforme o artigo 7º.3 destas bases.

O Igape procederá ao pagamento das cantidades liquidadas correspondentes, directamente ás entidades colaboradoras, antes do 30 de decembro de 2011.

15.3. Pagamento da subsidiación ao tipo de xuro a través das entidades financeiras.

Unha vez recibida a liquidación por parte das entidades financeiras, o Igape procederá, nos casos que corresponda, ao pagamento da subsidiación do tipo de xuro, dunha soa vez, a través da entidade financeira prestamista. A subvención deberá destinarse á amortización anticipada do principal da operación, non podendo a entidade financeira cobrar comisión ningunha pola dita amortización.

A entidade financeira deberá presentar no Igape, no prazo de 30 días desde a data de pagamento da subvención, certificación acreditativa do ingreso desta ao titular da operación, indicando no caso das operacións de préstamo que o dito importe foi destinado á amortización do principal da operación na contía subvencionada e no caso de pólizas de crédito a conta en que foi ingresada. A entrega deberá realizarse mediante a extranet de entidades colaboradoras.

Artigo 16º.-Modificacións.

16.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.

16.2. O beneficiario queda obrigado a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para a mesma operación no momento en que sexa comunicada calquera concesión e sempre coa presentación da solicitude de cobramento.

16.3. No caso de modificación da operación aprobada, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. No caso de que a modificación afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda na internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación.

16.4. O director xeral do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

16.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia aos interesados. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

16.6. O Igape poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

16.7. No caso de modificacións da operación financeira, unha vez formalizada e que supoñan unha mellora solicitada pola empresa (carencia intermedia, diferencial, etc. ), poderá levarse a cabo sen autorización previa do Igape, sempre que non supoñan modificación da resolucion de concesión. Non obstante, a entidade financeira deberá comunicala. As ditas modificacións non suporán, en ningún caso, a revisión á alza das axudas concedidas.

Artigo 17º.-Reintegros, incumprimentos e sancións da subvención.

17.1. Procederá o reintegro total ou parcial por parte do beneficiario da subvención recibida, xunto cos xuros de demora devengados a partir do pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nestas bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por este asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben alcanzarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxesen na resolución de concesión.

f) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou por calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 107º e 108º do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) A nulidade da resolución polas causas establecidas no artigo 32º ou ter incorrido nalgunha das causas de reintegro do artigo 33º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do proxecto ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

17.3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superase o 50% dos gastos subvencionables aprobados, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, e será de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

17.4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo diante dos xulgados de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e potestativamente, recurso de reposición diante do director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

17.5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios, entidades financeiras e SGR colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e no título VI do seu regulamento.

17.6. Poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación cando o Igape constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención, ou no importe que se debe reintegrar, inferior a 30 € ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente.

Artigo 18º.-Modificación das condicións financeiras e comisións de aval no caso de perda da subvención.

No caso de que o Igape non aboe a axuda concedida debido á súa perda por incumprimento de condicións do prestameiro, as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca poderán pactar nas correspondentes pólizas e contratos de garantía que sexan de aplicación diferentes condicións ás estipuladas nestas bases.

Artigo 19º.-Control.

Tanto as entidades financeiras como as sociedades de garantía recíproca adheridas e os beneficiarios das operacións de financiamento quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúen o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a estas bases.

Artigo 20º.-Adhesión mediante convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.

20.1. O Igape convidará a adherirse ao convenio de colaboración en que se regulen os compromisos das partes, a todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca que, tendo acreditada unha presenza significativa en Galicia, así como a súa solvencia (a solvencia entenderase acreditada se non teñen iniciado expediente de intervención polo Banco de España), colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ao tipo de interese de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro. Así mesmo, poderán instar a súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos axeitados para asegurar a correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido no convenio, nestas bases e nos seus anexos.

As ditas entidades xustificarán mediante declaración responsable o cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, asumindo as obrigas do artigo 12º do citado texto legal.

20.2. Formalización da adhesión ao convenio de entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca.

A adhesión formalizarase mediante a sinatura, por apoderado con facultades bastantes, da declaración que se xunta como anexo IV destas bases. O Igape daralles conta ao resto das entidades adheridas da existencia de cada novo partícipe no convenio e publicarao no Diario Oficial de Galicia.

20.3. As entidades colaboradoras adheridas ao convenio relaciónanse no anexo V destas bases.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87º e 88º do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Ver referencia pdf "23500D007P036.PDF"

Ver referencia pdf "23500D009P049.PDF"