DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 09 de decembro de 2010 Páx. 20.101

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a diversos programas de actuación en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011.

O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, establece o carácter de comunidades galegas das entidades asociativas sen ánimo de lucro, validamente constituídas e con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas, que teñan por obxecto principal nos seus estatutos o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia.

No Decreto 79/2009, do 19 de abril, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma a que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a elaboración e xestión de programas de axudas e subvencións nas áreas sociais e asistenciais, formativas, culturais e de xuventude nesas comunidades galegas.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Esta resolución abrangue as bases reguladoras e a convocatoria anual das subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior, dentro dos distintos programas previstos para o exercicio 2011.

O procedemento de concesión das axudas e subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, a que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 do xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria de subvencións e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, a programas de actuación, nas áreas sociais e asistenciais, formativas, culturais e de xuventude, en favor das comunidades galegas no exterior.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 3º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezará a contar desde a data da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Imputación orzamentaria e tramitación anticipada.

1. Para a concesión das axudas previstas nesta resolución resérvase inicialmente un crédito total de 900.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.481.0.-Axudas a entidades no ámbito das migracións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. A dita contía poderase incrementar de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A contía distribuirase entre os programas da maneira que segue:

-Programa 1: 101.000 €.

-Programa 2: 340.000 €.

-Programa 3: 110.000 €.

-Programa 4: 250.000 €.

-Programa 5: 99.000 €.

De existir remanente nalgún dos programas, poderán ser redistribuídos entre os demais en función da maior consignación de cada programa.

2. Esta convocatoria tramítase anticipadamente e, de acordo co establecido no artigo 25º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, faise constar que a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, será de aplicación todo o establecido ao respecto no dito artigo 25º.

Artigo 5º.-Réxime de recursos.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2010.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

Anexo

Bases reguladoras para a concesión, en réxime

de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes a diversos programas de actuación en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011

Capítulo I

Disposicións comúns a todos os programas

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de subvencións correspondentes aos seguintes programas de actuacións en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011: Programa 1. Axudas a entidades galegas no exterior para a prestación de servizos socioasistenciais en favor das persoas de orixe galega residentes no exterior e os seus descendentes; Programa 2. Axudas para promover a realización de proxectos culturais, formativos e actividades asociativas propias das entidades galegas no exterior; Programa 3. Axudas para a edición de publicacións e outras accións informativas das entidades galegas no exterior; Programa 4. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento das entidades galegas no exterior; Programa 5. Axudas para a realización de proxectos promovidos pola xuventude.

Artigo 2º.-Solicitudes.

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que para cada programa se inclúe como anexo desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras.

A través do formulario proporcionánselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificio administrativo rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atoparse na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente, Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade, de conformidade coa Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, ou a súa condición de centro colaborador mediante resolución aprobatoria ditada pola Secretaría Xeral da Emigración ao abeiro da disposición adicional única do Decreto 195/1991, do 30 de maio, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, así como as institucións e asociacións sen fins de lucro radicadas no exterior, legalmente constituídas, que acrediten que estean inscritas no Rexistro de Comunidades Galegas da Secretaría Xeral da Emigración.

No caso do programa 5, estas entidades deberán contar cunha sección ou comisión xuvenil legalmente constituída nos seus órganos de goberno, ou ben dispoñer dun grupo de mozos e mozas constituído para o efecto, capaces de xestionar e desenvolver as finalidades obxecto de subvención.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude de concesión desta subvención por parte do interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados nos artigo 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante a cal se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9º.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co disposto no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

Artigo 6º.-Tramitación.

Correspóndelle á Secretaría Xeral da Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Na tramitación e resolución das solicitudes de subvencións correspondentes a unha mesma entidade, relativas a un ou a varios programas incluídos nesta resolución, a Secretaría Xeral da Emigración, tendo en conta as súas finalidades, poderá acordar, cando proceda, acumular nun único expediente as solicitudes presentadas en varios programas, de acordo co artigo 73º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, cando a Secretaría Xeral da Emigración considere que a solicitude non é adecuada para o programa para o que se presenta, dará traslado ao interesado para a súa modificación.

Artigo 7º.-Documentación.

1. A documentación presentada polos beneficiarios, tanto na fase de solicitude como na fase de xustificación, deberá ser asinada polos representantes legais das entidades solicitantes.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión e instrución.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. De acordo co establecido no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta resolución, o órgano competente requirirá á entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instrutor será o/a subdirector/a xeral de Centros e Comunidades Galegas ou persoa funcionaria da subdirección en que delegue.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O dito órgano colexiado estará formado polos seguintes membros:

-O/a subdirector/a xeral de Centros e Comunidades Galegas.

-O/a xefe/a do Servizo de Promoción dos Centros e Comunidades Galegas.

-O/a xefe/a do Servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas.

-Un/unha funcionario/a da subdirección que actuará como secretario/a.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados, segundo os criterios sinalados para cada programa, pola comisión de avaliación establecida no número anterior, que deberá emitir informe, en que se concreten os resultados da avaliación efectuada.

6. Forma de cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado:

O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase por programas, segundo o disposto no artigo 4º da convocatoria.

a) A contía das subvencións propostas determinarase en función do número de puntos que acade cada entidade aplicando os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras. O importe asignado a cada entidade será o resultado da multiplicación do importe solicitado polo coeficiente que resulte de dividir o número de puntos que se lle asigne polo total de puntos máximo: 100.

b) O importe máximo da subvención que se vai conceder, segundo o programa, é de: programa 1, 20.000 €; programa 2, 10.000 €; programa 3, 5.000 €; programa 4, 5.000 €; programa 5, 5.000 €.

7. No suposto de ampliación de crédito, e ata o límite de crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión de subvencións aos demais solicitantes, de acordo coa orde de prelación en función da puntuación acadada en cada programa.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, que é o órgano competente para resolver, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 9º.-Reformulación das solicitudes.

1. De acordo co establecido no artigo 25º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar á entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. Unha vez que a solicitude mereza, de ser o caso, a conformidade da comisión ou órgano de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que dite a resolución.

3. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

4. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web galiciaaberta.com. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das ditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe significarse que os prazos de 10 días computaranse desde a publicación na páxina web indicada destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

5. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para ou ben desistir das súas solicitudes ou ben remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes para a súa análise. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

Artigo 10º.-Resolución.

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Ademais, e de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e os importes das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 11º.-Órganos competentes.

1. A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes aos programas de subvencións establecidos nesta resolución corresponderanlle ao subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas.

2. O órgano competente para resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta resolución será o secretario xeral da Emigración.

Artigo 12º.-Xustificación.

1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 30 de setembro de 2011. Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que presentase a documentación xustificativa, requirirase o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación de conformidade co artigo 45º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e beneficiario inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamento á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 14º desta resolución, os beneficiarios de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada dos gastos realizados, con identificador do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento; indicaranse as desviacións producidas no orzamento estimado (pódese utilizar o modelo que figura como anexo VII desta resolución).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo VIII desta resolución

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (pódese utilizar o modelo que figura como anexo VIII a esta resolución).

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. De acordo co establecido no artigo 46º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 76º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 42º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado o que sexa debidamente xustificado e pagado.

En virtude do disposto no artigo 42º.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €.

Artigo 13º.-Concorrencia de axudas.

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo o beneficiario.

2. Para os programas incluídos nesta resolución cada entidade non poderá solicitar ou obter máis que unha subvención en cada programa. Así mesmo, cando o interesado presentase varias solicitudes para o mesmo programa, a Secretaría Xeral da Emigración poderá dar traslado ao interesado para que modifique a súa solicitude indicando cal das presentadas se debe ter en consideración.

Artigo 14º.-Pagamento.

1. Unha vez resolto o expediente e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderán efectuarse pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62º e 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O resto do importe, ou a parte que corresponda, librarase logo de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 65º.4 e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 15º.-Requirimentos.

De acordo co artigo 59º.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web galiciaaberta.com.

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das ditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento o beneficiario que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 8º.

6. As entidades beneficiarias de axudas ou subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 17º.-Modificación da resolución de concesión e revogación.

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas, e poderá a Secretaría Xeral adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión o beneficiario poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorrer en circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención, a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33º e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14º.1 n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade a minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Secretaría Xeral da Emigración ou da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19º.-Réxime de recursos contra as resolucións ditadas.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolucións expresas, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 20º.-Control e comprobación.

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

3. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

-Relaciónanse os beneficiarios por programa e orde alfabética, asignándolles un número correlativo.

-Escóllese un número ao chou do 1 ao 20. Este número determinará o primeiro beneficiario que será obxecto da mostraxe e os seguintes serán múltiplos do dito número.

Artigo 21º.-Publicidade.

De conformidade co establecido no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, esta relación será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral, www.galiciaaberta.com.

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

Capítulo II

Disposicións específicas para cada programa

Sección primeira

Programa 1. Axudas a entidades galegas no exterior para a prestación de servizos socioasistenciais en favor das persoas de orixe galega residentes no exterior e os seus descendentes.

Artigo 23º.-Obxecto e finalidade das axudas.

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións destinadas ás entidades que, durante o exercicio 2011, presten servizos sanitarios, socioasistenciais ou residenciais, a persoas de orixe galega residentes no exterior que carezan da correspondente cobertura e de medios económicos suficientes para afrontar o seu custo.

Consonte o obxecto do programa, estas axudas están dirixidas a contribuír ao financiamento de:

1. Gastos de funcionamento de centros hospitalarios, residencias para maiores e centros de convivencia dependentes das entidades galegas do exterior.

2. A concertación de prazas en residencias para maiores e centros hospitalarios que presenten unha acreditada traxectoria na prestación de servizos sanitarios e/ou socioasistenciais aos galegos residentes no exterior.

3. Gastos derivados da posta en marcha e desenvolvemento de programas de apoio e atención para o mantemento da autonomía no propio domicilio (asistencia domiciliaria) ou outros programas de protección sanitaria e/ou socioasistencial.

Artigo 24º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

As entidades interesadas en concorrer ás axudas e subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado, que figura como anexo I desta resolución.

b) Programa ou memoria descritiva en que se concreten as actuacións que sen van realizar, o número de beneficiarios de orixe galega que se prevexa atender e, neste caso, o seu grao de necesidade.

c) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización das actuacións para as que se solicita a subvención.

d) Nos supostos sinalados no punto 2 do artigo 23º, os solicitantes deberán achegar a relación dos destinatarios finais das axudas que se pretenden outorgar, en que conste de modo detallado o seu nome e apelidos, enderezo, provincia galega de orixe e concepto, e custo individual das actuacións destinadas a cada beneficiario necesitado. Neste caso, a entidade solicitante deberá achegar, así mesmo, o consentimento por escrito dos destinatarios finais en canto ao tratamento dos seus datos persoais.

e) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para que se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (modelo anexo VI).

f) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

g) Declaración en que conste que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou se producise algún cambio.

i) Fotocopia do CIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro, ...), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o que se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación.

Artigo 25º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral do programa e calidade técnica, atendendo á finalidade para a que se solicita a axuda nesta resolución e ao seu carácter innovador, así como á repercusión que poidan ter as accións para as cales se solicita a subvención en relación ás persoas galegas ou de orixe galega en situación de necesidade nos lugares de asentamento da entidade solicitante, ata 60 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

Finalidade para a que se solicita a axuda, ata 30 puntos: se a finalidade da solicitude se refire exclusivamente a gastos de funcionamento obterá de 20 a 30 puntos. Se a finalidade se refire exclusivamente a concertación de prazas obterá de 12 a 19 puntos. Se a finalidade da solicitude se refire exclusivamente a programas de apoio no domicilio obterá ata 11 puntos. Para aquelas entidades que soliciten a subvención para varios destes gastos a puntuación máxima que se obterá son 30 puntos.

Carácter innovador do programa. Valorarase a aplicación de criterios innovadores na xestión dos recursos que melloren a eficiencia e a calidade das prestacións, ata 15 puntos.

Repercusión do proxecto a posibles beneficiarios das actuacións para as cales se solicite a axuda, ata 15 puntos. Terase en conta o número de persoas de orixe galega e descendentes ata o segundo grao que poidan beneficiarse do proxecto.

2. Importancia e repercusión das actividades sanitarias e/ou socioasistenciais realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 30 puntos. Terase en conta o número de persoas de orixe galega e descendentes ata o segundo grao asistidas nos últimos tres anos pola entidade, importancia da comunidade galega na área de actuación ou influencia da entidade, número de asociados da entidade.

3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

-Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

-Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección segunda

Programa 2. Axudas para promover a realización de proxectos culturais, formativos e actividades asociativas propias das entidades galegas no exterior.

Artigo 26º.-Obxecto e finalidade das axudas.

A través deste programa preténdese fomentar mediante a concesión de subvencións a realización durante o exercicio 2011 da programación cultural e formativa dos centros e entidades galegas no exterior e, así mesmo, promover a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades de galegos residentes nos lugares de acollida.

Ao abeiro deste programa poderase subvencionar a realización de actividades referidas a:

1. Programación anual de actividades culturais e de carácter formativo presentada polos centros e entidades galegas no exterior.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Celebración de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades de galegos no seu lugar de asentamento.

5. Organización de grupos corais, musicais, teatrais e de danza e actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais de autor, de monicreques ou de espectáculos de maxia, que difundan a cultura galega.

8. Subscricións a publicacións e revistas de carácter periódico.

9. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polos centros e entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter exclusivamente gastronómico.

Artigo 27º.-Documentación que hai que presentar coa solicitude.

As entidades interesadas en concorreren ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado, que figura como anexo II desta resolución.

b) Programa ou memoria descritiva que recolla detalladamente as actuacións culturais e formativas que se pretenden realizar neste ano, as súas datas e os lugares previstos de realización.

c) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización de cada actividade e de todas en conxunto para as cales se solicita a subvención.

d) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para a cal se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo VI desta resolución.

e) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

f) Declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou se producise algún cambio.

h) Fotocopia do CIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro,...), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o que se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación.

Artigo 28º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral do programa e calidade técnica, atendendo á finalidade para a cal se solicita a subvención nesta resolución e ao seu carácter innovador; así mesmo, valorarase a importancia e repercusión das actividades culturais, formativas e asociativas realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 60 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

1.1. Finalidade para a que se solicita a subvención, ata 30 puntos. Se a finalidade se refire exclusivamente ao programa anual de actividades ou ao programa de impartición de cursos, de 20 a 30 puntos. Se se refire exclusivamente a realización de exposicións, conferencias, mesas redondas, actos conmemorativos das letras galegas e do Día Nacional de Galicia etc., de 11 a 19 puntos. Para aquelas entidades que realicen varias actividades a puntuación máxima que se obterán son 30 puntos.

1.2.Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos culturais e formativos, ata 15 puntos.

1.3. Repercusión que tivesen as actividades culturais, formativas e asociativas realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, tendo en conta o número de usuarios, o impacto informativo e cultural, ata 15 puntos.

2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos que poidan ter as actividades que se van a realizar para as cales se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de usuarios, o impacto informativo e cultural do proxecto, ata 30 puntos.

3. Emprego da lingua galega na realización das actividades, ata 10 puntos:

-Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

-Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección terceira

Programa 3. Axudas para a edición de publicacións e outras accións informativas das entidades galegas no exterior.

Artigo 29º.-Obxecto e finalidade das axudas.

Este programa ten por obxecto fomentar e potenciar, durante o exercicio 2011, a dinámica cultural dos centros e comunidades galegas no exterior a través da edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión, así como doutras accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas residentes no exterior.

Atendendo ao obxecto sinalado no artigo anterior poderanse subvencionar ao abeiro deste programa as accións tendentes:

Á edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas, etc. ou boletíns de interese xeral, así como á realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

Artigo 30º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

As entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución.

b) Memoria explicativa das accións que se pretenden desenvolver, describíndoas detalladamente.

c) Orzamento detallado dos gastos previstos para a realización das accións para as cales se solicita a subvención.

d) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para que se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo VI desta resolución.

e) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

f) Declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou se producise algún cambio.

h) Fotocopia do CIF da entidade ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro, ...), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o cal se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación.

Artigo 31º.-Xustificación.

Neste programa, ademais da documentación xustificativa indicada no artigo 12º de disposicións comúns, deberase enviar un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada en que deberá figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 32º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral do programa e calidade técnica, atendendo a criterios como a periodicidade, número de exemplares ou programas, calidade destes, custo das edicións ou emisións e emprego da lingua galega na realización das accións, ata 60 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

-Periodicidade, maior número de exemplares e de programas, ata 20 puntos.

-Calidade das edicións ou emisións, ata 20 puntos.

-Maior custo das edicións ou emisións, ata 10 puntos.

-Emprego da lingua galega na realización das actividades, ata 10 puntos.

-Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

-Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galego que poidan ter as accións para as cales se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de usuarios, o impacto informativo e cultural do proxecto, ata 30 puntos.

3. Importancia e repercusión das accións informativas realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 10 puntos. Valorarase o número de exemplares e/ou programas realizados e a audiencia dos medios informativos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección cuarta

Programa 4. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento das entidades galegas no exterior.

Artigo 33º.-Obxecto e finalidade das axudas.

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico en que incorran os centros e entidades galegas existentes fóra de Galicia durante o exercicio 2011 e que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria.

Poderanse subvencionar ao amparo deste programa os gastos derivados de:

1. Arrendamento de inmobles que se utilicen, en todo caso, como sede habitual e permanente das entidades galegas solicitantes, sempre que a entidade non dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de seren utilizados do xeito indicado.

2. Outros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina, prensa, revistas ou material informático non inventariable), comunicacións telefónicas, luz, auga e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011.

3. Gastos de desprazamento dos representantes legais das entidades e centros galegos no exterior con motivo das reunións e sesións de traballo convocadas oficialmente pola Secretaría Xeral da Emigración.

4. Promover a conexión das entidades galegas a internet de alta velocidade e ao uso do correo electrónico.

5. Fomentar a conexión das entidades galegas ás novas canles de acceso ás televisións galega e española.

Artigo 34º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

As entidades interesadas en concorreren ás axudas obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV desta resolución.

b) Memoria explicativa dos gastos de funcionamento que a entidade solicitante prevexa ter durante o ano 2011.

c) Orzamento detallado que recolla os custos previstos neste ano para cada concepto de gasto.

d) Copia cotexada do contrato oficial de aluguer do local que sirve de sede habitual e permanente da entidade solicitante, de non estar debidamente actualizado o exemplar que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.

e) Copia do xustificante de pagamento da mensualidade referida ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

f) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas e/ou concedidas, para a mesma acción para a que se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo VI desta resolución.

g) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

h) Declaración en que conste que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou se producise algún cambio.

j) Fotocopia do CIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro,...), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o que se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación.

Artigo 35º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter no seu ámbito e no seu contorno, ata 60 puntos, tendo en conta o número de asociados/as, importancia e número das actividades realizadas pola entidade, traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade, distribuídos do seguinte xeito:

Gastos necesarios e imprescindibles para o funcionamento da entidade (como luz, auga, teléfono, calefacción, limpeza, aluguer), ata 60 puntos.

Outros gastos correntes como subministración material funxible, taxas, mantemento, equipamento e gastos en servizos externos, ata 40 puntos.

Gastos de desprazamento dos representantes legais das entidades e centros galegos no exterior con motivo das reunións e sesións de traballo convocadas oficialmente pola Secretaría Xeral da Emigración, ata 30 puntos.

Para aquelas entidades que soliciten a subvención para varios destes gastos a puntuación máxima que se obterá son 60 puntos.

2. Importancia e repercusión das actividades culturais, formativas, asociativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 30 puntos. Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegos e descendentes que sexan usuarios das actividades realizadas pola entidade e o grao de aproveitamento das mesmas.

3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

-Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

-Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección quinta

Programa 5. Axudas para a realización de proxectos promovidos pola xuventude.

Artigo 36º.-Obxecto e finalidade das axudas.

Este programa ten por obxecto a realización de proxectos promovidos pola xuventude durante o exercicio 2011.

Ao abeiro deste programa trátase de implicar e facer partícipe a xuventude vinculada aos colectivos de galegos residentes no exterior na realización de proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración dos mozos e mozas nas estruturas orgánicas das entidades galegas no exterior, propiciando deste xeito a renovación xeracional.

Poderanse subvencionar as actividades realizadas polas entidades galegas coa participación dos mozos e mozas e en favor dos membros da colectividade ata os 30 anos de idade, referidas a:

1. Formación específica dos mozos e mozas na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro. Habilidades directivas.

2. Intercambios xuvenís de grupos de mozos e mozas pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica dos mozos e mozas para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas, en calquera especialidade, e fomento das escolas deportivas para a promoción do deporte de base.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao colectivo de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre mozos da emigración e mozos galegos, así como entre intelectuais, científicos e expertos en diversos eidos de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

Artigo 37º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

As entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo V desta resolución.

b) Memoria explicativa que recolla detalladamente as actividades promovidas e dirixidas á xuventude que se pretenden realizar neste ano, as súas datas e os lugares previstos de realización. Esta memoria será elaborada e asinada polo responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos organizadores das actividades co visto e prace do representante legal da entidade.

c) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización de cada actividade e de todas en conxunto para as cales se solicita subvención.

d) Información completa sobre a identidade, currículo e experiencia de cada un dos mozos organizadores das actividades, así como número e características dos posibles beneficiarios das accións previstas. Así mesmo, a entidade deberá presentar a autorización dos organizadores das ditas actividades para o tratamento dos seus datos persoais.

e) Certificación do representante legal da entidade acreditativa de que os mozos e mozas que presentan o proxecto forman parte das seccións ou comisións xuvenís da entidade ou foron nomeados pola xunta directiva para o total desenvolvemento do proxecto.

f) Se é o caso, certificación do representante legal da entidade, acreditativa da presenza de mozos e mozas menores de 30 anos nos órganos directivos da entidade solicitante, e deberá constar o cargo que ocupa na entidade e o consentimento destes para os efectos de tratamento dos seus datos persoais.

g) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para a que se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados, ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo VI desta resolución.

h) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

i) Declaración en que conste que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou se producise algún cambio.

k) Fotocopia do CIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro,...), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o que se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación.

Artigo 38º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral do programa e calidade técnica, atendendo á finalidade para a que se solicita a subvención nesta resolución e ao seu carácter innovador; así mesmo, valorarase a importancia e repercusión das actividades xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 60 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

1.1. Finalidade para a cal se solicita a subvención, ata 20 puntos. Se a finalidade se refire exclusivamente ao programa anual de actividades de formación, de intercambio ou deportivas, de 13 a 20 puntos. Para as demais actividades, de 0 a 12 puntos.

1.2. Carácter innovador dos programas. Valorarase o carácter innovador do proxecto promovido polo colectivo da xuventude, ata 25 puntos.

1.3. Repercusión das actividades xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 15 puntos. Valorarase o número de mozos e mozas participantes nas actividades así como a incidencia destas actividades no incremento da participación dos mozos e mozas na vida asociativa das entidades.

2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galego que poidan ter as actividades para as cales se solicita a subvención, tendo en conta o número de destinatarios da actividade, a carencia de ofertas de actividades similares e o seu valor artístico, ata 15 puntos.

3. Grao de integración de mozos e mozas nas estruturas orgánicas da entidade solicitante e grao de participación nas accións proxectadas, ata 15 puntos.

4. Emprego da lingua galega na realización das actividades, ata 10 puntos:

-Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

-Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Ver referencia pdf "23500D001P005.PDF"