DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 01 de decembro de 2010 Páx. 19.812

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2010 pola que se convoca unha Xornada sobre competencias da Administración local na aplicación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2010 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase unha Xornada sobre competencias da Administración local na aplicación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Expoñer o réxime xurídico en materia de prevención, defensa e extinción dos incendios forestais de Galicia de acordo coa normativa autonómica e estatal, determinando as persoas e entidades responsables da súa prevención, defensa e extinción.

2. Contidos.

Serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

-Normativa de incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Competencias e obrigas da Administración local en materia de incendios forestais: especial referencia ao ámbito dos núcleos rurais.

-Réxime sancionatorio na normativa autonómica sobre incendios forestais e a súa regulación no Código penal.

-Aspectos técnicos da prevención, defensa e extinción de incendios forestais.

3. Destinatarios.

Funcionarios dos grupos A1 e A2 da Administración local, persoal laboral asimilado e electos locais.

4. Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: 16 de decembro de 2010.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas.

Limitado pola capacidade do local.

6. Solicitudes.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, CP 15707 Santiago de Compostela), segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e serán presentadas no rexistro xeral da EGAP, ou ben de calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán admitidas inscricións por medio de fax enviado ao número 981 54 63 30 ou por correo electrónico dirixido ao enderezo novas.egap@xunta.es

-Inscricións fóra de prazo: só serán admitidas, de quedaren prazas libres, coa condición de que cumpran os requisitos xerais antes indicados.

-As persoas solicitantes poderán obter a confirmación da súa admisión se chaman por teléfono, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números 981 54 62 41-881 99 70 14.

7. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o día 14 de decembro de 2010.

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Certificado de asistencia.

Seralles entregado un certificado de asistencia, ao final da xornada, a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, e sempre que a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas. Neste documento aparecerán de forma expresa o contido, a data e o lugar de realización da xornada.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2010.

Pablo Figueroa Dorrego

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "23100D007P012.PDF"