DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 30 de novembro de 2010 Páx. 19.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 24 de novembro de 2010 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 27 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2010.

A Orde do 27 de abril de 2010 establece as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e convócaas para o ano 2010 (DOG nº 83, do 4 de maio).

No seu artigo 23º precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e, así mesmo, que os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cos que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

O día 14 de setembro de 2010 publicouse a Orde do 8 de setembro de 2010, pola que se amplía en 1.849.109 euros (con cargo ás apliacións 13.02.713C.770.6 por 1.794.294 euros e 13.02.712C.770.2 por 54.815 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, con fondos provenientes dos orzamentos xerais do Estado), a dotación orzamentaria da Orde do 27 de abril de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2010.

Dado o interese das accións amparadas pola orde e co obxecto de poder amparar as máximas solicitudes posibles, aprobáronse os correspondentes expedientes de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de conformidade co artigo 30º.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren o artigo 7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño), e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 27 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2010 ( DOG nº 83, do 4 de maio).

2. O incremento da dotación será de 200.000 euros con cargo á aplicación 13.02.713C.770.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011. Unha vez efectuado este incremento, o importe total da dotación orzamentaria ascende a 2.631.109 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 27 de abril de 2010.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural