DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 07 de decembro de 2010 Páx. 19.999

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 25 de novembro de 2010 pola que se publica a relación das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A incorporación e permanencia da muller no mercado laboral e no traballo remunerado constitúe unha das maiores transformacións sociais acontecidas nas últimas décadas. Aínda recoñecendo os avances da integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e nas relacións laborais, a realidade amosa que esta integración se enfronta a múltiples dificultades. Estes atrancos están relacionados coas funcións sociais diferenciadas que supostamente homes e mulleres teñen que desempeñar, dificultades que fan que o acceso a un traballo digno leve consigo un importante custo persoal.

Resulta evidente que seguen a existir diferenzas significativas entre ambos os sexos, claramente desfavorables para as mulleres en materia de emprego, desigualdades que se traducen en aspectos tales como a segregación do mercado laboral coa consecuente subrepresentación das mulleres nun gran número de actividades profesionais, xa que só a quinta parte das actividades económicas concentran a máis da metade das traballadoras afiliadas á Seguridade Social na nosa comunidade autónoma. Outros aspectos que caracterizan o emprego feminino son: unha alta porcentaxe de inactividade, posto que máis da metade do total de inactivos son mulleres; unha maior rotación laboral nos movementos contractuais das mulleres; unha maior temporalidade e parcialidade na contratación e ademais engádeselle unha maior dificultade para acceder a postos de maior responsabilidade.

A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, ten por obxecto a integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas competencias autonómicas sobre emprego e relacións laborais. Así mesmo, outórgalle, na súa disposición derradeira primeira, ao departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo da Xunta de Galicia a facultade para ditar cantas disposicións regulamentarias sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento da mencionada lei. E en particular elaborará mediante orde unha lista das profesións en que as mulleres galegas están subrepresentadas.

O Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego, aprobouse para levar a cabo o desenvolvemento regulamentario das medidas de igualdade nas empresas de Galicia previstas no título II da Lei 2/2007, do 28 de marzo, así como das medidas para a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego recollidas no título IV da mesma lei.

Na disposición adicional primeira deste decreto establécese que o departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo elaborará a relación das profesións con subrepresentación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que deberá actualizarse anualmente.

En virtude e uso do contido na disposición adicional primeira do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdades nas políticas de emprego, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e en uso das facultades que teño atribuídas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-A publicación da listaxe das profesións con subrepresentación feminina no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que se relacionan no anexo desta orde, con base no previsto na disposición derradeira primeira da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e na disposición adicional primeira do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as instrucións necesarias para a execución do disposto nesta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2010.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

Ver referencia pdf "23400D001P007.PDF"