DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 01 de decembro de 2010 Páx. 19.837

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE FACENDA

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2010, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 6º do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 6º.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para a inclusión nas listas elaboradas de conformidade co previsto neste decreto que se atopan en xestión, unha vez que a Comisión Permanente Central acordou, na súa xuntanza do día 25 de novembro deste ano, elevar a este centro directivo as listaxes correspondentes, esta Dirección Xeral da Función Pública,

RESOLVE:

Primeiro.-Facer públicas as listas provisionais para a cobertura, con carácter transitorio, de prazas reservadas a personal funcionario correspondentes aos corpos e escalas que se inclúen no anexo I desta resolución, así como para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal laboral correspondentes aos grupos e categorías que se inclúen no anexo II, con indicación das puntuacións provisorias resultantes da aplicación do baremo establecido no artigo 9º do Decreto 37/2006.

Segundo.-As listas atópanse á disposición dos interesados no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas oficinas de rexistro e información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e tamén poden consultarse na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) na epígrafe Función Pública Autonómica.

Nas devanditas listas figurará a seguinte información:

-Solicitantes admitidos na lista con indicación da puntuación provisional.

-Solicitantes excluídos con expresión da causa de exclusión.

Terceiro.-Os/as interesados/as disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular as alegacións que coiden oportunas, que irán dirixidas á Comisión Permanente Central da Dirección Xeral da Función Pública, Consellería de Facenda, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela.

Xunto coas ditas alegacións, achegarase, de ser o caso:

-Documentación que emende a causa de exclusión.

-Certificación de servizos prestados na Xunta de Galicia para o mesmo grupo, categoría, corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo III a esta resolución, que deberá ser expedida polas unidades seguintes:

*Servizos centrais:

Secretaria/o xeral, subdirector/a xeral ou xefas/es de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.

*Servizos periféricos:

Xefes territoriais ou, se é o caso, funcionario/a responsable da área de persoal dos departamentos territoriais da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.

-Certificación de servizos prestados en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables, para o persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais e de persoal do Pladiga, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta resolución, que deberá ser expedida pola/o secretaria/o do concello.

No suposto de que algún dos integrantes excluídos das citadas listas non presente a documentación referida no parágrafo anterior, quedará definitivamente excluído, unha vez que se fagan públicas as listas definitivas no DOG.

Cuarto.-A partir da publicación desta resolución no DOG, os solicitantes poderán presentar solicitude de suspensión de chamamentos de conformidade co establecido no artigo 15º.2 do Decreto 37/2006, que se encontra á súa disposición na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), na epígrafe de listas de contratación temporal.

Unha vez transcorrido o prazo para formular alegacións, levaranse a efecto as emendas procedentes, dándoselle a oportuna publicidade, mediante a publicación das listas definitivas no DOG.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2010.

José María Barreiro Díaz

Director xeral da Función Pública

Ver referencia pdf "23100D013P037.PDF"

Ver referencia pdf "23100D014P040.PDF"