DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Mércores, 01 de decembro de 2010 Páx. 19.806

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 195/2010, do 18 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de eliminación de paso estreito na E.P. 6005 Prado-Bodaño, p.k. 9,200 (Lalín), da Deputación Provincial de Pontevedra.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión do día dez de setembro de dous mil dez, aprobou o proxecto de eliminación de paso estreito na E.P. 6005 Prado-Bodaño, p.k. 9,200 (Lalín) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na comisión de secretarios xerais previa a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3º da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación coa execución das obras proxectadas trátase de incrementar a seguridade viaria da zona, mediante a mellora dos largos primitivos da estrada do Corpiño e a dotación a este tramo viario de beirarrúas para evitar o perigo que supón para os peóns o tránsito pola calzada. Así mesmo, completarase a rede de servizos de saneamento, recollida de pluviais, abastecemento e outros co fin de garantir unhas condicións óptimas de protección da saúde pública.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27º.2 e 28º.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de novembro de dous mil dez,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52º da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de eliminación de paso estreito na E.P. 6005 Prado-Bodaño, p.k. 9,200 (Lalín), da Deputación Provincial de Pontevedra, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaoito de novembro de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza