DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 01 de decembro de 2010 Páx. 19.868

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE OURENSE

ANUNCIO.

A concelleira delegada de Urbanismo, na data do 17 de outubro de 2010, formulou providencia nos seguintes termos:

«Considerando que se está a tramitar o expediente de planeamento urbanístico número 493/08 a fin de levar a cabo a modificación puntual do PXOM número 23 (AR 27-E e AR 39 E) que foi aprobado provisionalmente polo Pleno Municipal no 24 de xullo de 2010.

Considerando que, en cumprimento do disposto no artigo 85º da LOUG, o expediente foi remitido á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a súa aprobación definitiva, se procedía, logo do informe da Comisión Superior de Urbanismo.

Considerando que a CSU emitiu informe nas datas do 15 de decembro de 2009 e do 17 de marzo de 2010, en que se requiría este concello para que lle remitise determinada documentación.

Resultando que o documento refundido que foi redactado polos técnicos municipais a fin de resolver as cuestións suscitadas pola Comisión Superior de Urbanismo supón un cambio substancial no documento aprobado inicialmente.

Resultando que de acordo co disposto no artigo 85º.8 da LOUG (antes 85º.6), no caso de que se pretenda introducir modificacións que signifiquen un cambio substancial no documento aprobado inicialmente, será necesario abrir un novo trámite de información pública con anterioridade á aprobación provisional polo Pleno Municipal.

Tendo en conta as atribucións que me confire o decreto da Alcaldía nº 6194, do 7 de outubro de 2010 (BOP do 15 de outubro), en materia de urbanismo, en relación co artigo 121º.2 do ROF e os artigos 35º e 37º do Regulamento orgánico de goberno e organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións do Concello de Ourense, e os artigos 129º e 130º da Lei da xurisdición contencioso-administrativa,

RESOLVO:

Someter o documento da modificación número 23 do PXOM de Ourense AR 27-E ao trámite de información pública na forma prevista no artigo 85º.2 da Lei de Galicia 9/2002».

O expediente atópase no Negociado de Planeamento Urbanístico, para, de conformidade co disposto no artigo 85º.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sometelo a exposición pública polo prazo de dous meses, que empezará a contar a partir do día seguinte á publicación oficial deste anuncio, para que todas as persoas interesadas poidan achegar as alegacións que coiden pertinentes.

Ourense, 18 de novembro de 2010.

Francisco Rodríguez Fernández

Alcalde presidente