DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 09 de decembro de 2010 Páx. 20.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 18 de novembro de 2010 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 21 das normas subsidiarias municipais do concello de Nigrán (Pontevedra) relativa á regulación de alturas nas edificacións.

O Concello de Nigrán remite o proxecto de modificación puntual referido, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85º.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Nigrán dispón de normas subsidiarias de planeamento, cuxo texto refundido foi aprobado definitivamente o 16 de outubro de 1991.

En relación coas súas ordenanzas, están vixentes as seguintes modificacións puntuais:

-MP das NSM, relativa á corrección de erro na delimitación do equipamento E-3, en Panxón, e modificacións de determinados aspectos das ordenanzas (AD pola CPU o 14/04/1993).

-MP das NSM relativa á Ordenanza 13 (AD polo Pleno o 27-5-1999).

-MP nº 15 das NSM, regulación da alteración de rasante no ámbito do SAU-7 Rans (AD por orde da CPTOPT do 28-12-2005).

-MP nº 18 das NSM relativa ao cambio na regulación das condicións de edificación dos locais comerciais (AD por orde da CPTOPT do 15-12-2008).

I.2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible decide o 2 de xullo de 2009 que non é necesario someter a modificación puntual nº 21 das NSM de Nigrán ao procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica.

I.3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85º.1 da LOUG, con data do 25 de xaneiro de 2010; cunha corrección de erros materiais do 1 de marzo seguinte.

1.4. Tras o informe do arquitecto municipal do 10-3-2010, redáctase un documento corrixido da modificación puntual, datado en marzo de 2010, que é obxecto de informe pola Secretaría Xeral municipal.

1.5. O Concello Pleno de Nigrán aprobou inicialmente a modificación puntual na súa sesión do 25 de marzo de 2010.

1.6. Sometido a información pública polo prazo de dous meses mediante anuncios nos xornais Faro de Vigo e Atlántico Diario do 16-4-2010; no DOG do 21-5-2010, e notificados os concellos limítrofes de Vigo, Gondomar e Baiona, presentáronse dúas alegacións que foron obxecto de informe técnico (26-7-2010) e xurídico (29-7-2010).

1.7. O Concello Pleno de Nigrán aprobou provisionalmente a modificación puntual na súa sesión do 28 de setembro de 2010.

II. Análise da modificación puntual.

Unha vez analizada a documentación técnica e administrativa remitida polo Concello de Nigrán, e á vista da proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, púidose observar que o proxecto de modificación puntual identificado con data de marzo de 2010, que foi obxecto de aprobación inicial e provisional plenarias, cumpre as observacións sinaladas nos informes autonómicos previos do 25 de xaneiro e do 1 de marzo de 2010.

De conformidade cos artigos 89º e 93º.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1º do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 7.a) do artigo 85º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 21 das normas subsidiarias municipais do concello de Nigrán, relativa á regulación de alturas nas edificacións.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10º e 46º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92º da Lei 9/2002 e 70º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2010.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas