DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 09 de decembro de 2010 Páx. 20.130

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 1 de decembro de 2010 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 22 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

A Orde do 22 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 28 de abril), establece na súa disposición adicional cuarta, na cal se recollen os créditos que financian a orde, que estes importes poderán ser obxecto de modificacións, como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da dita orde, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de persoas beneficiarias posible.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 22 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 (Diario Oficial de Galicia nº 79, do 28 de abril), nas seguintes contías e aplicacións orzamentaria, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010:

12.04.322C.470.1, código de proxecto 2009 01001, polo importe de 35.413,06 euros.

12.04.322C.470.1, código de proxecto 2003 00450, polo importe de 22.371,04 euros.

12.04.322C.470.1, código de proxecto 2010 00747, polo importe de 1.644.699,76 euros.

Artigo 2º

Estas modificacións non afectan o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar