DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 09 de decembro de 2010 Páx. 20.130

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 2 de decembro de 2010 pola que se acorda a cesión ata o 31 de decembro de 2011 de determinados tractores, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, a varios concellos.

O Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, dispón que esta é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais e conservación da natureza, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, mentres que a Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais ten atribuídas as competencias para levar a termo as actuacións encamiñadas á defensa contra os incendios forestais, exercendo as funcións de programación, execución, avaliación e seguimento das medidas e accións contra os incendios forestais e a elaboración de estudos e análise de causalidade e a coordinación de medios na loita

contra os incendios forestais.

No Pladiga (Plan de Loita contra os Incendios Forestais de Galicia) dedícase un capítulo á extinción e outro á vixilancia de incendios forestais, onde se recollen os medios humanos e materiais, a súa distribución territorial e o procedemento operativo en función do risco de lumes segundo as épocas de perigo e zonas.

Os obxectivos que deben cumprirse de acordo co establecido no Pladiga son, respectivamente: reducir as superficies queimadas polo lume, a defensa das masas arborizadas, defensa dos espazos protexidos e evitar reproducións, co fin de minorar os danos económicos, ecolóxicos e culturais que provoca este tipo de sinistro e detectar rapidamente os focos de lume e verificar as alarmas, exercendo unha maior presión nas zonas definidas como de especial vixilancia. Isto fai posible a definición de estratexias e accións selectivas, coa dobre finalidade de reducir o número de lumes e facilitar a investigación das causas.

Por outra banda e de acordo co establecido no artigo 25º.2 c) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, correspóndelles aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade competencias en materia de prevención e extinción de incendios nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas. Para exercer estas actuacións os concellos requiren contar cuns medios de defensa e extinción de incendios forestais, medios dos cales frecuentemente os concellos carecen debido a limitacións orzamentarias.

Segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, correspóndelles aos concellos colaborar cos medios dispoñibles coa Dirección Técnica de Extinción de Incendios Forestais. Ademais, no artigo 59º indica que a Xunta de Galicia lles prestará a súa colaboración ás entidades locais para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios ben por medio de mecanismos de apoio económico.

Para tal fin, e para que poidan ter recursos para exerceren as competencias previstas consonte o artigo 331º.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia, a Consellería do Medio Rural tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35º bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96º bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34º.6 e 38º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Cederlles ata o 31 de decembro de 2011 aos concellos que se relacionan os tractores que se detallan a continuación:

Ver referencia pdf "23500D006P034.PDF"

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido polos artigos 35º bis, da Lei 3/1985, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96º bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, o concello cesionario destinará o ben cedido a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial, á realización da vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e a loita contra os incendios forestais.

2. O concello cesionario farase cargo de todos os gastos de mantemento do vehículo e dos derivados do seu uso, así como dos necesarios para a reparación e posta en funcionamento do dito ben, os derivados do seguro, da inspección técnica de vehículos (ITV) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM).

3. Tanto se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados, como se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sufrise.

4. O concello cesionario responderá do valor do ben cedido no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que se puidesen ocasionar, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

5. Á Consellería do Medio Rural corresponderanlle as facultades de control e vixilancia da cesión así como, se é o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, e o alcalde do concello cesionario ou funcionario en que delegue, e deberá constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería do Medio Rural, a través da secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural