DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 01 de decembro de 2010 Páx. 19.829

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan dez bolsas de formación e especialización en materia de vivenda.

Co obxectivo de facilitar a realización de prácticas complementarias aos estudos universitarios, así como o acceso ao mercado de traballo dos/das estudantes que rematasen recentemente os seus estudos, e tendo en conta a satisfacción para ambas as partes das convocatorias realizadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en anos anteriores, convócanse 10 bolsas de formación e especialización orientadas ao estudo e formación relacionados coas funcións propias do IGVS, como son, entre outras, materias relacionadas coa vivenda, a promoción e a construción de vivenda pública, o estudo dos sistemas de financiamento público de vivendas, a tramitación do planeamento sectorial do solo, así como os procesos de contabilidade e tesouraría propios. As bolsas teñen como destinatarios/as os/as licenciados/as recentes en varias disciplinas, coa finalidade de afondar na súa tarefa de formación. En virtude do anterior, convócanse 10 novas bolsas de formación de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca 10 bolsas de formación e especialización en materia de vivenda para un/unha arquitecto/a, un/unha arquitecto/a técnico/a, dous/dúas economistas ou licenciados/as en ADE e seis licenciados/as en dereito, co obxecto de especializar profesionais en materia de vivenda. Estas bolsas serán concedidas en réxime de concorrencia competitiva.

No caso de inexistencia de candidatos/as nalgunha das especialidades de arquitectura, engadirase a praza vacante á outra, o mesmo ocorrerá entre os/as candidatos/as de economía/administración e dirección de empresas e dereito.

Segunda.-Duración e dotación.

As actividades iniciaranse desde a incorporación dos/as bolseiros/as e rematarán aos doce meses da incorporación. Poderá, de conformidade coa normativa legal aplicable, procederse á prórroga das bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do/a titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

A dotación económica mensual de cada bolsa será de 1.000 euros brutos coa retención fiscal que lle corresponda. Respecto ao pagamento, observarase o disposto no artigo 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto ao respecto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo/a interesado/a.

O custo total destas actividades de formación é de 120.000 €, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.90.451C.480.0 dos orzamentos xerais para 2011 e á correspondente no orzamento de 2012, coa seguinte distribución de anualidades:

2011: 105.000 euros.

2012: 15.000 euros.

O expediente iniciarase polo procedemento de tramitación anticipada de gasto segundo o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e queda condicionado o gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Antes de proceder ao último pagamento, os/as beneficiarios/as deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non desfrutaron doutra bolsa máis cá adxudicada en virtude desta convocatoria durante o tempo da súa vixencia e, así mesmo, deberán presentar un informe sobre a actividade realizada e a formación recibida.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro/a será incompatible co desfrute simultáneo doutras bolsas. Non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin suporá a inclusión na Seguridade Social. A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Para o que non se estableza expresamente nesta resolución, observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

Cuarta.-Requisitos dos/as candidatos/as.

Poderán optar á bolsa aquelas persoas que reúnan os requisitos seguintes:

1. Ter rematados os estudos conducentes á obtención do título de arquitecto/a, arquitecto/a técnico/a, ou de licenciado/a en administración e dirección de empresas, economía ou dereito nos anos 2008, 2009 ou 2010 e ter abonadas as taxas para a expedición do correspondente título oficial.

2. Acreditar un coñecemento da lingua galega con nivel de perfeccionamento ou equivalente. Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

3. Non desfrutar anteriormente doutra bolsa destas características no IGVS, de duración superior a seis meses.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes deberán entregarse no rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou en calquera dos lugares que establece o artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Coa presentación da solicitude préstase o consentimento para que o Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co establecido na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta resolución no Diario Oficial de Galicia, na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos.

Os datos de carácter persoal publicados nestes rexistros están protexidos consonte a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Deberá presentarse a seguinte documentación (orixinal ou copia compulsada):

a) O impreso de solicitude publicado como anexo a esta convocatoria, asinado polo interesado.

b) Fotocopia do DNI/NIE ou pasaporte.

Alternativamente a presentación da fotocopia do DNI/NIE, de acordo co disposto no artigo 2º.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, o/a interesado/a ou a persoa representante poderá dar o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe os datos de carácter persoal, que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas. Para estes efectos, poderá cubrir a declaración que figura no modelo normalizado de solicitude.

No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentarse o documento de identidade correspondente (DNI/NIE).

c) Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas, constando en todo caso a nota media do expediente calculada consonte ao establecido na Resolución do 15 de marzo de 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 57, do 23 de marzo). Só serán admitidas as certificacións académicas nas que conste a nota media do expediente calculada conforme ao prescrito.

d) Modelo de declaración responsable, publicado como anexo a esta convocatoria, asinado polo/a interesado/a, na que este/a manifeste, baixo a súa responsabilidade, de maneira expresa, clara e precisa, que está en posesión da titulación universitaria e da formación en lingua galega exixidos na cláusula cuarta desta convocatoria. Todo isto consonte o artigo 71º bis da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Isto sen prexuízo de que os/as candidatos/as seleccionados/as para a entrevista, establecida na cláusula oitava, teñen que presentar ao tribunal o título universitario ou certificación de ter superados os estudos conducentes á obtención do título correspondente nos anos 2008, 2009 ou 2010 e de ter aboadas as taxas para a expedición do devandito título oficial, así como presentar o título ou curso de coñecemento da lingua galega con nivel de perfeccionamento ou equivalente.

e) Memoria descritiva, cunha extensión mínima de tres folios e máxima de cinco, sobre un tema que sexa do seu interese relacionado coa promoción de vivenda ou solo polas empresas públicas.

f) Curriculum vitae.

g) Declaración xurada asinada polo interesado comprometéndose a renunciar a calquera outra bolsa de colaboración cuxo desfrute coincida co tempo de vixencia da bolsa adxudicada en virtude desta convocatoria.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase no taboleiro de anuncios da sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo e na súa páxina web a lista provisional de persoas admitidas e excluídas para participar no proceso de selección dos bolseiros. Os/as solicitantes disporán dun prazo de 5 días hábiles desde a exposición na páxina web para realizar reclamacións. Unha vez resoltas estas, exporase novamente a lista definitiva de admitidos/as.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o secretario xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo ou persoa en quen delegue.

Vogais:

-Un/unha funcionario/a da Dirección Técnica de Solo do IGVS designado/a polo director xeral.

-Un/unha funcionario/a da Dirección Técnica de Construcións do IGVS designado/a polo director xeral.

-Un/unha funcionario/a da Dirección Técnica de Réxime Xurídico do IGVS designado/a polo director xeral.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Técnica de Xestión Económica e Orzamentos do IGVS designado/a polo director xeral, que actuará con voz e voto.

Sétima.-Criterios de valoración para a elección dos/as bolseiros/as.

1. Expediente académico: ata un máximo de 10 puntos, en proporción á nota media. (Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente calculada consonte o establecido na Resolución do 15 de marzo de 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 57, do 23 de marzo).

2. Curriculum vitae: ata 11 puntos, dos cales se valorarán:

-Por acreditar unha segunda licenciatura ou diplomatura universitaria: 3 e 2 puntos respectivamente.

-Por acreditar estudos de posgrao: 2 puntos para os que teñan unha duración de máis de 50 créditos e 1 punto para os que teñan unha duración entre 20 e 49 créditos.

-Por cursos realizados nos últimos tres anos sobre ferramentas relacionadas con ofimática: 0,30 puntos por cada 20 horas recibidas, ata un total de 1,5 puntos neste punto.

-Por cursos realizados nos últimos tres anos e que estean relacionados directamente coas actividades que se van a desenvolver: 0,30 puntos por cada 20 horas recibidas, ata un total de 1,5 puntos neste punto.

O tribunal non valorará aqueles méritos dos/as candidatos/as que non estean acreditados documentalmente ou que non consten na declaración responsable.

Oitava.-Procedemento de selección.

Unha vez valorados polo tribunal os méritos das epígrafes I e II da base anterior, exporase no taboleiro de anuncios do IGVS e na súa páxina web unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de dez días hábiles desde a exposición na páxina web.

Resoltas as reclamacións, publicarase unha nova lista.

O tribunal realizará unha entrevista persoal aos tres aspirantes con maior puntuación nas titulacións de arquitecto/a e arquitecto/a técnico/a; aos seis aspirantes con maior puntuación nas titulacións de licenciado/a en administración e dirección de empresas e licenciado/a en economía; aos dezaoito aspirantes con maior puntuación na titulación de dereito. Será neste momento cando os/as aspirantes acrediten documentalmente o contido da declaración responsable presentando o título universitario ou certificación orixinal ou copia compulsada, de ter superados os estudos conducentes á obtención do título correspondente nos anos 2008, 2009 ou 2010 e de ter aboadas as taxas para a expedición do devandito título oficial, así como presentando orixinal ou copia compulsada do título ou curso de coñecemento da lingua galega con nivel de perfeccionamento ou equivalente.

A entrevista versará sobre a capacidade de resposta a preguntas formuladas polo tribunal relacionadas cun tema de vivenda ou algunha das especialidades técnicas correspondentes ás titulacións requiridas, os seus méritos curriculares ou da memoria, terá unha duración máxima de quince minutos e valorarase ata 3 puntos. Esta entrevista é un requisito imprescindible para a selección dos candidatos/as.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación definitiva de candidatos/as por orde de puntuación. Se as persoas con maior puntuación non aceptasen as bolsas ou posteriormente renunciasen a elas, chamarase ás seguintes persoas da lista pola orde de puntuación dentro de cada titulación.

Novena.-Obrigas dos/as bolseiros/as.

Os/as aspirantes seleccionados/as incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo dos tres días naturais seguintes ao da notificación do outorgamento.

Os/as bolseiros/as realizarán a súa actividade e recibirán a súa formación de acordo cun plan de formación no que se indique as actividades prácticas que se vaian realizar en atención ao seu contido formativo tendo en conta a titulación do/a bolseiro/a, o plan de formación indicará tamén o sistema de titorías e a forma de avaliación. Este plan de formación será trasladado aos/as bolseiros/as para o seu coñecemento e aceptación.

O plan de formación será elaborado polos/as titores/as nomeados/as pola Secretaría Xeral do IGVS que definirá tamén as responsabilidades destes titores/as, entre outras coordinar, dirixir, asesorar e orientar a actividade dos bolseiros/as, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres, nos servizos centrais do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Os/as bolseiros/as presentarán, antes do último mes do desfrute da bolsa, un informe sobre a actividade realizada e a formación recibida.

No caso de que un/unha adxudicatario/a por calquera motivo non poida realizar a súa actividade, será substituído polo/a candidato/a seguinte por orde de puntuación. En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando o órgano xestor certifique o correcto desempeño por parte do/a bolseiro/a das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade delas coa substitución por outro/a bolseiro/a. Cando a data da renuncia non coincida co último día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ao desfrute da bolsa.

Así mesmo, os/as beneficiarios/as estarán obrigados/as a facilitar canta información sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións e do control de destino das axudas.

Décima.-Anulación da bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación destas bases.

No caso de incumprimento das obrigas da base anterior o IGVS poderá, por proposta da secretaría xeral do IGVS e logo de escoitar á persoa afectada, anular a bolsa e, consecuentemente, procederá ao reintegro total ou parcial da axuda percibida.

Décimo primeira.-Incompatibilidades.

Non poderán solicitar estas bolsas os/as que xa desfrutasen dalgunha bolsa de colaboración con dotación económica no Instituto Galego da Vivenda e Solo ou na Consellería de Vivenda e Solo de duración superior a seis meses.

Décimo segunda.-Resolución e recursos.

O director xeral do IGVS ditará a resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa que lles será notificada aos/ás interesados/as no prazo de tres meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

Contra a resolución sobre concesión ou denegación da bolsa poderase interpor, de acordo co establecido no artigo 116º e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso de alzada ante o presidente do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa, ou no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto, se non for expresa. Contra a resolución do recurso de alzada poderase interpor recurso contencioso-administrativo, de acordo co disposto no artigo 8º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se o acto for expreso, e, se non o for, o prazo para interpoñelo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto

presunto.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2010.

Antonio José Boné Pina

Director xeral do Instituto Galego

da Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "23100D009P029.PDF"

Ver referencia pdf "23100D011P034.PDF"