DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 01 de decembro de 2010 Páx. 19.810

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 25 de novembro de 2010 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 22 de febreiro de 2010 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2010.

A orde da Consellería do Medio Rural do 22 de febreiro de 2010 (DOG nº 39, do 26 de febreiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2010, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2010.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 3, sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título III da orde, relativas á indemnización compensatoria no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobouse o correspondente expediente de modificación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 313/2009, do 4 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título III da Orde do 22 de febreiro de 2010 (DOG nº 39, do 26 de febreiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea b) da dita orde, increméntase no importe de 3.055.731,03 euros, e con cargo á aplicación 13.90.712B.772.1, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2010.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 22 de febreiro de 2010 (DOG nº 39, do 26 de febreiro, e nas modificacións efectuadas mediante a Orde do 27 de abril de (DOG nº 81, do 30 de abril) e a Orde do 10 de maio de 2010 (DOG nº 90, do 13 de maio).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural