DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 30 de novembro de 2010 Páx. 19.711

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011.

No Decreto 79/2009, do 19 de abril, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a xestión de todos os procedementos que desas materias deriven.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En execución da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, procede a través desta resolución establecer o marco normativo a que se deberán axustar no exercicio de 2011 as axudas e subvencións que posibiliten ás comunidades galegas doutras comunidades autónomas e do estranxeiro a adquisición, actualización, adaptación e modernización das súas infraestruturas e locais, co fin de optimizar a prestación de servizos asistenciais, sanitarios, sociais, culturais, deportivos etc. que estatutariamente lles son propios.

Esta resolución abrangue as bases reguladoras e a convocatoria anual das subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio; para a mellora de dotacións e equipamentos e para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos de bibliotecas.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, a que se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria de subvencións e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo, polas cales se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia non competitiva, aos programas de apoio infraestrutural -para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións e restauración do seu patrimonio; para a mellora de dotacións e equipamentos e para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos de bibliotecas-, en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2011.

Artigo 2º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta e cinco días naturais contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 3º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Imputación orzamentaria e tramitación anticipada.

1. Para a concesión das axudas previstas nesta resolución resérvase inicialmente un crédito total de 900.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.781.0.-Axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, podendo incrementarse a devandita contía de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Esta convocatoria tramítase anticipadamente, e, de acordo co establecido no artigo 25º.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, faise constar que a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, será de aplicación todo o establecido ao respecto no devandito artigo 25º.

Artigo 5º.-Réxime de recursos.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010.

J. Santiago Camba Bouzas

Secretario xeral da Emigración

ANEXO

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011

Capítulo I

Disposicións comúns a todos os programas

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural ás comunidades galegas no exterior para o exercicio 2011: Programa A. Axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións; Programa B. Axudas a entidades asociativas de emigrantes galegos no exterior para a mellora de dotacións e equipamentos; Programa C. Axudas para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos das bibliotecas pertencentes ás entidades galegas no exterior.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que para cada programa se inclúe como anexo desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras.

A través do formulario proporcionáselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atoparse na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente, Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela-A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade, de conformidade coa Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, ou a súa condición de centro colaborador, mediante resolución aprobatoria ditada pola Secretaría Xeral da Emigración, ao abeiro da disposición adicional única do Decreto 195/1991, do 30 de maio, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas.

Ademais, ás entidades que presenten solicitude ao abeiro do Programa C. Axudas para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos das bibliotecas pertencentes ás entidades galegas no exterior, exíxeselles que dispoñan nas súas instalacións de biblioteca propia.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude de concesión desta subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20º.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, e no rexistro público de sancións, creados nos artigo 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9º.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44º e 45º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co disposto no artigo 5º da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

Artigo 6º.-Tramitación.

Correspóndelle á Secretaría Xeral da Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Na tramitación e resolución das solicitudes de subvencións, correspondentes a unha mesma entidade, relativas a un ou a varios programas incluídos nesta resolución, a Secretaría Xeral da Emigración, tendo en conta as súas finalidades, poderá acordar, cando proceda, acumular nun único expediente as solicitudes presentadas en varios programas, de acordo co artigo 73º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, cando a Secretaría Xeral da Emigración considere que a solicitude non é adecuada para o programa para o que se presenta, dará traslado ao interesado para a súa modificación.

Artigo 7º.-Documentación.

A documentación presentada polos beneficiarios, tanto na fase de solicitude como na fase de xustificación, deberá ser asinada polos representantes legais das entidades solicitantes.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión e instrución.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia non competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. De acordo co establecido no artigo 20º.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta resolución, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instrutor será o/a subdirector/a xeral de Centros e Comunidades Galegas, ou persoa funcionaria da subdirección en que delegue.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado polos seguintes membros:

-O/a subdirector/a xeral de Centros e Comunidades Galegas.

-O/a xefe/a do Servizo de Promoción dos Centros e Comunidades Galegas.

-O/a xefe/a do Servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas.

-Un/unha funcionario/a da subdirección, que actuará como secretario/a.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados, segundo os criterios sinalados para cada programa, polo órgano colexiado establecido no número anterior, que deberá emitir informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

6. Forma de cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado:

a) A contía das subvencións propostas determinaranse en función do número de puntos que obteña cada entidade aplicando os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras. O crédito dispoñible distribuirase de forma proporcional entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para ser beneficiarias das subvencións, propoñendo conceder a cada proxecto o importe que corresponda en función da puntuación asignada, sen superar en ningún caso o 80 % do orzamento subvencionable. O importe asignado a cada entidade será o resultado da multiplicación do importe solicitado, minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable, polo coeficiente que resulte de dividir o número de puntos que se lle asigne polo total de puntos máximo: 100.

b) O importe máximo da subvención que se concederá, segundo o programa, é de: programa A, 50.000 €; programa B, 20.000 €; programa C, 5.000 €.

7. No caso de non quedar esgotado o crédito aprobado nesta resolución, a parte sobrante asignarase aos proxectos de acordo coa orde de prelación, ata rematar o dito remanente. Así mesmo, no suposto de ampliación do crédito, e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión de ampliacións de subvencións aos beneficiarios, de acordo coa orde de prelación.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, que é o órgano competente para resolver, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 9º.-Reformulación das solicitudes.

1. De acordo co establecido no artigo 25º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar da entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. Unha vez que a solicitude mereza, de ser o caso, a conformidade da comisión ou órgano de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que dite a resolución.

3. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

4. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes, poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web galiciaaberta.com. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

5. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para ou ben desistir das súas solicitudes ou ben remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

Artigo 10º.-Resolución.

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración, e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Ademais, e de conformidade co artigo 13º.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e os importes das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 11º.-Órganos competentes.

1. A ordenación e instrución dos procedementos correspondentes aos programas de subvencións establecidos nesta resolución corresponderalle ao subdirector xeral de Centros e Comunidades Galegas.

2. O órgano competente para resolver as solicitudes de subvencións presentadas ao abeiro desta resolución será o secretario xeral da Emigración.

Artigo 12º.-Xustificación.

1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 30 de setembro de 2011, agás causa xustificada que será avaliada pola Secretaría Xeral da Emigración.

2. A xustificación efectuarase de conformidade co establecido no título III, nos artigos 42º e 44º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na modalidade de conta xustificativa.

Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 14º desta resolución, as entidades beneficiarias deberán presentar na Secretaría Xeral da Emigración, no prazo establecido, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada dos investimentos realizados e dos resultados obtidos.

b) Certificación emitida polos representantes legais da entidade beneficiaria, en que conste a descrición das obras realizadas e/ou adquisición dos equipamentos, en execución do proxecto para o que se concedeu a subvención, e o importe investido na moeda do país en que estea instalada a entidade, así como a súa equivalencia en euros, se é o caso (pode usarse o modelo que figura como anexo V a esta resolución).

c) Factura ou facturas orixinais, ou ben fotocopias compulsadas por funcionario público competente, acreditativas dos gastos subvencionables. A acreditación dos gastos tamén se poderá efectuar mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

d) Certificación emitida polos representantes legais da entidade beneficiaria en que conste que cada unha das facturas presentadas como xustificación corresponden a gastos realizados pola entidade en execución das accións subvencionadas.

e) Relación clasificada dos investimentos realizados con indicación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe e a data de emisión (pode usarse o modelo que figura como anexo VII a esta resolución).

f) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas -tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución- para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou de organismos privados (pode usarse o modelo que figura como anexo VIII a esta resolución).

g) Declaración responsable de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (pode usarse o modelo que figura como anexo VIII a esta resolución).

h) Declaración asinada polos representantes legais da entidade beneficiaria, segundo a desagregación que aparece no anexo VIII desta resolución, que acredite o financiamento das accións subvencionadas que foron realizadas (pode usarse o modelo que figura no referido anexo VIII).

i) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

3. Xustificación simplificada. Para aquelas subvencións concedidas por importe inferior a 30.000 € a xustificación conterá a seguinte información:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada dos investimentos realizados con indicación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe e a data de emisión (pode usarse o modelo que figura como anexo VII a esta resolución).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiasen a acción subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia, segundo o modelo normalizado que figura como anexo VIII desta resolución.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

4. De acordo co establecido no artigo 46º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 76º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

5. De conformidade co establecido no artigo 29º.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto realizado o que sexa debidamente certificado e xustificado mediante a presentación das correspondentes facturas e/ou documentos con valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil.

Artigo 13º.-Concorrencia de axudas.

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo o beneficiario.

2. Para os programas incluídos nesta resolución cada entidade non poderá solicitar ou obter máis que unha subvención en cada programa. Así mesmo, cando o interesado presentase varias solicitudes para o mesmo programa, a Secretaría Xeral da Emigración poderá dar traslado ao interesado para a súa modificación.

Artigo 14º.-Pagamento.

Unha vez resolto o expediente e, para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderanse efectuar pagamentos á conta ou ben autorizarse anticipos de pagamentos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62º e 63º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. O resto do importe ou a parte que corresponda librarase logo da completa xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

Aquelas entidades ás cales se lle realizaron pagamentos anticipados deberán constituír garantías, que deberán cubrir o 110% do seu importe, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nesta resolución.

Non estarán obrigados a constituír esta garantía os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 euros, entendendo este importe referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

De conformidade co establecido no artigo 65º.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non estarán obrigadas a constituír garantía as entidades cuxo domicilio estea situado fóra do territorio nacional e posúan ou non un establecemento permanente no devandito territorio, no caso de que os pagamentos non superen os 30.000 euros.

Artigo 15º.-Requirimentos.

De acordo co artigo 59º.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web galiciaaberta.com

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios das subvencións correspondentes aos programas convocados por esta resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a acción ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Cuentas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Se, por calquera motivo, a actuación programada non se pode realizar, deberáselle comunicar a renuncia á Secretaría Xeral da Emigración, que poderá dispoñer do citado crédito para subvencionar proxectos inicialmente non atendidos ou aumentar a axuda doutros subvencionados parcialmente.

6. Non se debe considerar que incorre en incumprimento o beneficiario que realice parcialmente o proxecto ou actividade que é obxecto da subvención por falta de financiamento propio, sempre que a actividade subvencionada sexa esencialmente divisible e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención.

7. As entidades beneficiarias de axudas ou subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

8. Destino e ocupación dos bens. Os bens inmobles rehabilitados destinaranse a sede habitual e permanente da entidade galega beneficiaria durante un período mínimo de cinco anos. O resto dos bens de equipamento subvencionados deberán destinarse para o fin para o que se concedeu a subvención durante un período mínimo de tres anos. O incumprimento da obriga de destino antes do vencemento do prazo sinalado, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame do ben ou coa disolución da entidade galega beneficiaria da axuda, será causa de reintegro da subvención nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título. Non se considerará incumprida a obriga de destino referida no punto anterior cando o cambio de destino, alleamento ou gravame

do ben, ou a disolución da entidade, sexa autorizada pola Secretaría Xeral da Emigración, debendo comunicar á entidade beneficiaria con antelación calquera modificación prevista na finalidade ou na titularidade do ben subvencionado. Neste suposto, o adquirente asumirá a obriga de destino dos bens polo período restante e, no caso de incumprimento desta, do reintegro da subvención.

Artigo 17º.-Modificación da resolución de concesión e revogación.

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a realización de obras e accións e/ou a adquisición dos equipamentos subvencionados, e a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez recaída a resolución de concesión o beneficiario poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorrer circunstancias que alteren substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 18º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33º e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14º.1 n da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que hai que minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Secretaría Xeral da Emigración ou da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/Ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19º.-Réxime de recursos contra as resolucións ditadas.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolucións expresas, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 20º.-Control e comprobación.

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

3. Sen prexuízo do establecido no artigo 12º.3 desta resolución, e de acordo co artigo 57º do Decreto 11/2009, a comprobación formal para a liquidación da subvención poderá limitarse aos documentos establecidos nas alíneas 2 a), e), f) e h) deste artigo. Neste suposto a revisión das facturas ou documentos de valor probatorio análogo que, se é o caso, formen parte da conta xustificativa deberán ser obxecto de comprobación nos catro anos seguintes.

4. No caso de xustificación simplificada, a Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe que determine o secretario xeral da Emigración e de acordo cos requisitos que para estes efectos determine a Consellería de Facenda, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Artigo 21º.-Publicidade.

De conformidade co establecido no artigo 15º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, esta relación será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral, www.galiciaaberta.com

Artigo 22º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

Capítulo II

Disposicións específicas para cada programa

Sección primeira

Programa A. Axudas a entidades galegas no exterior para a reforma, rehabilitación e conservación das súas instalacións

Artigo 23º.-Obxecto e finalidades das subvencións.

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións ás entidades galegas no exterior para contribuír ao financiamento dos gastos derivados dos investimentos que realicen durante o exercicio 2011 en obras de reforma, rehabilitación, conservación e restauración, destinadas á mellora das súas instalacións, agás os espazos destinados a bibliotecas que se inclúen na sección terceira.

Non se concederán subvencións para as obras que se pretendan realizar nos establecementos hostaleiros que funcionen dentro das instalacións dos centros galegos para calquera tipo de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

1. Investimentos que realicen as entidades galegas propietarias de instalacións para a súa rehabilitación e conservación.

2. Investimentos que realicen as entidades galegas en obras imprescindibles de rehabilitación e conservación nas instalacións que, aínda que non sexan propias, utilicen como sede habitual e permanente.

3. Execución de obras de reforma que teñan como finalidade a ampliación, mellora, modernización, adaptación, adecuación ou reforzo de instalacións xa existentes titularidade das entidades galegas no exterior.

4. Realización do proxecto de obras asinado por técnico competente e/ou expedición da preceptiva licenza municipal de obras. O importe destes gastos non poderá superar o 10% da totalidade do investimento proxectado.

5. Restauración dos bens de interese artístico e histórico, así como daqueles documentos, fondos ou coleccións que conformen o patrimonio bibliográfico e documental titularidade das entidades galegas no exterior, levadas a cabo por técnicos competentes en cada unha das materias.

Artigo 24º.-Documentación que se debe presentar coa solicitude.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figuran como anexo I a esta resolución, cuberto en todos os seus puntos. Ademais, necesariamente, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva das obras de reforma, rehabilitación e restauración que se van realizar, onde se detalle a descrición polo miúdo das obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, aluguer, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización.

b) Orzamento ou orzamentos detallados do custo das obras para as que se solicita a subvención, realizados por empresa/s.

c) Cando o importe do gasto para o cal se solicita a subvención supere a contía de 30.000 euros deberase achegar a seguinte documentación adicional:

-Tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número dabondo de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

d) Cando o importe do gasto para o que se solicita a subvención supere a contía de 80.000 euros deberase achegar a seguinte documentación adicional:

* Proxecto das obras que se van realizar asinado por un técnico competente, que deberá incluír, como mínimo:

-Unha memoria detallada en que se describan as obras que se van realizar.

-Orzamento das obras desagregado por conceptos.

-Os planos de conxunto e de detalle necesarios para que a obra quede perfectamente definida.

* Licenza municipal das obras proxectadas.

e) No caso de restauracións, informe asinado por un técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental.

f) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas e/ou concedidas, para o mesmo proxecto para o que se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, de ser o caso, unha declaración de que non ten solicitadas nin percibiu outras axudas ou subvencións (pode usarse o modelo que figura como anexo VI a esta resolución).

g) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

h) Os beneficiarios que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar: certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia, e unha declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose achegada con anterioridade ou se producise algún cambio.

j) Fotocopia do NIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, CADASTRO, ...), sempre que non se enviase en exercicios anteriores a esta secretaría xeral.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (planos, informes, memorias económicas anuais da entidade, fotografías, etc.).

Artigo 25º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral e importancia do proxecto á vista da memoria descritiva das obras de reforma, rehabilitación, conservación e restauración que se van realizar, e da repercusión e da influencia que poida ter no seu ámbito e no seu contorno, ata 50 puntos.

-Obras de rehabilitación ou reforma en función do destino ou non ao uso dos asociados e tendo en conta se o inmoble é propiedade ou non da entidade solicitante, ata 50 puntos.

-Obras de conservación e mantemento en función do destino ou non ao uso dos asociados e tendo en conta se o inmoble é propiedade ou non da entidade solicitante, ata 40 puntos.

-Obras de reparación simple en función do destino ou non ao uso dos asociados e tendo en conta se o inmoble é propiedade ou non da entidade solicitante, ata 30 puntos.

-No caso de que presenten varias finalidades a valoración será proporcional.

2. Estado de conservación das instalacións, locais ou edificios en que se vai realizar o investimento, ata 20 puntos. Outorgarase maior puntuación a aquelas instalacións, locais ou edificios cuxo estado de conservación estea máis deteriorado.

3. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, con relación aos que foron presentados pola entidade en anos anteriores, ata 20 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 16 a 20 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 11 a 15 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, ata 10 puntos.

4. Nivel de financiamento por outras fontes, distintas ás da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións e outras vías de financiamento, ata 10 puntos. Obterá a máxima puntuación aquelas entidades que presenten un nivel de financiamento por outras fontes superior ao 80%, aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección segunda

Programa B. Axudas a entidades asociativas de emigrantes galegos no exterior para a mellora de dotacións e equipamentos.

Artigo 26º.-Obxecto e finalidades das subvencións.

O obxecto deste programa é a concesión de subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior para financiar a adquisición de dotacións e equipamentos que contribúan a mellorar as condicións en que se desenvolvan as actividades asociativas e que se realicen durante o exercicio 2011.

Non se concederán axudas para a adquisición de equipamentos destinados aos establecementos hostaleiros que funcionen dentro das instalacións dos centros galegos para calquera tipo de explotación comercial.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados da adquisición polas entidades de:

a) Mobiliario e equipamentos que contribúan a mellorar as condicións asistenciais, culturais, educativas etc., en beneficio dos seus asociados.

b) Equipamentos tecnolóxicos, informáticos e de telecomunicacións.

c) Instrumentos musicais e vestimenta tradicional galega destinados aos grupos de carácter cultural da entidade galega solicitante.

d) Dotación de equipamentos e material para ludotecas destinados a espazos de xogo dentro das instalacións das entidades galegas, que contribúan ao desenvolvemento integral e positivo dos nenos e nenas fillos dos asociados.

e) Outro material inventariable que contribúa á mellora das dotacións e equipamentos das entidades galegas radicadas no exterior.

Artigo 27º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo II a esta resolución, cuberto en todos os seus puntos. Ademais, necesariamente, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva en que se fagan constar os motivos e/ou necesidade de adquirir os equipamentos e a súa finalidade.

b) Orzamento ou orzamentos dos equipamentos obxecto de subvención, realizados polas empresas provedoras.

c) Cando o importe do gasto subvencionable, incluíndo a totalidade dos investimentos previstos, supere a contía de 12.000 euros deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que se van adquirir, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número abondo de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

d) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas e/ou concedidas, para as adquisicións para as cales se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (pode usarse o modelo que figura como anexo VI a esta resolución).

e) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

f) Os beneficiarios que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar: certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia e unha declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose achegada con anterioridade ou se producise algún cambio.

h) Fotocopia do NIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, CADASTRO...), sempre que non se enviase en exercicios anteriores a esta secretaría xeral.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Artigo 28º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral e importancia do proxecto á vista da memoria en que se fagan constar os motivos e/ou necesidade dos equipamentos e a súa finalidade, e da repercusión e da influencia que poida ter no seu ámbito e no seu contorno, ata 55 puntos. Valorarase a importancia dos equipamentos para o desenvolvemento das finalidades e actuacións da entidade ata 25 puntos, grao de carencia que teña a entidade dos equipamentos solicitados ata 20 puntos, o destino dos equipamentos se se destina aos asociados ou non ata 10 puntos.

2. Grao de novidade dos investimentos para os cales se solicita a subvención, con relación a aqueles que foron presentados pola entidade en anos anteriores, ata 30 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 21 a 30 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 12 a 20 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, ata 11 puntos.

3. Nivel de financiamento por outras fontes, distintas ás da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións e outras vías de financiamento, ata 15 puntos. Obterá a máxima puntuación aquelas entidades que presenten un nivel de financiamento por outras fontes superior ao 80%, aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes obterán 0 puntos e as demais proporcionalmente

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección terceira

Programa C. Axudas para o acondicionamento e dotación e/ou renovación de fondos das bibliotecas pertencentes ás entidades galegas no exterior.

Artigo 29º.-Obxecto e finalidades das subvencións.

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para financiar o acondicionamento e mellora das instalacións das bibliotecas existentes nas entidades galegas no exterior e a dotación e/ou renovación dos seus fondos bibliográficos e demais actuacións que contribúan a mellorar as condicións en que se atopan na actualidade e que se realicen durante o exercicio 2011.

Poderán subvencionarse ao abeiro deste programa, entre outros, os gastos derivados de:

a) Realización das obras de reforma, rehabilitación, conservación e restauración das dependencias que se destinen única e exclusivamente a bibliotecas.

b) Equipamento e adquisición de mobiliario destinado á biblioteca.

c) Dotación e/ou renovación dos fondos bibliográficos e informatización destes.

d) Adquisición de equipamentos informáticos para a administración dos fondos bibliográficos dos centros.

e) Creación e dotación de videotecas e cedetecas.

Artigo 30º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

1. As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo III a esta resolución, cuberto en todos os seus puntos. Ademais, necesariamente, deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do contido individualizado e do custo das accións para as cales se solicita a subvención.

b) Orzamento ou orzamentos correspondentes aos equipamentos obxecto da subvención, realizados polas empresas provedoras.

c) No caso sinalado na alínea a) do artigo 29º, deberán achegar:

-Memoria descritiva das obras que se van realizar.

-Orzamento ou orzamentos detallados do custo das obras para as cales se solicita a axuda, realizados por empresa/s.

d) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipamento, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores ou empresas, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número dabondo de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. Ademais, no suposto de que a elección entre as ofertas presentadas non recaia na proposta económica mais vantaxosa, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

e) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma acción para a cal se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (pode usarse o modelo que figura como anexo VI a esta resolución).

f) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo VI).

g) Os beneficiarios que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar: certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia e unha declaración en que conste que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose achegada con anterioridade ou se producise algún cambio.

i) Fotocopia do NIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, CADASTRO, ...), sempre que non se enviase en exercicios anteriores a esta secretaría xeral.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc).

Artigo 31º.-Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración, de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral do programa de actuacións presentado, atendendo a criterios técnicos, de adecuación a obxectivos e ao seu carácter innovador, ata 50 puntos. Valorarase a importancia dos investimentos para o desenvolvemento das finalidades e actuacións da entidade, ata 30 puntos; grao de carencia que teña a entidade dos investimentos solicitados, ata 15 puntos; o destino dos investimentos, se se destina aos asociados e/ou ao público en xeral ou non, ata 5 puntos.

2. Valoración do grao de importancia da biblioteca, atendendo aos títulos do catálogo, en idioma galego e en xeral, ao emprego de recursos humanos na súa xestión, á apertura da biblioteca ao público e outras consideracións, ata 25 puntos.

3. Grao de novidade dos investimentos para os que se solicita a subvención, con relación a aqueles que foron presentados pola entidade en anos anteriores, ata 15 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan totalmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 11 a 15 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan parcialmente diferentes aos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, de 6 a 10 puntos.

-Cando os investimentos para os cales se solicita a subvención sexan coincidentes cos investimentos para os cales se solicitou a axuda durante os tres últimos anos, ata 5 puntos.

4. Nivel de financiamento por outras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións e outras vías de financiamento, ata 10 puntos. Obterá a máxima puntuación aquelas entidades que presenten un nivel de financiamento por outras fontes superior ao 80%, aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Ver referencia pdf "23000D001P007.PDF"